Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 24 de abril de 1997 Páx. 3.813

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 84/1997, do 10 de abril, sobre colaboración técnica e financeira da Administración hidráulica de Galicia coas entidades locais en materia de abastecemento e saneamento de augas.

Mediante a Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, actuouse na potestade organizativa da Comunidade Autónoma para o adecuado exercicio das competencias que o artigo 27, apartados 7 e 12, do Estatuto de autonomía lle atribúen en materia de augas e obras hidráulicas.

No novo marco legal, o organismo autónomo Augas de Galicia configúrase como elemento central para a administración e control dos recursos hidráulicos, así como para o proxecto, a construcción e a explotación das obras hidráulicas correspondentes.

Pola súa banda, a Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos, creada pola disposición adicional da citada lei como entidade de dereito público para a xestión das obras e a prestación dos servicios que lle sexan encomendados dentro do programa de actuación do devandito organismo autónomo ten, entre os seus fins, promover e executar, por conta de Augas de Galicia e en réxime de cooperación, cando proceda, coas administracións locais, as obras que lle sexan encargadas en materia de infraestructuras hidráulicas e de saneamento. Así se establece no Decreto 125/1996, do 7 de marzo, polo que se aproban os seus estatutos.

A necesidade de dar adecuada resposta ás demandas que en materia de abastecemento e saneamento de auga teñen as entidades locais promovendo, impulsando e potenciando as actuacións delas cun sistema de axudas por parte da Xunta de Galicia que evite a dispersión de iniciativas, levou á publicación do Decreto 18/1987, do 14 de xaneiro. A súa dilatada vixencia acredita a idoneidade do marco de colaboración nel establecido.

Faise preciso, sen embargo, dar entrada na regulación desta materia ó protagonismo dos novos entes instrumentais antes referidos. Tal é o obxectivo fundamental do presente decreto. Así mesmo, a norma pretende dar resposta, dun xeito máis áxil e efectivo, ás necesidades expostas, perfeccionando os mecanismos de coordenación coas administracións locais coa finalidade de garantir un alto nivel de execución dos abastecementos de auga potable e da evacuación e tratamento das augas residuais coas maiores garantías sanitarias; así como o mantemento dos criterios de equidade e solidariedade no uso e desfrute dos recursos hidráulicos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de abril de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito.

1. É obxecto da presente disposición regula-la colaboración técnica e financeira entre a Comunidade Autónoma e as entidades locais de Galicia para a execución de obras de abastecemento e saneamento de augas.

2. A colaboración levaraa a cabo a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, a través do organismo autónomo Augas de Galicia e a Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos, de acordo co procedemento establecido no presente decreto.

Artigo 2º.-Actuacións obxecto de colaboración.

En particular, serán obxecto da colaboración técnica e financeira que se establece no presente decreto as actuacións seguintes:

a) En materia de abastecemento:

1. Obras de toma, captación, conducción, tratamento, depósitos reguladores ou de reserva e redes de distribución primaria ou de abastecemento.

2. Obras de regulación de augas superficiais e presas, así como as elevacións necesarias.

3. Os proxectos técnicos e constructivos das obras anteriores.

b) En materia de saneamento:

1. Colectores de evacuación de augas residuais -entendidos estes como as conduccións que transcorren desde o punto final da rede de sumidoiros ata a estación depuradora-, emisarios submarinos e estacións depuradoras de augas residuais.

2. Os proxectos técnicos e constructivos das obras anteriores.

Artigo 3º.-Exclusións.

Exclúense do ámbito da colaboración regulada neste decreto:

a) Tódalas obras comprendidas no parágrafo a, alíneas 1 e 2 do artigo anterior, se a zona obxecto de abastecemento non dispón de infraestructuras para a recollida de augas residuais, agás que unhas e outras se executen ó mesmo tempo.

b) As conexións domiciliarias, en todo caso.

Artigo 4º.-Administración actuante.

As actuacións comprendidas no ámbito de aplicación deste decreto serán executados directamente polo Organismo Autónomo Augas de Galicia ou, por conta deste, a través da Empresa Pública de Obras e Servicios Hidráulicos.

Artigo 5º.-Contía da colaboración financeira.

1. A colaboración financeira da Xunta de Galicia poderá acadar, dependendo das dispoñibilidades orzamentarias, ata un 100% do custo da obra; incluídos os modificados, obras complementarias, revisión de prezos e liquidacións.

2. No suposto de que a porcentaxe da colaboración sexa menor, deberase acreditar no expediente a inclusión nos orzamentos da entidade local interesada da dotación orzamentaria precisa para afronta-la súa parte do investimento.

3. As colaboracións financeiras coas entidades locais que prevexan obrigas de gasto plurianual, ou ben obrigas para un único exercicio por contía superior a 25.000.000 de pesetas, someteranse á previa aprobación do Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 6º.-Solicitude de colaboración.

1. As entidades locais interesadas deberán insta-la colaboración técnica e/ou financeira da Administración hidráulica de Galicia.

Para tal efecto dirixirán solicitude ó presidente do Organismo Autónomo Augas de Galicia, na que se identificará con precisión a actuación que se pretende, dentro das enumeradas no artigo 2º, así como a porcentaxe na que se solicita o seu financiamento pola Administración autonómica.

As solicitudes presentaranse, ben directamente, ben a través dos servicios territoriais deste organismo existentes en cada unha das demarcacións hidrográficas definidas no artigo 6.2º do Decreto 108/1996, do 29 de febreiro.

2. Coa solicitude achegarase:

a) Informe xustificativo da necesidade e/ou urxencia de execución das obras.

b) Características cualitativas ou cuantitativas, presentes ou previsibles, do abastecemento e dos vertidos de augas residuais; así como, se é o caso, as instalacións existentes e a súa localización xeográfica.

c) Información sobre os terreos apropiados para a localización das instalacións obxecto da solicitude e a súa dispoñibilidade.

d) Se fose o caso, proxecto técnico ou constructivo das instalacións que inclúa os requisitos previstos na vixente normativa de contratación das administracións públicas, aprobado pola entidade solicitante e debidamente supervisado.

e) Memoria xustificativa do investimento previsto, xunto cun estudio económico-financeiro da capacidade municipal de dispoñibilidade e endebedamento, no que se xustifique a necesidade de que a Xunta financie a obra na porcentaxe solicitada.

f) Calquera outra que se considere necesaria.

Para a elaboración da documentación indicada as entidades locais interesadas poderán instar do Orga

nismo Autónomo Augas de Galicia o asesoramento técnico e administrativo que fose preciso.

4. Cando as solicitudes de colaboración se efectúen conxuntamente por dúas ou máis entidades locais, porque as obras necesarias ás respectivas poboacións resulten técnica ou economicamente mellores empregando infraestructuras comúns, especificarase na solicitude o sistema de xestión conxunta que se adoptará unha vez recibidas as obras, de conformidade co establecido na lexislación de réxime local.

Artigo 7º.-Tramitación das solicitudes.

1. Recibidas as solicitudes, Augas de Galicia examinará o cumprimento dos extremos previstos no artigo anterior e, se é o caso, solicitará o complemento ou corrección da documentación presentada.

En calquera momento da tramitación poderase requirir á entidade solicitante a información complementaria que se considere conveniente en relación coas obras obxecto da solicitude.

2. En función da necesidade e xustificación técnica e económica da solicitude, así como da súa compatibilidade coas previsións da planificación hidrolóxica, o presidente do Organismo Autónomo Augas de Galicia dictará resolución, debidamente motivada, accedendo total ou parcialmente á colaboración solicitada ou denegándoa.

3. De estimarse a solicitude na súa integridade, na propia resolución ordenarase, de ser necesario, a redacción do proxecto técnico ou constructivo correspondente, ou ben a súa confrontación, se este o presentase a Administración solicitante.

No suposto de que a estimación fose parcial, e con carácter previo á continuación do expediente, a entidade local disporá do prazo dun mes, contado a partir da data de notificación da resolución, para acepta-las condicións de colaboración que nela se establezan, achegando certificación do acordo da entidade local que así o acredite.

4. En ningún caso poderá entenderse estimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 8º.-Información pública.

1. Cando así proceda, de conformidade co previsto na normativa de aplicación, unha vez aprobado tecnicamente, o proxecto será sometido a información pública pola Administración solicitante, mediante publicación no BOP, por prazo non inferior a vinte días.

2. No caso de que o proxecto sexa de abastecemento de auga con ampliación da toma, ou se é de saneamento con novo vertido a leito público ou medio mariño, e afectase a máis dunha provincia, a información pública deberá anunciarse necesariamente no Diario Oficial de Galicia.

3. Rematado o período de información pública, a entidade solicitante deberá remitir a Augas de

Galicia certificación acreditativa do seu resultado, xunto co seu informe sobre as alegacións presentadas, de producirense estas.

4. Á vista das alegacións, o presidente do organismo autónomo, logo dos informes que considere necesarios, resolverá acerca da aprobación definitiva do proxecto.

A aprobación do proxecto suporá a súa aceptación pola entidade local beneficiaria, así como a de calquera modificación, revisión de prezos, obra complementaria ou liquidación que resulte necesaria para o correcto remate da obra.

Artigo 9º.-Obrigas complementarias das entidades locais.

Antes de proceder á licitación das obras, as entidades locais beneficiarias deberán aportar:

a) Certificación acreditativa da posta a disposición, libres de cargas e gravames, dos terreos necesarios, nos termos previstos no artigo 129.1º da Lei de contratos das administracións públicas e do establecido na disposición adicional 2ª da Lei 9/1996, do 15 de xaneiro, para a normal execución das obras, así como das augas que son obxecto do proxecto.

b) Certificación consonte o réxime de colaboración fixado na resolución de aprobación definitiva do proxecto que acredite a dispoñibilidade orzamentaria nos orzamentos da entidades locais, así como o compromiso de efectua-las aportacións correspondentes, se é o caso, a medida que llas requira Augas de Galicia.

c) Renuncia expresa á retención de calquera tipo de taxa, canon ou imposto de carácter local con motivo das obras.

d) Compromiso de asumi-la explotación, mantemento e conservación das obras e efectua-los traballos ordenados pola inspección facultativa despois da execución das obras.

f) Compromiso de actualización das tarifas pola prestación do servicio na medida axeitada ó custo das obras que se realizan, á súa explotación e amortización.

Artigo 10º.-Procedemento abreviado.

Cando as actuacións obxecto da colaboración teñan, por razón da súa contía, a consideración de contratos menores, de conformidade co réxime dos artigos 57 e 121 da Lei de contratos das administracións públicas, e non precisen da tramitación e aprobación de proxecto nin a observancia do trámite de información pública, o expediente integrarase por:

1. Solicitude da colaboración técnica e/ou financeira, nos termos previstos no artigo 6.1, acompañada da seguinte documentación:

a) Informe xustificativo da necesidade e/ou urxencia das obras, así como da dispoñibilidade dos terreos precisos para a súa execución.

b) Memoria xustificativa da imposibilidade financeira da entidade local para acomete-la actuación.

c) Acordo do órgano competente da entidade local solicitante relativo ó compromiso de posta a disposición dos terreos, así como da explotación das obras, unha vez rematadas.

2. Informe dos servicios técnicos do Organismo Autónomo Augas de Galicia no que se analice a necesidade e viabilidade da actuación que se vai executar.

3. Na súa vista, e sen prexuízo da información complementaria que se considere necesario recadar, o presidente de Augas de Galicia adoptará a resolución que proceda.

Artigo 11º.-Cesión das instalacións.

Recibidas as obras, a entidade local farase cargo da súa explotación, mantemento e conservación.

Nembargantes, Augas de Galicia conservará as competencias relativas á súa inspección facultativa e poderá ordena-los traballos necesarios para a boa utilización das obras, o que será de obrigado cumprimento para as entidades citadas.

Disposición adicional

Sinalización das obras.

As obras obxecto da colaboración deberán sinalizarse con carteis suficientemente visibles, coa indicación do seu financiamento pola Comunidade Autónoma.

Disposición transitoria

As solicitudes formuladas ó abeiro do Decreto 18/1987, xa resoltas á entrada en vigor do presente decreto, esgotarán os seus efectos de acordo coa referida normativa. Noutro caso, continuarán a súa tramitación, no estado no que se atopen, de acordo co presente decreto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 18/1987, do 14 de xaneiro, de colaboración técnico-financeira da Comunidade Autónoma de Galicia coas entidades locais en materia de obras hidráulico-sanitarias, a disposición derradeira primeira do Decreto 108/1996, polo que se aproba o Regulamento do Organismo Autónomo Augas de Galicia, así como cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Santiago de Compostela, dez de abril de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas

e Vivenda

3002