Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Martes, 06 de maio de 1997 Páx. 4.252

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 30 de abril de 1997 pola que se determinan os servicios mínimos dirixidos a garanti-los servicios esenciais polo persoal interino, médicos e ATS/DUE de Atención Primaria das provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que se levará a efecto desde as 0 ás 24 horas dos días 6, 8, 13, 15, 20, 22, 27 e 29 de maio de 1997, e de forma indefinida a partir das 0 horas do día 30 de maio de 1997.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ó mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público da prestación da asistencia sanitaria non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación a este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servicios esenciais afectados, para que, mediante orde, e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, así como para determina-lo persoal necesario para a súa prestación.

Convocada folga que afecta ó persoal interino de médicos e ATS/DUE de Atención Primaria que se levará a efecto desde as 0 ás 24 horas dos días 6, 8, 13, 15, 20, 22, 27 e 29 de maio de 1997 e de forma indefinida a partir das 0 horas do día 30 maio 1997, oído o comité de folga, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

A folga convocada desde as 0 ás 24 horas dos días 6, 8, 13, 15, 20, 22, 27 e 29 de maio de 1997 e de forma indefinida a partir das 0 horas do día 30 de maio de 1997, que afecta ó persoal interino médicos e ATS/DUE de Atención Primaria, enténdese condicionada ó mantemento dos servicios mínimos que resultan dos criterios seguintes:

Persoal facultativo:

1. Cobertura do 100% da actividade urxente.

2. Por cada especialidade por centro de traballo en tempo de consulta, un 25% do persoal con vínculo interino.

Persoal sanitario non facultativo:

1. Cobertura do 100% da actividade urxente.

Por cada grupo e centro de traballo en tempo de consulta un 25% do persoal con vínculo interino.

Os servicios mínimos que se fixan resultan totalmente imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios da institución sanitaria, para evitar de que se produzan graves prexuízos ós usuarios.

Tales mínimos responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ineludible ó exercicio do dereito á folga, coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos polas características do servicio dispensado.

Xustifícase a fixación dos mentados criterios no feito de que resulta necesario garantírlle-la asistencia imprescindible ós pacientes de consulta e atención urxente ós usuarios. En ámbolos dous casos, calquera omisión ou preterición traería consigo consecuencias moi negativas para os usuarios coa posible irrogación de danos e perdas.

Tamén convén sinalar que tales criterios basicamente corresponden cos tidos en conta con motivo doutras folgas no ámbito sanitario e de acordo coas centrais sindicais, matizadas neste caso polo feito da maior brivación da folga e o seu eventual carácter indefinido.

Artigo 2º

A designación númerica e nominal, que resulta da aplicación dos criterios establecidos con carácter rotatorio do persoal que deberá cubri-los distintos servicios, será determinada polos directores xerentes de cada Atención Primaria e por centros.

Artigo 3º

Os prazos e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servicios mínimos determinados no anexo serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1º do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo de 1977).

Artigo 4º

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Artigo 5º

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observa-las normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos sanitarios.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 1997.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

3331