Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Luns, 21 de abril de 1997 Páx. 3.688

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 8 de abril de 1997 pola que se establecen as contías das indemnizacións por sacrificio obrigatorio de gando nos programas de erradicación de enfermidades animais para 1997.

Os animais reaccionantes positivos ás probas diagnósticas establecidas nos programas de erradicación de tuberculose, brucelose, leucose e peripneumonía

contaxiosa no gando vacún e brucelose no gando ovino e cabrún para os que se estableceu o sacrificio obrigatorio pola imposibilidade de establecer un tratamento terapéutico, implica que os gandeiros de acordo co establecido no artigo 154 do Regulamento de epizootias, do 4 de febreiro de 1955, e demais lexislación concordante poderán recibir unha indemnización de acordo ó baremo oficialmente aprobado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3, en relación co artigo 33.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A contía das indemnizacións por sacrificio obrigatorio de animais reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e peripneumonía contaxiosa no gando vacún e brucelose no gando ovino e cabrún, así como daqueloutros animais que convivindo cos animais enfermos sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes, durante as campañas de saneamento de 1997, serán as que correspondan en cada momento segundo o baremo oficialmente aprobado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Artigo 2º

Para poder ter dereito á indemnización por sacrificio é imprescindible o cumprimiento estricto da normativa en vigor sobre epizootias e programas de erradicación de enfermidades animais.

Artigo 3º

As indemnizacións establecidas na presente orde, así como as correspondentes ós animais sacrificados que non puideron ser tidos en conta por presenta-lo certificado de sacrificio con posterioridade ó peche do exercicio orzamentario anterior, aboaranse con cargo ó programa 613-A, concepto 770.0 Campañas de Saneamento Gandeiro, da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, dotado con douscentos cincuenta millóns de pesetas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e cumprimiento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

2716