Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 06 de maio de 1997 Páx. 4.254

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 24 de abril de 1997 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvencionar organizacións non gobernamentais que colaboren con institucións penitenciarias galegas na reeducación e reinserción social dos internos que se atopen en réxime aberto ou en período inmediato á súa posta en liberdade.

A Xunta de Galicia desexa acadar unha maior eficacia, en colaboración coas institucións penitenciarias galegas, na reeducación e reinserción social dos internos que se atopen en réxime aberto ou en período inmediato á súa posta en liberdade, de acordo cos obxectivos do convenio en materia penitenciaria entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Xustiza e Interior (DOG do 28 de xuño de 1990). A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais colabora con organizacións non gobernativas e, en xeral, con asociacións sen ánimo de lucro que se dediquen con asiduidade a este tipo de asistencia no ámbito penitenciario galego.

Nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1997 existe a aplicación orzamentaria 13.02.123A.486.0 Convenios en materia penitenciaria.

Neste sentido, pola presente disposición, establécense os criterios e procedementos que, de acordo coa normativa aplicable, fagan posible a colaboración entre a Xunta de Galicia e as devanditas organizacións e asociacións.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Establécense subvencións a organizacións non gobernativas e asociacións sen ánimo de lucro que contribúan a facilita-la reinserción social dos internos das institucións penitenciarias galegas, especialmente dos que se atopen en réxime aberto ou no período inmediato á súa posta en liberdade, con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.123A.486.0 dos orzamentos xerais da Comunidade de Galicia para 1997, ata un límite de catorce millóns setecentas cincuenta mil pesetas (14.750.000 ptas.).

A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade dun millón de pesetas (1.000.000 de ptas.) por proxecto para o que se solicite a axuda económica.

Artigo 2º

1.-Poderán optar a estas subvencións organizacións non gobernamentais e asociacións sen ánimo de lucro que se dediquen ós fins anteditos.

2.-Non poderán solicitalas aquelas organizacións e asociacións que anteriormente recibisen algunha outra subvención con estes mesmos obxectivos e non xustificasen o seu investimento.

Artigo 3º

As organizacións non gobernamentais e asociacións sen ánimo de lucro que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, segundo modelo que figura no anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, nas súas delegacións provinciais ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 15 días hábiles, a partir do día seguinte ó de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º

1.-A solicitude, segundo o anexo que figura nesta orde, irá acompañada da seguinte documentación:

-Memoria de tódolos programas e de tódalas actividades realizadas durante o ano 1996.

-Memoria explicativa do contido do programa que se vaia realizar durante o ano 1997.

-Orzamento detallado do programa.

-Certificación orixinal que acredite a representación do peticionario, así como indicación do número de inscrición da asociación no rexistro correspondente.

-Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal da organización non gobernamental ou asociación peticionaria.

2.-Os concorrentes poderán presentar un ou varios proxectos de actuación, cada un dos cales será obxecto de valoración separada para os efectos de selección e adxudicación.

Artigo 5º

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, e o director xeral de Xustiza e Administración Local, elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, que resolverá.

Excepcionalmente, poderase supera-la cantidade dun millón de pesetas (1.000.000 de ptas.) sinalada no artigo 1º, no caso dalgunha actividade de extraordinario interese dentro do campo de actuación sinalado.

Artigo 6º

1.-A resolución da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais respecto da presente liña de subvencións seralles notificada ós solicitantes transcorridos tres meses desde o remate do prazo de presentación das solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Esgotado o dito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente, segundo o establecido no Decreto 273/1994, do 29 de xullo, polo que se aproba a relación de procedementos iniciados por solicitude dos interesados dos que sexa competente para resolver a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e nos que a falta de resolución expresa da Administración produce efectos desestimatorios ou estimatorios.

2.-Recibida a notificación pola que se adxudica a subvención, deberá comunicarse a súa aceptación á Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, dentro do prazo dos dez días seguintes á data de recepción; de non facelo no dito prazo, entenderase que renuncia a ela.

Artigo 7º

Os beneficiarios da subvención, unha vez aceptada esta, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 8º

Os beneficiarios da subvención presentarán xustificantes orixinais do gasto, por triplicado, antes do 15 de outubro de 1997. A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, de atopalos conformes, proporá o libramento dos fondos.

Artigo 9º

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a

Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais instruirá expediente sancionador conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación, e o artigo 78.6 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 10º

Os solicitantes ós que non lles fose concedida a subvención dispoñerán dun prazo de 30 días naturais, contados a partir da resolución, para retira-la documentación presentada. Transcorrido este prazo arquivarase sen máis trámites.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración Local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 1997.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

1954