Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 24 de abril de 1997 Páx. 3.817

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 87/1997, do 10 de abril, polo que se acepta a doazón do arquivo persoal de María Barbeito y Cerviño, feita por Juan María, Carlos e Isabel Martínez-Barbeito y Morás, a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con data do 20 de novembro de 1995, Juan María, Carlos e Isabel Martínez-Barbeito y Morás doáronlle á Comunidade Autónoma de Galicia o arquivo persoal da súa nai, María Barbeito y Cerviño, para que sexa depositado no Arquivo do Reino de Galicia.

Con data do 5 de novembro de 1996, a Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia informou favorablemente a aceptación da antedita doazón.

Conforme o disposto nos artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da antedita lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio

público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por iniciativa do conselleiro de Cultura e Comunicación Social, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos establecidos por Juan María, Carlos e Isabel Martínez-Barbeito y Morás e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de abril de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acepta-la doazón do arquivo persoal de María Barbeito y Cerviño, feita por Juan María, Carlos e Isabel Martínez-Barbeito y Morás, para que sexa depositado no Arquivo do Reino de Galicia.

O dito arquivo incorporarase ó Inventario Xeral de Bens e Dereitos da Comunidade Autónoma de Galicia, e queda adscrito á Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Artigo 2º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, dez de abril de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

97-3001