Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Luns, 21 de abril de 1997 Páx. 3.689

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 5 de abril de 1997 pola que se convocan e aproban as bases que rexen a convocatoria de bolsas para especialización de técnicos especialistas en formación profesional de segundo grao e ciclos formativos de grao superior.

A formación de especialistas no campo da investigación mariña e os cultivos é unha necesidade que se manifesta neste momento de forma máis aguda no campo de cadros de persoal intermedio, polo que

é a este punto a onde se deben dirixir de forma preferente as actuacións de formación de persoal.

Polo exposto esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

Con cargo á aplicación orzamentaria 012.004.432.C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, convócanse catro (4) bolsas de especialización de técnicos especialistas en formación profesional de 2º grao e ciclos formativos de grao superior que se realizarán nos centros dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

A concesión destas axudas rexerase polas bases do anexo a esta orde.

Artigo 2º

O importe global máximo que acadará a axuda é de catro millóns cento setenta e seis mil pesetas (4.176.000), das que serán deducidas as correspondentes retencións fiscais.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segundo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 1997.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

Bases

Primeira.-Obxecto e dotación.

O obxecto da presente convocatoria é a concesión de catro (4) bolsas ou axudas económicas dun ano de duración prorrogable por outro, para completa-la formación de:

-Técnicos especialistas en formación profesional de 2º grao, da rama marítimo-pesqueira, especialidade de cultivos mariños.

-Técnicos superiores en producción acuícola.

A contía das bolsas será dun millón corenta e catro mil pesetas (1.044.000), aboables en doce mensualidades de oitenta e sete mil pesetas (87.000) cada unha nas que se aplicará a correspondente retención fiscal.

Segunda.-Carácter da bolsa.

Dado o seu carácter formativo e de especialización, a concesión destas bolsas non implica relación labo

ral ou administrativa entre o beneficiario e a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, aínda que si a necesaria e natural coordinación co horario, normas e disciplina do departamento ou centro de investigación onde realiza a súa formación; nin dará lugar a súa inclusión na Seguridade Social, se ben quedará incluído nunha póliza colectiva de seguro de accidentes durante o período desta concesión.

O bolseiro deberá adicarse de maneira plena a cumpri-las tarefas que lle sexan encomendadas. É incompatible o desfrute da bolsa coa percepción de outras remuneracións, bolsas ou axudas.

Terceira.-Condicións xerais.

Para optar a estas bolsas é necesario:

-Ser galego maior de idade, a teor do disposto no artigo 3 do Estatuto de autonomía de Galicia.

-Posui-la titulación requirida na data da solicitude.

-Non estar obrigado a realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa.

Cuarta.-Centros de realización.

As bolsas serán de realización nos centros seguintes:

-Centro de Experimentación en Acuicultura Couso-Sta. Uxía de Ribeira (A Coruña): 2 bolsas.

-Centro de Investigacións Mariñas Pedras de Corón, s/n, Vilanova de Arousa (Pontevedra): 2 bolsas.

Os bolseiros están obrigados a incorporarse ós centros de realización na data que se lles indique no documento de aceptación da bolsa.

Quinta.-Documentación e trámites.

1. A solicitude destas bolsas farase mediante escrito dirixido ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, segundo o modelo normalizado do anexo II, acompañada dos seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.

b) Currículum vitae do solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

c) Certificación académica completa e fotocopia compulsada do título correspondente, ou, no seu defecto, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

d) Outros datos que se poidan xustificar documentalmente e que o solicitante considere de interese en relación coa bolsa.

2. A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (edificios administrativos de San Caetano,

Santiago de Compostela), ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Ley de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles, contados desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

4. A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación comprobará que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e publicará unha resolución nos taboleiros de anuncios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e das súas delegacións coa lista de admitidos e excluídos, indicando, se é o caso, as causas de exclusión. Contra a dita resolución poderán os interesados formular reclamación para emendar erros e falta de documentos, ante a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación no prazo de 10 días a partir da publicación da resolución, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se corrixan as causas de exclusión procederase ó arquivo do expediente sen máis trámites.

Sexta.-Otorgamento da bolsa.

1. As bolsas serán adxudicadas polo conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, por proposta da comisión de selección.

2. A comisión de selección estará presidida e será nomeada pola directora xeral de Formación Pesqueira e Investigación, e a súa composición farase pública no taboleiro de anuncios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

3. Na fase de selección teranse en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Expediente académico: valorarase a nota media correspondente ós cursos de formación profesional de 2º grao: puntuación máxima 6 puntos.

b) Proximidade temporal á obtención do título profesional: puntuación máxima 1 punto.

Os títulos obtidos con anterioridade a 1994 quedan excluídos da convocatoria.

c) Outros méritos: (coñecementos de inglés, práctica en empresas, traballos relacionados con laboratorios, cursos, etc...): Puntuación máxima 3 puntos.

Só se valorarán os méritos acreditados documentalmente.

Tendo en conta o espírito de formación destas bolsas, non se adxudicarán a aqueles candidatos que desfrutaran dalgunha bolsa da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura ou outra doutro centro homologado noutra convocatoria.

4. Efectuada a selección pola comisión de selección, a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación fará pública a relación provisional de beneficiarios seleccionados mediante anuncio publicados nos taboleiros de anuncios da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e das súas delegacións.

Contra esta resolución poderase formular reclamación no prazo de 10 días. Transcorrido o dito prazo a comisión procederá a estudia-las reclamacións presentadas e elevará a proposta definitiva ó conselleiro para que resolva.

5. A resolución da convocatoria farase por orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura que se publicará no Diario Oficial de Galicia, e poñerá fin á vía administrativa, segundo o disposto no artigo 109.c da Lei 30/1992.

6. Se transcorridos 10 días desde a publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia, os bolseiros non formalizasen a adscrición, perderán a bolsa e procederase a cubri-las vacantes cos suplentes nomeados.

7. As solicitudes entenderanse desestimadas se nun prazo de tres meses, a partir do remate do prazo de presentación de solicitudes, non se dictou resolución.

Sétima.-Pagamento e efectividade.

1. Incorporado ó lugar de realización da bolsa, e trala súa notificación polo responsable do proxecto ó que se incorpore o bolseiro, procederase ó pagamento da cantidade mensual fixada na base unha, con efecto a mes vencido.

A ausencia inxustificada, o baixo interese e rendemento, o non cumprimento das normas de réxime interno, así como a non realización dos traballos propostos, serán causa de perda da bolsa.

2. Antes do pagamento da última mensualidade, o bolseiro fará entrega dun informe por escrito sobre os traballos desenvolvidos no período de formación, ó que se acompañará informe do director do proxecto. O incumprimento deste requisito dará lugar á perda desta mensualidade.

Oitava.-Renuncia á bolsa concedida.

No caso de renuncia á bolsa concedida, o bolseiro presentará a correspondente solicitude fundamentada, podéndose cubri-la vacante producida polo período de desfrute restante co candidato suplente nomeado, seguindo a orde de puntuación obtida.

Novena.-Condicións da prórroga.

Transcorrido un ano e logo do informe favorable da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, e sempre que exista partida orzamentaria, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, por solicitude do bolseiro, poderá acorda-la prórroga por un ano da bolsa que tiña concedida, nas mesmas condicións nas que se lle concedeu a orixinaria.

97-1153