Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Luns, 28 de abril de 1997 Páx. 3.909

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 1997, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Residencia de Ancianos Ntra. Sra. del Carmen de Sarria.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Residencia de Ancianos Ntra. Sra. del Carmen de Sarria (código 2700762), da provincia de Lugo, asinado o día 5 de febreiro de 1997, pola representación da mentada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90 apartados 2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 18 de febreiro de 1997.

Manuel Bande Díaz

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo da Residencia de Ancianos

Nuestra Señora del Carmen de Sarria (Lugo)

Artigo 1º.-Ámbito persoal e territorial.

1. O presente convenio colectivo establece e regula as normas polas que se rexerán as relacións laborais entre o padroado da Residencia de Ancianos Nuestra Señora del Carmen de Sarria (Lugo) e o seu persoal laboral.

2. Así mesmo, integrarase no presente convenio o persoal laboral que ingrese con posterioridade na citada residencia.

Artigo 2º.-Vixencia e denuncia.

O presente convenio entrará en vigor o día que sexa asinado pola comisión negociadora. Os efectos económicos terán vigor desde o día 1 de xaneiro de 1997 e serán revisados anualmente.

Para as revisións económicas terase en conta a cláusula de revisión salarial, que garantirá sempre o poder adquisitivo en caso de desviación do IPC.

A vixencia deste convenio rematará o día 31 de decembro de 1998, e prorrogarase automaticamente, a non ser que se produza denuncia escrita de cal

quera das partes dentro dos dous últimos meses de vixencia; en tal caso, a comisión negociadora deberá reunirse dentro dos vinte días seguintes á denuncia.

De producirse a dita denuncia, este convenio prorrogarase ata a aprobación do que o substitúa.

Artigo 3º.-Órgano de vixilancia-comisión paritaria.

Crearase unha comisión paritaria para vixilancia, control e integración do presente convenio, que estará formada por partes iguais pola parte empresarial e social, cun máximo de dous membros por cada parte, que se reunirán por solicitude de calquera das partes.

Artigo 4º.-Traballos de superior e inferior categoría.

Ademais do establecido no artigo 39 do Estatuto dos traballadores, teranse en conta os seguintes principios:

1. A realización de traballos de categoría superior ou inferior, responderá a necesidades perentorias e excepcionais, e durará o tempo mínimo imprescindible.

2. Esta situación comunicaráselle ó traballador por escrito, e tamén ó representante dos traballadores.

Artigo 5º.-Organización do traballo.

A organización do traballo é facultade da empresa, sen prexuízo dos dereitos e facultades de audiencia e información recoñecidos ó persoal nos artigos 40, 41 e 64.1º do Estatuto dos traballadores, así como o lexislado nesta materia na Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

A xornada de presencia e traballo efectivo será de 40 horas semanais, de forma continuada en quendas de mañá, tarde ou noite, agás o persoal de cociña, que terá o seguinte horario: das 8 ás 15 horas e das 14 horas ás 21 horas, en quendas de mañá e tarde. Excepcionalmente e por necesidades do servicio, valoradas por comisión paritaria, poderá establecerse por tempo determinado o horario en xornada partida desde as 9 ás 14 horas e das 19 ás 21 horas.

Tódolos traballadores con xornada continuada terán dereito a unha pausa retribuída de 30 minutos durante a xornada de traballo, ou de 15 minutos no caso de realizaren xornada partida.

Artigo 7º.-Descanso e festivos.

1. Descanso semanal: os traballadores terán dereito a un descanso mínimo semanal dun día e medio ininterrompido que, como regra xeral, comprenderá o sábado e o domingo.

En todo caso, e sen prexuízo da xornada laboral pactada, terase dereito a desfrutar, en semanas alternas, do descanso semanal en domingo e medio día laborable anterior.

O desfrute do descanso semanal é obrigatorio e non acumulable, agás naqueles casos nos que, por petición do traballador e por causa xustificada, se autorice a súa acumulación.

2. Domingos e festivos. Un domingo ou festivo de traballo inhabilita, como mínimo, para traballa-lo festivo ou domingo seguinte; fixaranse criterios de rotación para o persoal suxeito a estas circunstancias.

Todo o persoal suxeito a este convenio desfrutará como descanso os días 24 e 31 de decembro. Se por necesidades do servicio non se puidesen desfrutar eses días, facilitarase un descanso equivalente no mes de xaneiro seguinte.

Artigo 8º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado polo presente convenio, cun ano de servicios como mínimo, terá dereito a unhas vacacións retribuídas de trinta días naturais. De non levar un ano de servicios, o desfrute das vacacións será en proporción ós días traballados, a razón de dous días e medio por mes traballado ou fracción.

A distribución dos períodos de vacacións farase por acordo entre a dirección do centro e os traballadores, a través dos seus representantes.

O calendario de vacacións ultimarase antes do día 30 de xaneiro de cada ano.

As vacacións anuais desfrutaranse en dúas quendas, de 15 días cada unha; unha durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, e outra durante o resto do ano.

En tódalas situacións de incapacidade transitoria ou permiso por maternidade que coincidan coas datas nas que deberán desfrutarse as vacacións, o desfrute posporase a datas posteriores á situación de alta, sempre e cando a baixa non se inicie durante o período de desfrute.

Artigo 9º.-Licencias e permisos retribuídos.

Todo o persoal vinculado a este convenio, logo de aviso e posterior xustificación (agás os asuntos propios), poderá desfrutar das seguintes licencias:

a) Quince días naturais ininterrompidos por matrimonio.

b) Polo nacemento ou adopción dun fillo e pola morte, enfermidade grave ou intervención cirúrxica do cónxuxe ou persoa que se atope ligada de forma permanente por análoga relación de afectividade co beneficiario ou dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade: catro días cando o suceso se produza na mesma localidade e seis días cando sexa en localidade distinta.

c) Por traslado de domicilio sen cambio de residencia: un día; en caso de ter cambio de residencia, dous días.

d) Cinco días ó ano para asuntos persoais sen xustificación, atendendo sempre as necesidades do ser

vicio, que deberá ser expresamente xustificada. Se os servicios prestados son inferiores ó ano natural, os días que se desfrutarán serán proporcionais ó tempo efectivamente traballado.

e) Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou de representación do persoal, nos termos legalmente establecidos.

Artigo 10º.-Licencias especiais e condicións de traballo nos supostos de maternidade ou paternidade.

A traballadora embarazada terá dereito a escolle-la data das súas vacacións regulamentarias.

A traballadora ou traballador cun fillo menor de nove meses terá dereito a unha hora diaria de ausencia ó traballo. Este período de tempo poderá dividirse en dúas fraccións ou substituílo por unha reducción da xornada nunha hora.

No non previsto neste apartado rexerá o regulado na Lei de maternidade, adopción e paternidade.

Artigo 11º.-Estructura do salario.

a) Salario base: é a parte de retribución do traballador fixada para a xornada ordinaria de traballo en función da súa categoría profesional. A súa contía figura no anexo I.

a) Plus de asistencia: establécese este plus sempre que non se producisen faltas de asistencia, xustificadas ou non. O descanso diario por faltas de asistencia será de trescentas pesetas. A súa contía figura no anexo I.

c) Plus de domingos e festivos: terá o carácter de fixo, sempre e cando se encargue o persoal da puntual cobertura dos servicios en domingos e festivos; en caso contrario, descontaráselle ó traballador por cada día de falta ó traballo, a cantidade de mil catrocentas cincuenta pesetas. Non obstante e logo de comunicación á empresa coa anterioridade debida (48 horas), os traballadores poderán cambia-la súa quenda de traballo os domingos e festivos, o que non suporá reducción ningunha nos seus ingresos. Contía anexo I.

d) Complemento de antigüidade. Devengarase por medio de quinquenios ó 6 % para tódalas categorías sobre o salario base.

Artigo 12º.-Pagas extraordinarias e percepción de haberes.

a) Todo o persoal incluído no ámbito de aplicación deste convenio terá dereito a percibir dúas pagas extraordinarias, que se aboarán co salario do mes de xuño e no mes de decembro (antes do día 22).

A contía de cada unha das pagas será igual a unha mensualidade de salario base máis antigüidade.

b) As retribucións pagaranse mensualmente mediante nómina, na que se reflectirán con absoluta claridade tódolos conceptos retributivos, recollendo tamén tódolos conceptos polos que se produzan descontos nos haberes dos traballadores.

Artigo 13º.-Horas extraordinarias.

1. As horas extraordinarias son aquelas que excedan da xornada normal de traballo e teñan carácter excepcional.

2. Tenderase a reducir ó mínimo imprescindible as horas extraordinarias que non se deban a imprevistos e teñan carácter excepcional. Como norma xeral, a realización de horas extraordinarias terá sempre un carácter voluntario.

O seu límite será de 80 horas en cómputo anual.

Para efectos económicos, o valor da hora extraordinaria será igual ó valor da hora ordinaria incrementada nun 50%.

Artigo 14º.-Incapacidade laboral transitoria.

Durante o período de ILT derivado de accidente de traballo ocorrido na empresa ou en acto de servicio, así como in itinere, a empresa completará ata o 100% do salario base máis complementos de antigüidade, a prestación que corresponda á Seguridade Social, e percibirase o dito complemento a partir do día seguinte ó do accidente.

Nos casos de enfermidade ou accidente non laboral, a indemnización complementaria percibirase unha vez transcorridos vinte días desde a data da baixa.

Artigo 15º.-Xubilación.

a) Xubilación forzosa. Terá este carácter ó cumpri-lo traballador a idade de 65 anos.

Aqueles traballadores que, ó chegaren a esta idade, non teñan cumprido o período mínimo de cotización á Seguridade Social para causar dereito á referida prestación, poderán continuar prestando servicios ata cumpriren o citado período de cotización, momento no que se causará baixa de xeito inmediato.

b) Xubilación voluntaria. Poderán xubilarse voluntariamente aquelas persoas que así o desexen de acordo cos requisitos establecidos no réxime de Seguridade Social.

No momento da xubilación, o persoal suxeito a este convenio percibirá unha gratificación equivalente a un mes de salario bruto.

Artigo 16º.-Seguridade e hixiene.

O persoal acollido a este convenio ten dereito a unha protección eficaz da súa integridade física e unha adecuada política de seguridade e hixiene no traballo.

Artigo 17º.-Roupa de traballo.

Facilitaráselle roupa de traballo e calzado profesional de uso obrigatorio a todo o persoal, contra o reintegro dos deteriorados. No caso de que a deterioración ou perda se produza por neglixencia do traballador, este deberá procurarse pola súa conta a roupa de traballo que necesite para o desenvolvemento do seu labor.

Artigo 18º.-Dereitos de representación sindical.

O delegado de persoal desempeñará a representación dos traballadores ante a empresa. Para levar a cabo estas funcións de representación, disporá de 16 horas retribuídas cada mes, sen que poidan acumularse dun mes para outro, todo iso sen prexuízo do disposto no Estatuto dos traballadores e na Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 19º.-Incumprimentos, faltas e sancións.

Os traballadores poderán ser sancionados pola empresa, en virtude de incumprimentos laborais, de acordo coa graduación de faltas e sancións que se establecen neste artigo.

Toda falta cometida por un traballador clasificarase, atendendo a súa importancia, en leve, grave e moi grave.

a) Serán faltas leves:

1. A incorrección co público e cos compañeiros e subordinados.

2. O atraso, neglixencia ou descoido no cumprimento das súas tarefas.

3. A falta de asistencia ó traballo sen causa xustificada de tres días ó mes.

4. En xeral, o incumprimento dos deberes por neglixencia ou descoido escusable.

b) Serán faltas graves:

1. A falta de disciplina no traballo ou do respecto debido ós demais traballadores, independentemente da súa categoría.

2. O incumprimento das instruccións dos responsables e das obrigas concretas do posto de traballo ou as neglixencias das que poidan derivarse prexuízos graves para o servicio.

3. A falta de asistencia ó traballo sen causa xustificada durante tres días ó mes.

4. A diminución continua e voluntaria no rendemento de traballo normal e pactado.

5. A reincidencia na comisión de faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun mesmo trimestre.

c) Serán faltas moi graves:

1. A fraude e o abuso de confianza nas xestións encomendadas, así como calquera conducta constitutiva de delicto doloso, e o furto ou roubo, tanto á empresa coma ós seus compañeiros de traballo ou a calquera persoa das dependencias do centro de traballo.

2. A manifesta insubordinación individual ou colectiva.

3. A falta de asistencia non xustificada ó traballo durante máis de catro días ó mes.

4. A reincidencia en faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun período de seis meses.

Sancións.

a) Por faltas leves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo de ata dous días.

b) Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de tres días a un mes.

c) Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo dun mes e un día a tres meses.

-Despedimento.

As sancións por faltas graves e moi graves requirirán a tramitación previa de expediente disciplinario, a iniciación do cal se lles comunicará ó interesado e ós representantes dos traballadores, dándoselles previamente audiencia a ambos.

ANEXO I

Actualización de salarios para o ano 1997

Salario

base

Plus

asistencia

Plus

Dom.-festivos

Auxiliar de clínica90.00010.6605.435

Cociñeira90.00010.6605.435

Axudante cociña84.50010.6605.435

Camareira-limpadora84.50010.6605.435

Oficios varios84.50010.6605.435

ANEXO II

Categorías e as súas funcións

Auxiliar de clínica.

-Vixiar e atende-los residentes, as súas necesidades xerais, humanas e sanitarias, especialmente no momento en que estes necesiten dos seus servicios.

-Preparar e administra-los medicamentos segundo as prescricións facultativas.

-Toma-la presión sanguínea, o pulso e a temperatura. Colaborar cos médicos preparando o material e medicamentos que teñen que ser utilizados. Ordena-las historias clínicas, anota-los datos relacionados coa propia función que deba figurar.

-Atende-lo residente encamado por enfermidade, efectuando os cambios de postura prescritos, controla-lo servicio de comidas ós enfermos e subministrar directamente a aqueles pacientes ós que a dita comida requira instrumentalización (sonda nasogástrica, sonda gástrica, etc.).

-Controla-la hixiene persoal dos residentes e tamén os medicamentos e alimentos que estes teñan nos cuartos.

-Atende-las necesidades sanitarias que teña o persoal que traballa no centro e sexan da súa competencia.

-Realiza-los pedidos de farmacia, analítica e radioloxía naqueles centros onde non exista especialista.

-Vixiar e ter coidado da execución das actividades de tipo físico recibidas polo médico, observando as incidencias que poidan presentarse durante a súa realización.

Cociñeira.

-Como responsable do departamento, ocuparase da organización, distribución e coordinación de todo o persoal adscrito á cociña, así como da elaboración e condimentación das comidas, con suxeición ó menú e réximes alimentarios que proporá, para a súa aprobación, á dirección do centro e supervisión do departamento médico.

-Supervisa-los servicios ordinarios, especiais e extraordinarios que diariamente se comuniquen.

-Dispoñer entre o persoal de cociña, a montaxe dos carros cos menús elaborados.

-Vixia-la despensa de cada día, mirando de subministra-los artigos ó almacén, vixiando o seu estado, que se encargará de sacar a medida que se necesiten, para a confección dos diferentes servicios que se vaian realizar.

-Reconta-las existencias cos administradores da residencia, comunicarlle á dirección as faltas que vexa e ter en conta que o persoal ó seu cargo cumpra coa súa actividade profesional, vixiando tamén a súa hixiene e uniformidade.

-Realizar todas aquelas funcións que, sen especificar, estean en consonancia co seu lugar de traballo e cualificación profesional.

-Supervisar-lo mantemento en perfectas condicións de limpeza e funcionamento da maquinarias e utensilios propios do departamento, tales como bandexas, fogóns, fornos, frixideira, extractores, filtros, cortadoras, potas, etc.

Axudante de cociña.

-É o operario que está ás ordes do xefe de cociña cociñeiro e que o axuda nas súas funcións.

Camareira-limpadora.

-Realizará o seu traballo ás ordes da gobernanta ou da dirección. Desenvolverá, entre outras, as seguintes funcións:

-Realiza-las tarefas propias de comedor, servicios de camareira e atención ós residentes nos locais do centro.

-Realiza-las funcións propias de lavandería, lencería, uso e atención da maquinaria, dándolle-la mellor utilización ós materiais.

-Realiza-las tarefas propias da limpeza dos cuartos e zonas comúns procurando ocasionarlles tan poucas molestias como poida ós residentes.

-Comunicarlle ó seu xefe inmediato ou á dirección as anomalías ou defectos, desorde manifesto, avarías, etc., que observou no desenvolvemento das súas tarefas.

-Realizar, en xeral, cantas tarefas de servicios de limpeza e de tipo hosteleiro como servir mesas, etc. sexan precisas para a correcta atención ós residentes.

Oficial de oficios varios.

-É o operario que realiza directamente ou coa axuda doutros axudantes as operacións de mantemento do centro, das súas instalacións interiores e exteriores.

-Realiza-las comprobacións periódicas nas máquinas e instalacións, limpar salas de máquinas, cadros eléctricos, etc.

-Realizar traballos de paleta, pintura, carpintería, etc., que son necesarios para o mantemento das instalacións do edificio.

-Controla-las visitas e o traballo realizado polas firmas contratadas para o mantemento daquelas instalacións onde estea establecido.

2453