Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Martes, 22 de abril de 1997 Páx. 3.739

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 7 de abril de 1997 pola que se regula o procedemento de solicitude e concesión de autorizacións para a asistencia a actividades de formación do persoal de servicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais co obxecto de poder contar con persoal cualificado nas distintas áreas que integran o sector procede a regula-lo procedemento de concesión de autorizacións para a asistencia a actividades de formación do seu persoal.

Mediante a concesión destas autorizacións preténdese promover e impulsa-la formación do persoal prevista na Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, que é un dos obxectivos do Plan de Saúde de Galicia 1993-1997, aprobado na data do 24 de xuño de 1993 polo Consello da Xunta, como medida que vai contribuír a aumenta-la calidade dos servicios sanitarios.

Por todo isto, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro e o 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O obxecto da presente orde é regula-lo procedemento de solicitude e concesión de autorizacións para a asistencia a actividades de formación para persoal que desenvolva a súa actividade nos ser

vicios centrais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e do Servicio Galego de Saúde.

Artigo 2º

As solicitudes de autorizacións de asistencia ás actividades dirixiranse, coa suficiente antelación, ó secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais conforme o modelo normalizado, recollido no anexo, debidamente cuberto.

Artigo 3º

As solicitudes de autorización poderán incluír tamén a petición de axudas económicas para custea-los gastos ocasionados polas ditas actividades, entre eles axudas de custo, gastos de inscrición e desprazamento.

Artigo 4º

Á solicitude da autorización engadiráselle a seguinte documentación:

1. Memoria explicativa da actividade formativa que se pretende realizar, facendo consta-las datas de comezo e remate, así como a súa duración.

2. Orzamento referido ós gastos que se deriven de tal actividade debidamente divididos.

3. Programa oficial da actividade, de se-lo caso, ou calquera outro dato que o solicitante considere conveniente incluír.

Artigo 5º

Entre os criterios para a concesión da autorización teranse en conta os seguintes:

-Interese dos estudios de formación que se pretenden realizar para o sistema sanitario galego e a súa adecuación ás necesidades de formación existentes na materia solicitada.

-Relación entre o posto desempeñado polo solicitante e a actividade para a que se solicita a autorización.

-Asistencia anterior do solicitante a outras actividades formativas.

Artigo 6º

O incumprimento da finalidade da axuda dará lugar á perda desta e á devolución do percibido mailos xuros de demora.

Disposición transitoria

Para o presente ano, as devanditas axudas concederanse con cargo ó crédito existente nas aplicacións 5001.2591.226.17, no caso do persoal do Sergas e 1101.311A.226.17 para o persoal da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 1997.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

2783