Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 24 de abril de 1997 Páx. 3.817

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 86/1997, do 10 de abril, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia dunha parcela de 10.477 m sita no polígono Paseo das Pontes para dotación escolar.

O Pleno da Corporación Municipal da Coruña reunido en sesión extraordinaria o 11 de marzo de 1994 acordou a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia dunha parcela de 10.477 m sita no polígono Paseo das Pontes para dotación escolar.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello da Coruña acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de abril de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acepta-la cesión gratuíta á Comunidade Autónoma de Galicia dunha parcela de 10.477 m sita no polígono Paseo das Pontes para dotación escolar. Linda ó norte, leste e oeste con vía interior; e ó sur, coa rúa de San Pedro de Mezonzo.

O inmoble descrito atópase inscrito no Rexistro da Propiedade nº 1 da Coruña a favor do Concello da Coruña no folio 221 do libro 1.432 dese rexistro, inscrición 1ª do predio nº 83.840-N.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase a dotación escolar.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, dez de abril de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

3004