Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Venres, 18 de abril de 1997 Páx. 3.652

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

INSTRUCCIÓN 1/1997, da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, sobre contratación administrativa.

As reformas introducidas pola Lei de contratos das administracións públicas, a creación do Rexistro de Contratistas e a moi razoable tendencia a axiliza-los trámites administrativos nos distintos procedementos aconsellan sentar unha serie de criterios unificados en relación coa verificación da suficiencia de poderes realizados polos letrados da Xunta de Galicia. Por tal razón, esta dirección xeral xulga conveniente dicta-la seguinte instrucción.

1. Este centro directivo na súa instrucción do 23 de setembro de 1993, número primeiro, estableceu como criterio de xeral aplicación que para todo expediente de contratación administrativa debía realizarse un acto de verificación da suficiencia «ad hoc», como «acto administrativo inherente e integrante do procedemento de contratación singularizado de que se trate».

O dito criterio fundábase nunha interpretación do artigo 25.2 do Regulamento xeral de contratación.

Na actualidade, á vista da aprobación da LCAP 1995, non hai ningún precepto que estableza a esixencia dun apoderamento específico para cada acto.

Máis ben ó contrario, a regulación do Rexistro de Contratistas xa obrigou a matiza-lo criterio anterior en relación cos actos de verificación da suficiencia de poderes para que sexan presentados no dito rexistro. Para tal efecto dictouse a instrucción 1/1996.

Chegado a este punto, esta dirección xeral considera necesario xeneralizar este modo de proceder, non só en relación cos poderes que sexan presentados para inscrición no Rexistro de Contratistas senón tamén para tódolas verificacións da suficiencia que sexan realizadas polos letrados da Xunta de Galicia.

Non se debe esquecer que este modo de proceder é a regra xeral na Administración do Estado, na Administración doutras comunidades autónomas e, a que lles ocasiona menos molestias e gastos ós cidadáns en xeral.

En consecuencia, neste aspecto puntual, hai que entender modificada a anterior instrucción deste centro directivo do 23 de setembro de 1993 no atinxe ó seu número primeiro. En canto á forma en que deben realizarse as verificacións da suficiencia de alcance xeral, haberá que aterse ó xa establecido por este centro directivo no apartado IV, parágrafos 2º, 3º, 4º e 5º da instrucción 1/1996, do 19 de febreiro, coa única precisión que a continuación se exporá. Por outro lado, a dita instrucción seguirá rexendo na súa integridade cando se trate de verificación da suficiencia de poderes co fin de que sexan presentados e inscritos no Rexistro de Contratistas da Comunidade Autónoma.

2. Co obxecto de facilita-la actuación dos contratistas, as verificacións xerais da suficiencia que se realicen haberán de ser tan amplos como sexa posible, de tal modo que inclúan todas aquelas facultades contidas no poder que poden ter transcendencia de cara á relación xurídica contractual. Especialmente cando o representante da empresa teña facultades para retirar avais e fianzas farase constar tal circunstancia na verificación da suficiencia.

3. O artigo 9 da orde da Consellería de Industria e Comercio do 9 de decembro de 1996 establece que: «Por instancia das empresas inscritas, o Rexistro de Contratistas, a través do sistema xeral de procedementos administrativos da Xunta de Galicia, expedirá certificacións acreditativas da representación destas para efectos da cancelación de garantías ou outros actos que así o requiran en materia de contratación administrativa». En consecuencia, verbo das empresas inscritas no Rexistro de Contratistas, será requisito suficiente, para que estas poidan cancela-las garantías ou retiraren os avais, a presentación das correspondentes certificacións, expedidas de conformidade co disposto no precepto transcrito.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 1997.

Javier Suárez García

Director xeral-xefe da Asesoría Xurídica Xeral

2751