Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Venres, 02 de maio de 1997 Páx. 4.133

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 1997, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se lle dá publicidade ó laudo arbitral dictado ó abeiro do previsto no capítulo III do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo -AGA-, para a solución das discrepancias que en materia salarial mantiñan as partes negociadoras do convenio colectivo para o ano 1997, da empresa Aquagest, S.A.

Visto o texto do laudo arbitral do 24 de marzo de 1997 dictado ó abeiro do establecido no capítulo III do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo -AGA-, para soluciona-lo conflicto xurdido entre as aprtes negociadoras do convenio colectivo para o ano 1997 da empresa Aquagest, S.A., e en cumprimento do artigo 2 f) e 6 do Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo en relación co artigo 90.2º do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, esta dirección xeral,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado laudo arbitral no correspondente rexistro desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 1997.

Juan Pedrosa Vicente

Director xeral de Relacións Laborais

Laudo arbitral

Carlos Domenech de Aspe, designado árbitro na acta de compromiso arbitral con data 20-3-1997, subscrita pola representación empresarial e representación dos traballadores da empresa Aquagest, S.A., conforme o establecido no Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo (AGA) visto o expediente e oídas ás alegacións das partes, dicta o presente,

LAUDO

Antecedentes:

Con data 25-2-1997 ten entrada, no Servicio de Solución de Conflictos do Consello Galego de Relacións Laborais, escrito de promoción do procedemento de conciliación-mediación subscrito polas representacións empresarial e social da empresa Aquagest, S.A. Nomeado o que subscribe mediador, procedeuse a reuni-las partes con data 20-3-1997

chegándose ó acordo de someter a arbitraxe a cuestión debatida, subscribindo a acta de compromiso arbitral na mesma data.

-Feitos que motiva a arbitraxe.

Sométese á decisión arbitral a interpretación dos arts. 39 e 56 do vixente convenio colectivo (DOG 16-4-1996) co fin da aplicación do incremento salarial para o ano 1997.

-Consideracións e fundamentos xurídicos.

A discrepancia entre as partes xorde, no momento de aplica-lo incremento salarial para 1997, pola interpretación que se fai pola parte empresarial de que o dito incremento debe considerar, á hora de calcularse, a variación que, sobre o IPC previsto para o ano 1996, se produciu no IPC real que diminuíu 3 décimas e, con isto, considera que se aplica a filosofía do mantemento do poder adquisitivo incrementado no 1,25% para 1997, que fixou o convenio colectivo no momento da súa negociación.

Independentemente de que isto puidese ser así, a interpretación e a consecuente aplicación do pactado en convenio colectivo debe efectuarse, nunha arbitraxe en dereito, no exame concreto da normativa segundo o sentido propio das súas palabras e en relación coas circunstancias ás que se refire o artigo 3 do Código civil.

Pois ben, o artigo 56 do convenio colectivo fixo separadamente os incrementos para os anos 1995, 1996 e 1997 establecendo claramente os parámetros de cada un deles e, concretamente, para o último ano, no IPC previsto máis 1,25% o que supón un 3,85%.

A decisión empresarial baseada en que se cumpra o propósito de mante-lo poder adquisitivo sobre o IPC real coa garantía adicional pactada, acepta o incremento antes sinalado pero non aplicado sobre as percepcións reais do ano anterior sobre o valor do IPC real máis o 1% que correspondía ó ano 1996, considerando o IPC previsto, que, nese ano, foi superior en 3 décimas ó real. Isto fai que o incremento efectivo no ano 1997 sobre as percepcións reais do ano anterior supoña un 3,55% na práctica.

É necesario, por tanto, examina-las posibilidades que na súa redacción permite o art. 39 do convenio colectivo co fin de axusta-lo IPC previsto ó real, xa que o artigo 56 antes citado é claro na súa redacción separada anualmente e nas referencias ós incrementos.

Claramente, do exame literal do artigo 39 dedúcese a única posibilidade de revisión salarial por incremento do IPC real sobre o previsto sen que da súa redacción en ningún caso, se poida deducir unha aplicación en caso de descenso. En efecto considera revisións unicamente no caso de que, en cada ano, o IPC resultante supere o inicialmente previsto, reafirmando no seu último apartado que a súa aplicación sobre o exceso resultante e separando claramente os períodos anuais que impiden considerar axustes

interanuais. Convértese, por tanto, nunha cláusula de garantía que unicamente ten en conta o prexuízo da perda de poder adquisitivo pero que non prevé, en ningún caso, o axuste por exceso.

Por tódalas consideracións apuntadas díctase a seguinte,

RESOLUCIÓN:

O incremento para 1997 debe se-lo 3,85%, resultado da suma do IPC previsto (2,60%) máis 1,25% aplicado sobre as táboas salariais que, en aplicación do incremento experimentado en 1996, se percibirían efectivamente durante ese ano.

O presente laudo poderá ser impugnado perante a xurisdicción social de acordo co punto 5 do artigo 24 do Acordo Interprofesional Galego sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflictos de Traballo.

3193