Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Martes, 22 de abril de 1997 Páx. 3.741

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 4 de abril de 1997 pola que se convocan e se aproban as bases que rexen a convocatoria de bolsas para titulados superiores no campo da investigación mariña.

O desenvolvemento da acuicultura e a optimización da explotación dos recursos mariños, promóvese baseándose na utilización de técnicas que esixen unha cada vez máis forte presencia de persoal con altos niveis de formación e experiencia. Esta demanda crea unha necesidade de especialización de titulados superiores no campo da investigación mariña, que é necesario cubrir promovendo as actividades de formación e prácticas dirixidas por estes titulados, polo exposto esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

Con cargo á aplicación orzamentaria 012.004.432.C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, convócanse tres (3) bolsas de especialización de titulados superiores no campo da investigación mariña.

A concesión destas axudas rexerase polas bases do anexo I desta orde.

Artigo 2º

O importe global máximo que acadarán as axudas é de tres millóns novecentas sesenta mil pesetas (3.960.000), das que serán deducidas as correspondentes retencións fiscais.

Disposicións finais

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segundo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 1997.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

Bases

Primeira.-Obxecto.

A convocatoria ten por obxecto a adxudicación de 3 bolsas para titulados superiores no campo da investigación mariña.

Segunda.-Contía das bolsas.

A contía das axudas será dun millón trescentas vinte mil pesetas anuais (1.320.000) aboables en doce mensualidades de cento dez mil pesetas (110.000) cada unha nas que se aplicará a correspondente retención fiscal.

Terceira.-Carácter da bolsa.

Dado o seu carácter formativo e de especialización, a concesión destas bolsas non implica relación laboral ou administrativa entre o beneficiario e a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, aínda que si a necesaria e natural coordinación co horario, normas e disciplina do departamento ou centro de investigación onde realiza a súa formación; nin dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social, se ben quedará incluído nunha póliza colectiva de seguro de accidentes durante o período desta concesión.

O bolseiro deberá dedicarse de maneira plena a cumpri-las tarefas que lle sexan encomendadas. É incompatible o desfrute da bolsa coa percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas.

Cuarta.-Condicións xerais.

Para optar a estas bolsas é necesario:

a) Ser galego maior de idade.

b) Estar en posesión do título de licenciado en ciencias biolóxicas ou ciencias do mar na data da solicitude.

c) Non estar obrigado a realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa.

d) Non ter desfrutado de ningunha bolsa da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou outra doutro centro homologado noutra convocatoria.

Quinta.-Centros de realización.

As bolsas realizaranse no Centro de Investigacións Mariñas -Pedras de Corón- Vilanova de Arousa (Pontevedra).

Os bolseiros están obrigados a incorporarse ó centro na data que se lles indique no documento de aceptación da bolsa.

Sexta.-Documentación.

A solicitude destas bolsas realizarase no modelo do anexo II da presente orde.

As solicitudes deberán ir acompañadas, inexcusablemente, coa seguinte documentación:

1. Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.

2. Certificación académica detallada na que figuren as cualificacións obtidas, as datas de obtención e o nº exacto de convocatorias investidas en cada materia (orixinal ou fotocopia compulsada). Será válida a fotocopia compulsada da certificación pero non as certificacións extractadas do expediente académico do solicitante.

No caso de estudios validados deberá presentarse, así mesmo, certificación académica, de idénticas características, para os estudios de orixe.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros non estatais deberán estar validadas ou recoñecidas na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e deberase xuntar, se é o caso, as oportunas táboas de equivalencia oficiais das certificacións.

3. Declaración xurada do solicitante na que conste que se cumpre o requisito establecido na base cuarta.d, e de que non se realizou a tese doutoral.

4. Certificación de ter rematado os estudios da súa carreira con posterioridade a xuño de 1993. Os títulos anteriores a esta data quedan excluídos da convocatoria.

5. Currículum vitae, acompañando cantos documentos o avalen.

Sétima.-Trámites.

A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (edificios administrativos de San Caetano, Santiago de Compostela), ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación finalizará ós 15 días naturais da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Oitava.-Tramitación.

A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación comprobará que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e publicará unha resolución nos taboleiros de anuncios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e das súas delegacións coa lista de admitidos e excluídos, indicando, se é o caso, as causas de exclusión. Contra a dita resolución poderán os interesados formular reclamación para emendar erros e falta de documentos, ante a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación no prazo de 10 días a partir da publicación da resolución, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se corrixan as causas de exclusión procederase ó arquivo do expediente sen máis trámites.

Novena.-Selección de candidatos.

A selección dos candidatos será realizada pola Comisión de Selección de Bolsas, que estará presidida pola directora xeral de Formación Pesqueira e Investigación e integrada polo xefe do Servicio de Investigación Mariña e Dirección Científica de Centros e polos investigadores das áreas de especialidade das bolsas, actuando como secretaria da mesma a xefa de sección de Apoio a Programas de Investigación.

A selección dos bolseiros farase en función dos méritos acreditados na base sexta, e terase en conta, ademais, o coñecemento de idiomas.

Ademais do exame da documentación a comisión de selección poderá convocar ós solicitantes a unha entrevista persoal.

Efectuada a selección pola comisión, a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación fará pública a relación provisional de beneficiarios selec

cionados mediante anuncio publicado no taboleiro de anuncios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e nos das súas delegacións. Contra esta resolución poderase formular reclamación no prazo de 10 días, transcorrido o dito prazo a comisión procederá a estudia-las reclamacións presentadas e elevará a proposta definitiva ó conselleiro para que resolva.

A resolución da convocatoria farase por orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura que se publicará no Diario Oficial de Galicia, e poñerá fin á vía administrativa, segundo o disposto no artigo 109.c da Lei 30/1992.

Se transcorridos 10 días desde a publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia, os bolseiros non formalizasen a adscrición, perderán a bolsa e procederase a cubri-las vacantes cos suplentes nomeados.

As solicitudes entenderanse desestimadas se nun prazo de tres meses a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes non se dictou resolución.

Décima.-Pagamento e efectividade.

1. Incorporado ó lugar de realización da bolsa, e trala súa notificación polo responsable do proxecto ó que se incorpore o bolseiro, procederase ó pagamento da cantidade mensual fixada na base unha, con efecto a mes vencido.

A ausencia inxustificada, o baixo interese e rendemento e o non cumprimento das normas de réxime interno, así como a non realización dos traballos propostos serán causa de perda da bolsa.

2. a) A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación poderá en calquera momento da realización da bolsa, solicitarlle ó bolseiro un informe sobre as súas actividades.

b) Antes do pagamento da última mensualidade, o bolseiro fará entrega dun informe por escrito sobre os traballos desenvolvidos no período de formación, ó que se xuntará informe do director do proxecto. O incumprimento desta requisito dará lugar á perda desta mensualidade.

Décimo primeira.-Renuncia á bolsa concedida.

No caso de renuncia á bolsa concedida, o bolseiro presentará a correspondente solicitude fundamentada, podéndose cubri-la vacante producida polo período de desfrute restante co candidato suplente nomeado seguindo a orde de puntuación obtida.

Décimo segunda.-Condicións da prórroga.

Transcorrido un ano e logo do informe favorable da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, e sempre que exista partida orzamentaria, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, por solicitude do bolseiro, poderá acordar prórrogas por períodos dun ano da bolsa que tiña concedida, nas mesmas condicións nas que se concedeu a orixinaria.

2182