Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 19 de maio de 1997 Páx. 4.619

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de abril de 1997 pola que se establece a proba libre para a obtención do título de graduado en educación secundaria para persoas maiores de 18 anos.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo establece no seu artigo 52º.3 que as administracións educativas organizarán periodicamente probas para que os maiores de dezaoito anos poidan obter directamente o título de graduado en educación secundaria. O Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, establece o currículo para a educación secundaria obrigatoria e organízao, con carácter xeral, en áreas de coñecemento que inclúen contidos conceptuais, procedementais e actitudinais pertencentes a diversas disciplinas. A Orde do 19 de xuño de 1996, pola que se regula a implantación da educación secundaria obrigatoria, dispón con carácter xeral que os alumnos poderán permanecer escolarizados na educación secundaria obrigatoria ata os 18 anos cumpridos no ano natural. O Decreto 315/1996, do 26 de xullo, en cumprimento do artigo 52º.3 da LOXSE establece a proba libre para a obtención do título de graduado en educación secundaria para persoas maiores de 18 anos de

idade coa finalidade de contribuír ó desenvolvemento e mellora persoal e profesional das persoas adultas e de animalas a proseguir estudios posteriores.

O artigo 19º.1 do Decreto 78/1993 e mailo artigo 2º do Decreto 315/1996 establecen que os aspirantes que acadaron os obxectivos da educación secundaria obrigatoria recibirán o título de graduado en educación secundaria, que os facultará para acceder ó bacharelato e á formación profesional específica de grao medio.

A Orde do 25 de abril de 1994 sobre a avaliación na educación secundaria obrigatoria dispón que os profesores actuarán de forma colexiada na adopción das decisións resultantes da avaliación. Igualmente, dispón no seu artigo décimo terceiro que o equipo de avaliación poderá propoñer para a expedición do título de graduado en educación secundaria aqueles alumnos e alumnas que, sendo avaliados negativamente nalgunha das áreas, acadasen en termos globais os obxectivos establecidos para a etapa. Entendendo por acadados estes obxectivos cando o alumno acade as capacidades que lle permitan prosegui-los seus estudios posteriores.

En consecuencia, a presente orde establece as condicións nas que se debe desenvolve-la proba libre para a obtención do título de graduado en educación secundaria, as súas características, a súa avaliación, as actas

correspondentes e todos aqueles aspectos e criterios que van permiti-la súa realización.

Por outra banda, o Decreto 320/1996, do 26 de xullo, establece os principios polos que se debe regulamenta-la plena incorporación das persoas con necesidades educativas especiais ó sistema educativo ordinario. Coa finalidade de facilitarlles ás persoas adultas con necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de discapacidade a plena incorporación ó mundo académico e laboral, así como o seu desenvolvemento persoal, disponse nesta orde a adaptación das probas ás súas necesidades e características.

En virtude do exposto e da disposición derradeira primeira do Decreto 315/1996, do 26 de xullo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

A presente orde aplicarase ás probas libres para a obtención do título de graduado en educación secundaria para persoas maiores de 18 anos que se celebren dentro do ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Artigo 2º.-Acceso dos aspirantes.

Poderán inscribirse para a realización da proba libre para a obtención do título de graduado en educación secundaria aquelas persoas que teñan cumpridos 18 anos no momento da realización das probas.

Artigo 3º.-Centros.

Os centros nos que se realizará a proba libre serán os que autorice a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, a proposta da delegación provincial correspondente.

Artigo 4º.-Matrícula.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocará anualmente a proba libre para a obtención do título de graduado de educación secundaria na que se disporán as datas para as distintas convocatorias.

2. A formalización da matrícula realizarase no centro docente que designen as delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nas datas que se determinen para as convocatorias de xuño e setembro establecidas na presente orde.

3. Cada delegación provincial, a través dos medios de comunicación social, dará coñecemento público dos prazos de matrícula e comunicaralle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional o número de solicitantes da provincia.

Artigo 5º.-Características da proba.

1. A proba libre estará conformada por diversas probas ou exames que versarán sobre as áreas de coñecemento seguintes: lingua castelá e literatura; lingua galega e literatura; lingua estranxeira; ciencias da natureza; ciencias sociais, xeografía e historia; matemáticas; e tecnoloxía.

Os contidos de referencia das devanditas áreas serán os establecidos no Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, agás a área de ciencias sociais, xeografía e historia

da que se establece o seu currículo no Decreto 331/1996, do 26 de xullo.

2. As probas de cada unha das áreas sinaladas no apartado anterior elaboraranse a partir dos criterios de avaliación do currículo correspondente establecido nos decretos citados.

3. Os protocolos de exame serán remitidos pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional ás delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que velarán para que, en ningún caso, poida ser coñecido o contido da proba antes da súa realización.

Artigo 6º.-Avaliación da proba.

1. A proba deberá avalia-lo logro das capacidades expresadas nos obxectivos xerais de etapa establecidos no artigo 3º do Decreto 78/1993, do 25 de febreiro.

2. De acordo co disposto no artigo 19.1º do Decreto 78/1993, do 25 de febreiro, e no artigo 2º do Decreto 315/1996, do 26 de xullo, os aspirantes que amosen, mediante a proba realizada, que acadaron os obxectivos da educación secundaria obrigatoria serán propostos para a obtención do título de graduado en educación secundaria, que os facultará para acceder ó bacharelato e a formación profesional específica de grao medio.

3. A avaliación da proba libre corresponderalle ó equipo de profesores que compoña o tribunal establecido na presente orde. Estes profesores actuarán de maneira colexiada na adopción da decisión de propoñer ou non o aspirante para a expedición do título de graduado en educación secundaria. O profesorado non poderá absterse, debendo pronunciarse expresamente se procede ou non a dita proposta de título.

4. O equipo de profesores ó que se refire o apartado anterior poderá propoñer, para a expedición do título de graduado en educación secundaria, aqueles aspirantes que, sendo avaliados negativamente nalgunhas das áreas que configuran a proba libre acadasen, en termos globais, os obxectivos establecidos para a etapa no artigo 19.1º do Decreto 78/1993, do 25 de febreiro.

Entenderanse acadados estes obxectivos cando, a xuízo do tribunal, o aspirante amose un grao de adquisición das capacidades que lle permita prosegui-los seus estudios posteriores.

5. Aqueles aspirantes para os que o tribunal determine que non procede a proposta de expedición do título de graduado en educación secundaria por non ter acadados os obxectivos xerais desta etapa nun grao suficiente, poderán conservar para sucesivas convocatorias as valoracións positivas obtidas nos termos de suficiente, ben, notable e sobresaliente nas distintas áreas. Tales valoracións deberán, nas sucesivas convocatorias, ser tidas en conta polo tribunal na adopción da decisión de propoñer ou non o aspirante para a expedición do título de graduado en educación secundaria.

Artigo 7º.-Calendario das probas.

1. Celebraranse dúas convocatorias da proba libre anualmente, nos meses de xuño e setembro. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional fixará o calendario correspondente, a duración máxima e, se é o caso, os útiles que o alumno debe levar para realizala.

2. Co fin de garantírlle-la realización da proba libre para a obtención do título de graduado en educación secundaria ás persoas maiores de 18 anos con necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de discapacidade, a inspección educativa velará por que se realicen as adaptacións necesarias para que estes aspirantes poidan realiza-la devandita proba, sen prexuízo do disposto nos artigos 5º.1 e 6º da presente orde.

Artigo 8º.-Tribunais.

1. Os tribunais que xulgarán as probas ás que se refire a presente orde estarán integrados por un presidente ou presidenta e seis vocais, preferentemente profesores de educación de persoas adultas, todos eles funcionarios en activo dos corpos da función pública docente, designados polo delegado provincial correspondente, correspondéndolle un especialista a cada unha das áreas que compoñen a proba libre.

2. O presidente ou presidenta deberá ser inspector de educación ou director do centro no que se celebren as probas.

3. Para os efectos previstos no artigo 26º.2 do Decreto 299/1990, do 24 de maio, Diario Oficial de Galicia do 1 de xuño, estes tribunais considéranse incluídos na categoría primeira.

Artigo 9º.-Actas de avaliación e proposta de título.

1. As actas de avaliación da proba libre obxecto desta orde axustaranse ó modelo que se xunta no anexo á presente orde.

2. Os resultados da avaliación expresaranse nos termos de insuficiente (IN), suficiente (SF), ben (B), notable (NT) e sobresaliente (SB).

3. Ós aspirantes que non se presenten á proba dalgunha área faráselles constar esta circunstancia coa expresión de non presentado/a (NP).

4. Nas actas reflectiranse, así mesmo, as decisións sobre a expedición do título de graduado en educación secundaria, coa anotación seguinte:

* Proposta de expedición de título (si ou non).

5. As actas de avaliación coas propostas de expedición do título de graduado en educación secundaria dos aspirantes que, a xuízo do tribunal, acadasen os obxectivos da educación secundaria obrigatoria, elevaranse ó delegado provincial correspondente, a través da inspección educativa, para o trámite de expedición do devandito título polo procedemento e prazos establecidos para os centros docentes.

Disposicións adicionais

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para dictar, no ámbito das súas competencias, as instruccións oportunas para o desenvolvemento e aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

(Real decreto 1007/1991, do 14 de xuño, D. 78/1993, do 25 de febreiro, e D. 331/1996, do 26 de xullo).

Acta de avaliación da proba libre para a obtención do título de graduado en educación secundaria.

Curso académico ......./.......

Centro Localidade

Enderezo C.P. Provincia

Nº total de aspirantes Nº de candidatos propostos para a expedición do título.

Relación alfabética de candidatosÁreas de coñecementoPT

Nº ordeApelidosNomeCCNNCCSSLGLLCLL. Ex.Mat.Tecn.

Lista alfabética de aspirantesÁreas de coñecementoPT

Nº ordeApelidosNomeCCNNCCSSLGLLCLL. Ex.Mat.Tecn.

CCNN: Ciencias da natureza CCSS: Ciencias sociais, xeografía e historia LGL: Lingua galega e literatura LCL: Lingua castelá e literatura L. Ex.: Lingua extranxeira Mat.: Matemáticas Tecn.: Tecnoloxía.

Sb.: sobresaliente Nt.: notable B.: ben Sf.: suficiente In.: insuficiente NP: non presentado/aPT: proposta de título (sí, non)

Emendas

................................

........................., .................. de .................. de...............

Vº e prace O/A director/aO/A titor/a

Asdo.:......................Asdo.:......................

3859