Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Luns, 28 de abril de 1997 Páx. 3.918

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 21 de abril de 1997, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se modifica a do 19 de xuño de 1995 que convoca concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde.

O Decreto 74/1995, do 10 de marzo, que aproba a oferta de emprego público do persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde para o ano 1995, inclúe no seu anexo 24 prazas para o grupo de técnico da función administrativa, axustándose as convocatorias e as súas bases ós preceptos básicos contidos

no Real decreto 118/1991, do 25 de decembro, declarando con carácter supletorio os preceptos non básicos da dita norma.

Por Resolución do 19 de xuño de 1995 (DOG nº 122, do 27 de xuño) convócase concurso-oposición para o ingreso en determinadas categorías de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde e, concretamente, para o grupo técnico da función administrativa un total de 24 prazas, 12 delas para a modalidade xurídica e outras 12 para a modalidade económica. Dentro de cada modalidade resérvanse 3 prazas para a súa provisión polo sistema de promoción interna.

A base primeira, 2 da citada convocatoria permite expresamente aplica-lo disposto, con carácter supletorio, no artigo 3.2º do Real decreto 118/1991, do 25 de decembro, no relativo ó incremento do número das prazas inicialmente convocadas que non supere o 15%, sen necesidade da apertura dun novo prazo de presentación de instancias, sempre que non estivera rematada a fase de oposición e isto viñera imposto polas necesidades do servicio.

A este respecto, con posterioridade á aprobación da oferta de emprego do persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde polo Decreto 74/1995, do 10 de marzo, dotáronse orzamentariamente nos cadros de persoal os suficientes postos da referida categoría que, tendo a condición de vacantes, poden atende-lo incremento de tres prazas no grupo técnico da función administrativa. Ademais o aumento da demanda de todo tipo de prestacións administrativas e asistenciais, coa súa heteroxeneidade, dotan, cada vez máis, de gran importancia as funcións do actual grupo técnico, sendo preciso reforzalo no posible.

Neste sentido cabe salientar, ademais, a importante reforma que se está a levar a cabo no eido da atención primaria na nosa Comunidade Autónoma que esixe a dotación de postos de traballo da área de xestión na súa categoría superior.

Así pois, xorde a posibilidade de incrementar 3 prazas no grupo técnico da función administrativa, todas elas polo sistema de acceso libre, posto que aínda nin se fixo pública a conclusión da fase de oposición, nin se lesionan os intereses lexítimos do conxunto de aspirantes que participan en calquera das quendas de acceso.

Así mesmo, nin o Decreto 74/1995, do 10 de marzo, nin a Resolución do 19 de xuño de 1995, se pronuncian sobre a posibilidade de que, en caso de non cubrirse tódolas prazas ofertadas nunha das dúas posibilidades da dita categoría do grupo técnico da función administrativa, poida acrecentarse na outra modalidade o número de prazas finalmente ofertadas, sendo así que no grao de desenvolvemento actual da fase de oposición, o número de aspirantes que continúan na modalidade económica é inferior o número de prazas ofertadas nela, polo que procede declarar expresamente que tódalas prazas non cubertas nesta modalidade acrecentarán á modalidade xurídica.

Polo tanto, tendo en conta a acreditación da súa xustificación imposta polas necesidades do servicio,

á vista do informe favorable da asesoría xurídica da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, este centro directivo,

RESOLVE:

Primeiro.-Incrementa-lo número de prazas ofertadas na categoría do grupo técnico da función administrativa de persoal estatutario do Servicio Galego de Saúde, do concurso-oposición convocado pola Resolución do 19 de xuño de 1995, en tres prazas máis, sen necesidade de apertura dun novo prazo de presentación de instancias.

Segundo.-Todas estas prazas intégranse na quenda de acceso libre, con idéntica suxeición ás bases da dita convocatoria cás demais prazas convocadas.

Terceiro.-Declarar expresamente que tódalas prazas non cubertas na modalidade económica acrecentarán ás ofertadas inicialmente na modalidade xurídica na quenda de acceso libre.

Cuarto.-A presente resolución poderá ser impugnada polos interesados nos termos previstos na base décima da citada convocatoria.

Santiago de Compostela, 21 de abril de 1997.

Valeriano Martínez García

Director xeral de Recursos Humanos

2982