Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Mércores, 07 de maio de 1997 Páx. 4.309

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Lignotock, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Lignotock, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 19-3-1997, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, con data do 5-3-1997. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado a Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que conta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 21 de marzo de 1997.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa Lignotock, S.A., fábrica do Porriño. Ano 1997

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio será de aplicación no centro de traballo de Lignotock, S.A., existente no polígono industrial das Gándaras de Budiño, parcela 205, no Porriño (Pontevedra) e, por extensión, en calquera lugar onde o persoal poida presta-los seus servicios.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio será de aplicación para todo o cadro de persoal existente no momento do asinamento e para todo o que se incorpore con posterioridade a este, quedando excluído deste artigo o persoal a que se fai referencia no artigo 1, 3 c do Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

O presente convenio entrará en vigor o 1º de xaneiro de 1997, sen prexuízo da súa publicación oficial.

A súa vixencia será dun ano e rematará o 31 de decembro de 1997. Non obstante, subsistirán os seus preceptos ata a entrada en vigor do que o substitúa.

Entenderase prorrogado de ano en ano, a non ser que calquera das partes solicite de forma legal a súa revisión ou rescisión.

Artigo 4º.-Denuncia.

A denuncia do convenio presentaraa con tódolos requisitos legais calquera das partes, cunha antelación mínima de tres meses á data de remate da vixencia do convenio ou de calquera das súas prórrogas.

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

As condicións que se establezan neste convenio absorberán e compensarán, en cómputo anual, calquera outra existente no momento da súa entrada en vigor e as que no futuro puidesen establecerse, ata onde alcancen.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que, con anterioridade ó establecemento do presente convenio, viñese desfrutando de condicións máis beneficiosas cás aquí pactadas, conservaraas ad personam.

Artigo 7º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.

No suposto de que a autoridade laboral competente, no exercicio das facultades que lle son propias, non o aprobase na súa totalidade, quedaría sen efecto práctico, e debería considerase de novo o seu contido.

Artigo 8º.-Comisión paritaria.

Para a aplicación, interpretación e cantas xestións se deriven deste convenio, créase unha comisión paritaria composta por dous membros do comité de empresa, dous representantes da dirección e o moderador da mesa negociadora do convenio.

Artigo 9º.-Organización do traballo.

A organización técnica e práctica do traballo, de acordo coas disposicións legais en vigor, é facultade da dirección da empresa.

Sobre esta materia, os representantes legais dos traballadores terán as competencias e facultades recoñecidas nos artigos 41 e 64 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 10º.-Productividade e absentismo.

Os representantes legais dos traballadores e a dirección da empresa, conscientes da incidencia que a productividade e o absentismo do persoal teñen nos resultados finais da entidade, comprométense á consecución dunha mellora progresiva e permanente destes índices.

Artigo 11º.-Calidade do producto.

A calidade dos productos obtidos ou dos servicios prestados por un traballador ou grupo responderá ás condicións fixadas pola empresa nas normas, planos, bosquexos ou instruccións, etc. que se deseen para realiza-lo traballo.

Os representantes dos traballadores e a dirección da empresa, conscientes da importancia da calidade para o noso sector, comprométense á consecución dunha mellora continua da calidade.

Se a calidade do producto ou servicios non acadasen as especificacións requiridas, tomaranse accións correctivas sobre calquera elemento que motive as deficiencias.

Artigo 12º.-Cesamentos voluntarios.

Os traballadores que desexen cesar voluntariamente no servicio da empresa estarán obrigados a poñelo en coñecemento desta, cumprindo os seguintes prazos de aviso:

-Directivos, técnicos e xefes de departamento ou sección: un mes

-Administrativos e persoal obreiro cualificado: un mes.

-Persoal obreiro non cualificado: 15 días

O incumprimento por parte dos traballadores da obriga de avisar coa indicada antelación, dará dereito á empresa a descontar da liquidación deste o importe do salario dun día por cada día de atraso no aviso.

A empresa estará obrigada a liquidar, ó remata-lo prazo, os conceptos fixos que poidan ser calculados en tal momento. O incumprimento desta obriga imputable á empresa, levará consigo o dereito do traballador a ser indemnizado co importe dun día por cada día de atraso na liquidación, co límite dos días de aviso. Non existirá tal obriga e, por conseguinte, non nace este dereito se o traballador non avisou coa antelación debida.

Artigo 13º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral máxima ordinaria será de 1.788 horas efectivas de traballo ó ano. Non obstante, establécese un permiso individualizado dun día por traballador, para desfrutar individualmente durante o ano. A diferencia de 4 horas entre a xornada de 1.972 horas de 1996 e as 1.788 do ano 1997 desfrutaranse o derradeiro día laborable do ano.

Para efectos da distribución e cálculo da xornada anual, consideraranse como non laborables os días 24 e 31 de decembro.

O calendario laboral será elaborado anualmente pola dirección e os representantes dos traballadores así que sexa publicado o calendario laboral oficial, e quedará salvagardada calquera modificación que, sobre esta materia, puidese pactarse en convenio.

Artigo 14º.-Horario de traballo.

a) Xornada partida.

1º quenda2º quenda

8.30 a 13.45 h.8.30 a 14.15 h.

* luns a xoves

14.15 a 17.30 h.14.45 a 17.30 h.

8.30 a 13.45 h.

* venres-quenda única

14.15 a 15 h.

b) Xornada continuada

* De luns a venres: 3 quendas rotativas, co seguinte horario:

-Quenda de mañá: de 6 a 14 horas.

-Quenda de tarde: de 14 a 22 horas.

-Quenda de noite: de 22 a 6 horas.

A rotación das quendas será semanal.

c) Establécese unha cuarta quenda de traballo. Para esta cuarta quenda fíxase un plus cuarta quenda de carácter funcional e non consolidable para os traballadores, que teñan un contrato laboral no que non se recolla a posibilidade de pasar a integra-la dita quenda de traballo; de tal maneira que aqueles contratos que teñan xornada de luns a sábado percibirán un complemento salarial na contía de 8.500 pesetas mensuais.

d) Persoal de mantemento:

Dada a natureza especial que reviste o traballo na sección de mantemento, queda establecida para este persoal a cuarta quenda con carácter permanente e polas funcións encomendadas ó dito persoal, unido á obriga de realiza-la súa xornada laboral de luns a domingo, establécese un plus mensual de 36.000 pesetas, que non será consolidable nin extensivo a ningunha outra sección da empresa, mesmo cando esta poida realiza-la mesma xornada con carácter temporal.

A rotación fixarase no calendario anual que se unirá como anexo ó presente convenio. A rotación afectará a todo o persoal dos grupos de mecánicos, eléctricos e caldeiras.

O expresado complemento salarial soamente se percibirá cando se preste o traballo na cuarta quenda, e o seu aboamento será en proporción mensual ó tempo traballado nesta. Devengarase, así mesmo, durante o desfrute das vacacións, se este coincide en tempo de traballo na cuarta quenda.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias

Terán a consideración de horas extraordinarias aquelas que excedan da duración da xornada ordinaria.

A iniciativa do traballo en horas extraordinarias correspóndelle á empresa, e a libre aceptación ou denegación, ó traballador, agás aqueles casos nos que a súa non realización lle produza á empresa graves prexuízos e/ou impida a continuidade da producción, e/ou sexan causa de forza maior que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros análogos dos que a súa non realización produza evidentes e graves prexuízos á propia empresa ou a terceiros, así como no caso de risco de perda de materias primas.

As horas extraordinarias motivadas por causa de forza maior e as estructurais, notificaránselle mensualmente á autoridade conxuntamente entre dirección e comité de empresa, para os efectos de obte-la reducción de recargas de cotización.

Horas extraordinarias estructurais son aquelas necesarias por perdas ou períodos punta de producción, ausencias impostas, cambio de quenda, mantemento ou traballos urxentes derivados da natureza de determinadas actividades.

Procurarase un reparto máis equitativo das horas extraordinarias, co fin de mante-lo principio de igualdade de oportunidades entre os traballadores da/s sección/s afectada/s, e facilitándolle información ó comité.

As horas extraordinarias, de común acordo entre empresa e traballador, poderán ser compensadas por tempos equivalentes de descanso e unha prima de 450 pesetas/hora en concepto de recuperación voluntaria de horas; ou aboalas conforme o valor fixado no anexo II, o valor do cal non poderá ser inferior ó da hora ordinaria de traballo.

Artigo 16º.-Vacacións.

O réxime de vacacións anuais retribuídas do persoal afectado polo presente convenio será de 22 días laborables.

As vacacións anuais non poderán ser compensadas en metálico, e será obrigatorio o seu desfrute.

A empresa, logo de información ó comité, poderá organizar quendas de vacacións en función da carga e da urxencia dos traballos en curso que se deban realizar, os cales deberá pactar cos traballadores afectados.

Estableceranse quendas rotatorias plurianuais equitativas para o persoal que, por razóns de organización, non poida desfruta-las súas vacacións nos períodos sinalados.

As retribucións do persoal en período de vacacións comprenderán o salario base, antigüidade e plus de convenio.

Artigo 17º.-Retribucións.

As retribucións do persoal comprendido neste convenio estarán constituídas polo salario base e os complementos e pluses deste.

Por estar fixado o soldo por períodos anuais, entenderase que as retribucións se refiren a meses de 30 días.

Artigo 18º.-Pagamento de retribucións.

O pagamento das retribucións realizarase mensualmente a través das diversas entidades bancarias.

O día do cobramento será o derradeiro día laborable de cada mes.

En canto ós anticipos, observarase o disposto na lexislación vixente. Estes solicitaranse, polo menos, con corenta e oito horas de anticipación.

Artigo 19º.-Contía.

A contía das retribucións será a fixada na táboa salarial do anexo I.

Para o ano 1997, o incremento será do 3% sobre os valores existentes o 31-12-1996 para os conceptos salariais. En caso de que o IPC real, o 31-12-1997, supere o IPC previsto para este ano, a diferencia sumaráselle ó incremento pactado do 3%.

Artigo 20º.-Antigüidade.

O complemento persoal de antigüidade queda establecido para tódalas categorías nun importe uniforme de 4.600 pesetas por quinquenio, que se devengará o día primeiro do mes no que esta se cumpra.

Artigo 21º.-Gratificacións extraordinarias.

Todo o persoal da empresa terá dereito á percepción de tres pagas extraordinarias anuais, por importe de trinta días e salario base, máis plus de convenio, máis antigüidade, as cales se farán efectivas os días 18 de marzo, 15 de xullo e 15 de decembro.

As ditas gratificacións aboaranse en proporción ó tempo efectivamente traballado durante o ano.

Artigo 22º.-Traballos en sábado e domingo.

Aqueles traballadores, agás o persoal de mantemento, que teñan que realiza-la súa xornada habitual en sábado ou domingo, percibirán unha prima de 550 pesetas por cada hora traballada entre as seis horas do sábado e as seis horas do luns, durante a vixencia do convenio.

Artigo 23º.-Plus de nocturnidade.

O persoal que presta os seus servicios entre as dez da noite e as seis da mañá percibirá, en concepto de plus de nocturnidade, 200 pesetas/hora, para tódalas categorías, que se aplicará desde o 1 de xaneiro de 1997 e ata o 31 de decembro de 1997.

Artigo 24º.-Axudas de custo, desprazamentos e aloxamentos.

Os traballadores que por necesidade da empresa teñan que efectuar desprazamentos ou viaxes a poboacións distintas daquela na que radique o centro de traballo, percibirán:

a) Unha axuda de custo por manutención e aloxamento de acordo co seguinte criterio e distribución:

* Realizando unha comida fóra e pasando a noite no seu domicilio: 1.384 pesetas.

* Realizando dúas comidas fóra e pasando a noite no seu domicilio: 2.215 pesetas.

* Por pasa-la noite e almorzar fóra do domicilio: 7.198 pesetas.

b) Os gastos de locomoción serán por conta da empresa, a cal establecerá o medio de transporte máis idóneo.

Se entre empresa e traballador se acorda que o desprazamento sexa no vehículo propio do traballador establécese unha compensación de 35 ptas/km, coa que queden cubertos tódolos factores do custo, agás a peaxe de autoestradas. A diferencia que exceda do valor fixado legalmente por este concepto será aboada en nómina.

c) Se o desprazamento ou viaxe non orixina ningún gasto por locomoción, manutención, aloxamento, etc. por asumilo a empresa na súa totalidade, esta non aboará cantidade ningunha en concepto de locomoción, axuda de custo, etc, garantindo que o aloxamento estará equiparado a un establecemento de tres estrelas.

Artigo 25º.-Roupa de traballo.

A empresa dotará o seu persoal de dous conxuntos de roupa de traballo e calzado ó ano, con obriga de usalas e cunha duración conxunta dun ano. As súas entregas fíxanse para inverno antes do 15/10 e para verán, antes do 15/4, sendo estas adecuadas á climatoloxía da época. Non obstante, en casos de postos que requiran maior desgaste, facilitaranse máis pezas de roupa.

O comité vixiará a calidade da roupa e presenciará a entrega destas.

Artigo 26º.-Seguro de accidentes.

A empresa concertará coa compañía de seguros que libremente elixa e pola súa conta exclusiva, unha póliza de accidentes de traballo que garanta as seguintes coberturas:

-Falecemento accidental: 3.000.000 de ptas.

-Incapacidade permanente total para a súa profesión habitual: 3.000.000 de ptas.

-Incapacidade absoluta: 3.750.000 ptas.

-Gran invalidez: 4.500.000 ptas.

As coberturas expresadas serán independentes e complementarias das que se atopan cubertas polo réxime xeral da Seguridade Social e, polo tanto, suxeitas á declaración do grao de invalidez que estableza a unidade de valoración de incapacidades.

Artigo 27º.-Réxime disciplinario.

Os traballadores poderán ser sancionados pola dirección da empresa de acordo coa graduación de faltas e sancións que se establecen, tanto no Estatuto dos traballadores coma na demais lexislación laboral vixente.

Artigo 28º-Complemento por IT.

A partir da data do asinamento deste convenio, os traballadores que se atopen en situación de baixa por IT percibirán o 100% da súa retribución, desde o primeiro día, nos casos de accidente de traballo e desde o décimo sexto día nos casos de enfermidade común.

Artigo 29º.-Licencias retribuídas.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito ás licencias retribuídas seguintes:

-Enlace matrimonial do traballador: 15 días naturais

-Matrimonio de fillos: 1 día natural.

-Parto de esposa: 2 días laborables.

-Falecemento de cónxuxe: 4 días naturais.

-Enfermidade grave de cónxuxe: 4 días naturais.

-Enfermidade grave ou falecemento de pais e fillos: 3 días naturais

-Enfermidade grave ou falecemento de irmáns: 2 días naturais

-Enfermidade grave ou falecemento de avós, netos, avós políticos, pais políticos e irmáns políticos: 1 día natural.

-Traslado de domicilio habitual: 1 día natural.

Se o falecemento ou enfermidade grave de esposa e fillos require desprazarse a 300 ou máis quilómetros do domicilio habitual, o correspondente permiso incrementarase en dous días naturais máis.

Artigo 30º.-Cadro de persoal.

Durante a vixencia deste convenio, a empresa comprométese a mante-lo mesmo número de traballadores con contrato indefinido, na medida do posible.

Terán preferencia na contratación de longa duración as persoas que traballasen con anterioridade na empresa durante 18 meses.

Artigo 31º.-Formación.

A empresa velará pola mellora profesional dos traballadores, mediante accións adecuadas para o caso.

Constituirase unha comisión consultiva e de seguimento dos plans de formación da empresa, que estará formada por un representante da dirección e outro representante do comité de empresa.

Cando un traballador asiste a un curso de formación fóra do seu horario de traballo, percibirá:

a) 1.650 pesetas/día, cando o curso non exceda de 5 horas/día.

b) 1.850 pesetas/día, cando o curso exceda de 5 horas/día.

Artigo 32º.-Categorías.

Para os traballadores contratados ó abeiro do Real decreto 2546/1994, do 29 de decembro, con salario

equivalente a especialista B, ó cabo dun ano pasarán a percibi-lo mesmo salario có especialista C.

A empresa e o comité revisarán, durante a vixencia do presente convenio, as clasificacións profesionais.

Artigo 33º.-Paz laboral.

Durante a vixencia do presente convenio, tódolos traballadores da empresa comprométense a mante-la paz laboral, o que non obsta para o exercicio dos dereitos que normativamente lle correspondan.

Disposición derradeira

O presente convenio foi negociado entre o comité e a dirección da empresa.

O Porriño, marzo de 1997.

ANEXO I

Táboa salarial (1)

(1) 1-1-1997: incremento 97=(3%)Ano 1997

Categoría

Salario

base

Plus

convenio

Total/mes

Importe/ano

Peón91.1419.381100.5221.507.830

Especialista A

B

C

93.380

93.380

93.380

17.547

23.517

31.687

110.927

116.897

125.067

1.663.905

1.753.455

1.876.005

Oficial 2ª A

B

C

94.453

94.453

94.453

41.905

54.346

63.965

136.358

148.799

158.418

2.045.370

2.231.985

2.376.270

Oficial 1ª A

B

C

96.328

96.328

96.328

71.706

84.813

98.017

168.034

181.141

194.345

2.520.510

2.717.115

2.915.175

Aux. Adtvo.93.38017.547110.9271.663.905
Of. 2ª Adtvo.94.45372.208166.6612.499.915
Of. 1ª Adtvo.96.32893.674190.0022.850.030

Of. 1ª X.E.96.328106.138202.4663.036.990

Tec. G. medio112.04991.105203.1543.047.310
Tit. superior112.049101.257213.3063.199.590
Xefe Dpto.112.049101.257213.3063.199.590

ANEXO II

Horas extraordinarias

Ptas./hora
CategoríaNormalFestiva

Peón e especialista1.3111.369
Oficial 1ª e 2ª1.4771.543

* Considéranse horas extraordinarias festivas as realizadas entre as seis horas do domingo e as seis horas do luns, ou día festivo e o seguinte, respectivamente.

2697