Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Venres, 16 de maio de 1997 Páx. 4.586

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 114/1997, do 24 de abril, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aéreo-subterránea, a 20 kV trazada entre a subestación de Sada e a liña S. Marcos-Arillo e Consistorio, nos concellos de Sada e Oleiros (A Coruña) (expediente 197/1994).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Severo Ochoa nº 2 da Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aéreo-subterránea a 20 kV de dobre circuíto, baixo tubo de 138 m de lonxitude e aérea de 2.131 m de lonxitude sobre apoios metálicos e de formigón, conductores tipo RHV 12/20, de 240 mm Al e LA-110, con orixe na subestación de Sada e remate nas liñas San Marcos-Arillo e liña a C.T. Consistorio, afectando no seu percorrido ós termos municipais de Sada e Oleiros (A Coruña) (Expte. nº: 197/1994).

A dita instalación autorizouse, declarouse en concreto de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, do 26.7.1995, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 15.9.1995, no BOP da Coruña do 5.10.1995, e no BOE do 7.9.1995.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do Regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude

do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 21-12-1995, no BOP da Coruña do 22-12-1995, no xornal La Voz de Galicia do 28-12-1995, e nos taboleiros de anuncios das casas dos Concellos de Sada e Oleiros e nos da delegación provincial; ó mesmo tempo, na forma regulamentaria notificóuselles individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación, agás os propietarios dos predios nº 26/1 e 29, descoñecidos, ós que se deu traslado das actuacións practicadas ó Ministerio Fiscal, segundo o disposto no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período en que se someteu a trámite de información pública, presentáronse os seguintes escritos:

a) Francisco Montero Vázquez, propietario do predio nº 11, alega a falta de concreción da notificación por canto non se indica o trazado da liña, superficie que ocupará, zona na que quedará afectada, se é simple instalación aérea ou se se colocaran postes.

b) María Encarnación Fernández Freire, propietaria do predio nº 23, en diversos escritos solicita copia completa dos documentos que constan no expediente administrativo, e alega que non pode impoñerse servidume de paso sobre o devandito predio por estar cerrado e formar un conxunto a vivenda, anexos e horta; considerando ademais que existe un trazado alternativo que reduciría a extensión da liña con mellor aproveitamento das servidumes públicas e lindeiros particulares, sinalándose para estes efectos que poderían utilizarse os lindeiros dos predios números 23, 24, 25 e 27, evitándose así unha afección transversal dos predios; también expón que se lle restrinxiu e limitou o acceso á información do expediente por parte da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, que existen descompensacións entre os bens e dereitos de cada propietario e que a entidade beneficiaria da expropiación non se puxo en contacto coa expropiada para tratar de chegar a un mutuo

acordo; por último, solicita que non se admita a modificación da relación de bens e dereitos solicitada pola empresa beneficiaria ó observar un erro nela na afección ó predio nº 27.

c) Josefa Patiño, propietaria do predio 24, solicitou plano do seu predio e estremeiros, con indicación do trazado eléctrico para avalia-la contía e detrimento económico.

d) María Encarnación Fernández Freire, en calidade de representante dos propietarios do predio

nº 27, formulou as mesmas alegacións que para si fixo respecto ó seu predio nº 23.

e) José Manuel Muñiz Fernández e Josefa Bello Pardo, en senllos escritos, expoñen que aquel non é o propietario do predio nº 30 e, que o é esta última.

f) Fernando Alonso-Martínez Casani, en nome e representación da Comunidade de Herdeiros de Lucía Pan de Soraluce, predio nº 31, alega a insuficiencia de datos para a identificación do predio, que a comunidade de herdeiros non é titular directa de ningún predio na zona e que a titularidade a ostenta a empresa Agrícola Jaz, S.A., polo que se solicita que as actuacións se remitan á devandita empresa, e que se lle remitan a esta os datos catastrais co obxecto de poder formular alegacións.

g) Antonio Conchado Gómez, propietario do predio nº 32, presentóu escrito no que alega que tras comparecer na consellería non foi quen de indentifica-lo predio no plano que se lle amosou, solicitando o envío dun plano para coñece-lo lugar por onde se pretende instala-la liña para poder precisar sobre as posibles alegacións.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria.

Unha vez practicada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Como resultado da devandita inspección, das alegacións e contestacións da empresa beneficiaria despréndese que:

a) A delegación provincial lle remitiu ós propietarios dos predios nº 11, 24, 31 e 32 a información achegada pola empresa beneficiaria para a determinación das afeccións.

b) A empresa beneficiaria tomou nota do cambio de titularidade dos predios 30 e 31, comunicando que os sucesivos trámites proseguirían cos novos titulares.

c) Respecto ás alegacións formuladas por por María Encarnación Fernández Freire referentes ós predios números 23 e 27, a delegación provincial remitiulle á interesada o plano a escala 1:1.000 solicitado, proporcionado pola empresa beneficiaria, no que aparece o predio e o tendido; por outra banda, non se poden acepta-las alegacións formuladas, xa que non se incorre en ningún tipo de prohibición ou limitación de acordo co exposto nos artigos 25 e 26 do Regulamento sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e o cambio de trazado solicitado afectaría a outros propie

tarios. En relación ó alegado en canto á limitación ó acceso á información do expediente por parte da Delegación Provincial da Coruña, isto non ten base nin fundamento ningún, xa que a interesada tomou vista do expediente con data 6 de agosto de 1996. Respecto ó sinalado sobre a falta de intento de acordo por parte da empresa beneficiaria, este podese acadar en calquera fase do expediente expropiatorio, segundo o exposto no artigo 24 da Lei de expropiación forzosa e no artigo 5, apartado 3 do seu regulamento. Por último, debe aceptarse a modificación da relación de bens e dereitos afectados, proposta pola empresa beneficiaria, xa que a súa finalidade é a de corrixir un erro material, sen que por isto implique unha modificación do proxecto, sendo no seu momento convenientemente notificada ós interesados.

Considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña se pretende subministrar de enerxía a diversas zonas dos concellos de Sada e Oleiros, partindo da subestación de Sada, co fin de poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración, calidade e regularidade nas ditas zonas, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia de Galicia, na súa reunión do día vintecatro de abril de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4º da devandita lei, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea que une a subestación de Sada coa liña S. Marcos - Arillo e Consistorio.

Os bens e dereitos ós que afecta esta disposición sitúanse nos termos municipais de Sada e Oleiros (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu á información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, vintecatro de abril de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

3753