Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 09 de maio de 1997 Páx. 4.394

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

DECRETO 108/1997, do 17 de abril, polo que se declara a delimitación do contorno de protección de Santa Eulalia de Bóveda, no concello de Lugo, provincia de Lugo.

Por Decreto, do 3 de xuño de l931 (Gaceta de Madrid do 4 de xuño), foi declarado ben de interese cultural, con categoría de momumento histórico artístico, Santa Eulalia de Bóveda, no concello de Lugo, provincia de Lugo.

Sendo a devandita declaración anterior á entrada en vigor da Lei 16/1985 do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (Boletín Oficial del Estado do 29 de xuño), e da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia (Diario Oficial de Galicia do 8 de novembro), cómpre na actualidade concreta-la delimitación do seu contorno de protección.

A Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental por Resolución do 29 de febreiro de l996 (Diario Oficial de Galicia do 9 de abril e corrección de erros do 24 de abril), incoou expediente para a declaración da delimitación do contorno de Santa Eulalia de Bóveda, no concello de Lugo, provincia de Lugo.

A tramitación do expediente levouse a cabo segundo o disposto na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e demais disposicións vixentes.

Tendo en conta o disposto no artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, por proposta do conselleiro de Cultura e Comunicación Social e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de abril de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declara-la delimitación do contorno de protección de Santa Eulalia de Bóveda, no concello de Lugo, provincia de Lugo, segundo o disposto no artigo 11 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

Segundo.-A zona afectada pola declaración e a comprendida na delimitación do anexo I, e no plano do anexo II.

Terceiro.-O presente decreto será notificado ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, ó concello e ós interesados.

Cuarto.-O presente decreto publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de abril de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

ANEXO I

«O punto l, orixe da delimitación sitúase na estrada local á igrexa de Bóveda, que conduce ó núcleo de Bóveda en dirección norte unha vez pasado o río Mera, á altura do camiño que separa as parcelas 27 e 3 do polígono catastral 216.

A delimitación segue este camiño en dirección SO ata o punto 2, deixando dentro da delimitación as parcelas catastrais 3 e 4 (p-216). No punto 2, situado no extremo SO da parcela número 4, vira cara ó NO, ata chegar ó punto 3, situado na servidume que desde Bóveda segue en dirección SO, servindo de linde entre os polígonos catastrais 211 e 216. Quedan incluídas dentro da delimitación as parcelas catastrais 4, 5 ,6 e 7 do p-216 e parte da 43 do p-211. Segue a liña en dirección NO ata o punto 4, situado no camiño que une Bóveda coa estrada que sae de Cabanas en dirección norte e segue o dito camiño ata o punto 5 situado na estrada antes referida.

Desde aquí toma dirección NO ata o punto 6, situado na desviación que conduce a Ombreiro, e de aquí ó punto 7 na estrada asfaltada que conduce a Vilanova.

Neste punto a liña segue o trazo da estrada mais en dirección a leste ata o cruzamento da estrada de Bóveda onde se sitúa o punto 8.

Desde aquí, e seguindo esta estrada máis en dirección norte segue ata o punto 9, situado sobre unha desviación sen asfaltar situada á dereita que se dirixe cara o muíño do río Mera e que, atravesando o polígono catastral 215, toma a dirección SE ata chegar á estrada de acceso a Bóveda, onde se sitúa o punto 10.

Desde aquí segue a dita estrada ata o punto l co que se pecha a delimitación».

97-3396