Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 06 de maio de 1997 Páx. 4.257

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Rías Baixas Comunicación, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Rías Baixas Comunicación, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 21-2-1997, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, en data 10-2-1997. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 26 de febreiro de 1997.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de Rías Baixas Comunicación, S.A. para 1997

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio é de aplicación nos centros de traballo de Rías Baixas Comunicación, S.A. actualmente existentes e naqueles que durante a vixencia do presente convenio puidesen establecerse.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O convenio afecta á totalidade do persoal que preste servicios na empresa e o faga en virtude dunha relación laboral.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

O presente convenio terá unha vixencia desde a data 1/1997 ata o 31/12/1997 con independencia da súa publicación oficial unha vez homologado pola autoridade laboral.

Artigo 4º.-Prórroga.

Extinguido o período de vixencia e no caso de non mediar denuncia expresa por calquera das dúas partes, con polo menos un mes de antelación ó seu remate, entenderase prorrogado no seu contido normativo, excepto os artigo 29 e 32, ata que entre en vigor o novo convenio.

Artigo 5º.-Rescisión e revisión da denuncia do convenio.

A denuncia do presente convenio deberá realizarse, polo menos, cun mes de antelación ó seu remate. Haberá de formalizarse por escrito e comunicarllo á empresa e ós delegados de persoal.

Artigo 6º.-Da proposta de negociación.

A representación do persoal ou empresarial que formule a denuncia e pretenda negociar un novo convenio que substitúa ó daquela vixente deberá xunta-lo seu escrito de denuncia, proposta do punto ou puntos para negociar, expresando:

a) Prazo de duración do novo convenio.

b) Materias concretas que se van negociar.

c) Repercusión económica anual das condicións que teñan carácter ou incidencia económica.

d) Criterios empresariais en relación á estructura e determinación do persoal laboral.

Capítulo II

Garantías e absorbilidade

Artigo 7º.-Vinculación á totalidade.

As representacións conveñen que sendo o pactado un total orgánico indivisible, consideran o novo convenio nulo e sen efecto no suposto de que a autoridade administrativa competente non fose aprobado algún punto fundamental a xuízo de calquera das partes, pasándose neste caso a unha nova redacción e á conseguinte negociación dun novo convenio.

Artigo 8º.-Absorcións.

As disposicións legais futuras que impliquen variación económica en todos ou nalgún dos conceptos retributivos, unicamente terán eficacia se, globalmente consideradas e sumadas ás vixentes con anterioridade ó convenio, superen o nivel total deste. En caso contrario, consideraranse absorbidas polas melloras pactadas.

Artigo 9º.-Garantía persoal.

Respectaranse as situacións persoais que, con carácter global, excedan o convenio.

Capítulo III

Comisión mixta

Artigo 10º.-Constitución e funcións.

No prazo máximo dun mes a partir da sinatura deste convenio, crearase unha comisión mixta constituída por tres representantes dos traballadores e tres persoas en representación da empresa.

As funcións desta comisión serán as seguintes:

a) Interpretación do convenio.

b) Definición e valoración dos postos de traballo orixinados pola empresa que non estean catalogados.

c) Conciliación dos conflictos colectivos, con independencia de conciliación perante os organismos competentes.

d) Cantas outras actividades tendan á eficación práctica do convenio.

Artigo 11º.-Funcionamento da comisión.

A comisión mixta reunirase:

a) Cando así o acorden ámbalas partes (reunión extraordinaria).

b) Dúas veces cada trimestre, con carácter ordinario.

Os acordos adoptaranse conxuntamente entre as dúas representacións, e non serán efectivos ata a aprobación da acta na que consten.

En caso de non chegarse a un acordo, ámbalas partes, se así o conveñen, poden someterse a arbitraxe, conciliación ou mediación ante o SMAC ou outro organismo competente; para este fin seranlle remitidos os informes que as partes consideren oportunos. A decisión dos citados organismos terá carácter vinculante, excepto no caso de que ámbalas partes chegasen a un acordo posterior ou simultáneo; neste caso prevalecerá este sobre aquela, que quedará nula e sen efecto.

Capítulo IV

Organización do traballo

Artigo 12º.-Principios xerais.

Ámbalas partes conveñen en seguir aplicando técnicas de racionalización do traballo e coinciden na conveniencia de aplica-los sistemas de modernización que se consideren necesarios, debendo oír en todo caso ós delegados de persoal.

Artigo 13º.-Xornadas.

A xornada de todo o persoal afectado por este convenio será de 36 horas semanais (6 horas diarias) con 36 horas seguidas de descanso. Sen embargo, os horarios xerais das diferentes quendas de traballo serán acordados pola empresa e oídos os representantes dos traballadores, en función das necesidades de producción e servicio.

Artigo 14º.-Descansos.

Dadas as características do traballo redaccional, a empresa permitirá a acumulación dos descansos semanais, sempre e cando non inflúan no desenvolvemento normal da actividade productiva.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

A iniciativa do traballo en horas extraordinarias corresponderá á empresa e ó traballador a libre aceptación ou denegación. O seu número no poderá exce

de-los límites establecidos no artigo 35.2 ET. A remuneración da hora extraordinaria traballada en días laborables será incrementada nun 75% adicional á hora ordinaria e un 100% adicional se se realizase en domingo ou día festivo. Se as horas extraordinarias se realizasen entre as 22 horas e as 6 horas terán, ademais, o aumento da porcentaxe correspondente ó plus de nocturnidade, consistente no 25% do salario base maila antigüidade. Debido á natureza do traballo xornalístico, os traballadores comprométense a realiza-lo traballo necesario para dar saída ós traballos que teñan a particularidade de diarios. A prolongación da xornada terá que ser notificada ó persoal correspondente polo xefe da sección á que corresponda antes da conclusión da xornada laboral.

Capítulo V

Réxime de persoal

Artigo 16º.-Contratación de persoal.

Toda persoa que sexa admitida para traballar en Rías Baixas Comunicación, S.A., como traballador por conta allea terá que asinar un contrato de traballo onde se recollan os requisitos esixidos pola lexislación vixente.

Polo que afecta ós contratos de aprendizaxe e formación, formalizaranse por escrito e a empresa axustarase ó previsto no artigo 11 do Estatuto dos traballadores. A duración do contrato de aprendizaxe ou de formación será a sinalada pola lei, aínda cando a empresa poderá acurta-lo dito prazo. A empresa comprométese a entregarlles ós delegados de persoal a copia base dos contratos e prórrogas.

Artigo 17º.-Vacantes.

As vacantes que se produzan na empresa comunicaránselle ós seus delegados de persoal, para así transmitirllo ó resto dos traballadores para que poidan presenta-la súa solicitude co tempo necesario.

Artigo 18º.-Traballos de superior categoría.

O traballador que desempeñe traballos de categoría superior por un período que exceda os oito meses durante doce meses ou dez meses durante vintecatro meses, ascenderá automaticamente á categoría superior, sempre que teña a titulación adecuada ou cumpra os requisitos regulados para o dito ascenso.

A retribución do persoal que realice traballos de categoría superior será a da súa categoría maila diferencia ata alcanza-la retribución da categoría desempeñada.

Artigo 19º.-Traballos de inferior categoría.

Ningún traballador poderá ser destinado a realizar traballos de inferior categoría, agás naqueles casos de común aceptación por ámbalas partes ou por necesidades do servicio e por tempo máximo de tres meses, pero sen que supoña perda ningunha da súa retribución.

Cando o traballador solicitase desempeñar unha tarefa de inferior categoría á que ostenta poderáselle asigna-lo salario correspondente ó traballo efectivamente prestado. A solicitude deberá formalizarse por escrito e comunicada ós delegados de persoal.

Artigo 20º.-Adaptación do persoal.

Enténdese por traballador con capacidade diminuída aquel que deixe de estar en condicións físicas e psíquicas para continuar realizando eficazmente as tarefas que viña desempeñando en función da súa categoría, sexa iso debido a accidente ou enfermidade, aínda que non haxa posibilidade de obte-la baixa da Seguridade Social pero sexa declarada por un servicio médico.

Logo dos dictames ou asesoramentos técnicos oportunos para aquela situación e de acordo coas súas indicacións, procederase a asignarlle a este traballador unha tarefa conforme a súa capacidade diminuída pactándose a retribución en cada caso. Este dereito do traballador diminuído quedará condicionado á existencia de posto vacante que se vai desempañar que reúna as características idóneas.

Artigo 21º.-Cambio de tecnoloxía.

En caso de que un cambio de posto viñese imposto polo progreso tecnolóxico e esixa ó mesmo tempo unha variación ou aumento dos coñecementos do traballador, procederase á súa reconversión profesional sendo a dirección da empresa a que tome a decisión sobre o resultado positivo ou non da reconversión do traballador, e polo tanto da súa avaliación.

As operacións de reconversión realizaranse con asistencia dos técnicos que a empresa designe, informando ós delegados de persoal. Os traballadores afectados non perderán as súas categorías e retribucións alcanzadas. Se o traballador convertido pasa a desempeñar traballos de superior categoría, será retribuído de acordo coa nova situación.

Artigo 22º.-Xornalistas.

Ningún xornalista poderá ser obrigado a copiar ou a introducir no sistema electrónico orixinais alleos, a non ser cando se trate de reelaboración xornalística. Os xornalistas non poderán ser valorados no seu traballo a través de medios electrónicos, tanto nos aspectos cualitativos como cuantitativos.

Capítulo VI

Condicións económicas

Artigo 23º.-Remuneracións.

Para efectos deste convenio, fíxase unha suba salarial do 3%. Así mesmo, a partir do cuarto mes da entrada en beneficios da empresa, e en todo caso, a partir do 1 de setembro de 1997, aplicarase sobre a anterior unha suba salarial do 2,6%. De non alcanzarse a rendibilidade económica da empresa, esta segunda volverase negociar entre as partes. Tódolos emolumentos económicos pactados entre as partes son os seguintes:

Artigo 24º.-Salario base.

Enténdese por salario base a totalidade das remuneracións que con carácter fixo e ordinario se perciben mensualmente, con independencia daqueles pluses que por ser persoais, por posto do traballo, de vencemento superior ó mes, ou devengos extrasalariais, cobre a maiores cada traballador en concreto, servindo de base para a obtención dos demais.

O salario base será especificado para cada categoría que se relaciona no anexo a este convenio. As variacións deste virán dadas polo ordenamento legal ou pactado en convenio entre as partes.

Artigo 25º.-Antigüidade.

Sen prexuízo das disposicións vixentes sobre a materia, establécese que todo traballador, ó cumpri-los anos preceptivos cobrará trienios na cantidade do 5% do salario base que teña, independentemente, cada traballador.

En canto ós límites da acumulación dos incrementos por antigüidade, en ningún caso poderá supera-lo 25% do salario base maila antigüidade.

Artigo 26º.-Plus dominical.

O persoal percibirá por cada domingo traballado un plus equivalente ó 240% do salario diario bruto.

Artigo 27º.-Excedencia.

Neste asunto observarase o disposto do Estatuto dos traballadores.

Artigo 28º.-Pagas extraordinarias.

Como parte integrante do seu salario, os traballadores de Rías Baixas Comunicación, S.A. terá dereito á percepción das seguintes pagas extras:

-Paga de verán, que se percibirá en xullo.

-Paga de Nadal, que se percibirá antes do 20 de decembro.

(Estas pagas serán retribuídas con tódolos conceptos fixos que entren no salario).

-Paga de beneficios: consistente nun 8% de tódolos emolumentos devengados en nómina ó longo do ano. Farase efectiva no primeiro trimestre do ano.

Artigo 29º.-Compensación por enfermidade.

O traballador que estea en situación de baixa por incapacidade laboral transitoria será compensado pola empresa mentres permaneza de baixa por longa enfermidade ou hospitalización, a partir de 16 días, cunha cantidade que sumada á percepción da Seguridade Social polo dito concepto, alcance o 100 por 100 do seu emolumento mensual.

Artigo 30º.-Delegados.

Os responsables das delegacións que Atlántico Diario manteña fóra da redacción central terán a categoría de delegados. A súa retribución corresponderá á dun redactor, e percibirá un complemento de responsabilidade consistente na diferencia de

salario existente entre o seu propio e o de xefe de sección, mentre ocupe tales cometidos.

Capítulo VII

Melloras sociais

Artigo 34º.-Festivos.

Dadas as características do traballo de prensa, o persoal de redacción traballará os días festivos. Estes días festivos serán compensados ós traballadores afectados cun día de vacación por cada día festivo traballado, podendo acumular ata 14 días deste descanso nas vacacións anuais, atendendo as necesidades da empresa.

Artigo 32º.-Vacacións.

As quendas de vacacións estableceranse en función do disposto no artigo 38 ET. No caso de baixa por enfermidade as vacacións interromperanse continuando os días que falten despois da alta médica, sen que iso cause prexuízo a outro compañeiro nas súas vacacións. Se a baixa é anterior ó inicio do desfrute, sinalarase un novo período de vacacións.

Artigo 33º.-Permisos.

As ausencias do traballo con dereito a remuneración que -logo de aviso e xustificación- se conceden ó traballador en caso de enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade, establécese por un período de dous días, ampliable a catro días en caso de necesidade de desprazamento para o efecto.

-A ausencia prevista por causa de traslado de domicilio do artigo 37.3 c) do ET con dereito a remuneración establécese en dous días.

-Por casamento, quince días naturais ininterrompidos, aboables, que poderán desfrutarse cunha antelación de dous días á data sinalada para a cerimonia.

-Tempo necesario para ser asistido por facultativos da Seguridade Social.

-Paternidade: de acordo coa normativa vixente.

-Maternidade: de acordo coa normativa vixente.

Artigo 34º.-Videoterminais.

Ningún traballador poderá ser obrigado a permanecer ante os videoterminais máis tempo do establecido na súa xornada laboral, con descansos de 10 minutos cada hora de traballo.

O uso de videoterminais obrigará a pasar unha revisión oftalmolóxica, ademais do chequeo anual. Tódolos gastos médicos derivados de enfermidades ou lesións que se demostren atribuíbles ó traballo en videoterminais e que non sexan cubertos pola Seguridade Social serán pagados pola empresa. Os empregados que, debido ós traballos realizados en videoterminais, necesiten adquirir lentes correctoras para a vista, terán unha subvención de 3.000 pesetas.

Artigo 35º.-Notas necrolóxicas.

A dirección da empresa porá unha nota necrolóxica gratuíta para os traballadores polos familiares falecidos ata o segundo grao de consanguinidade.

Artigo 36º.-Seguridade e hixiene.

Os delegados designarán, logo de consulta dos traballadores, os vocais representantes destes no comité de seguridade e hixiene, entre o persoal da empresa con categoría profesional mínima de especialista ou asimilado e que seguise algún curso de seguridade e hixiene, sendo as súas funcións as enmarcadas no Estatuto dos traballadores.

Capítulo VIII

Mobilidade xeográfica

Artigo 37º.-Normas xerais.

Nos casos de traslado xeográfico forzoso, logo dos trámites legais establecidos, o traballador percibirá, logo de xustificación, o importe dos seguintes gastos: os de locomoción do interesado e familiares que convivan con el ou dependan del economicamente; os de transporte mobiliario, roupa e utensilios; e unha indemnización en metálico, equivalente a sesenta ou trinta días do salario real que veña percibindo no momento do traslado, segundo teña ou non familiares ó seu cargo.

Artigo 38º.-Permuta.

Os traballadores, con destino nunha mesma localidade ou en localidades distintas e pertencentes á mesma empresa e grupo profesional, poderán concerta-la permuta dos seus respectivos postos, a reserva do que aquela decida, en cada caso, tendo en conta as necesidades do servicio, a aptitude dos permutantes para o novo destino e demais circunstancias que deban ser consideradas.

Artigo 39º.-Permuta obrigatoria.

A muller embarazada, a partir do cuarto mes de xestación, en caso de desenvolver traballo previamente declarado polo facultativo pertinente como penoso ou perigoso para o seu embarazo, terá dereito, logo de solicitude, a ocupa-la primeira vacante que se produza nun posto de traballo ou permuta do seu posto por outro, sempre que o posto de acceso sexa adecuado á súa formación profesional, non estea exposto ós citados riscos, non sexa de superior categoría, dentro do mesmo grupo profesional e exista posibilidade na empresa.

O dereito ás expresadas ocupacións ou permutas non significan prexuízo para a categoría e soldo da interesada, nin tampouco xerará a necesidade ou obriga de crear un posto de traballo novo.

En caso de permuta, a empresa, oídos os delegados de persoal, designará a persoa que obrigatoriamente quede afectada quen, polo carácter de provisionalidade e duración da situación, se reincorporará ó seu anterior posto de traballo cando a embarazada cause baixa no traballo.

Ámbolos supostos de ocupación ou permuta non darán lugar, en ningún caso, á consolidación dos traballadores afectados nos postos de traballo provisionalmente ocupados, aínda que a situación de interinidade supere os dous meses.

Artigo 40º.-Axudas de custo e desprazamentos.

Se, por necesidades do servicio, algún traballador ten que desprazarse fóra da localidade na que habitualmente teña o seu destino, terá dereito ó aboamento dos gastos de locomoción, a razón de 22,5 pesetas por quilómetro percorrido en vehículo propio, Os gastos de locomoción noutros medios, así como os de comidas e aloxamento serán aboados pola empresa sobre xustificante e logo de aprobación do xefe de departamento.

Capítulo IX

Disposición derradeira

Artigo 41º.-Aplicacións da lexislación laboral.

No non previsto ou regulado polo presente convenio, serán de aplicación, sobre as respectivas materias, as normas e disposicións de carácter xeral establecidas pola lexislación vixente en cada momento.

ANEXO I

Definicións de categorías

Redacción.

En virtude deste convenio de empresa o persoal de redacción divídese en:

Xefe de redacción.-É o xornalista que supervisa e coordina o traballo de dúas ou máis seccións da redacción, sendo responsable ante o redactor xefe.

Xefe de sección.-É o xornalista que asume a responsabilidade dunha sección na que supervisa e coordina o traballo de dúas ou máis persoas do cadro de persoal de redacción.

Redactor.-Xornalista é a persoa que traballa racional e directamente a noticia literaria ou graficamente; quen a busca, escribe e selecciona ou titula; non o que se reduce a unha simple manipulación.

Será de libre disposición o redactor que, logo de pacto coa empresa, ademais do cometido específico que ten asignado, está a dispor da dirección en todo momento para cubri-las necesidades informativas de carácter eventual. Non se deduce do contrario a prolongación de xornada, senón a súa distinta distribución.

Axudantes de redacción.-Abrangue esta categoría o persoal adscrito a redacción que realiza distintas funcións dentro dela sen asumi-las obrigas do redactor. Esta categoría subdivídese en:

1. Axudantes preferentes, que inclúe:

a) Documentalistas.-É o que atende ás instruccións xerais que sinale ou dicte o xefe de documentación, sen realizar traballo de redacción.

b) Mecanógrafos de redacción con capacidade suficiente para mecanografía a unha velocidade de máis de 90 palabras por minuto.

c) Axudantes literarios e maquetistas ou de confección de páxinas e infografistas. Son os axudantes que, baixo a supervisión dun redactor, realizan ou confeccionan textos ou información práctica, sen asumi-la responsabilidade desta.

d) Secretarios de redacción.-É o persoal que auxilia á redacción, conectándoa co exterior e tomando as crónicas de correspondentes ou redactores en misións exteriores.

2. Axudantes.-Abrangue esta categoría ós mecanógrafos de redacción que non reúnan os requisitos esixidos no apartado 1b, teletipistas, debuxantes, caricaturistas, traductores, lectores de axencias informativas e documentalistas encargados de revisar, seleccionar e clasificar por materias e autores o material gráfico e literario no centro de documentación ou arquivo.

Abrangue tamén esta categoría os fotógrafos sen título ou acreditación, así como os auxiliares de fotografía que realizan funcións de laboratorio (revelado e positivado de fotografías) e ó persoal que, con amplos coñecementos das funcións atribuídas ó operador de composición, por medio dun escáner ou procedemento similar é capaz de facer que as imaxes (logotipos, fotografías, textos, etc.) poidan recibir un tratamento informatizado que logo utilizarán os operadores de composición ou, se é o caso, o persoal correspondente ó departamento de redacción.

Área de informática.

Técnico de sistemas.-Responsabilízase da instalación e mantemento dos equipos de reposto e dos programas. Tamén atenderá á resolución de problemas que poidan te-los usuarios dos programas informáticos.

Auxiliar de sistemas.-Encárgase do manexo do ordenador e doutros elementos como impresoras, ademais de atende-las instruccións emanadas do sistema operativo e ás ordes de execución de traballos previamente programados.

Persoal administrativo.

A categoría de persoal administrativo comprende o persoal que, posuíndo os coñecementos precisos, realiza habitualmente as funcións de oficina e despacho, incluíndo os servicios de informática e auxiliares necesarios para o control administrativo da empresa.

Quedan, pois, abranguidos no concepto xeral de persoal administrativo cantos, posuíndo coñecementos de mecánica administrativa, de proceso de datos, técnicos e contables, realicen habitual e principalmente aquelas funcións xeralmente recoñecidas polo costume como de persoal de oficinas ou despacho.

Este grupo abrangue as seguintes categorías:

Xefes de sección.-Abrangue esta categoría o persoal que asume, baixo a dependencia directa da xerencia ou administración, o mando e a responsabilidade dun sector de actividades de tipo burocrático, tendo ás súas ordes e baixo a súa dirección ó persoal deste grupo profesional.

Oficiais de primeira.-Son aqueles empregados cun servicio determinado ó seu cargo que, con iniciativa e responsabilidade, con ou sen empregados ás súas ordes, executan, baixo a dependencia dun xefe, funcións administrativas. Terán sempre esta consideración os que realicen algunhas das seguintes funcións: caixeiro de cobramento e pagamento sen sinatura nin fianza: propón, calcula e redacta as facturas con complexidade na súa formulación e cálculo; formulación e realización de estatísticas nas que interveñan cálculos de importancia; redacción de correspondencia con iniciativa propia en asuntos que excedan de importancia ós de simple trámite; redacción de asentos contables; recapitulación de operacións de diarios múltiples; formulación de asentos en libros de contas correntes; verificación sen auxilio nin revisión dun superior das liquidacións e cálculos das nóminas de salarios ou haberes e seguros sociais; taquimecanógrafo en idioma estranxeiro, e os que presten outros servicios, dos

que o mérito e importancia no tipo administrativo teñan categoría análoga ás sinaladas nesta clasificación.

Oficiais de segunda.-Son os empregados que, con certa iniciativa e con subordinación ós xefes de sección ou oficiais de primeira efectuarán operacións auxiliares de estatística e contabilidade ou coadxuvantes delas, manexo de arquivos e ficheiros, correspondencia sinxela e demais traballos similares.

Auxiliares.-Considéranse como tales aqueles administrativos que realicen as funcións auxiliares. Os mecanógrafos que con pulcritude e corrección obteñan un número de pulsacións inferiores ás trescentas por minuto e os taquígrafos que non cheguen ás cen palabras por minuto ó dictado.

Servicios auxiliares de administración:

Ordenanza.-É aquel empregado que ten como misión estar ó coidado dunha centraliña telefónica. Tamén coidará dos accesos ós centros ou locais da empresa, de acordo coas distintas disposicións dos seus superiores.

Outra das funcións será a de realizar mandados e traballos sinxelos dunha oficina, os encargos que se lle encomenden dun a outro departamento, e recoller e entregar correspondencia.

Departamento comercial.

O departamento comercial estará formado inicialmente polas seccións de vendas, publicidade e distribución, e no futuro polas que sexan de nova creación.

As categorías do persoal integrado na sección de publicidade son:

Xefe de sección.-Baixo a dependencia directa da xerencia, asume o mando e responsabilidade da actividade de venda de espacios publicitarios tendo baixo a súa dirección ó persoal deste grupo profesional.

Promotor comercial.-Realizará, baixo a supervisión do xefe de sección os labores propios da venda de espacios publicitarios. Enténdese como labores de venda de publicidade non só as que poden derivar do feito da venda en si, senón as que a longo prazo poden ocasiona-la dita venda.

Deseñadores-escaneadores.-Abrangue esta categoría o persoal que, tendo os coñecementos necesarios e partindo dunha idea inicial propia ou allea, é capaz de crear e confeccionar, por medio de ordenador, un reclamo publicitario destinado a ser impreso en soporte de papel. Inclúe tamén o persoal que por medio dun escáner ou procedemento similar é capaz de facer que as imaxes e textos publicitarios poidan recibir un tratamento informatizado para a súa inclusión no xornal.

As categorías do persoal integrado na sección de vendas e distribución son:

Xefe de sección.-Baixo a dependencia directa da xerencia, asume o mando e responsabilidade da actividade da venda do xornal, tendo baixo a súa dirección ó persoal deste grupo profesional.

Inspector de vendas.-Encárgase de supervisa-la boa marcha dos labores de venda do xornal tanto ó número como ós subscritores.

Promotor preferente de vendas.-É a persoa que, baixo o mando do xefe de sección, coordina e supervisa o traballo de varios promotores de vendas.

Promotor de vendas.-Realiza, baixo a supervisión do promotor preferente de vendas, os labores propios da venda do xornal.

En caso de aparición de novos postos de traballo que non estean catalogados no presente convenio colectivo, será o comisión mixta a encargada de valoralos e definilos.

ANEXO II

Retribucións para 1997

Redacción

Xefe de sección133.307

Redactor116.224

Oficial 1º de datos128.392

Axudante preferente de redacción94.058

Axudante de redacción84.519

Documentalista84.519

Publicidade

Xefe de sección133.307

Promotor comercial84.519

Deseñadores-escaneadores84.519

Administración

Xefe de sección133.307

Oficial de primeira94.058

Oficial de segunda87.038

Auxilar84.519

Ordenanza71.933

Vendas

Xefe de sección133.307

Promotor preferente de vendas92.226

Promotor de vendas84.519

Distribución

Xefe de sección133.307

Inspector de vendas86.932

2292