Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Venres, 18 de abril de 1997 Páx. 3.653

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 73/1997, do 14 de marzo, polo que se desafecta unha franxa de terreo de 356 m de longo por 8 de largo aproximadamente que forma parte do Centro de Investigacións Agrarias de San Tirso de Mabegondo, termo municipal de Abegondo (A Coruña).

O artigo 10.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia sinala que cando os bens e dereitos non fosen necesarios para o cumprimento dos fins determinantes da súa afectación, cesará a súa natureza demanial e adquirirán a condición de patrimoniais, sen prexuízo, se é o caso, do dereito de reversión nos termos da lexislación de expropiación forzosa respecto daqueles bens adquiridos por este título.

O apartado segundo do antedito artigo establece que a desafectación dos bens de dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse mediante acordo do Consello da Xunta, logo da instrucción do expediente pola Consellería de Economía e Facenda, por instancia da consellería interesada, e sempre que se acredite a desaparición das causas xustificativas da afectación. Constando informe favorable á desafectación da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, para que por parte da empresa Enagás se poidan realiza-las obras do «gasoducto Vilalba-Tui», no tramo que afecta ó Centro de Investigación Agrarias de Mabegondo.

Por todo isto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de marzo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctase do dominio público unha franxa de 356 m de longo por 8 de largo aproximadamente, segundo se reflicte nos planos incorporados no expediente, do predio do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo sito no lugar de Mabegondo, termo municipal de Abegondo (A Coruña).

Artigo 2º

A franxa de terreo anteriormente descrita adquire natureza patrimonial.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

2681