Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Martes, 29 de abril de 1997 Páx. 3.946

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 31 de marzo de 1997 pola que se convocan os Premios Galicia de Comunicación 1997.

Co fin de promocionar todo o que contribúa a profundar na realidade galega, así como para recompensar publicamente o labor que profesionais, institucións e empresas da comunicación veñen realizando neste sentido, a Consellería de Cultura e Comunicación Social convoca os Premios Galicia de Comunicación 1997. Para tal efecto,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse os Premios Galicia de Comunicación 1997 e apróbanse as súas bases, que se publican como anexo á presente orde. Os gastos que se deriven serán sufragados con cargo á partida 10.04.361.A 480.0 dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1997.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 1997.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

ANEXO I

Bases que rexen a convocatoria dos Premios

Galicia de Comunicación 1997

Primeira.-Poderán optar a estes premios os profesionais, empresas e institucións que durante o ano 1997 realizaran un destacado labor no ámbito da comunicación que contribuíse ó afondamento e difusión da realidade galega.

Segunda.-Os Premios Galicia de Comunicación 1997, dotados cada un deles coa contía dun millón de pesetas, excluída a retención regulamentaria, serán seis:

1) Premio ó mellor labor de comunicación no ámbito nacional, referido á Comunidade Autónoma de Galicia.

2) Premio ó mellor labor de comunicación en medios impresos galegos, e referido a esta Comunidade Autónoma.

3) Premio ó mellor labor de comunicación de xornalismo gráfico en medios impresos galegos, e referido a esta Comunidade Autónoma.

4) Premio ó mellor labor de comunicación en medios radiofónicos galegos, e referido a esta comunidade.

5) Premio ó mellor labor de comunicación en televisión, referido a Galicia.

6) Premio á mellor empresa ou institución que destacase por un singular esforzo no campo da comunicación.

Terceira.-O prazo de presentación dos traballos rematará o día 15 de outubro de 1997.

Cuarta.-A presentación farase en sobre cerrado e a solicitude virá asinada polo interesado ou persoa ou institución que propoña o outorgamento do premio en favor dun terceiro. No exterior do sobre figurará como enderezo a Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual -Consellería de Cultura e Comunicación Social (edificio administrativo nº 5 de San Caetano, Santiago de Compostela) e conterá a documentación seguinte:

a) Se o traballo se difundiu nunha publicación periódica, achegaranse seis exemplares do xornal ou revista no que aparece, indicando cál é o traballo e a qué premios opta, así como o nome e enderezo do autor.

Se o traballo se publicou con pseudónimo ou sen asinar, cumprirá presentar un certificado da empresa periodística correspondente que acredite quen é o autor.

b) Se o traballo se radiou ou emitiu pola televisión, presentará dúas cintas co programa ou programas, indicando a que premio opta, así como o nome e enderezo do autor. Presentarase tamén un certificado do director da emisora no que conste a data de emisión e mailo autor.

c) No suposto de concorrer á modalidade establecida no nº 6 da base segunda, xuntarase memoria explicativa do destacado labor realizado no campo da comunicación, con documentación acreditativa dos extremos contidos na memoria de referencia.

Quinta.-O xurado para a adxudicación destes premios será nomeado polo conselleiro de Cultura e Comunicación Social. Constituirano persoas escollidas polos seus coñecementos nas materias obxecto dos premios.

Sexta.-Á marxe do exposto no apartado cuarto destas bases, os membros do xurado poderán presentar libremente a cantos profesionais, empresas ou institucións consideren merecedoras de optar a estes premios.

Sétima.-O veredicto do xurado farase público nun acto que terá lugar dentro dos dous meses e medio seguintes á data de recepción dos traballos.

Oitava.-Os traballos recibidos non se lles devolverán ós autores. A Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual reserva para si o dereito a publicar ou emiti-los traballos premiados, sen fin de lucro.

Novena.-As decisións do xurado serán inapelables e o premio ou premios que este considere oportunos poderán ser declarados desertos.

Décima.-A participación neste premio supón a aceptación incondicional das presentes bases.

3307