Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 24 de abril de 1997 Páx. 3.816

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 85/1997, do 10 de abril, polo que se acorda a imposición de afectacións secundarias sobre dúas parcelas situadas no recinto do porto de Celeiro, sito no termo municipal de Viveiro (Lugo), e a modificación doutra establecida mediante o Decreto 179/1995, do 16 de xuño.

O porto de Celeiro está integrado no patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do Real decreto 3214/1982, do 24 de xullo (BOE nº 285, do 27 de novembro) e adscrito ó Ente Público Portos de Galicia segundo o establecido no artigo 17 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do dito ente.

Mediante os decretos 318/1988, do 3 de novembro (DOG nº 222, do 18 de novembro) e 179/1995, do 16 de xuño (DOG nº 125, do 30 de xuño), acordáronse as afectacións secundarias de dúas parcelas situadas na zona de servicios do Porto de Celeiro a favor da actual Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, co fin de destinalas á construcción do edificio da delegación provincial da dita consellería e dun heliporto.

Posteriormente, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura solicitou as afectacións secundarias, por unha banda, dunha superficie de 3.382,61 m contigua ó edificio da delegación, con destino a zona de depósito dos vehículos incautados pola comisión de infraccións en materia pesqueira e, por outra banda, doutra superficie de 750 m para destinala á construcción dun galpón para o depósito dos útiles de pesca e marisqueo incautados e almacenamento dos equipamentos das embarcacións de vixilancia adscritos á devandita consellería, pero, neste caso, logo da modificación da superficie que foi obxecto de afectación secundaria en virtude do antedito Decreto 179/1995.

O Ente Público Portos de Galicia, con data do 14 de marzo de 1997, informou favorablemente as afectacións secundarias solicitadas pola Consellería

de Pesca, Marisqueo e Acuicultura xa que non supoñen ningún prexuízo para a operatividade do porto.

Á vista do establecido nos artigos 12 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma da Galicia, e 31 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da dita lei, as afectacións secundarias dos bens de dominio público requiren acordo do Consello da Xunta de Galicia baixo a forma de decreto, logo da instrucción do correspondente expediente pola Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dez de abril de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifica-la superficie da parcela que foi obxecto de afectación secundaria para heliporto polo Decreto 179/1995, do 16 de xuño (DOG nº 125, do 30 de xuño), quedando reducida a catro mil metros cadrados (4000 m), tal como figura no plano existente no expediente administrativo.

Artigo 2º

Acorda-la imposición dunha afectación secundaria sobre unha superficie de tres mil trescentos oitenta e dous metros cadrados e sesenta e un decímetros cadrados (3.382,61 m) ó redor do edificio onde se sitúa a delegación territorial da dita consellería, sito na zona de servicio do porto de Celeiro, tal e como figura no plano incorporado ó expediente administrativo.

O fin desta afectación secundaria será a de zona de depósito dos vehículos incautados pola comisión de infraccións en materia pesqueira.

Artigo 3º

Acorda-la imposición dunha afectación secundaria, a favor da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura sobre unha parcela de setecentos cincuenta metros cadrados (750 m) contigua á parcela onde se sitúa o heliporto a que se fai referencia no artigo 1º deste decreto.

O fin desta afectación secundaria será a construcción pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura dun galpón para o depósito dos útiles de pesca e marisqueo incautados, así como para o almacenamento do equipamento das embarcacións de vixilancia adscritos á antedita consellería.

Artigo 4º

A concorrencia das anteditas afectacións secundarias respecto do porto de Celeiro non altera a adscrición orgánica esixida pola afectación principal, que conferirá ó seu titular -Portos de Galicia- as facultades de administración, xestión e conservación, sen prexuízo das que correspondan á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura como titular

dun interese específico por razón das afectacións secundarias establecidas.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do disposto no presente decreto.

Santiago de Compostela, dez de abril de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

3003