Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 16 de abril de 1997 Páx. 3.573

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de marzo de 1997 pola que se regula a concesión de axudas económicas para o curso 1997-1998 a unidades que escolaricen alumnos de 4 ou 5 anos en centros docentes privados.

É vontade do Goberno da Comunidade Autónoma facilita-la escolarización da etapa de educación infantil nos centros que elixan os seus pais ou titores, sen que condicionamentos de tipo económico impidan a efectiva liberdade de elección de centro recollida na Constitución española de 1978. Foi por iso polo que se estableceron axudas económicas ós centros docentes privados que escolarizan alumnos da dita etapa a partir do curso 1991-1992.

Co fin de proseguir nesta liña, xa consolidada ó abeiro do establecido nas leis 14/1970, do 4 de agosto, orgánica 8/1985, do 3 de xullo, e orgánica 1/1990, do 3 de outubro, esta consellería, oído o Consello Escolar de Galicia, na súa sesión do día 13 de xullo de 1994,

DISPÓN:

Primeiro.-A concesión de axudas económicas ós centros docentes privados na etapa de educación infantil que escolaricen nenos deste nivel, no curso escolar 1997-1998, rexerase polo disposto na presente orde.

Segundo.-Poderanse solicitar axudas para subvenciona-las unidades de educación infantil de catro ou cinco anos.

Terceiro.-As axudas consistirán en subvenciona-los centros seleccionados na cantidade correspondente ós salarios de persoal docente das unidades de educación infantil que se determinen na resolución da presente convocatoria, incluídas cargas sociais, e unha cantidade para gastos de funcionamento equivalente na súa contía á establecida para tal fin, por unidade e ano, para as unidades de primaria con concerto xeral.

Cuarto.-Os centros que perciban as axudas sinaladas no punto anterior non lle poderán cobrar ó alumnado das unidades subvencionadas ningunha cantidade, agás as autorizadas expresamente para actividades ou servicios complementarios pola Administración educativa que, en todo caso, terán carácter voluntario para o alumnado.

Quinto.-O titular do centro queda obrigado a ter en funcionamento o número total de unidades que son obxecto de subvención. Os centros subvencionados deberán ter unha relación media alumno/aula, por unidade de educación infantil subvencionada, en tódolos casos, non inferior a 20, nin superior a 25.

O titular do centro queda obrigado, necesariamente, a cubri-las prazas escolares de conformidade cos criterios do Decreto 87/1995, do 16 de marzo (DOG do 28), e da Orde do 5 de abril de 1995 (DOG do 10 de maio).

Sexto.-A concesión de axudas farase de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e tendo en conta as seguintes prioridades:

1º. Subvencionaranse as unidades de educación infantil que contan coa dita subvención no curso 1996-1997.

2º. Subvencionaranse unidades de educación infantil de centros que impartan tamén educación primaria concertada coa seguinte orde de preferencia:

a) Unidades que escolaricen unicamente alumnos de 5 anos.

b) Unidades que escolaricen unicamente alumnos de 4 anos.

c) Unidades que escolaricen conxuntamente alumnos de 4 e 5 anos cando o centro conte, unicamente, cunha unidade de educación infantil.

3º. Subvencionaranse unidades en centros que imparten exclusivamente educación infantil, sempre que no concello non existan outras unidades dese nivel.

4º. Poderanse subvencionar, finalmente, outras unidades de centros de educación infantil, sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Dentro de cada un dos apartados anteriores establecerase a seguinte prelación:

1) Centros que atendan a poboacións escolares de condicións socioeconómicas desfavorables.

2) Unidades que escolaricen alumnos discapacitados.

3) Centros que desenvolvan experiencias de interese pedagóxico para o sistema educativo.

En todo caso, e sempre que se dea igualdade de condicións terán preferencia os centros en réxime de cooperativa.

Sétimo.-Os centros docentes que desexen acollerse ó sistema de axudas económicas a unidades de educación infantil, establecido na presente orde, solicitaranllo á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo de vinte (20) días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial Galicia. As solicitudes presentaranse nas respectivas delegacións provinciais da consellería do ámbito territorial no que estean situados os centros, especificando se a axuda é para unidade de catro anos (nados no 93) ou de cinco anos (nados no 92) ou mixta (4 e 5 anos) e deberán subscribilas os titulares dos centros que, no suposto de que se trate de persoas xurídicas, serán os que ostenten a súa representación.

Oitavo.-As solicitudes, que se farán no modelo que se xunta, irán acompañadas de:

1) Memoria explicativa na que se faga constar explicitamente:

-Nº de alumnos de 5 anos, nados en 1992.

-Nº de alumnos de 4 anos, nados en 1993.

-Media alumno/aula no nivel de primaria/EXB.

2) Certificación de estar ó día no pagamento das cotas da Seguridade Social.

Noveno.-As solicitudes presentadas serán avaliadas por comisións provinciais, presididas polo delegado provincial de Educación e Ordenación Universitaria, que terán a composición sinalada no punto décimo cuarto da Orde do 8 de xaneiro de 1997 (DOG do 21) para as comisións de concertos educativos.

Décimo.-As comisións provinciais avaliarán as solicitudes e mailas documentacións presentadas, de acordo cos criterios establecidos nesta orde, e elaborarán unha proposta motivada de resolución.

Estas propostas serán enviadas polas delegacións provinciais á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa no prazo máximo de quince días naturais a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Décimo primeiro.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa acordará a resolución provisional, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias existentes. A dita resolución provisional publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Décimo segundo.-Os centros ós que se lle conceda axuda económica para algunha unidade deberán

abrir un novo prazo de admisión de alumnos para o nivel subvencionado, sempre que existan prazas libres, a partir do terceiro día da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e por un período mínimo de dez días. A dita admisión deberá axustarse ós criterios establecidos no Decreto 87/1995, do 16 de marzo, e na Orde do 5 de abril de 1995.

Décimo terceiro.-Os titulares dos centros que figuran na resolución provisional como beneficiarios de axuda, remitiran ó Servicio de Inspección, entre o 15 e o 30 de setembro de 1997, certificación do número de alumnos definitivamente matriculados en cada unha das unidades subvencionadas. O Servicio de Inspección, feitas as oportunas comprobacións, remitirá, antes do 10 de outubro de 1997 e xunto co seu informe, á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa a devandita certificación.

Décimo cuarto.-Á vista das certificacións e dos informes sinalados no punto anterior, a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa formularalle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria proposta de resolución definitiva.

A resolución definitiva de concesión de axudas económicas publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Décimo quinto.-Correspóndelle ó consello escolar do centro a aprobación, por proposta do titular, do orzamento do centro no que se refire tanto ós fondos provenientes da Administración como ás cantidades autorizadas, así como á rendición anual de contas. O titular do centro deberá remitirlle á correspondente delegación provincial a certificación do acordo do consello escolar que aproba as contas.

Os centros dedicados exlusivamente a educación infantil que obteñan axuda económica deberán remitirlle á correspondente delegación provincial a xustificación documental do destino das cantidades percibidas.

Os centros subvencionados quedarán suxeitos ó control de carácter financeiro establecido nas disposicións vixentes.

Décimo sexto.-En todo aquilo que non se determina especificamente nesta orde, aplicaráselle a normativa relativa ós concertos educativos de educación primaria.

Décimo sétimo.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Décimo oitavo.-Autorízase á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa a dicta-los actos e disposicións complementarios que se consideren necesarios para o desenvolvemento desta orde.

Décimo noveno.-As axudas pagaranse con cargo ó crédito orzamentario consignado no programa 07.03.322A.480.0. desta consellería. O importe deste crédito non poderá ser excedido en ningún caso.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

2837