Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Martes, 29 de abril de 1997 Páx. 3.945

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 97/1997, do 21 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea, a 15/20 kV desde a L.M.T ó C.T. de Breixo ata o centro de transformación que se proxecta en Piñeiro, no termo municipal de Cambre, provincia da Coruña. (Expediente 78/1995).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Severo Ochoa nº 2 da Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 15/20 kV de 1.043 m de lonxitude, con conductor LA-56, con orixe na liña ó centro de transformación de Breixo e remate no centro de transformación que se vai construír en Piñeiro, afectando no seu percorrido ó termo municipal de Cambre (A Coruña) (expte. 78/1995).

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública, e aprobouse o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 15-1-1996, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 13-2-1996, no BOP da Coruña do 13-2-1996, e no BOE do 10-2-1996.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do Regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 6-6-1996, no BOP da Coruña do 19-6-1996, no xornal El Ideal Gallego do 26-6-1996, e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello de Cambre e no

da delegación provincial, ó mesmo tempo, na forma regulamentaria, notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período en que se someteu a trámite de información pública non se recibiron alegacións.

Unha vez efectuada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Cóidase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. xa que con esta liña se pretende mellora-las condicións de subministración ó xeito de garanti-las máximas condicións de seguridade, e continuidade de subministración no concello de Cambre, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para a execución delas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de marzo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea que une a liña que alimenta o centro de transformación de Breixo e ó centro de transformación que se vai construír en Piñeiro.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Cambre (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, vinteún de marzo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

3128