Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 19 de maio de 1997 Páx. 4.616

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 115/1997, do 2 de maio, polo que se desenvolve o artigo 63 bis da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, engadido pola Lei 3/1995, do 10 de abril, de modificación da Lei de función pública, sobre a avaliación do rendemento das unidades administrativas.

O artigo 63 bis da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia engadido pola Lei 3/1995, do 10 de abril, de modificación da Lei da función pública de Galicia, regula a avaliación do rendemento das unidades administrativas fixando, con carácter xeral, o alcance, o obxecto e os trámites que seguirá o procedemento de avaliación e os efectos que poidan derivarse del. Ademais, no seu apartado 2 establece que a avaliación será realizada por unha comisión de avaliación nomeada para tal efecto, da que a composición e funcionamento regularase por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de función pública. Pola súa parte, a disposición transitoria décimo sexta establece que o Consello da Xunta de Galicia determinará as unidades administrativas que, con carácter experimental, serán obxecto de avaliación e determinará a data a partir da cal a avaliación se estenderá ás restantes unidades administrativas.

Por último, a disposición derradeira primeira faculta o Consello da Xunta de Galicia para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolmento desta lei.

Na súa virtude, oídas as organizacións sindicais presentes na mesa xeral de negociación, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de maio de mil novecentos noventa e sete,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto regular un procedemento obxectivo para a avaliación do rendemento das unidades administrativas da Xunta de Galicia, no marco do establecido polo artigo 63.bis da Lei 4/1988, do 26 de maio.

Artigo 2º.-Información xeral sobre o proceso de avaliación.

1. A Inspección Xeral de Servicios, facilitaralle a todo o persoal inmerso no proceso de avaliación do rendemento a máis ampla información sobre os seus contidos e o procedemento que se seguirá.

2. De forma especial asegurarase de que os responsables das unidades afectadas coñezan a metodoloxía de avaliación e os efectos que producirá a súa aplicación.

Artigo 3º.-Posta en marcha do sistema de avaliación do rendemento.

1. A Inspección Xeral de Servicios remitirá a tódalas unidades obxecto de avaliación un cuestionario no que

se determinarán os datos que deberán achega-los responsables seus, dentro dos prazos que, en cada caso, se establezan.

2. Para tal efecto, e unha vez identificados os recursos utilizados e os resultados obtidos no exercicio que se avalia, procederase a seleccionar aqueles indicadores que mellor reflictan a actividade que realiza a unidade; estes indicadores deberán, en calquera caso, referirse ó custo total dos recursos utilizados e as actividades desenvolvidas pola unidade en termos cuantitativos, así como de calidade e impacto en todos aqueles casos en que se poidan establecer.

A cada un deste indicadores asignaráselle un determinado peso específico segundo a súa importancia en relación co resto de indicadores da unidade.

Estes indicadores e pesos serán a base a partir da cal a Inspección Xeral de Servicios, xunto co responsable da unidade, definirán unha escala de obxectivos de mellora e evolución das cargas de traballo que constituirá un referente para conseguir no futuro e que permitirá comprobar de forma obxectiva e precisa o nivel de resultados acadado (valor) pola unidade en cada ano.

Esta actuación concretarase nun documento denominado matriz de resultados.

A matriz de resultados someterase, segundo corresponda, á conformidade do delegado/director provincial/territorial, director xeral ou secretario xeral e posteriormente será sometida á aprobación pola Comisión Central de Racionalización.

O responsable da unidade dará a coñece-lo contido da matriz a todo o persoal que forma parte dela.

Artigo 4º.-Seguimento de resultados.

Co propósito de facilitarlles ós responsables das unidades o seguemento dos resultados, así como o posterior informe da Inspección Xeral de Servicios, elaborarase un sistema de información ou cadro de mando no que se recollan e sistematicen os datos e indicadores que mellor reflicten os resultados da súa actividade.

Para tal efecto, a Inspección Xeral de Servicios poñerá á disposición das unidades os correspondentes modelos tipo e o apoio técnico necesario para a súa realización.

Artigo 5º.-Verificación e contraste da información.

Para os efectos tanto de coñecemento da situación de partida, como dos resultados posteriormente obtidos, os inspectores de Servicios poderán acceder en calquera momento ós arquivos, documentos e outras fontes de información da unidade analizada, podendo solicita-la colaboración de calquera dos seus empregados a través da vía xerárquica correspondente.

Artigo 6º.-Composición da comisión de avaliación.

1. Existirá unha comisión de avaliación para cada unha das consellerías da Xunta de Galicia. As unidades das secretarías xerais dependentes da Presidencia da Xunta serán avaliadas pola comisión de avaliación da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

As unidades dependentes dos organismos autónomos serán avaliadas pola comisión de avaliación da consellería á que están adscritas.

2. As comisións de avaliación estarán formadas:

a) Polo secretario xeral de cada consellería, que a presidirá.

b) O director xeral responsable da unidade obxecto de avaliación.

No seu lugar, cando a unidade obxecto de avaliación dependa do secretario xeral ou de dous ou máis directores xerais, formará parte da comisión un director xeral da consellería, nomeado polo conselleiro respectivo.

c) Un director xeral designado polo conselleiro da Presidencia e Administración Pública, de entre as restantes consellerías.

d) Un representante sindical nomeado por proposta das organizacións sindicais presentes na mesa xeral de negociación.

e) Un inspector de Servicios que non participase na elaboración do informe da avaliación, que actuará como secretario da comisión.

A comisión poderá requiri-lo inspector de Servicios autor do informe de avaliación ou ó responsable da unidade para aclarar calquera aspecto que considere oportuno.

3. As comisións de avaliación constituiranse no curso do mes de xaneiro de cada ano e na súa primeira sesión acordarán, por proposta da Inspección Xeral de Servicios, o calendario no que se procederá á avaliación das unidades administrativas da consellería.

Artigo 7º.-Funcionamento das comisións de avaliación.

1. A comisión realizará a avaliación a partir do informe da Inspección Xeral de Servicios. No mesmo analizaranse os resultados do traballo da unidade baseándose en datos debidamente xustificados e argumentados, en función da evolución dos indicadores a que fai referencia o artigo 3º.2 precedente, así como dos factores e circunstancias recollidos no apartado 4 deste artigo.

2. O informe da Inspección de Servicios elevarase á comisión, que o trasladará ó respondable da unidade avaliada e, cando se trate de unidades provinciais, ó delegado provincial, para que formule as alegacións que considere oportunas nun prazo máximo de quince días.

3. A comisión de avaliación, con base no informe da Inspección Xeral de Servicios, e examinadas as alegacións realizadas, emitirá unha cualificación sobre a actuación da unidade, así como as recomendacións de mellora que considere oportunas.

4. A cualificación realizaráse en cinco niveis de valoración, sendo o nivel 1 o de máxima cualificación e de 5 o da mínima. Dentro de cada nivel haberá un grao superior e outro inferior. O resultado obtido (valor) a partir do cumprimento dos obxectivos e da evolución das cargas de traballo poderá ser modificado como máximo en tres graos en máis ou en menos a partir da valoración obxectiva daqueles factores e circunstancias que tivesen especial incidencia no desempeño do traballo da unidade.

5. A cualificación das subdireccións xerais que non sexan directamente avaliadas nos servicios centrais e

das delegacións/direccións provinciais/territoriais, nos servicios provinciais, estará determinada pola media das cualificacións obtidas polas unidades administrativas delas dependentes.

6. Tanto a cualificación como as recomendacións acordadas na avaliación comunicaránselle ó responsable de cada unidade e remitiránselle ó conselleiro respectivo e ó da Presidencia e Administración Pública.

7. Contra a cualificación resultante da avaliación, o responsable da unidade poderá interpoñer recurso ordinario perante o conselleiro competente en materia de función pública.

8. No non previsto neste decreto sobre réxime e funcionamento das comisións de avaliación será de aplicación o disposto no capítulo II do título III da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Efectos da avaliación.

1. Os resultados da avaliación poderán ter para as unidades avaliadas os seguintes efectos:

a) A formulación de propostas de modificación da estructura orgánica ou de mellora do funcionamento da unidade.

b) A aplicación do complemento de productividade, segundo o nivel de cualificación obtido pola unidade na avaliación, de acordo coas contías que, no seu momento, determine o Consello da Xunta de Galicia.

2. Correspóndelle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública, propoñe-la aplicación efectiva das medidas anteriores ós órganos competentes para implantalas.

Cando esta medidas incidan en materias que deben ser obxecto de negociación colectiva, observarase ó disposto na Lei 9/1987, do 12 de maio, e os acordos vixentes subscritos entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais sobre materias de función pública.

Disposicións adicionais

Primeira.-A aplicación do programa de avaliación do rendemento das unidades administrativas da Xunta de Galicia estenderase á totalidade das unidades en 1997.

Segunda.-A Comisión Central de Racionalización Administrativa actualizará periódicamente o inventario de unidades administrativas obxecto de avaliación, para adecualo ós cambios organizativos e funcionais que se produzan nos organigramas das distintas consellerías ou para facilita-la aplicación do sistema agrupando ou dividindo unidades.

Terceira.-A Inspección Xeral de Servicios revisará anualmente os obxectivos cos responsables de cada unidade. Esta revisión realizarase tamén cada vez que se produza unha modificación substancial da súa organización, funcións ou prioridades.

Cuarta.

1. Para a avaliación do rendemento de unidades funcionalmente homoxéneas, poderá utilizarse como un elemento adicional de información a comparación entre elas poñendo en relación os resultados obtidos cos recursos empregados para a súa consecución.

2. Con independencia do establecido no artigo 8º, os resultados da comparación poderan terse en conta para propoñer medidas organizativas e de reasignación de efectivos.

Quinta.-As consellerías, cando lle soliciten á Inspección Xeral de Servicios os informes a que fan referencia o artigo 8.2º, parágrafo final do Decreto 57/1994, do 25 de marzo (DOG nº 63, do 4 de abril) polo que se modifican determinados artigos do Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 111/1984, do 25 de maio (DOG nº 141, do 24 de xullo) e o artigo 11.1º a) do Decreto 262/1994, do 29 de xullo (DOG nº 158, do 17 de agosto), polo que se establece a estructura orgánica da Consellería da Presidencia e Administración Pública, deberán acompaña-la dita petición, sempre que esta implique a desaparición ou cambio de competencias dunha unidade administrativa que está suxeita ó programa de avaliación do rendemento, un cadro no que se determine a qué unidade ou unidades administrativas se lles asignan as funcións recollidas nos formularios das unidades que desaparecen ou, se é o caso, as competencias que se modifican.

Disposicións transitorias

Primeira.-Mentres que non sexa aplicado o Programa de Avaliación do Rendemento á totalidade das Unidades Administrativas e o Consello da Xunta non estableza as contías e o réxime de aplicación do complemento de productividade, os efectos da avaliación limitaranse ó establecido no artigo 8 apartado 1 a) desta norma.

Segunda.-No ano 1997 a constitución das comisións de avaliación a que fai referencia o artigo 6º efectuarase antes do 31 de xullo de 1997.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para que, dentro do ámbito das súas competencias, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entra en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, dous de maio de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

3858