Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 08 de maio de 1997 Páx. 4.377

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE BRIÓN

EDICTO.

O Concello Pleno, en sesión extraordinaria celebrada o día 3 de marzo de 1997, adoptou por unanimidade o acordo de aprobar definitivamente o Plan

Especial de Ordenación do Balneario do Tremo, do que a seguir se transcribe o texto íntegro para xeral coñecemento:

Plan Especial de Ordenación do Balneario

do Tremo.

Normativa urbanística.

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1.1. Fins e obxectivos.

O Plan Especial de Ordenación do Balneario do Tremo (no sucesivo PEOBT) ten como finalidade a regulación dos usos do solo e a edificación no ámbito da zona de ordenanza prevista nas normas subsidiarias municipais de Brión co nº 10 (zona pendente de plan especial).

Son obxectivos do dito plan os xa especificados na memoria xustificativa (capítulo III da documentación).

Artigo 1.2. Documentación.

O presente plan especial consta dos seguintes documentos: memoria informativa, planos de información, memoria xustificativa, normativa urbanística, planos de ordenación estudio económico-financeiro.

Artigo 1.3. Ámbito.

O ámbito do PEOBT é o fixado para a ordenanza específica nº 10 nos planos de ordenación das NSMB O dito ámbito aparece expresamente grafado en tódolos planos de ordenación do presente documento.

Artigo 1.5. Revisión.

Non se prevé un horizonte temporal para a revisión do planeamento, pero esta poderase acometer se se dá algunha das seguintes situacións:

a) Cando se supere en vez e media o horizonte temporal máximo previsto no plan de etapas e non se teñan materializado as previsións do PEOBT.

b) Cando resulte afectado por un plano de superior xerarquía.

c) Cando se produza algún acontecemento extraordinario que faga inviable a ordenación.

Artigo 1.6. Modificación.

Poderanse levar a cabo modificacións puntuais do PEOBT sen te-lo carácter de revisión, sempre que se axusten ó disposto nos artigos 126.5º, 128 e 129 do texto refundido da Lei do solo (TRLS) do 16-6-1992.

De acordo co previsto no convenio urbanístico asinado o 25-10-1989, que forma parte da normativa das NSMB, os terreos estremeiros co ámbito do PEOBT cara ó camiño do Cabo poderán ser incorporados ó seu ámbito a petición da propiedade, sendo

suficiente para tal incorporación a aprobación dunha modificación puntual do presente plan.

Artigo 1.7. Clasificación do solo.

O solo ordenado no presente POUBT ten, na súa totalidade, a calidade de solo urbano. O desenvolvemento del levarase a cabo conforme o previsto no propio PEOBT e máis ó disposto no proxecto de urbanización e, se é o caso, en estudios de detalle que se poidan redactar para cuestións puntuais.

Artigo 1.8. Concesión de licencias.

Unha vez aprobado o PEOBT e o proxecto de urbanización, poderánselle conceder licencias de construcción ós proxectos que respondan ó previsto no dito plan.

Artigo 1.9. Contido do proxecto de urbanización.

O proxecto de urbanización contará cos seguintes documentos: memoria, prego de condicións, estudio económico, medicións, orzamento, planos.

Estes documentos abranguerán, tanto literaria como graficamente, polo menos, os seguintes apartados: movemento de terras, viario e aparcadoiro, rede de abastecemento de augas, rede de saneamento e depuración de augas residuais, rede de enerxía eléctrica de baixa tensión e C.T., iluminación, rede de telefonía, rede de gas, acondicionamento do parque e demais espacios libres e zonas verdes (xardinería, mobiliario, sinalización, etc.).

TÍTULO II

Clasificación e calificación do solo

Artigo 2.1. Clasificación do solo.

Todo o ámbito do plan especial ten a consideración de solo urbano, por telo así disposto o planeamento xeral.

Artigo 2.2. Zonas de ordenanza.

Enténdese por zona de ordenanza cada unha das superficies delimitadas nos planos, en función do seu tratamento homoxéneo, das circunstancias, obxectivos existentes e dos criterios establecidos no planeamento xeral para o seu tratamento urbanístico.

Artigo 2.3. Zonas establecidas.

1º) Zona de usos hoteleiros. 2º) Zona de usos residenciais. 3º) Zona de usos sanitarios e socioculturais. 4º) Zona de parque.

TÍTULO III

Ordenanzas xerais

Sección primeira

Conceptos empregados

Artigo 3.1. Condicións e definicións.

1. As condicións ás que se terán que axusta-las edificacións no ámbito do PEOBT serán as contidas

na presente normativa, consideradas co disposto nas cláusulas do convenio urbanístico asinado entre a propiedade dos terreos e o Concello de Brión e, se fose preciso, polo disposto con carácter xeral nas NSMB vixentes no momento.

2. Para os efectos normativos, os termos que se utilizan sempre no condicionado terán o significado expresado nas mencionadas NSMB, agás que se especifiquen expresamente outros significados na presente normativa.

Sección segunda

Condicións xerais de volume

Artigo 3.2. Volume edificable.

O volume máximo edificable será o resultado de multiplica-la superficie máxima edificable pola altura máxima permitida en cada zona.

Artigo 3.3. Alturas.

1. A altura medirase sempre no punto medio do plano ou planos de fachada no caso de edificios con fronte < 30 m. Se se superase esta lonxitude tomarase cada 25 m a partir do punto máis baixo, podendo gradua-la edificación, pero sen que esta supere en ningún punto 1,5 m sobre da máxima establecida.

2. As plantas baixas da edificación terán que ter unha altura comprendida entre un mínimo de 2,70 m e un máximo de 4 m. As plantas superiores terán que ter unha altura libre mínima de 2,5 m.

3. Por enriba do último forxado, no espacio baixo cuberta permitirase o uso principal ó que se destine a edificación nas condicións fixadas no planeamento xeral vixente. A planta baixo cuberta poderá ter acceso independente ou formar parte da vivenda da última planta do piso (dúplex). A edificabilidade computable calcularase na superficie de planta > 2 m de altura.

4. A altura máxima sobre da rasante (AMP) fíxase en 12,5 m. A altura máxima no punto máis desfavorable (AMR) en 14 m.

Artigo 3.4. Aliñacións.

Fíxanse nos planos de ordenación. Permitirase a construcción de edificios con recuamento de planta baixa para a formación de soportais. Tamén se permitirá a construcción de xardineiras encostadas ás plantas baixas da edificación. Os primeiros autorizaranse preferentemente nos supostos de utilización comercial das plantas baixas. As segundas, no resto dos usos.

Artigo 3.5. Cubertas.

1. Construiranse a dúas ou catro augas.

2. A pendente máxima non superará os 40º.

3. Non se permitirán crebas de pendente nas vertentes da cuberta. Estes deberán de gardar simetría respecto dos opostos xuntándose ámbolos dous no cume.

4. Permitirase a elevación dos paramentos exteriores da edificación ata 0,8 m por enriba do último forxado.

5. A altura máxima de cuberta (distancia entre a cara superior do último forxado e o cume) fíxase en 4 m.

6. A iluminación e ventilación do espacio baixo cuberta deberá realizarse mercé a ventás cenitais practicables (tipo velux).

7. O volume útil da planta baixo cuberta non superará o 60% do volume útil da planta tipo.

Artigo 3.6. Sotos e semisotos.

1. Permítese a construcción de sotos e semisotos.

2. Non se permitirán neles os usos principais (hoteleiro e residencial), pero si os complementarios (aparcadoiros, almacéns, instalacións, etc.).

Artigo 3.7. Saíntes, voos.

1. Soamente se permitirá voar na edificación elementos lixeiros, tales como balcóns, galerías, cornixas, beirís ata un máximo de 1 metro en rúas > a 12 m e, 0,7 m en rúas comprendidas entre 6 e 12 m.

2. Para ser considerado como galería, o corpo voado terá que ter un mínimo acristalado do 80% da superficie das súas fachadas.

Artigo 3.8. Edificabilidade.

1. A edificabilidade máxima do ámbito do plan especial vén fixada no planeamento xeral en 0,5 m/m; xa que logo, no ámbito do PEOBT non se poderá obter máis aproveitamento lucrativo que esa proporción entre metros cadrados de teito por metros cadrados de solo. En calquera caso, fíxase un aproveitamento lucrativo máximo de 12.400 m.

2. A edificabilidade outorgada a cada uso non superará as porcentaxes máximas nin baixará das porcentaxes mínimas sobre do total fixadas no epígrafe 3.5. da memoria de ordenación do presente plan.

Artigo 3.9. Ocupación.

1. A edificación que se poida alzar no ámbito do PEOBT non poderá ocupar máis do 20% do total do solo deste.

2. Respectaranse igualmente as porcentaxes de ocupación do solo (máximas e mínimas) que se lle outorgan a cada uso dos previstos no indicado epígrafe 3.5 (punto 10º) da memoria de ordenación do presente plan.

Sección terceira

Condicións de uso

Artigo 3.10. Usos establecidos.

1. No ámbito do presente plan especial permitiranse os seguintes usos: uso hoteleiro (categoría 1ª e 2ª) (inclúe apartahoteis), uso de vivenda (categoría 2ª) uso comercial (categoría 1ª e 2ª), uso sociocomercial (categoría 1ª e 2ª), uso sanitario-asistencial, uso de garaxe-aparcamento (categoría 1ª, sen limitación de número de vehículos), uso de espacios libres (públicos), uso de espacios libres (privados). Neste poderase permiti-lo deportivo se non leva edificación.

2. As condicións ás que se terán que axustar cada un dos usos permitidos serán as establecidas na ordenanza xeral de usos das NSMB vixentes no momento da aprobación do presente PEOBT.

3. Para as vivendas, ademais das condicións fixadas na normativa das NSMB, será de obrigado cumprimento o disposto no Decreto 311/1992, da Xunta de Galicia, sobre habitabilidade de vivendas.

Sección cuarta

Condicións tipolóxicas

Artigo 3.11. Disposicións dos volumes edificados.

1. A edificación disporase de xeito envolvente ó balneario, ficando a destinada a usos hoteleiros na parte máis próxima á estrada C-543 e a que vaia acoller usos residenciais envolvendo o parque do balneario nos outros ventos.

2. A edificación destinada a hotel desenvolverá tódolos servicios na planta baixa, agás o propio de aloxamento (habitacións), que se desenvolverá nas plantas altas. As vistas das habitacións serán ó parque situado ó mediodía.

3. A edificación que, ademais dos usos residenciais, conteña usos comerciais situarase máis próxima á estrada que o resto.

4. Deixarase libre de edificación o parque (que só acollerá o edificio do balneario), que se abrirá cara ó norte (polo espacio que medie entre o hotel e a edificación que acolla usos comerciais) e cara ó sur (para protexe-lo bosquete de acacias existente). Tamén a de espacios libres privados e zona deportiva.

5. O edificio do balneario construirase de nova planta, corrixindo lixeiramente a súa situación para permitir que a través del se poidan visualiza-los dous eixes básicos do parque (o lonxitudinal que conforma o paseo de acceso desde a praciña do Tremo, e o transversal que se configura entre os dous extraordinarios exemplares de carballo existentes na parte central do predio). Tamén deberá dispor sobre deses eixes unha cuberta de vidro, de modo que sexa observable a ramaxe do arboredo do parque desde dentro do edificio.

Artigo 3.12. Características volumétricas da edificación.

1. A edificación que se chegue a alzar no ámbito do PEOBT non poderá exceder de catro plantas (PB+3 PP.AA).

2. Dadas as condicións do terreo, os condicionantes da vexetación e os valores protexibles segundo o planeamento xeral, crese conveniente xogar con volumes de diferente altura. Nos planos de ordenación (zonificación) reflíctese o máximo número de plantas permitido en cada corpo edificatorio.

3. Os conxuntos edificados planearanse con plantas acusadamente rectangulares, como corresponde á disposición perimetral demandada polas NSMB.

4. Agás a planta baixa do hotel, o resto da edificación construirase con largos que non superarán os 12 metros. Ningún corpo edificado poderá exceder de 90 metros de lonxitude.

5. Os edificios, xa que logo, construiranse con dobre fachada, unha cara ó parque e outra cara ós distintos viarios conformadores do ámbito: o exterior (C-543) e os interiores (diferentes tramos do viario perimetral previsto).

Artigo 3.13. Outras condicionantes tipolóxicas.

1. A edificación deberá cumprir con todo o disposto sobre condicións tipolóxicas nas MSMB, no que lle sexa de aplicación.

2. As fachadas da edificación deberán expresa-la máxima racionalidade compositiva propia da edificación do contorno especialmente no que atinxe a ritmos e proporción entre ocos e muros.

3. Non se prexulga a utilización de materiais, agás no caso dos que se empreguen na cubrición dos edificios, que terán que ser forzosamente de tella de barro cocido. Recoméndase a utilización de pedra en calquera das súas fábricas para a totalidade ou parte do cerramento exterior dos corpos edificados, pero rexéitase o emprego de aplacados (naturais ou artificiais) para revestimento dos paramentos exteriores e calquera outro procedemento constructivo que tente agocha-los materiais estructurais utilizados na construcción. Si se permite a utilización de pedras de cantería para cerramento se teñen un grosor > 10 cm. Se se emprega fábrica de cachotería ou cachotería desconcertada, recoméndase o enfoscado, lucido e pintado dos entrepanos deixando só a pedra á vista de mellor calidade en esquinas e nas xambas e linteis dos ocos practicados nos paramentos exteriores. Permítense outro tipo de fábricas, sempre que se luzan e pinten.

A carpintería exterior poderá ser de calquera material. Se é de madeira terá que se pintar, prohibíndose o vernizado. Calquera outro material terá que ser pintado, lacado ou coloreado. Prohíbese o aluminio na súa cor natural.

4. Os ocos de ventilación e aireación da edificación deberán dispo-lo seu lado -xamba- > ó horizontal (lintel). Outro tanto será obrigado para o despezamento acristalado de galerías, miradoiros, etc. Permitirase igualmente a construcción de portas de ar, ventás de balcóns e comunicación con galerías e miradoiros.

5. As xardineiras que se permitan construír encostadas á planta baixa da edificación terán como dimensións máximas as seguintes: lonxitude, 20 m; largo, 5 m; altura, 1,5 m (medida esta no punto medio).

6. Os soportais terán a mesma lonxitude que a dos edificios onde se constrúan. O seu largo estará comprendido entre 1,5 e 2,5 m. Nas cabeceiras dos edificios poderanse dispor plantas baixas libres, sempre que teñan unha dimensión mínima de 10 x 10 m. A altura do soportal non poderá ser inferior a 2,70 m nin superior a 4 m.

7. Non se admitirán fachadas incompletas nas que aparezan exclusivamente os elementos estructurais sen unha definición precisa da planta baixa. O deseño, carácter compositivo e tratamento das plantas baixas gardará relación e coherencia co resto do edificio no que atinxe a liñas e ritmos verticais compositivos, relación oco/muro, materiais, etc.

8. As partes dos muros da edificación que non sexan pétreas terán que se lucir e pintar con cores claras (brancos matados, marfil, grises, ocres, verdes claros, sienas, etc.). Se os recercados ou refundidos dos ocos non son pétreos poderán pintarse noutra tonalidade da mesma gama. Non se admitirán combinacións agresivas de cor.

Para a carpintería exterior recoméndanse os verdes, vermellos (tradicional ou inglés), ocres, brancos, azuis, etc., todos eles utilizados tradicionalmente no concello de Brión.

Sección quinta

Condicións de urbanización

Artigo 3.14. Condicións que se terán en conta para o viario.

1. Nas zonas lindantes coa estrada C-543 e no entroncamento do balneario coa praciña do Tremo, zonas de coexistencia entre dous medios de transporte como é a marcha a pé e a circulación de vehículos, o pavimento do viario haberá de reflectir esta condición mercé a un firme petreo (laxes de pedra, lastro, etc.). O resto do viario interior de carácter perimetral -agás a zona de comunicación entre o parque e a zona de espacios libres privados e deportiva poderá ter un tratamento convencional (aglomerado asfáltico, por exemplo), seguindo os criterios das normas da Dirección Xeral de Estradas do MOPTMA.

2. O viario perimetral deseñarase con beirarrúas en todo o tramo onde a pavimentación sexa con aglomerado asfáltico.

3. A sinalización horizontal -no interior do balneario só se poderá utilizar na parte do viario perimetral con pavimento de aglomerado asfáltico. Si se sinalizarán horizontalmente os accesos ó balneario desde a C-543, procedendo a formación de carril de retención para os xiros á esquerda.

A sinalización vertical reducirase ó mínimo imprescindible para a seguridade da circulación no interior do balneario de cara a mingua-los impactos paisaxísticos. No exterior axustarase ó disposto polo titular da estrada.

4. En todo o viario deberanse prever canalizacións para a recollida das augas pluviais, que xamais se mesturarán coas residuais. As canalizacións do parque terán que ter un deseño acaído que harmonice cos valores de carácter natural existentes.

A capacidade que se garantirá (caudal por unidade de superficie) non debe ser inferior a 0,025 litros/segundo/m.

Artigo 3.15. Condicións para o abastecemento de auga.

A rede de abastecemento débese proxectar de xeito que se garanta unha subministración mínima de 250 litros/habitante ou de 1.000 litros vivenda, incrementado nun 30% para atende-lo resto das demandas (hotel, balneario, parque, etc.).

Preveranse hidratantes contra incendios ó longo de todo o viario en proporción á edificación prevista, conforme o disposto na normativa vixente. Haberá que prever un caudal unitario de 500 litros/minuto, cun máximo de 8,3 litros/segundo.

Artigo 3.16. Condicións para o saneamento.

As augas fecais producidas en todo o ámbito do PEOBT recolleranse na zona meridional da máis baixa cota para, desde alí e por medio de canalización apropiada, conducilas ata o camiño do Cabo, onde serán depuradas axeitadamente no lugar onde sinale o concello con instalacións capaz, polo menos, para cincocentas persoas (máximo previsible incluíndo tódolos usos previstos).

Artigo 3.17. Condicións para a rede de enerxía eléctrica e iluminación.

1. Preverase a instalación dun centro de transformación da enerxía subministrada por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. Aconséllase a súa localización soterrada e convenientemente acondicionada, atendendo en todo ós regulamentos de A.T. e B.T. vixentes.

2. As liñas de distribución tenderanse soterradas por baixo das beirarrúas ou en galería de servicios nos sotos corridos da edificación baixo encanamento axeitado.

3. Para o cálculo da demanda considerarase un coeficiente de simultaneidade de 0,5 e previsión mínima de 5,5 kW por vivenda, e máis 100 W/m para os outros usos e 125 W por punto de luz de iluminación (con lámpadas de vapor de sodio ou de mercurio).

4. Preveranse indistintamente, a criterio libre dos proxectistas, lámpadas de columna ou de parede, utilizando un deseño acorde co contorno e fuxindo da moda absurda de enxendros fernandinos, isabelinos ou semellantes e tamén das extravagancias da moda.

Artigo 3.18. Telefonía.

A rede de telefonía, igual que a de subministración de enerxía eléctrica e iluminación deberá ir soterrada ou en galería nos sotos corridos da propia edificación. En calquera caso, cumprindo as normas que para canalización ten establecido a CTNE. A dimensión da rede debe poder garantir un mínimo de 1 liña por vivenda, 1 liña por cada 100 m construídos para usos comerciais e 1 liña por cada 2 prazas hoteleiras previstas.

Artigo 3.19. Rede de gas.

Debe preverse unha rede de subministración centralizada de gas, ben sexa coa instalación de depósitos de propano, que deberían disporse soterrados, ou ben para enganchar á rede de gas natural, a rede xeral da cal pasará polo Concello de Brión.

Artigo 3.20. Condicións de urbanización do parque.

1. O parque terá que ter un carácter moi natural, de grande espacio rodeando o edificio do balneario, edificio que pola súa vez se asulaga por baixo do manto protector do arboredo existente, que se manterá seguindo os criterios expostos no informe de vexetación que figura anexo á memoria informativa do presente plan, alterando, no que se refire a vexetación arbórea, só as formacións que alí se mencionan e sempre con criterios restrictivos.

2. O espacio baleiro de arborado cubrirase de relva, de cara ó menor custo de mantemento.

Os dous únicos camiños previstos dentro do parque, ademais do bordo interior de tránsito paralelo ás edificacións, son o primitivo, balizado de falso loureiro; o que forma a aliñación de chopos, que se poderá acurtar para encaixalo no hotel e un de nova creación que conecte as dúas aberturas da urbanización (cara sur e norte, con centro no novo balneario). O resto do viario do parque ben poden se-los camiños que constrúan os propios camiñantes ó pasaren.

3. Dotarase o parque do mobiliario mínimo indispensable (papeleiras, algunha fonte para beber, algúns bancos, etc.), pero sen que a cantidade distraia dos valores de espacio natural que deben dalgún xeito, conservar.

TÍTULO IV

Ordenanzas particulares

4.1. Zona de usos hoteleiros (ZUH).

4.1.1. Definición.

É a que acollerá os edificios e instalacións destinadas ó aloxamento temporal de persoas e ós servicios de todo tipo demandados por elas na súa estadía.

4.1.2. Condicións de edificabilidade.

1. A edificabilidade nesta zona debe supoñer un mínimo do 20% e un máximo do 25% da edificabilidade prevista para a área.

2. A edificación nesta zona non poderá ocupar máis de 1.200 m de solo e disporase en catro plantas do seguinte xeito:

a) Na planta baixa: mínimo do 40% e máximo do 45% da edificabilidade total.

b) Nas tres platas altas: mínimo do 55% e máximo do 60% do total. As tres plantas altas serán iguais e deberanse dispoñer nun paralelepípedo coas dimensións máximas e mínimas que a seguir se indican:

MáximaMínima

Lonxitude (m)6550

Largo (m)107

3. Poderase habilita-lo espacio baixo cuberta para o uso principal (habilitación) tanto para uso de clientes como do persoal da instalación.

4. Permítese a construcción de sotos para aparcamento propio do hotel, así como para a localización de instalacións e maquinaria propias deste tipo de establecementos (lavandería, calefacción, almacén, etc.).

4.1.3. Condicións de uso.

Na zona permitiranse os seguintes usos: hoteleiro (categoría 2ª), sociocultural (categorías 1ª e 2ª), comercial (categoría 1ª), garaxe-aparcamento (categorías 1ª e 2ª).

4.1.4. Outras condicións.

As instalacións hoteleiras disporán dun mínimo de 1 praza de aparcamento por cada 4 prazas hoteleiras ou 1 praza por cada 100 m construídos.

4.2. Zona de usos residenciais (ZUR).

4.2.1. Definición.

É a que se destina ó levantamento da edificación destinada a vivenda, con ou sen tolerancia de usos comerciais nas plantas baixas dela.

Dentro da zona ZUR distínguense dúas subzonas:

-ZUR 1= onde se tolerarán usos comerciais en planta baixa.

-ZUR 2= onde non se permitirán usos comerciais en planta baixa.

4.2.2. Condicións de edificabilidade.

1. A edificabilidade nesta zona non superará o 75% da edificabilidade total, coa seguinte distribución:

MáximaMínima

ZUR 14030

ZUR 27060

2. A edificación nesta zona non poderá ocupar máis de 2.800 m de solo e disporase en:

ZUR 1= en edificios de PB e tres altas, destinando a planta baixa a usos comerciais.

ZUR 2= en edificios de PB e dúas plantas altas, polo menos nun 60% do total e en edificios de PB e tres altas no resto.

3. Toda a edificación disporá do mesmo largo comprendido entre 10 e 12 metros. A zona ZUR 1, a planta baixa recuará entre 1,5 e 2,5 m para a formación de soportais corridos no lado que dá ó parque público.

4. Poderase utiliza-lo espacio baixo cuberta para o uso principal nas condicións establecidas nas ordenanzas xerais.

5. Os sotos só se permitirán na zona ZUR 2, xa que a zona ZUR 1 é a que presumiblemente resulta afectada pola escorrentía das augas que fornecen o manancial do balneario, e só se poderían chegar a autorizar se o aconsella un informe xeotécnico de recoñecida solvencia.

4.2.3. Condicións de uso.

Na zona permitiranse os seguintes usos:

-Vivenda. Categoría 2ª (tamén se autorizarán aparta-hoteis).

-Comercial. Categoría 1ª (só na ZUR 1).

-Garaxe-aparcamento: (categoría 1ª e 2ª (só na ZUR 2).

Consideraranse compatibles:

-Uso administrativo e de oficinas. Categoría 1ª.

-Uso docente ou de ensino. Categoría 1ª.

-Uso sanitario asistencias (exclusivamente para gardería infantil).

4.2.4. Outras condicións.

Será precisa a habilitación de 1,5 prazas de aparcamento por cada 100 m construídos, podendo estas localizarse tanto en sotos como en superficies.

4.3. Zona de usos sanitarios e socioculturais (balneario) (ZB).

4.3.1. Definición.

É a do balneario propiamente dito, ou sexa, a zona ocupada pola edificación destinada ó tratamento

curativo de auga e servicios complementarios, sita no centro do ámbito do plan así como a súa rotonda inmediata.

4.3.2. Condicións de edificabilidade.

1. A edificabilidade nesta zona non poderá supera-lo 5% da edificabilidade total prevista, nin baixar da que tivo o vello edificio do balneario.

2. A edificación que acolla o novo balneario, dado o estado completamente ruinoso no que se atopan os restos do vello, terá que ser de nova construcción e non poderá ocupar máis de 500 m de solo.

3. A edificación terá que ser de planta baixa, permitíndose o aumento de altura dos paramentos exteriores que demande o desnivel do terreo existente na zona do manancial. Tamén se permitirá a construcción dun soto (que non computará edificabilidade).

4. A edificación deberá ter planta rectangular co lado longo orientado sobre do eixe longo do parque, marcado pola aliñación de loureiros e o curto polo eixe que une os dous exemplares de carballo.

5. A edificación deberá construírse con materiais pétreos pero deberá permiti-la visualización do exterior nos puntos estratéxicos: eixes, cuberta, etc. para da-la sensación de estar no interior do parque, aínda que estea dentro.

4.3.3. Condicións de uso.

Na zona permitiranse os seguintes usos:

-Uso sanitario asistencial.

-Uso sociocultural (1ª categoría).

4.4. Zona de parque (ZP).

4.4.1. Definición.

É a destinada a espacios libres e zonas verdes tanto de carácter público como privado, comprendendo tanto o contido do interior do predio, configurado arredor do balneario, coma os espacios situados á outra banda do viario perimetral, onde tamén se permitirán instalacións deportivas descubertas.

Distinguiranse dúas subzonas:

-ZP 1, que é a de dominio e uso público.

-ZP 2, que é a de dominio e uso privado.

4.4.2. Condicións de edificabilidade.

a) Na zona ZP 1. Non se permitirá o levantamento de edificacións, pero si elementos de urbanización, tal como pasadizos acristalados para comunicación de hotel e balneario, ramplas, escalinatas, noiros, vedacións, etc., e tamén a disposición de mobiliario urbano: bancos, mesas, farois, papeleiras, etc.

Por baixo da cota do terreo e sempre que queden convenientemente ocultos, permitirase a disposición de pequenos cuartos para garda-los trebellos de xardinería utilizados no parque.

Tamén se permitirá a construcción de pasadizo soterrado co mesmo fin có apuntado no primeiro parágrafo do presente artigo.

b) Na zona ZP 2. Tampouco se permitirá o levantamento de edificación, pero si a construcción de pistas de tenis, piscina, pistas polideportivas, ou calquera outro elemento para a práctica do deporte que non leve implícita edificación. Autorizaranse tamén os mesmos elementos de mobiliario que na ZP 1. Nesta zona poderanse localizar, sempre que vaian soterrados, depósitos de propano para abastecemento da edificación previsto.

4.4.3. Condicións da vexetación.

1. Protéxense os elementos vexetais existentes de maior valor botánico e/ou paisaxístico: os dous exemplares de carballo existentes ó NE e SW do vello edificio do balneario, o bosquete de acacias e outras especies existentes ó sur e os aliñamentos de loureiro e de chopos (estes dous últimos sempre que sexa compatible a protección coa materialización dos usos previstos nas respectivas zonas).

2. Poderanse plantar novas especies arbóreas e arbustivas na ZP 1, especialmente na área noroeste do parque, pero sen que tal plantación poida modifica-la escena vexetal actual do parque.

Na zona ZP 2 non se poñen limitacións ó desenvolvemento vexetal, sempre que a plantación se faga con especies arbóreas ou arbustivas que non couten o asollado da edificación prevista.

4.4.4. Condución de uso.

Na zona ZP 1 non se permitirán máis usos cós directamente relacionados coa función de espacio libre público.

Na zona ZP 2 permitirase, ademais deste, o uso deportivo (sempre que non comporte edificación).

TÍTULO V

Xestión

Artigo 5.1. Execución do planeamento.

A execución das determinacións do presente PEOBT realizarase conforme o disposto nas cláusulas do convenio urbanístico asinado entre o concello e a propiedade, con data do 21-2-1996, así como as obrigas dimanadas das adendas asinadas con posterioridade.

Brión, 7 de marzo de 1997.

José Luís García García

Alcalde

2565