Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Luns, 28 de abril de 1997 Páx. 3.908

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 16 de abril de 1997 pola que se clasifica como de interese industrial a Fundación Galicia Empresa.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Galicia Empresa, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. José María Fonseca Moretón, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do 21 de marzo de 1997, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o día 26 de novembro de 1996, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña Ildefonso Sánchez Mera, co número cinco mil novecentos noventa e oito do seu protocolo por Francisco Javier Castromil Ventureira en representación de Castromil, S.A., Francisco Javier Suárez-Vence Santiso en representación da sociedade Restauracións e Vendas Galegas, S.L. e ademáis en representación, como mandatario verbal das sociedades Boston Internacional, S.A., Vego Supermercados, S.A. e José Malvar Construcciones, José Luis Fernández García en representación da Sociedad Para el Desarrollo Industrial de Galicia, S.A. (Sodiga), José Otero Pombo en representación da sociedade Construcciones J. Otero Pombo S.A., Bieito Ledo Cabido en representación da sociedade Ir Indo Edicións, S.L., Santiago Sineiro García en representación da sociedade Fábrica de Cerámica de Sargadelos, S.L., José Poch Riba en representación de Copo

Ibérica, S.A., Francisco Ignacio Zoilo Hernández Soto en representación da sociedade Nova Sistemas de Construcción de Galicia, S.A., Manuel Puga Pereira en representación da sociedade Zeneca Holding Spain, S.A., Pedro Muñoz Martín en representación da sociedade La Fe, Compañía de Seguros, S.A., Ramón Lema Díaz en representación da entidade Rodman Polyships, S.A., Ramón Barral Maquieira en representación da sociedade Bodegas de Vilariño-Cambados, S.A., José María Fonseca Moretón en representación da sociedade Adegas das Eiras, S.A. e Alicia Otero Insua en representación da sociedade Onza de Oro, S.A.

3. O obxecto da fundación é a promoción, vertebración e divulgación da empresa galega como entidade específica, caracterizada pola súa vinculación á realidade socioeconómica e cultural de Galicia.

4. O padroado da fundación estará constituído por José María Fonseca Moretón como presidente, Isaac Díaz Pardo como vicepresidente, Francisco Javier Suárez-Vence Santiso como secretario e Francisco Javier Castromil Ventureira, José Luis Fernández García, Thais de Picaza, Ramón Lema Díaz, Manuel Puga Pereira, José Otero Pombo, Bieito Ledo Cabido, Alicia Otero Insua, Lourenzo López Vázquez, Ramón Barral Maquieira, Pedro Muñoz Martín, José Poch

Riba, Ventura González Prieto e Francisco Hernández Soto como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese industrial da Fundación Galicia Empresa, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese industrial e a súa adscrición á Consellería de Industria e Comercio.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 14 de abril de 1997.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese industrial a Fundación Galicia Empresa e adscribila á Consellería de Industria e Comercio, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

2514