Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Martes, 15 de abril de 1997 Páx. 3.530

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 14 de xaneiro de 1997, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Garaje Castelos, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo de Garaje Castelos, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 7-1-1997, subscrito en representación da parte económica pola empresa e, da parte social polo comité de empresa, o día 23-12-1996, de conformidade co disposto no artigo 90.2º y 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 14 de xaneiro de 1997.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo Garaxe Castelos, S. A. 1996-1997

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto do convenio.

O presente convenio colectivo ten por obxecto regula-las relacións de traballo económicas e sociais entre a empresa Garaje Castelos S.A. e os traballadores dela.

Artigo 2º.-Ámbito territorial e funcional.

O presente convenio colectivo afecta as actividades que a empresa Garaje Castelos S.A. desenvolve no seu centro de traballo da estrada Castela, 336, Ferrol.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

As condicións de traballo aquí reguladas afectan a totalidade do cadro de persoal da empresa Garaje Castelos S.A., coa excepción do persoal excluído expresamente polo Estatuto dos traballadores.

Aféctalles, así mesmo, e en todo caso, ós traballadores que pasen a formar parte do cadro de persoal da empresa durante a vixencia do convenio.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

O presente convenio entrará en vigor por se produci-la súa publicación no BOP, e manterá a súa vixencia ata o 31 de decembro de 1997. Non obstante, os aspectos salariais retrotraerán os seus efectos ó 1 de xaneiro de 1996.

Ámbalas partes comprométense a inicia-la negociación dun novo convenio con dous meses de antelación á finalización da súa vixencia.

Mentres non se acade un novo acordo, todo o contido do presente convenio terá vixencia, fixándose como límite desta vixencia a data do 31 de decembro de 1998, na que se prevé que estará negociado un novo convenio.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

As condicións aquí pactadas forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.

Artigo 6º.-Garantías persoais.

Respectaranse as condicións persoais que excedan do colectivamente pactado.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 7º.-Norma xeral.

A organización do traballo, de acordo co previsto neste convenio, correspóndelle ó empresario, quen a levará a cabo a través do exercicio regular das súas facultades de organización económica e técnica, dirección e control de traballo e das ordes necesarias para a realización das actividades laborais correspondentes.

No suposto de que se delegasen facultades directivas, esta delegación farase de modo expreso, de maneira que sexa suficientemente coñecida, tanto polos que reciban a delegación de facultades como polos que despois serán destinatarios das ordes recibidas.

As ordes que teñan en por si o carácter de estables deberanlles ser comunicadas expresamente a tódolos afectados e dotadas de suficiente publicidade.

A organización do traballo ten por obxecto acadar na empresa un nivel adecuado de productividade baseado na óptima utilización dos recursos humanos e materiais. Para este obxectivo cómpre a mutua colaboración das partes integrantes da empresa: dirección e traballadores.

A representación legal dos traballadores velará para que no exercicio das facultades antes aludidas non se conculque a lexislación vixente, sen que iso poida considerarse transgresión da boa fe contractual.

Artigo 8º.-Desenvolvemento.

A organización do traballo estenderase entre outras, ás cuestións seguintes:

a) A determinación dos elementos necesarios (máquinas ou tarefas específicas) para que o traballador poida alcanzar polo menos o rendemento normal ou mínimo.

b) A fixación da calidade admisible ó longo do proceso de fabricación de que se trate; e a esixencia consecuente de índices de desperdicios e perdas.

c) A esixencia de vixilancia, atención e dilixencia no coidado da maquinaria, instalacións e utensilios encomendados ó traballador.

d) A distribución do persoal de acordo co previsto no presente convenio.

e) A adaptación das cargas de traballo, rendementos e tarifas ás novas condicións que resulten de aplica-lo cambio de métodos operativos, procesos

de fabricación ou cambio de funcións e variacións técnicas de maquinaria e utensilios como de material.

f) Fixación de fórmulas claras e sinxelas para a obtención de cálculos de retribución que lles corresponda ós traballadores de maneira que poidan ser comprendidas con facilidade.

Artigo 9º.-Sistemas de organización científica e racional do traballo.

A determinación dos sistemas, métodos e procedementos de organización científica e racional de traballo que rexerán para a realización, valoración e regulación do traballo na empresa e/ou nos seus talleres, seccións e/ou departamentos, correspóndelle á dirección, que terá en todo caso a obriga de expresar suficientemente as súas decisións ó respecto.

Cando a empresa estableza sistemas de organización científica e racional do traballo, procurará adoptar en bloque algúns dos sistemas internacionalmente recoñecidos; neste caso farase referencia ó sistema pola súa denominación convencional. En caso contrario, haberá que especificar cada unha das partes fundamentais que se integran no dito sistema e o seu contido organizativo, técnico e normativo.

Por sistema de organización científica e racional do traballo hai que entende-lo conxunto de principios de organización e racionalización do traballo e, se é o caso, de retribución incentivada; de normas para a súa aplicación, e de técnicas de medición do traballo e de valoración de postos.

No establecemento de calquera sistema de racionalización do traballo terase en conta, entre outras, as seguintes etapas:

a) Racionalización, descrición e normalización de tarefas.

b) Análise, valoración, clasificación e descrición dos traballos correspondentes a cada posto ou grupos de postos de traballo.

c) Análise e fixación de rendementos normalizados.

d) Asignacións dos traballadores ós postos de traballo segundo as súas aptitudes.

Artigo 10º.-Procedemento para a implantación, modificación ou substitución dos sistemas de organización de traballo.

Cando a empresa pretenda implantar un sistema de organización do traballo novo ou modifica-lo existente, de forma que implique o estudio de métodos, o estudio de tempos, o réxime de incentivos ou cualificación dos postos de traballo, procederán da seguinte forma:

a) A dirección informará, con carácter previo, ós representantes legais dos traballadores da implantación ou substitución que decidiu efectuar.

b) Ámbalas partes, para estes efectos, poderán constituír unha comisión paritaria. A dita comisión paritaria, mediante informe que deberá elaborarse no termo máximo de quince días, manifestará o seu acordo ou disentirá razoablemente da medida que se vaia tomar.

c) Se no termo doutros quince días non fose posible o acordo, ámbalas partes poderán acorda-la submisión a unha arbitraxe.

d) De persisti-lo desacordo, a implantación ou modificación do sistema axustarase, en canto a súa aprobación, ó previsto na lexislación laboral vixente.

Os representantes legais dos traballadores poderán exercer iniciativas para varia-lo sistema de organización establecido.

Artigo 11º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria a que se refire o artigo anterior estará composta por un mínimo de dous membros e un máximo de oito. A metade dos membros procederán dos representantes legais dos traballadores e posuirán a súa representación e serán designados por estes. A outra metade será nomeada pola dirección á que representan.

Serán competencias desta comisión:

-As establecidas no artigo 9º, para a implantación ou modificación dun sistema de organización do traballo.

-Coñecer e emitir informe sobre os novos métodos e sobre os estudios de tempo correspondentes, logo da súa aplicación.

-Coñecer e emitir informe previo á súa implantación pola dirección, nos casos de revisión de métodos e/ou tempos correspondentes.

-Recibi-las tarifas de traballo e os seus anexos, se é o caso.

-Acorda-los períodos de aprendizaxe e os de adaptación que, se é o caso, se apliquen. As partes da comisión paritaria poderán pedir asesoramento externo.

Artigo 12º.-Revisión de tempos e rendementos.

Efectuaranos algún dos feitos seguintes:

a) Por reforma dos métodos, medios ou procedementos.

b) Cando se incorrese de modo manifesto e indubitado por erro de cálculo ou medición.

c) Se no traballo se producise cambio no número de traballadores, sempre e cando as medicións se realizasen para equipos cun número de compoñentes indeterminado, ou algunha modificación substancial nas condicións daquel.

d) Por acordo entre a empresa e a representación legal dos traballadores.

Se a revisión orixina unha diminución nos tempos asignados, establecerase un período de adaptación

de duración non superior ó mes por cada 10 % de diminución.

Os traballadores desconformes coa revisión poderán reclamar individualmente ante a autoridade competente, sen que iso paralice a aplicación dos novos valores.

Artigo 13º.-Rendemento normal ou mínimo, habitual e óptimo ou tipo.

Considérase rendemento normal ou mínimo, e polo tanto esixible, o 100 da escala de valoración centesimal, que equivale ó 75 da norma británica e ó 60 Bedaux. É o rendemento dun operario retribuído por tempo, cun ritmo compatible ó dun home con físico corrente que camiñe sen carga, en chan e liña recta á velocidade de 4,8 km á hora, durante toda a xornada.

Rendemento habitual é o que repetidamente vén obtendo cada traballador en cada posto de traballo, nas condicións normais do seu centro e nun período de tempo significativo.

Rendemento óptimo é o 133, 100 ou 80 en cada unha das escalas anteriormente citadas, e equivale a un camiñar de 6,4 km/h. É un rendemento que non perxudica a integridade dun traballador normal, nin física nin psiquicamente, durante toda a súa vida laboral, nin tampouco lle impide un desenvolvemento normal da súa personalidade fóra do traballo. Constitúe o desempeño tipo ou ritmo tipo no texto da O.I.T. Introducción ó estudio do traballo.

Capítulo III

Clasificación profesional

Artigo 14º.-Clasificación profesional.

Os traballadores afectados polo presente convenio, manterán a súa clasificación no tocante a categorías e estructura salarial, tal como figura no anexo I do presente convenio.

Capítulo V

Ingresos

Artigo 15º.-Ingresos.

A empresa comunicaralles ós representantes legais dos traballadores o posto ou postos que se vaian cubrir, as condicións esixibles ós aspirantes e características das probas de selección, salvo que a inmediatez da contratación impida a comunicación; neste caso notificaráselles con posterioridade.

Artigo 16º.-Período de proba.

O ingreso dos traballadores considerarase realizado a título de proba, cando así se manifeste de forma expresa e por escrito.

A duración do período de proba será a establecida no artigo 14 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores.

Capítulo V

Mobilidade

Artigo 17º.-Mobilidade funcional.

Por razóns organizativas, técnicas ou productivas de carácter temporal, salvo en casos de substitución por I. T. ou servicio militar, os traballadores poderán ser destinados á realización de tarefas de diferente nivel dentro do seu grupo profesional ou cambio de grupo funcional. Se o dito cambio leva consigo retribucións superiores, percibirán as do posto do destino. En todo caso, garantirase a percepción das retribucións do nivel de orixe.

Artigo 18º.-Saídas, viaxes e axudas de custos.

Tódolos traballadores que, por necesidades da empresa, teñan que efectuar desprazamentos a poboacións distintas á de localización da empresa desfrutarán dunha compensación sobre o seu salario de 3.800 pesetas para tódalas categorías, no suposto de pasa-la noite fóra do seu domicilio, ou cando deba efectuar fóra del dúas comidas principais.

Se o traballador tivese que realizar fóra do lugar habitual unicamente o xantar, percibirá media axuda de custos, equivalente a 1.900 pesetas.

Os días de saída devengarán axudas de custos e os de chegada reduciranse á metade, cando o interesado pase a noite no seu domicilio, salvo que tivese que efectuar fóra as dúas comidas principais.

Se os traballos se efectuasen de forma tal que o traballador só teña que realizar fóra do seu domicilio o xantar, percibirá media axuda de custos.

As viaxes de ida e volta realizaranse sempre por conta da empresa.

Se por circunstancias especiais os gastos orixinados polo desprazamento superan o importe das axudas de custos, o exceso deberá ser aboado pola empresa, e deberán ser xustificados polos traballadores.

As axudas de custos e medias axudas de custos experimentarán idéntico incremento que o acordado para os conceptos salariais.

Capítulo VI

Tempo de traballo

Artigo 19º.-Xornada de traballo.

A duración máxima da xornada de traballo será de 40 horas semanais, equivalentes a 1.795 horas de traballo efectivo.

As tardes dos días 24 e 31 de decembro, así como Martes de Entroido, terán a consideración de descanso retribuído e non recuperable.

Artigo 20º.-Calendario laboral.

Antes do primeiro de xaneiro de cada ano, a dirección da empresa, de mutuo acordo cos delegados de persoal, elaborará o calendario laboral para o ano seguinte, que deberá incluí-las horas de entrada

e saída ó traballo, tempo de descanso, festas oficiais e período hábil para o desfrute de vacacións.

Calquera modificación posterior que tivese que efectuarse deberá ser previamente consensuada polas partes asinantes.

Artigo 21º.-Horas extraordinarias.

Pola súa propia natureza, as horas extraordinarias son voluntarias, con excepción daquelas cunha non realización que ocasione graves prexuízos á empresa, ou impida a continuidade do proceso productivo.

Clasificación das horas extraordinarias:

a) Forma maior: son as esixidas pola necesidade de previr ou reparar sinistros ou circunstancias análogas con evidencia de prexuízos tanto para a empresa como a terceiros, así como para a prevención de riscos de perda de materias primas.

b) Períodos punta imprevisibles: son as necesarias para previr un grave quebranto á productividade, en circunstancias imprevistas e de constatación evidente, tales como ausencias imprevistas, posta en marcha ou paradas, cambio de quenda ou outras análogas, cando as ditas circunstancias non poidan ser paliadas con aplicación das distintas modalidades de contratación legalmente previstas.

c) As horas extraordinarias que tivesen que realizarse serán retribuídas conforme os valores recollidos nas táboas que se xuntan como anexo II do presente convenio.

Artigo 22º.-Vacacións.

Os traballadores afectados por este convenio terán unha vacación anual retribuída de 30 días naturais. O período do seu desfrute fixarase de común acordo entre a empresa e o traballador; poderase convi-la división en dous do período total.

As vacacións anuais non poderán ser compensadas en metálico.

Sen prexuízo do establecido na lexislación vixente e en desenvolvemento desta materia, establécese:

-Os traballadores que na data determinada para o desfrute da vacación anual completasen un ano efectivo na empresa, desfrutarán dun número de días proporcional ó tempo de servicios prestados. Neste suposto, de terse establecido un cerre do centro que imposibilite a realización das funcións do traballador, este non producirá diminución na súa retribución.

-Se durante o desfrute das vacacións se producise unha situación de baixa por incapacidade temporal, debida a enfermidade ou accidente non laboral, quedarán interrompidas as vacacións, continuando o desfrute delas nas datas que de común acordo fixasen ámbalas partes.

-O persoal con dereito a vacacións que cese no transcurso do ano, terá dereito á parte proporcional da vacación, segundo o número de meses traballados.

Capítulo VII

Licencias e reservas

Artigo 23º.-Licencias sen soldo.

En caso extraordinario, debidamente acreditado, poderanse conceder licencias polo tempo que sexa preciso sen percibo de haberes co desconto do tempo de licencia para efectos de antigüidade.

Artigo 24º.-Excedencias.

a) Excedencia forzosa

Concederase excedencia forzosa, que dará dereito á conservación do posto e ó cómputo da antigüidade da súa vixencia, pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo.

Así mesmo, concederáselles excedencia forzosa ós cargos electivos a nivel provincial, autonómico ou estatal das organizacións sindicais máis representativas.

O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó do cesamento no cargo público ou función sindical.

b) Excedencia voluntaria

Os traballadores cun ano de servicio poderán solicita-la excedencia voluntaria por un prazo mínimo de dous anos e non superior a cinco anos; non se computará o tempo que dure a situación para ningún efecto e sen que en ningún caso se poida producir nos contratos de duración determinada. Este feito só poderá ser exercido outra vez polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

Os traballadores terán dereito a un período de excedencia non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo contando desde a data de nacemento deste. Os sucesivos fillos darán dereito a un novo período de excedencia que, se é o caso, porá fin ó que se viñese desfrutando. Cando o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer este dereito. Neste suposto, cando a excedencia non sexa superior a un ano, o reingreso será automático.

O traballador excedente conserva só un dereito preferente ó reingreso, se non existise vacante na súa categoría profesional e si nunha inferior, o excedente poderá ocupar esta praza co salario correspondente a ela, ata que se produza unha vacante na súa categoría profesional, ou non reingresar ata que se produza a dita vacante.

En tódolos casos de excedencias, a solicitude de reingreso haberá de formalizarse de forma expresa e por escrito.

Capítulo VIII

Licencias e reservas

Artigo 25º.-Servicio militar. Prestación social.

O traballador que se incorpore a filas con carácter oficial ou voluntario, polo tempo mínimo de duración

deste, terá reservado o seu posto de traballo, durante o tempo en que permaneza cumprindo o servicio militar e dous meses máis computándose todo este tempo para efectos de antigüidade na empresa.

Durante o tempo da súa permanencia no servicio militar, o traballador terá dereito a percibi-las gratificacións extraordinarias sinaladas no presente convenio.

Poderán reintegrarse ó traballo os licenciados do servicio militar, con permiso temporal superior a un mes; é potestativo da empresa facelo cos que desfrutan permiso de duración inferior ó sinalado, sempre que ámbolos casos medie a oportuna autorización militar para poder traballar.

O traballador fixo que ocupe a vacante temporal dun compañeiro en servicio militar, ó regreso deste volverá ó seu antigo posto na empresa. Se a substitución fose efectuada por un traballador alleo á empresa contratado interinamente para substituílo, no momento do retorno do fixo, cesará sen dereito a indemnización ningunha se se lle notificase co prazo de oito días de antelación, e aboaráselle esta se non se lle comunicase.

A non reincorporación do traballador fixo en servicio militar dentro do prazo de reserva do seu posto dará lugar á rescisión do seu contrato de traballo, salvo en caso de enfermidade, comunicada á empresa por escrito dentro do referido prazo de dous meses e debidamente xustificada, na que se reservará o posto ata que sexa dado de alta da dita enfermidade.

O contido deste artigo será de aplicación a traballadores que debesen cumpri-la prestación social substitutoria.

Artigo 26º.-Licencias retribuídas.

A tódolos traballadores que o soliciten, e logo de xustificación da súa necesidade, seranlles consideradas licencias sen perda de retribución, polos motivos seguintes:

a) Por matrimonio: catorce días laborables.

b) Por nacemento ou adopción dun fillo: tres días laborables, ampliables como licencia sen soldo, logo de solicitude á empresa en caso de necesidade grave.

c) Por enfermidade grave de pais, avós, fillos, cónxuxe e irmáns: dous días laborables.

d) Dous días laborables en caso de falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que se ampliarán a catro días naturais se necesita realizar un desprazamento.

e) Por traslado do seu domicilio habitual: un día.

f) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste dunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que aterse ó que dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

g) Tamén terán dereito aqueles traballadores que o soliciten a cinco días de licencia sen soldo por enfermidade ou defunción de familiares da liña recta ascendente ou descendente sen limitación ou colaterais ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

As traballadoras por lactación dun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora de ausencia ó traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller por vontade poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade.

Quen por razóns de garda legal teña ó seu coidado algún menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción de xornada de traballo coa diminución proporcional do salario entre polo menos un tercio e un máximo da metade daquela.

h) Os traballadores terán dereito a licencia polo tempo necesario para acudir a consulta médica e deberán xustificar tal circunstancia mediante certificación facultativa na que conste o día e o horario de consulta médica.

Capítulo IX

Traballo en pantallas

Artigo 27º.-Traballo en pantallas.

Os postos de traballo en pantallas axustaranse nas súas condicións ergonómicas en prevención de risco para os traballadores.

Seranlles realizadas probas visuais a tódolos traballadores que, de forma habitual, realicen traballos en pantallas.

O tempo máximo de permanencia continuada en pantallas será de catro horas, con pausas de 12 minutos cada 2 horas. Unha vez transcorridas as primeiras catro horas de traballo, a continuación de traballos con pantallas producirase unha vez transcorrido un período mínimo de dúas horas.

Capítulo X

Premios e pluses

Artigo 28º.-Plus de antigüidade.

O plus de antigüidade será do 5 por 100 dos salarios base da táboa salarial por cada quinquenio, respectándose os topes establecidos no artigo 25 do Estatuto dos traballadores.

A data inicial para a súa determinación será a de ingreso na empresa, coa excepción do tempo de aspirantado, aprendizaxe ou calquera outra razón legalmente establecida.

Os aumentos periódicos por anos de servicio comezarán a devengarse a partir do día primeiro do mes en que se cumpra.

Artigo 29º.-Plus de asistencia e puntualidade.

Baséase este premio ou plus na presencia efectiva do traballador sobre a totalidade do horario laboral.

Para premia-la asistencia e puntualidade establécese un premio ou plus, para tódalas categorías, de 380 pesetas por día efectivo de traballo.

Dada a condición deste premio ou plus:

1. Só se devenga por día efectivo de traballo.

2. Pérdese o premio ou plus dun día por:

2.1. Unha falta de traballo.

2.2. Dous atrasos.

2.3. Dúas omisións de fichaxe ou control de entrada.

2.4. Toda ausencia ó traballo (total ou parcial), xustificada ou sen xustificar.

2.5. Toda clase de licencias retribuídas, segundo as disposicións legais vixentes ou as pactadas neste convenio.

3. Pérdese o premio ou plus do mes por:

3.1. Tres faltas ó traballo.

3.2. Seis atrasos.

3.3. Seis omisións de fichaxe ou control de entrada.

3.4. Tres faltas leves.

3.5. Dúas faltas graves.

3.6. Unha falta moi grave.

3.7. Máis de sete días laborables en caso de enfermidade.

Non se considerarán como faltas de asistencia para os efectos de perda do premio ou plus do mes aquelas que sexan como consecuencia dos permisos retribuídos que se determinan no presente convenio, así como os producidos por accidente laboral, as das traballadoras por lactación dun fillo menor de nove meses, os períodos de descanso por maternidade da traballadora e as ausencias motivadas polo desempeño das súas funcións dos membros do comité de empresa, delegados de persoal e delegados sindicais, se os houbese.

Así mesmo, os días que o traballador permaneza internado nun establecemento hospitalario, así como os días seguintes á hospitalización sen darse de alta terán o mesmo carácter e tratamento que as ausencias ó traballo por accidente laboral.

Cando un traballador permaneza de baixa por incapacidade temporal (enfermidade común) e esta baixa coincida entre o final dun mes e o comezo doutro ou varios consecutivos con relación ó segundo mes ou seguintes, sempre e cando perdese o premio ou plus do primeiro mes, os meses segundo ou seguintes recibirán o mesmo tratamento que se acorda para as baixas por accidente laboral.

Para os efectos anteriores considerarase:

1. Atrasos.

1.1. As horas exactas de entrada e saída indicaranse mediante os sinais que cada empresa estableza.

Os traballadores deberán atoparse nos seus postos de traballo ó darse os sinais de principio e fin de xornada.

Non cumprir estes requisitos suporá a consideración de atraso, abandono de posto ou simulación de presencia doutro traballador.

2. Falta parcial ó traballo.

2.1. Toda fichaxe ou control de entrada que exceda de trinta minutos sobre o horario de entrada e saída durante a xornada laboral.

3. Permisos médicos xeral e especialista.

3.1. Consideraranse para tódolos efectos como faltas xustificadas.

Artigo 30º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte de valor medio mensual de 9.812 pesetas, equivalente a 477 pesetas por cada día laborable, cantidade que será descontada por cada día de ausencia, agás se se trata de faltas ó traballo con licencia retribuída.

Artigo 31º.-Gratificacións extraordinarias.

Aboaranse anualmente dúas gratificacións extraordinarias que se farán efectivas na primeira quincena do mes de xullo e o 22 de decembro. Consistirá no aboamento de trinta días de salario base máis plus de antigüidade, se é o caso, por cada unha delas. Ratearanse en proporción ó tempo traballado por semestres naturais do ano en que se outorguen.

A situación de incapacidade temporal considerarase como de permanencia para efectos de percepcion destas gratificacións.

Artigo 32º.-Complemento por incapacidade.

En caso de accidente laboral, incapacidade temporal ou maternidade, a empresa complementará as prestacións de seguridade social ata o 100 % do salario convenio e antigüidade desde o primeiro día.

Artigo 33º.-Prestación por morte, viúvez ou invalidez.

A empresa concertará unha póliza de seguros que garanta ós seus traballadores unha indemnización de 2.500.000 pesetas por morte, invalidez total, absoluta e gran invalidez, por accidente de traballo.

Capítulo XI

Política salarial

Artigo 34º.-Salarios.

Os salarios que percibirá o persoal afectado polo presente convenio son os recollidos nas táboas que se xuntan como anexo I do presente convenio.

Artigo 35º.-Compoñentes do salario.

As retribucións dos traballadores afectados por este convenio estarán constituídas polo salario base e os seus complementos. Os ditos complementos poderán ser persoais (antigüidade, etc.), de vence

mento superior ó mes, como son as gratificacións extraordinarias.

Os complementos de postos de traballo por razón das súas características, así como por calidade ou cantidade de traballo (primas, incentivos, etc.) consideraranse complementos non consolidables no salario do traballador.

Artigo 36º.-Incremento salarial.

Acórdase incrementa-las táboas salariais nun 4,5 por 100 para 1996 e nun 4 por 100 para 1997.

Artigo 37º.-Revisión salarial.

Finalizado o exercicio 1996, procederase a unha revisión salarial consistente en aplica-la diferencia positiva entre o incremento pactado e os parámetros dos índices de prezos ó consumo (IPC) desde a data en que este supere o 4 % ata o 31 de decembro de 1996. Este novo incremento, en caso de operar, conformará un novo parámetro como base de cálculo para o incremento de 1997.

Para o segundo ano de vixencia aplicarase o mesmo procedemento desde a data en que o IPC supere o 3,5 % ata o 31 de decembro de 1997.

A revisión salarial aboarase nunha soa paga. A correspondente a 1996, durante o primeiro trimestre de 1997, e a correspondente a 1997, no primeiro trimestre de 1998.

Capítulo XII

Réxime disciplinario

Artigo 38º.-Réxime disciplinario-

Os traballadores poderán ser sancionados pola direccion da empresa de acordo coa graduación de faltas e sancións que se establecen nos artigos seguintes.

Artigo 39º.-Graduación de faltas.

Toda falta cometida por un traballador clasificarase, atendendo á súa importancia, trascendencia e intención en leve, grave ou moi grave.

Artigo 40º.-Faltas leves.

Consideraranse faltas leves as seguintes:

a) De unha a tres faltas de puntualidade sen xustificación no período dun mes.

b) Non notificar con carácter previo ou, se é o caso, dentro das 24 horas seguintes á falta, salvo caso de forza maior, a razón da ausencia ó traballo, a non ser que se probe a imposibilidade de telo feito.

c) O abandono do servicio sen causa xustificada, aínda por breve tempo. Se, como consecuencia del, se organizase prexuízo dalgunha consideración á empresa ou fose causa de accidente ós seus compañeiros de traballo, esta falta poderá ser considerada como grave ou moi grave, segundo os casos.

d) Pequenos descoidos na conservación do material.

e) Faltas de aseo ou limpeza persoal.

f) Non atender ó público coa corrección e dilixencia debidas.

g) Non comunicarlle á empresa os cambios de residencia ou domicilio.

h) Discutir violentamente cos compañeiros dentro da xornada de traballo.

i) Faltar ó traballo un día ó mes sen causa xustificada.

Artigo 41º.-Faltas graves.

a) Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo cometidas no período de 30 días.

b) Falta de 1 a 3 días ó traballo durante un período de 30 días sen causa que o xustifique. Bastará cunha soa falta cando tivese que relevar un compañeiro ou cando, como consecuencia dela, se causase prexuízo dalgunha consideración á empresa.

c) Entregarse a xogos durante a xornada de traballo.

d) A desobediencia ós seus superiores en calquera materia de traballo, incluída a resistencia e obstrucción a novos métodos de racionalización de traballo. Se implicase quebranto manifesto da disciplina ou dela se derivase prexuízo notorio para a empresa, poderá ser considerada como falta moi grave.

e) Simula-la presencia doutro ó traballo, asinando ou fichando por el.

f) A neglixencia ou desidia no traballo que afecta a boa marcha del.

g) A imprudencia en acto de traballo. Se implicase risco de accidente para o traballador, para os seus compañeiros, ou perigo de avaría para as instalacións, poderá ser considerada como moi grave. En todo caso, considerarase imprudencia en acto de servicio o non uso das pezas de roupa e aparellos de seguridade de carácter obrigatorio.

h) Realizar, sen o oportuno permiso, traballos particulares durante a xornada, así como o emprego, para usos propios, de ferramentas da empresa.

i) A reincidencia en falta leve (excluída a puntualidade) aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun trimestre e mediando sanción que non sexa a de amoestación verbal.

Artigo 42º.-Faltas moi graves.

Consideraranse como faltas moi graves as seguintes:

a) Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade cometidas nun período de seis meses, ou vinte nun ano.

b) As faltas inxustificadas ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos nun período dun mes.

c) O fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto

ós seus compañeiros de traballo como á empresa ou a calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa ou durante o traballo en calquera outro lugar.

d) Os delictos de roubo, estafa, malversación, cometidos fóra da empresa ou calquera outra clase de delicto común que poida implicar para esta desconfianza cara ó seu autor, salvo que fose absolto deles.

e) A simulación de enfermidade ou accidente. Entenderase sempre que exista falta cando un traballador en baixa por tales motivos realice traballos de calquera índole por conta propia ou allea. Tamén se comprenderá neste apartado toda manipulación feita para prolonga-la baixa por accidente ou enfermidade.

f) A continuidade e habitual falta de aseo e limpeza de índole, que produza queixas xustificadas dos seus compañeiros de traballo.

g) A embriaguez e o estado derivado do consumo de drogas durante o traballo.

h) Viola-lo segredo de correspondencia ou documentos reservados da empresa, ou revelar a estraños a ela datos de reserva obrigada.

i) Realización de actividades que impliquen competencia desleal á empresa.

j) Os malos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou falta grave de respecto e consideración ós seus xefes ou ós seus familiares, así como ós seus compañeiros e subordinados.

k) Causar accidentes graves por imprudencia ou neglixencia.

l) Abandona-lo traballo en posto de responsabilidade, sen previo aviso.

m) A diminución non xustificada no rendemento do traballo.

n) A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometan no período dun trimestre e fosen sancionadas.

Artigo 43º.-Réxime de sancións.

Correspóndelle á empresa a facultade de impor sancións nos termos do estipulado no presente convenio.

A sanción de faltas graves e moi graves requirirá comunicación por escrito ó traballador, e farase consta-la data e os feitos que a motivaron.

A empresa daralles conta ós representantes legais dos traballadores de toda sanción por falta grave ou moi grave que se impoña.

Artigo 44º.-Sancións.

As sancións máximas que poderán imporse ós que incorran nas faltas serán as seguintes.

a) Por faltas leves:

-Amoestación verbal.

-Amoestación por escrito.

b) Por faltas graves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo de dous a vinte días.

c) Por faltas moi graves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo de vinte a sesenta días.

-Despedimento.

Artigo 45º.-Prescrición.

Faltas leves: 10 días.

Faltas graves: 20 días.

Faltas moi graves: 60 días.

Todas elas a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de terse cometido.

Capítulo XIII

Comisión mixta

Artigo 46º.-Comisión mixta.

As partes asinantes acordan establecer unha comisión mixta como órgano de interpretación e vixilancia

de cumprimento do pactado no presente convenio, que contará con idéntica composición e réxime de funcionamento que a comisión paritaria descrita no artigo 11º.

Esta comisión poderá utiliza-los servicios ocasionais ou permanentes de asesores en cantas materias sexan da súa competencia. Os ditos asesores serán designados libremente por cada unha das partes.

Artigo 47º.-Funcións.

1) Interpretación do convenio.

2) Vixilancia do cumprimento do pactado.

3) Recepción e distribución de informes sobre materiais que interesen ó sector (análise da situación económico-social, política de emprego, formación profesional, productividade, etc.).

Na primeira reunión da comisión mixta, esta deberá determina-lo seu sistema de funcionamento de acordo co previsto no presente convenio colectivo.

Artigo 48º.-Lexislación complementaria.

En todo o non pactado expresamente neste convenio haberá que aterse ó que dispoña en cada materia o Estatuto dos traballadores e demais lexislación vixente.

ANEXO I

RETRIBUCIÓN SALARIAL 1996

CategoríaBase Anter.Base Actual.Plus Transp.Plus Asist.Total anoMensualidade

Tit. super.1.929.4442.016.269117.74185.5522.219.562144.020
Tit. medio1.865.6331.949.587117.74185.5522.152.880139.257
Xefe de vendas1.865.6331.949.587117.74185.5522.152.880139.257
Xefe almacén1.865.6331.949.587117.74185.5522.152.880139.257
Xefe servicio1.865.6331.949.587117.74185.5522.152.880139.257
Xefe adminsitrativo1.865.6331.949.587117.74185.5522.152.880139.257
Xefe taller1.665.6311.740.585117.74185.5521.943.878124.328
Xefe recepción1.665.6311.740.585117.74185.5521.943.878124.328
Contable1.474.4611.540.812117.74185.5521.744.105110.058
Dependente 1ª1.396.5821.459.428117.74185.5521.662.721104.244
Vendedor 1ª1.396.5821.459.428117.74185.5521.662.721104.244
Xefe grupo taller1.536.6151.605.762117.74185.5521.809.056114.696
Oficial Administr. 1ª1.474.4611.540.812117.74185.5521.744.105110.058
Oficial taller 1ª1.375.2601.437.147117.74185.5521.640.440102.653
Dependente 2ª1.375.2601.437.147117.74185.5521.640.440102.653
Vendedor 2ª1.375.2601.437.147117.74185.5521.640.440102.653
Recepcionista1.375.2601.437.147117.74185.5521.640.440102.653

CategoríaBase Anter.Base Actual.Plus Transp.Plus Asist.Total anoMensualidade

Oficial Administr. 2ª1.401.0061.464.052117.74185.5521.667.345104.574
Oficial taller 2ª1.345.5211.406.070117.74185.5521.609.363100.433
Conductor1.353.7321.414.650117.74185.5521.617.944101.045
Oficial Administr. 3ª1.313.8801.373.004117.74185.5521.576.29798.071
Oficial taller 3ª1.313.8801.373.004117.74185.5521.576.29798.071
Auxil. Administr. 1ª1.313.8801.373.004117.74185.5521.576.29798.071
Peón1.273.5921.330.903117.74185.5521.534.19795.065
Lav.-Engr.1.273.5921.330.903117.74185.5521.534.19795.065
Limpador1.273.5921.330.903117.74185.5521.534.19795.065

ANEXO II

TÁBOA SALARIAL 1996

CategoríaValor horas extras

Titulado superior1.685
Titulado medio1.629
Xefe de vendas1.629
Xefe de almacén1.629
Xefe de servicio1.629
Xefe administrativo1.629
Xefe de taller1.455
Xefe de recepción1.455
Contable1.288
Dependente de 1ª1.220
Vendedor de 1ª1.220
Xefe de grupo-taller1.342
Oficial 1ª administrativo1.288
Oficial 1ª taller1.201
Dependente de 2ª1.201
Vendedor de 2ª1.201
Recepcionista1.201
Oficial 2ª administrativo1.223
Oficial 2ª taller1.175
Conductor1.182
Oficial 3ª administrativo1.147
Oficial 3ª taller1.147
Auxiliar administrativo1.147
Peón1.110
Lavado-engraxado1.110
Limpadora1.110

97-1800