Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Martes, 15 de abril de 1997 Páx. 3.539

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de marzo de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de rematantes e serradoiros de madeira.

Visto o expediente do convenio colectivo para o sector rematantes e serradoiros de madeira, que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 11-2-1997, subscrito en representación da parte económica polo Grupo Provincial de Rematantes e Serradoiros de Maderas de Pontevedra, e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO. e UGT, o día 5-2-1997, de conformidade co disposto no artigo

90.2º e 3º, do Real decreto legislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no Libro de Rexistro de Convenios Colectivos de Traballo, desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 4 de marzo de 1997.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da provincia de Pontevedra de rematantes e serradoiros de madeiras

I. Disposicións xerais.

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio é de aplicación en toda a provincia de Pontevedra.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

O convenio afectará a tódalas industrias de serradoiros e rematantes de madeiras establecidas na actualidade na provincia de Pontevedra e a todas aquelas que poidan establecerse durante a súa vixencia.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

O presente convenio afectará á totalidade do persoal ó servicio dos serradoiros e rematantes de madeiras do ámbito comprendido naquel.

Artigo 4º.-Efectos económicos.

Independentemente da data de publicación do texto deste convenio no BOP, os seus efectos económicos terán vixencia desde o 10 de xuño de 1996, a excepción do establecido no artigo 18.

Artigo 5º.-Duración e procedemento de denuncia.

O presente convenio terá unha duración de dous anos, desde o día 1 de xaneiro de 1996 ó 31 de decembro de 1997.

Calquera das partes poderá solicita-la revisión do convenio, formulando a denuncia deste á outra parte con tres meses de antelación como mínimo á data de expiración da súa vixencia. Desta comunicación enviarase copia para efectos de rexistro á delegación provincial da Consellería de Relacións Laborais.

Artigo 6º.-Compensacións.

As condicións económicas establecidas no presente convenio absorberán as que anteriormente rexían en virtude de disposición legal, convenio colectivo sindical, pactos, usos, costumes ou calquera outra causa, incluso a do incremento legal do salario mínimo interprofesional en contía non superior ás retribucións pactadas.

Artigo 7º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións persoais máis beneficiosas consignadas en anteriores convenios ou pactos entre a patronal e os traballadores serán respectadas individualmente, a excepción da revisión automática das retribucións por incremento do salario mínimo interprofesional, que só terá lugar no suposto previsto no parágrafo final do artigo anterior.

II. Réxime de traballo.

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de 40 horas semanais.

Os días 24 e 31 de decembro terán a consideración de festivos aboables e non recuperables.

Tódolos traballadores que teñan xornada intensiva desfrutarán de media hora de descanso para toma-lo bocadillo.

Artigo 9º.-Salarios.

Para o ano 1996 aplicarase un incremento salarial do 4,3% en tódolos conceptos económicos desde a data de entrada en vigor do convenio estatal da madeira, dez de xuño de 1996, ata o 31 de decembro de 1996.

Para o ano 1997 aplicarase un incremento do 3,2% en tódolos conceptos económicos desde o un de xaneiro de 1997 ata o 31 de decembro de 1997.

Artigo 10º.-Antigüidade.

O premio de antigüidade será o consistente nun 5 por 100 cada quinquenio e calculado sobre o salario base pactado neste convenio.

Artigo 11º.-Revisión salarial.

No suposto caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 1997 un exceso respecto ó 31 de decembro de 1996 superior ó incremento salarial pactado para o ano 1997, incrementarase a táboa salarial no que exceda da dita porcentaxe con efectos a partir do 1 de xaneiro de 1997.

Artigo 12º.-Plus de transporte.

Contando do 10 de xuño de 1996, as empresas pagaranlles ós seus traballadores un plus de transporte na contía de 339 pesetas por cada día de asistencia ó traballo.

Para o ano 1997, o plus de transporte terá unha contía de 350 pesetas por cada día de asistencia ó trabajo.

O dito plus non incrementará nin as pagas extraordinarias de xullo, Nadal e festividade patronal, nin no premio de antigüidade.

Artigo 13º.-Gratificacións extraordinarias.

Por este concepto, os traballadores afectados polo presente convenio percibirán, incluída a antigüidade quen a tivera, 30 días de salario como paga extraordinaria de xullo e Nadal, que se farán efectivos os días 24 de xullo e 22 de decembro, respectivamente.

Tamén percibirán a paga extraordinaria consistente en 15 días, calculada sobre o salario base da táboa salarial anexa, incluída a antigüidade correspondente, e que será pagada o día anterior á festa do patrón, que se celebrará o 19 de marzo.

Artigo 14º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio desfrutará de 30 días naturais de vacacións.

Artigo 15º.-Axudas de custo por desprazamento.

Os traballadores afectados polo presente convenio que, por razóns de traballo, teñan que desprazarse fóra do termo municipal no que se atopa o centro de traballo, percibirán, salvo que entre a empresa e o traballador exista outro tipo de acordo, axudas de custo na seguinte contía:

-Do 10 de xuño ó 31 de decembro de 1996:

Completa: 2.699 pesetas.

Media: 1.080 pesetas.

-Do 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 1997:

Completa: 2.785 pesetas.

Media: 1.115 pesetas.

Artigo 16º.-Aprendices.

A partir da entrada en vigor do presente convenio o período de aprendizaxe computarase para efectos de antigüidade na empresa.

Artigo 17º.-Incapacidade temporal por accidente de traballo.

As empresas afectadas polo presente convenio pagaranlles a aqueles dos seus traballadores que se atopen en situación de incapacidade temporal

por causa de accidente laboral, exclusivamente durante a permanencia destes nun sanatorio ou hospital, unha compensación económica consistente na diferencia que exista entre as prestacións que o traballador perciba da Seguridade Social e o salario real que lle corresponda segundo a súa categoría profesional.

Artigo 18º.-Indemnización por accidente laboral.

Tendo en conta que as actividades que comprende o presente convenio se poden considerar de certa perigosidade, que deron lugar a varios accidentes, como consecuencia dos cales se derivaron amputacións que determinaron situacións de invalidez, tódalas empresas afectadas por el subscribirán, con efectos do día 1 de xaneiro de 1996, unha póliza cunha compañía ou mutua de seguros que garanta, no caso de accidente e atendendo ó grao de invalidez que teña determinado a comisión cualificadora correspondente,unha indemnización consistente na seguinte contía:

Morte: 1.500.000 pesetas.

Invalidez total: 2.500.000 pesetas.

Invalidez absoluta: 3.000.000 de pesetas.

Gran invalidez: 3.500.000 pesetas.

A partir do día seguinte á data de publicación do convenio no BOP, os capitais modificaranse na contía seguinte:

Morte: 1.600.000 pesetas.

Invalidez total: 2.700.000 pesetas.

Invalidez absoluta: 3.250.000 pesetas.

Gran invalidez: 3.750.000 pesetas.

Estas indemnizacións serán totalmente independentes daquelas ás que os traballadores teñan dereito en virtude da lexislación laboral vixente.

Artigo 19º.-Revisión médica.

As empresas afectadas polo presente convenio solicitarán unha revisión médica anual para todo o persoal do cadro.

O tempo que o traballador empregue para asistir á dita revisión será pagado pola empresa.

Artigo 20º.-Rotura de lentes.

O persoal que, por ter deficiencias visuais, tivese de empregar lentes para o desenvolvemento da súa actividade laboral e como consecuencia diso, e por causa accidental, se rompesen ou quedasen inutilizados, a empresa pagaralle o seu importe ó traballador afectado.

Artigo 21º.-Promoción do persoal.

Para o ascenso e promoción do persoal afectado polo presente convenio, determínase como preferente a súa capacidade, ou sexa, o conxunto de aptitudes mínimas para a ocupación dos distintos postos de traballo.

Nembargantes, dentro das condicións de aptitude a que se refire o apartado anterior, a igualdade de condicións, será factor decisivo para cubri-la vacante a maior antigüidade entre o persoal da categoría inferior, e, no defecto disto, das demais categorías.

As vacantes que se produzan cubriranse conforme as normas que a continuación se expresan:

Persoal técnico: será de libre designación da empresa entre o seu persoal ou alleo.

Persoal administrativo: As vacantes de xefe serán provistas libremente pola empresa e as correspondentes ó resto das categorías, por concurso-oposición entre as de categoría inferior, puntuando a antigüidade.

Nas vacantes que correspondan á quenda de concurso-oposición, se este fora declarado deserto por non presentarse concursante ou non merecera a aprobación de ningún dos presentados, poderán ser cubertas libremente pola empresa con persoal alleo a ela.

Persoal de fábrica ou taller: as vacantes que se produzan na categoría de encargado xeral, encargado de sección e capataces cubriranse mediante libre designación da empresa. As que se produzan de oficial de 1ª, 2ª e de especialista cubriranse exclusivamente por concurso-oposición. Poderán optar a elas aqueles productores de categoría inferior con coñecemento suficientes da especialidade de que se trate, presumibles polo seu historial dentro da empresa, puntuando a antigüidade.

Tamen poderán optar a estas vacantes aqueles productores de categoría inferior que presten servicios na mesma máquina ou posto de traballo onde quede vacante ou noutras máquinas ou postos de traballo iguais ou similares, se existisen na empresa.

Se os concursos-oposición previstos para cubrir vacantes de oficiais de 1ª e 2ª e especialistas fosen declarados desertos, ben por non presentarse candidato ou por non demostrar este a aptitude esixida, a empresa poderá cubri-los postos libremente con persoal alleo ó cadro.

As vacantes de axudantes cubriranse por antigüidade entre os aprendices de cuarto ano.

As vacantes de peóns especialistas cubriranse por peóns despois dun período de adaptación ou prácticas de dous meses, dándose preferencia ós máis antigos.

Artigo 22º.-Pagamento de salarios.

Os salarios dos traballadores afectados polo presente convenio serán pagados por mensualidades vencidas, empregándose o modelo oficial de recibo establecido ou o que, mediante autorización, teña concedido a empresa polo organismo correspondente.

Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, os traballadores poderán solicitar da empresa anticipos quincenais ou semanais, quedando esta obrigada a pagalos con cargo á correspondente nómina.

Artigo 23º.-Roupa de traballo.

As empresas facilitaranlles ós seus traballadores a roupa de traballo que sexa necesaria e que, como mínimo, consistirán en: dúas fundas de traballo;

luvas axeitadas para tódolos traballadores; botas ou calzado de seguridade nos postos de traballo onde sexan necesarios.

A non entrega das fundas de traballo dará lugar ó pagamento de 3.454 pesetas como compensación de cada unha das pezas non entregadas. Con efectos do 1 de xaneiro de 1997, a dita compensación quedará establecida na contía de 3.565 pesetas.

Artigo 24º.-Partes asinantes.

O presente convenio foi asinado polos representantes do Grupo Provincial de Rematantes e Serradoiros de Madeiras de Pontevedra, como parte empresarial, facéndoo en representación dos traballadores os representantes das centrais sindicais CC.OO. e U.G.T.

Artigo 25º.-Comisión paritaria.

Créase, para interpretar e resolver cantas dúbidas se presenten na interpretación do presente convenio, unha comisión paritaria que estará composta por un presidente, seis vocais en representación dos empresarios e seis vocais en representación dos traballadores.

No non previsto no presente convenio aplicarase o establecido no Estatuto dos traballadores e nas demais disposicións legais vixentes.

Disposición adicional

As partes asinantes do presente convenio comprométense a acata-la sentencia do Tribunal Supremo en relación ó recurso presentado pola patronal á sentencia da Sala do Social da Audiencia Nacional, Nº 95/1996, do 23 de outubro de 1996.

ANEXO I

Táboa de salarios: 10 de xuño - 31 de decembro 1996

Categoría profesionalSalario

día

Persoal de monte:
Encargado de monte2.858
Xefe de cuadrilla e conductor de camión2.779
Talador2.599
Tronzador mecánico e tractorista2.691

Persoal de fábrica ou taller:
Encargado ou contramestre2.858
Encargado de sección2.799
Medidor, fogoneiro, especialista de secadeiro e

peón especalizado

2.578
Afiador, serrador de 1ª e galerista de 1ª2.779
Serrador de 2ª, motoserrista, galerista de 2ª,

conductor de camión e tractorista

2.691
Axudante de afiador, axudante de serrador e

serrador de serra circular

2.599
Peón ordinario2.578
Aprendiz de 1º e 2º ano e pinche de 14 e 15 anos1.772
Aprendiz de 3º e 4º ano e pinche de 16 e 17 anos2.439

Categoría profesionalSalario

mes

Persoal administrativo:
Xefe de oficina93.739
Oficial de primeira87.563
Oficial de segunda82.733
Auxiliar administrativo77.355
Aspirante maior de 18 anos76.683
Aspirante menor de 18 anos61.959
Telefonista e mecanógrafa76.683
Viaxante e corredor de praza81.111

Táboa de salarios: 1 de xaneiro - 31 de decembro 1997

Categoría profesionalSalario

día

Persoal de monte:
Encargado de monte2.949
Xefe de cuadrilla e conductor de camión2.868
Talador2.682
Tronzador mecánico e tractorista2.777

Persoal de fábrica ou taller:
Encargado ou contramestre2.949
Encargado de sección2.889
Medidor, fogoneiro, especialista de secadeiro e

peón especalizado

2.661
Afiador, serrador de 1ª e galerista de 1ª2.868
Serrador de 2ª, motoserrista, galerista de 2ª,

conductor de camión e tractorista

2.777
Axudante de afiador, axudante de serrador e

serrador de serra circular

2.682
Peón ordinario2.661
Aprendiz de 1º e 2º ano e pinche de 14 e 15 anos1.829
Aprendiz de 3º e 4º ano e pinche de 16 e 17 anos2.517

Categoría profesionalSalario

mes

Persoal administrativo:
Xefe de oficina96.739
Oficial de primeira90.365
Oficial de segunda85.380
Auxiliar administrativo79.830
Aspirante maior de 18 anos79.137
Aspirante menor de 18 anos63.942
Telefonista e mecanógrafa79.137
Viaxante e corredor de praza83.707

1909