Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 19 de maio de 1997 Páx. 4.618

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 16 de maio de 1997 pola que se modifica a Orde do 31 de decembro de 1996 pola que se anuncian subvencións a empresas privadas para a mellora de balnearios, e se abre un novo prazo de solicitudes de subvención.

A exposición de motivos da Orde do 31 de decembro de 1996, pola que se anuncian subvencións a empresas

privadas para a mellora de balnearios (DOG nº 5, do 9 de xaneiro de 1997), sinala no seu parágrafo primeiro, que o turismo denominado de «sol e praia» produciu nalgúns casos o peche de establecementos balnearios.

Así mesmo, no artigo 2º da dita orde establécese que poden ser obxecto de subvención, entre outras, as accións dirixidas á posta en valor dos balnearios.

Polo exposto, estamos a ver que a pretensión da orde é a recuperación dos establecementos balnearios, tanto os que están en funcionamento, como aqueles que por diversas circunstancias tiveron que ser pechados.

Pero, como queira que no artigo 3º.5. da antedita orde se sinala que os establecementos para os que se solicita subvención deberán estar inscritos no REAT da Xunta de Galicia e no artigo 5º.1.h) se esixe documento acreditativo desta inscrición, estamos diante dun requisito de imposible cumprimento para aqueles establecementos balnearios que se atopan pechados debido a deterioración e antigüidade das súas instalacións, e polo tanto estase a xerar, coas esixencias anteditas, unha situación de falta de igualdade de oportunidades entre uns balnearios e outros, sendo esta situación contraria ós propios obxectivos da orde de subvencións pois a recuperación destes balnearios pechados é un dos obxectivos da orde ó falarse na mesma de accións dirixidas á posta en valor deles.

Polo exposto, considerouse axeitado corrixir esta posible discriminación para os potenciais solicitantes modificando para isto a orde de convocatoria no artigo 1, no apartado 5 do artigo 3 e no punto h) do apartado 1 do artigo 5º da orde de convocatoria, e así posibilitar que os titulares de balnearios pechados poidan solicitar tamén subvención. Así mesmo e, para os efectos de articula-la realización efectiva do dereito de solicitude de subvención, acórdase abrir un novo prazo de presentación de solicitudes de subvención, sen que a dita modificación nin a apertura do novo prazo de solicitudes de subvención altere a situación xurídica ou procedemental dos expedientes xa incoados ó abeiro da referida Orde do 31-12-1996.

Por todo isto e ó abeiro das facultades que legalmente teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Das modificacións.

Primeira.-Engádese ó final do parágrafo primeiro do artigo 1 o seguinte: «, no caso de estar en funcionamento. Tamén poderán ser beneficiarios das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares (en calquera das formas de posesión que determina o Código civil) de instalacións balnearias pechadas pola deterioración das súas instalacións, sempre e cando, no proxecto que se sinala no artigo 5º.1.e).1º, se considere a creación de establecemento de aloxamento e restauración na instalación balnearia».

Segunda.-Engádese ó final do apartado 5 do artigo 3º o seguinte: «, agás os que estean pechados pola deterioración das súas instalacións».

Terceira.-Engádese ó final do punto h) do apartado 1 do artigo 5º o seguinte: «, agás os que estean pechados polA deterioración das súas instalacións».

Cuarta.-Engádese unha nova disposición adicional quedando a existente como Primeira e a nova como Segunda, a cal ten o texto seguinte: «Os titulares das instalacións balnearias que, pechadas pola deterioración das súas instalacións, reciban, ó abeiro desta orde, subvención para a súa posta en valor adquiren o compromiso de inicia-la actividade do establecemento nun prazo máximo de tres meses contados a partir da data da xustificación final do investimento subvencionado e mante-la actividade da instalación balnearia durante un período mínimo de 15 anos contados desde a data da autorización de apertura expedida pola Administración Turística pois, no caso contrario, e consonte o sinalado no artigo 78.5.c) da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, os beneficiarios quedan obrigados a devolve-lo importe da subvención recibida cos correspondentes xuros de demora ó tipo que sinale a Lei de orzamentos do Estado do exercicio correspondente. Este

compromiso que se plasmará polo beneficiario da subvención nunha acta de manifestacións en escritura pública, remitirase á Secretaría Xeral para o Turismo coa solicitude de cobramento».

Artigo 2º.-Do prazo de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes ó abeiro desta Orde do 16 de maio de 1997, modificadora da do 31 de decembro de 1996 pola que se anuncian subvencións a empresas privadas para a mellora de balnearios, queda establecido nun mes, contado desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

3752