Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 09 de maio de 1997 Páx. 4.396

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

DECRETO 109/1997, do 17 de abril, polo que se declara a delimitación do contorno de protección da igrexa de San Pedro de Fiz de Hospital, no concello do Incio, provincia de Lugo.

Por Real decreto 1761/1981, do 19 de xuño (Boletín Oficial del Estado do 10 de agosto), foi declarado ben de interese cultural, con categoría de monumento histórico artístico, o templo parroquial de San Pedro Fiz de Hospital, no concello do Incio, provincia de Lugo.

Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español, (Boletín Oficial del Estado do 29 de xuño) e da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (Diario Oficial de Galicia do 8 de novembro), cómpre na actualidade concreta-la delimitación do seu contorno de protección.

A Dirección Xeral de Patrimonio Histórico e Documental, por Resolución do 18 de setembro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 17 de outubro), incoou expediente para a declaración da delimitación do contorno do templo parroquial de San Pedro Fiz de Hospital, no concello do Incio, provincia de Lugo.

A tramitación do expediente levouse a cabo segundo o establecido na Lei 8/1995, de 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e demais disposicións vixentes.

Tendo en conta o disposto no artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, por proposta do conselleiro de Cultura e Comunicación Social e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de abril de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declara-la delimitación do contorno de protección da igrexa de San Pedro Fiz de Hospital, no concello do Incio, provincia de Lugo, segundo o disposto no artigo 11 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo.-A zona afectada pola declaración é a comprendida na delimitación do anexo I, e no plano do anexo II.

Terceiro.-O presente decreto será notificado ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, ó Concello e ós interesados.

Cuarto.-O presente decreto será publicado no Diario Oficial de Galicia, e no Boletín Oficial del Estado.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de abril de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

ANEXO I

«O punto l da liña da delimitación do contorno da igrexa de San Pedro Fiz de Hospital queda definido no eixe das estradas Cruz do Incio-Ferrería e A Pobra de Brollón-Hospital.

Continúa polo eixe da estrada á Pobra de Brollón ata o punto 2, situado no dito eixo da estrada á altura do linde noroeste da parcela catastral 126 (onde se atopa o cemiterio). A liña percorre os lindes desta parcela ata volver a saír á estrada que vai á Pobra de Brollón, onde se sitúa o punto 3.

Discorre a partir deste punto, atravesando a estrada, polo eixe dun camiño de terra ata o punto 4, a partir do cal continúa polo linde oeste da parcela catastral 7 (p-52) ata atopar cara ó sur, un camiño que segue en dirección nordeste ata o punto 5 onde se desvía por outro eixe do camiño, en dirección oeste ata o punto 6, no dito eixe, a partir do cal empeza a discorrer polos lindes sur das parcelas catastrais 30, 33,5 e 19 onde se atopa o punto 7, no camiño que conduce á estrada de Ferrería.

No encontro dos eixes do camiño e da estrada citados atópase o punto 8.

A partir deste, continúa, despois de atravesa-la estrada, polos lindes leste das parcelas catastrais 2g, 2-d, e 2f (P-46), onde se fixa o punto 9.

A partir deste percorre o eixe dun camiño en dirección norte, ó chegar á canle dun regato, o camiño cambia de dirección cara ó sur, onde se atopa o punto 10 á altura da parcela 334 (p-46) segue en dirección norte polos lindes noroeste das parcelas catastrais 334 e 333 (P-46) ata o punto 11 situado no eixe dun camiño que en dirección sur conduce ata o lugar de Hospital, punto 12 da liña de delimitación

Bordeando todo o núcleo de poboación atópase o punto 13, situado no cruzamento do acceso ó dito núcleo coa estrada O Incio-Ferrería.

A liña péchase seguindo o eixe desta estrada en dirección oeste ata o punto l».

97-3397