Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Luns, 21 de abril de 1997 Páx. 3.685

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 11 de abril de 1997 pola que se determinan os criterios a seguir polas cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia para a elaboración dos seus censos electorais, a clasificación en grupos e categorías de cada unha das empresas que os integran e para a asignación de vocais representantes nos plenos respectivos.

A Lei 3/1993, do 22 de marzo, básica das cámaras oficiais de comercio, industria e navegación establece no seu artigo 7.1.a) 1º. que os vocais en número non inferior a 10 nin superior a 60, serán elixidos mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto entre tódolos electores da cámara, clasificados en grupos e categorías na forma sinalada no artigo seguinte, determinándose no artigo 8.1 que o censo electoral das cámaras comprenderá a totalidade dos seus electores clasificada por grupos e categorías, en atención á importancia económica relativa dos diversos sectores representados na forma que determine a respectiva Administración tutelante.

Para dar cumprimento ó establecido nos artigos anteriores faise necesario dictar unha instrucción sobre criterios a seguir polas cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia para a elaboración dos seus censos electorais, a clasificación en grupos e categorías de cada unha das empresas que os integran e para a asignación de vocais representantes dos respectivos plenos.

Na elaboración dos censos, a importancia económica relativa dos diversos sectores representados, debe se-lo principio rector que presida a clasificación dos electores por grupos e categorías. Todo iso obriga a ponderar diversas variables, ademais das puramente económicas, que afectan ás empresas integradas nos ditos censos, como así o esixe o termo relativa, que modula o significado da expresión importancia económica, conseguindo con iso, poder adaptarse á realidade empresarial de Galicia.

Ó amparo do establecido no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia e de acordo coas facultades conferidas a esta consellería polo Real decreto 2276/1982, do 24 de xullo, sobre transferencias das cámaras e o Decreto da Xunta 115/1982, do 5 de outubro, de asunción das ditas transferencias,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Apróbase a instrucción que figura anexa á presente orde, que establece os criterios ós que deben aterse as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia

para a clasificación en grupos e categorías das empresas que integran o censo electoral de cada unha das corporacións de dereito público e para a asignación de vocais nos plenos respectivos.

2. No prazo máximo dun mes desde a entrada en vigor da presente orde, as cámaras oficiais de comercio, industria e navegación da Comunidade Autónoma de Galicia deben adapta-los seus regulamentos de réxime interior ó establecido nesta orde e propor á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a súa aprobación. Para estes efectos achegarán coa dita proposta un proxecto de clasificación dos electores en grupos e categorías e de asignación de vocalías, así como unha memoria xustificativa dos parámetros elixidos e metodoloxía aplicada na súa elaboración, de acordo coa instrucción aprobada por esta orde. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá requiri-la documentación complementaria que coide oportuna.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Comercio e Consumo para dictar cantas disposicións sexan necesarias para a aplicación, execución e eficacia do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 1997.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

ANEXO

Instrucción

Normas para a constitución de grupos de categorías de electores e para a asignación de vocalías

1. Preparación do marco.

O marco inicial para proceder á determinación de grupos e categorías de electores virá dado pola seguinte información que debe estar en poder de cada cámara tal como está legalmente establecido:

1º Matrícula para o ano 1997 do imposto sobre actividades económicas (IAE), correspondente ós suxeitos pasivos que exerzan a actividade na súa demarcación territorial.

2º Relación, referida ós 3 últimos anos dispoñibles, dos rendementos do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) sobre os que se xiran as exaccións que forman parte do recurso cameral permanente.

3º Relación, referida ós 3 últimos anos dispoñibles, da cota líquida do imposto sobre sociedades (IS) sobre a que se xiran as exaccións que forman parte do recurso cameral permanente.

A dita información, dispoñible en forma de bases de datos (con rexistros e campos), unha vez depurada convenientemente, será completada cos datos elaborados pola propia cámara das respectivas exac

cións de cada imposto, constitutivas do recurso cameral permanente, que darán lugar a un campo novo cota cameral que se incorporará, se é o caso, ós rexistros de cada base de datos.

As referidas bases de datos dos tres últimos anos dispoñibles de IRPF, completadas co campo da exacción cameral, refundiranse nunha soa na que o campo cota cameral calcularase como media aritmética simple dos valores dos anos en que o dito campo teña valor numérico e sexa ademais distinto de cero. Idéntico procedemento seguirase para obter unha base de datos refundida do IS.

1.1. Relación por actividades.

Partindo da matrícula do IAE, completada co campo cota cameral IAE, todos aqueles rexistros que tendo idéntico epígrafe correspondan a un mesmo NIF (número de identificación fiscal) consolidaranse nun rexistro único. O campo cota cameral IAE dos novos rexistros será o resultado da suma dos rexistros de partida.

Como resultado desta operación de consolidación teremos unha relación das actividades económicas, ordenadas por epígrafes correlativos do IAE, realizadas por empresarios ou profesionais dentro da demarcación da cámara.

1.2. Marco para a constitución de grupos de actividades.

A anterior relación de actividades completarase engadíndolle tres novos campos a cada rexistro: cota cameral IRPF, cota cameral IS e achega económica; os dous primeiros obteranse tralo cruzamento por NIF da relación de actividades coas relacións de IRPF e IS. Para estes efectos imputarase como epígrafe IAE dos rexistros das relacións de IRPF e IS aquel que constitúa a actividade principal do empresario ou profesional identificado polo seu NIF, entendéndose que, en ausencia doutra información fidedigna, a actividade principal será aquela pola que o suxeito pasivo contribúa en maior medida ó recurso cameral permanente. O campo achega económica definirase como suma dos tres campos cota cameral IAE, cota cameral IRPF e cota cameral IS.

Así pois, a relación por actividades completada cos campos de cotas camerais será o marco a partir do que, tras aplicación dos criterios que se establezan, se formarán os grupos de actividades. Cada rexistro deste marco será considerado como unha actividade para os efectos dos cómputos que se precisen en relación coa definición de grupos de actividades.

2. Constitución dos grupos de actividades e de electores.

O conxunto de actividades que figuran no marco clasificaranse en grupos de forma que todas e cada unha das actividades deberán de pertencer a un grupo e só a un.

2.1. Principios xerais.

A definición dos grupos de actividades efectuaraa cada cámara respectando os principios de homoxeneidade, suficiencia e representación entendidos na forma que se explica de seguido.

2.1.1. Principio de homoxeneidade.

A homoxeneidade entenderase en termos de afinidade na actividade económica realizada polas empresas dun mesmo grupo. O grao de afinidade deberá ser obxectivable en función de criterios explícitos de ordenación das actividades económicas.

2.1.2. Principio de suficiencia.

Cada grupo que se forme deberá te-la suficiente entidade ou relevancia socioeconómica para ser considerado separadamente. O grao de relevancia socieconómica deberá ser obxectivable en termos da importancia explícita que se lle asigne a variables de tipo económico e social.

2.1.3. Principio de representación.

O obxectivo principal da formación de grupos de actividades é que teñan representación directa na cámara, o que se traduce no principio de que a todo grupo de actividades que se constitúa lle corresponderá polo menos unha vocalía.

2.2. Criterios de delimitación.

Os anteriores principios aplicaranse en termos dos criterios que de seguido se concretan, salvo que outros factores de recoñecida importancia deban de ser tidos en conta e sempre que se respecten os principios xerais xa enunciados.

2.2.1. Grao de afinidade.

A afinidade virá definida en termos da codificación de actividades propia das tarifas do IAE. Entenderase, en xeral, que o grao de afinidade se move nunha escala ordinal, de maior a menor, desde os 4 díxitos (grupos nas tarifas do IAE), logo os 2 primeiros díxitos (agrupacións do IAE), a continuación o primeiro díxito (divisións do IAE) e finalmente a pertenza ás seccións 1ª ou 2ª do IAE.

Os grupos formaranse pois, en xeral, por agregación de epígrafes correlativos do IAE, respectando a escala de afinidade. Nalgúns casos a ruptura da escala de afinidade do IAE poderá vir suxerida pola vixente clasificación nacional de actividades económicas, CNAE-93, tal como sucede nos grupos de referencia que se propoñen no apéndice a esta instrucción. En todo caso, calquera outra escala de afinidade que se propoña para o cumprimento do principio de homoxeneidade, deberá de motivarse.

2.2.2. Limiar de suficiencia.

A relevancia socioeconómica que postula o principio de suficiencia virá medida en termos das dúas variables seguintes: A, a achega económica tal como foi definida como campo (suma das cotas camerais) dos rexistro do marco e B, o número de actividades (rexistros do marco) do grupo «i».

O criterio para defini-la importancia mínima que debe corresponder a un grupo para ser considerado como tal será fixa-lo limiar de suficiencia, U, que se determinará por: U=1/N, onde N é o número total de vocais que terán que elixi-los electores.

Como regra xeral considerarase satisfeito o principio de suficiencia, cando polo menos unha das dúas variables A, B igualen ou superen, en tanto por un con respecto ó total, a U. Ou sexa, sendo A = R A, B = R B e a = A/A, b= B/B, a condición de suficiencia é que a ou b sexan maiores ou iguais ca U.

Co fin de evitar representacións forzosas, completarase a condición de suficiencia co requisito de que, en todo caso, un grupo contará cun mínimo de 10 electores.

2.2.3. Criterio de representación.

O principio de representación directa dos grupos, tal como foi formulado en 2.1.3, representa de feito un límite superior ó número de grupos, posto que este nunca poderá ser superior ó número N de vocalías en cada cámara.

Sen que se deba considerar como un criterio baseado nun dos principios anteriormente formulados, establécese, como referencia para delimita-lo número de grupos que se constitúan en cada cámara, a condición de que non poidan corresponder a un mesmo grupo máis do número enteiro inmediato superior ó 10% do total de vocais electos.

2.3 Grupos de referencia.

A consideración conxunta dos principios e criterios desenvolvidos nos parágrafos anteriores debe permitir a cada cámara constituí-los seus grupos de actividades. En todo caso, para a simplificación do proceso, ofrécense no apéndice tres conformacións xerarquizadas de grupos de actividades que, sempre que resulten coherentes cos principios e criterios expostos, poderán servir de referencia.

2.4. Relación de electores por grupos.

Unha vez definidos os grupos de actividades, dentro de cada un deles procederase á consolidación dos rexistros que teñan idéntico NIF nun único rexistro no que figurarán alomenos os seguintes campos: identificación de grupo, NIF, nome ou razón social, domicilio e achega económica. Este último campo, achega económica, virá definido como suma dos campos homónimos dos rexistros consolidados.

Se ordenámo-la relación resultante en cada grupo por orde decrecente dos valores do campo achega económica, teremos unha relación de electores de cada grupo ordenados por un criterio de dimensión, a que servirá como marco para a definición, se é o caso, de categorías.

3. Distribución de vocalías entre os grupos.

Dado que o número N de vocais que se van elixir estará xa fixado por cada cámara e os grupos estarán

xa constituídos de acordo cos principios e criterios formulados nestas normas, a atribución de vocais a cada grupo farase conforme o principio de proporcionalidade, de xeito que o número de vocais asignados a cada grupo de electores estea en consonancia co peso relativo de cada grupo no total.

O peso relativo dun grupo «i», P, obterase como a media aritmética ponderada dos tantos por un a e b definidos en 2.2.2., onde as ponderacións a, b, constantes para tódolos grupos, serán tales que:

1º a + b = 1

2º 0,5 < b < 0,6

Así pois, o peso relativo do grupo «i», P, virá dado pola fórmula:

P = a x a + b x b

Sendo N o número total de vocalías que se van elixir, ó grupo «i» corresponderanlle en principio (N x P) vocalías, onde os parénteses entre os que figura o producto N x P indican a parte enteira de tal producto. Se para algúns dos grupos ese producto é menor ca 1, procederase a asignarlles unha vocalía. Unha vez así asignados os vocais, o remanente de vocalías que aínda non se atribuíse irase asignando a cada un dos grupos que teñan a fracción de unidade máis alta no producto N x P ata completa-lo total de vocais.

4. Diferenciación de categorías nos grupos.

Cando dentro dun grupo de electores ó que se asignase máis de 1 vocalía o grao de concentración económica sexa significativo, de acordo co que chamaremos principio de diferenciación da dimensión, deberanse distinguir categorías de electores de forma que todos e cada un dos electores do grupo pertencerán a unha e só a unha categoría.

A concentración económica dentro dun grupo virá referida á variable que temos denominado achega económica e porase de manifesto en que altas porcentaxes do total desa variable se correspondan con baixas porcentaxes de electores do grupo.

En todo caso, sempre que os grupos se establecesen cos criterios propostos en 2.2., non se poderá establecer máis de 3 categorías dentro dun mesmo grupo e sempre que calquera categoría teña un mínimo de 5 electores.

5. Distribución de vocalías entre as categorías.

Naqueles grupos para os que se establezan categorías, a distribución de vocalías deberá aterse á necesidade de que a toda categoría lle corresponda alomenos 1 vocal -principio de representación directa-. Cando o número de vocalías supere o número de categorías, este excedente distribuirase entre as ditas categorías seguindo algún procedemento de reparto similar ó utilizado na norma 3 para a atribución de vocalías a cada grupo.

APÉNDICE

Grupos de referencia

A sectorización máis agregada vén indicada por letras maiúsculas; os números romanos expresan a sectorización intermedia e por último os números naturais corresponden á sectorización máis fina.

Os contidos dos sectores referéncianse en termos das divisións, agrupacións (Agr.) e grupos das vixentes tarifas do IAE.

A.-Enerxía e auga. Industrias extractivas e industrias transformadoras de minerais.

(División 1 + División 2 - Agr. 25 + División 3)

I. Enerxía e auga. Industrias extractivas. Industrias transformadoras non metálicas.

(División 1 + Agr. 21 + Agr. 22 + Agr. 23 + Agr. 24)

1. Enerxía e auga. Extracción, producción e primeira transformación de metais.

(División 1 + Agr. 21 + Agr. 22)

2. Extracción de minerais non metálicos nin enerxéticos e industrias de minerais non metálicos.

(Agr. 23 + Agr. 24)

II. Industrias transformadoras dos metais. Mecánica de precisión.

(División 3)

3. Industrias transformadoras dos metais. Mecánica de precisión.

(División 3)

B.-Outras industrias manufactureiras.

(Agr. 25 + División 4)

III. Outras industrias manufactureiras.

(Agr. 25 + División 4)

4. Industrias de productos alimenticios, bebidas e tabaco.

(Agr. 41 + Agr. 42)

5. Industrias téxtiles, confección, calzado e coiro. Industrias da madeira, cortiza e mobles de madeira.

(Agr. 43 + Agr. 44 + Agr. 45 + Agr. 46)

6. Industrias do papel, artes gráficas e edición. Industrias químicas, caucho, plásticos e outras industrias manufactureiras.

(Agr. 47 + Agr. 25 + Agr. 48 + Agr. 49)

C. Construcción.

(División 5)

IV. Construcción.

(División 5)

7. Construcción.

(División 5)

D.-Comercio e reparacións.

(División 6 - Agr. 67 - Agr. 68)

V. Comercio e reparacións.

(División 6 - Agr. 67 - Agr. 68)

8. Comercio por xunto, recuperación de productos e intermediarios de comercio.

(Agr. 61 + Agr. 62 + Agr. 63)

9. Comercio polo miúdo. Reparacións.

(Agr. 64 + Agr. 65 + Agr. 66 + Agr. 69)

E. Outros servicios. Actividades profesionais.

(Agr. 67 + Agr. 68 + División 7 + División 8 + División 9 + Sección Segunda)

VI. Hostelería.

(Agr. 67 + Agr. 68)

10. Hostelería.

(Agr. 67 + Agr. 68)

VII. Transportes e comunicacións.

(División 7)

11. Transportes.

(Agr. 71 + Agr. 72 + Agr. 73 + Agr. 74)

12. Actividades anexas ós transportes. Telecomunicacións.

(Agr. 75 + Agr. 76)

VIII. Institucións financeiras e seguros.

(Agr. 81 + Agr. 82 + Agr. 83 - Grupo 834)

13. Institucións financeiras e seguros.

(Agr. 81 + Agr. 82 + Agr. 83 - Grupo 834)

IX. Servicios diversos. Actividades profesionais.

(Grupo 834 + Agr. 84 + Agr. 85 + Agr. 86 + División 9 + Sección Segunda)

14. Actividades inmobiliarias e alugueiros. Servicios prestados ás empresas.

(Grupo 834 + Agr. 84 + Agr. 85 + Agr. 86)

15. Outros servicios e actividades profesionais.

(División 9 + Sección Segunda)

2840