Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Martes, 15 de abril de 1997 Páx. 3.543

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de marzo de 1997, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector de rematantes, serradoiros e preparados industriais da madeira.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de rematantes, serradoiros e preparados industriais da madeira (código nº 3200275) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial o día 21-2-1997, subscrito, en representación da parte económica, pola Asociación Empresarial de Serradoiros e Rematantes da Madeira e, da parte social, polas centrais sindicais CC.OO., UXT e CSI-CSIF, todas elas con lexitimidade suficiente para asinalo, en xuntanza celebrada o día 20-2-1997, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo R.D. 1/1995, do 24 de marzo, R.D. 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e R.D. 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 4 de marzo de 1997.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo provincial de rematantes, serradores e preparados industriais da madeira de Ourense, 1996

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo afectará a tódolos traballadores do sector de rematantes, serradores e preparados industriais da madeira e a tódalas empresas del que se atopen establecidas ou que se establezan na provincia de Ourense. Queda excluído do presente convenio o persoal de alta dirección ou alto consello.

Artigo 2º.-Vixencia, prórroga e denuncia.

O presente convenio será de aplicación a partir do 1 de setembro de 1996, con independencia da súa publicación no BOP. A súa duración será dun ano a partir da súa data, é dicir, ata o 31 de agosto de 1997, salvo nos seus efectos económicos os cales comezarán a rexer a partir do 1 de xaneiro de 1997.

O convenio entenderase prorrogado tacitamente de ano en ano sempre que non sexa denunciado por algunha das partes polo menos con tres meses de antelación ó termo da súa vixencia mediante comunicación escrita á outra parte na que se faga consta-las partes do convenio que se pretenden negociar, así como a representación que desempeña a parte denunciante. Así mesmo, entenderase prorrogado durante o tempo que medie entre a data da súa finalización e a entrada en vigor dun novo convenio que o substitúa.

Artigo 3º.-Compensación e absorción.

As melloras do presente convenio poderán ser compensadas e absorbidas ata onde alcance o cómputo anual con aquelas condicións superiores que se teñan establecidas polas empresas ou as que se establezan por disposición legal salvo que expresamente se pacte o contrario.

Cando se produza un incremento do salario mínimo interprofesional que supere o salario base estipulado no presente convenio, este pasará a se-lo salario mínimo interprofesional vixente, compensándose e absorbéndose o incremento co plus de asistencia.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións persoais máis beneficiosas consignadas en anteriores convenios ou pactos entre a patronal e os traballadores serán pactadas individualmente.

Artigo 5º.-Xornada de traballo.

A duración da xornada anual de traballo efectivo no presente convenio colectivo será no ano 2000 de 1780 horas. En consecuencia e debido á adaptación prevista no convenio xeral da madeira as xornadas laborais de traballo ata o ano 2000 serán as seguintes:

1996: 1.796 horas.

1997: 1.792 horas.

1998: 1.788 horas.

1999: 1.784 horas.

2000: 1.780 horas.

Co fin de compensa-la xornada e axustala á correspondente a 1997, os traballadores terán dereito a catro días e medio libres, fixándose para o efecto os seguintes:

10 de novembro, 26 de decembro, a tarde do 31 de decembro de 1996, 2 de maio e 24 de xullo de 1997, salvo acordo entre empresa e traballadores para a fixación doutros distintos.

Artigo 6º.-Salarios.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá as retribucións consignadas na táboa salarial anexa, incrementadas, se é o caso, co prezo da antigüidade que corresponda e demais conceptos retributivos.

Artigo 7º.-Antigüidade.

A partir do 30 de setembro de 1996, non se devengarán por este concepto novos dereitos quedando, por tanto, suprimido.

Non obstante, os traballadores que xerasen antes do 30 de setembro de 1996 novos dereitos e contías en concepto de antigüidade, manterán a cantidade consolidada na dita data. A dita contía quedará reflectida na nómina de cada traballador como complemento persoal, baixo o concepto de «antigüidade consolidada», non sendo absorbible nin compensable.

Para compensa-la perda económica que supón a desaparición deste concepto calcularase o equivalente a 8 anos (isto é, segundo o criterio da antiga ordenanza laboral). Un quinquenio máis tres quintas partes doutro quinquenio, das bases e porcentaxes de concepto de antigüidade de cada convenio de ámbito inferior ó presente ou, no seu defecto, das porcentaxes da ordenanza laboral.

A contía resultante dividirase entre cinco.

A cantidade resultante de efectua-la operación anterior será a que se adicionará ó importe anual do salario base durante os cinco primeiros anos.

A compensación da antigüidade para 1997, 1998, 1999 e 2000 será de 1.380 ptas. para tódalas categorías.

En canto ó valor do quinquenio consolidado será de 3.520 ptas. mensuais para tódalas categorías.

Artigo 8º.-Gratificación de asistencia.

Establécese unha gratificación de asistencia que será a seguinte:

Peón: 3.111 ptas./mes.

Axudante: 6.426 ptas./mes.

Oficial 2ª: 7.945 ptas./mes.

Oficial 1ª: 8.220 ptas./mes.

Encargado: 8.497 ptas./mes.

Conductor: 7.945 ptas./mes.

Auxiliar administrativo: 7.945 ptas./mes.

Coa perda, en caso de falta sen xustificar durante a xornada de traballo do 20% na primeira ausencia, do 40% na segunda e da totalidade a partir da terceira. As faltas consideraranse tanto consecutivas como alternas dentro dun mesmo mes.

Artigo 9º.-Axudas de gastos por desprazamentos.

Os traballadores afectados polo presente convenio que por razóns de traballo teñan que se desprazar fóra do seu centro de traballo habitual seranlles aboados os gastos que se ocasionen debidamente xustificados.

Artigo 10º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de Nadal e xullo serán de 30 días de salario base máis antigüidade.

Consideraranse gratificacións extraordinarias coa denominación de paga de verán e paga de Nadal, que serán aboadas, respectivamente, antes do 30 de xuño e 20 de decembro, e devengaranse por semestres naturais, e por cada día natural en que se devengase o salario base.

Devengo de pagas:

-Paga de verán: do 1 de xaneiro ó 30 de xuño.

-Paga de Nadal: do 1 de xullo ó 31 de decembro.

A contía dos ditos complementos será a que se especifique para cada un dos grupos ou niveis nas táboas deste deste convenio incrementada, coa antigüidade que corresponda.

Ó persoal que ingrese na empresa faráselle efectiva a parte proporcional das gratificacións extraordinarias conforme os criterios anteriores, no momento de realiza-la liquidación dos seus haberes.

Artigo 11º.-Retribución de menores.

O contrato de aprendizaxe que realicen as empresas comprendidas dentro do ámbito funcional do presente convenio, terá por obxecto a formación práctica e teórica do traballador contratado. O dito traballador non deberá ter ningún tipo de titulación, xa sexa superior, media, académica ou profesional relacionada con cada posto de traballo que hai que desempeñar.

O contido do contrato, igual cás súas posibles prórrogas, deberá formalizarse por escrito e figurará nel de modo claro, a actividade ou profesión obxecto da aprendizaxe.

En ningún caso se poderá realizar este tipo de contrato naquelas actividades nas que concorran circunstancias de tipo tóxicas, penosas, perigosas ou nocturnas. Tamén estará prohibida a realización de horas extraordinarias.

A idade do traballador, con contrato destas circunstancias, non poderá ser inferior a 16 anos nin superior a 22 anos.

A) A duración máxima será de 3 anos, xa sexan alternos ou continuados, cunha ou varias empresas dentro do ámbito funcional do sector do presente convenio.

B) Non se poderán realizar contratos de duración inferior a 6 meses podendo prorrogar ata tres veces por períodos como mínimo de 6 meses.

C) Este tipo de contrato realizarase a tempo completo. O 15% do total da xornada dedicarase a formación teórica. Concretarase no contrato as horas e días dedicados á formación. Así mesmo, especificarase o centro formativo, se é o caso, encargado do ensino teórico.

O ensino teórico, de ser psoible, deberá ser previo á formación práctica. O titor deberá velar pola adecuada formación do aprendiz así como de tódolos riscos profesionais.

O traballo efectivo que preste o traballador na empresa deberá estar relacionado coa especialidade ou obxecto do contrato.

O salario que vai percibir o aprendiz será o 75%, 85% e o 95% do salario do axudante ou categoría equivalente do presente convenio, durante o primeiro, segundo ou terceiro ano do contrato, respectivamente.

No caso de cesamento na empresa, entregarase ó traballador un certificado referente á formación teórica e práctica adquirida, no que constará a duración dela.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

Conforme o disposto no Estatuto dos traballadores, as horas extraordinarias aboaranse cun recargo do 75% sobre o valor da hora ordinaria.

Artigo 13º.-Vacacións.

O tempo anual de vacacións será de trinta días naturais a salario real ou a parte proporcional que corresponda no caso de non levar traballando o ano requirido para o desfrute pleno deste dereito.

O total de días anuais de vacacións repartiranse para os efectos de desfrute con carácter xeral da seguinte forma: 15 días seguidos a desfrutar en verán.

O resto para desfrutar de acordo entre traballador e empresa, atendendo de forma prioritaria as necesidades de producción.

Deberase facer público cun mínimo de dous meses a data das vacacións.

A retribución que se percibirá por vacacións comprenderá a media da totalidade das retribucións salariais percibidas durante o trimestre natural inmediatamente anterior á data de desfrute das vacacións, con excepción das horas extraordinarias e as gratificacións extraordinarias.

Os traballadores que cesen durante o transcurso do ano, terán dereito a que na liquidación que se lles practique no momento da baixa na empresa, se integre o importe da remuneración correspondente á parte das vacacións devengadas e non desfrutadas.

Polo contrario, e nos cesamentos de carácter voluntario, se o traballador desfrutase das súas vacacións, a empresa poderá deducir da liquidación que se lle practique a parte correspondente ós días de exceso desfrutados, en función do tempo de prestación de actividade laboral efectiva durante o ano.

Para os efectos do devengo de vacacións, considerarase como tempo efectivamente traballado o correspondente á situación de incapacidade temporal, sexa cal sexa a causa. Non obstante, dado que o dereito ó desfrute de vacacións caduca co transcurso do ano natural, perderase, se no seu vencemento o traballador continuase en baixa, aínda que manterá o dereito a percibi-la diferencia entre a retribución de vacacións e a prestación de incapa

cidade temporal de ser aquela de superior contía. O mesmo criterio aplicarase para os supostos de cesamentos por finalización de contrato.

Artigo 14º.-Roupa de traballo.

O persoal afectado polo presente convenio recibirá da empresa as pezas de protección, hixiene e seguridade no traballo tales como luvas, botas ou calzado adecuado e traxes ou roupa de traballo; estas últimas pezas serán entregadas unha cada seis meses e será obrigatorio o seu uso cando o traballo o requira. As ditas pezas serán en todo momento propiedade da empresa e o traballador virá obrigado á boa conservación e uso. As empresas poderán facer constar nas ditas pezas o anagrama dela ou da actividade.

Artigo 15º.-Revisión médica.

As empresas afectadas polo presente convenio solicitarán unha revisión médica anual para todo o cadro de persoal.

O tempo que o traballador empregue para asistir á dita revisión será aboado pola empresa.

Artigo 16º.-Incapacidade laboral transitoria por accidente de traballo.

As empresas afectadas polo presente convenio aboarán a aqueles dos seus traballadores que se atopen en situación de incapacidade laboral transitoria como consecuencia de accidente laboral ocorrido no centro de traballo e durante as horas del, e durante o tempo da hospitalización, unha compensación económica consistente na diferencia que exista entre as prestacións que o traballador perciba da Seguridade Social e o salario real que lle corresponda segundo a súa categoría profesional.

Artigo 17º.-Póliza de seguros.

As empresas virán obrigadas a concertar con primas íntegras ó seu cargo no prazo de tres meses a partir da contratación dun traballador unha póliza de seguros para a cobertura de riscos de falecemento ou incapacidade dos traballadores por accidente de traballo, incluídos os in itínere que garantan ó traballador accidentado ou ós seus causa habentes, no caso de falecemento producido por causa fortuíta, espontánea, exterior e independente.

-1.500.000 ptas. en caso de morte.

-1.500.000 ptas. en caso de invalidez total.

-1.750.000 ptas. en caso de invalidez absoluta.

-2.000.000 de ptas. en caso de gran invalidez.

A referida póliza só abranguerá os procesos iniciados a partir da vixencia e validez dela.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que poida causa-lo traballador na Seguridade Social ou Montepío. Non obstante, a indemnización a que se fai mención neste artigo considerarase como entregada a conta da indemnización que, se é o caso, puidesen declarar con cargo ás empresas os tribunais de xustiza, unha vez

que exista sentencia definitiva, sobresemento ou renuncia de accións.

Artigo 18º.-Comisión mixta paritaria.

Para a interpretación, vixilancia e cumprimento do presente convenio, constitúese unha comisión mixta paritaria que estará formada polas persoas que compuxeron a mesa negociadora do convenio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-No non previsto no presente convenio colectivo rexerá o disposto do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e o convenio estatal da madeira asinado o 21 de marzo de 1996 entre as centrais sindicais UGT e CC.OO. e a representación patronal CONEMAC, como dereito de directa aplicación para todas aquelas cuestións non recollidas no presente convenio provincial e que afecten ás empresas e traballadores do correspondente ámbito territorial.

Segunda.-As táboas retributivas para os anos 1997 e 1998 incrementaranse no IPC oficial dos últimos 12 meses precedentes ó 31 de agosto dos anos citados, ós que se lles engadirá ademais a parte correspondente á compensación por supresión da antigüidade e o rateo da paga de marzo que desaparece como tal.

Para 1996 o incremento salarial será do 3,7%.

Terceira.-O rateo da paga de marzo (10 días) supón para cada traballador a cantidade de 1.675 ptas. mensuais.

Cuarta.-O presente convenio axustarase ó previsto no acordo xeral da madeira mentres non sexa revogado por sentencia firme do Tribunal Supremo ou Tribunal Constitucional.

No suposto de que o mencionado acordo xeral da madeira fose revogado ou declarado nulo polo Tribunal Supremo ou o Tribunal Constitucional, as partes asinantes do presente convenio acordan reunirse para tratar de forma específica e dar unha solución negociada ás cantidades aboadas polas empresas en concepto de compensación da antigüidade que segundo o mencionado acordo xeral da madeira había de quedar conxelada no prazo de cinco anos.

Disposicións transitorias

Primeira.-En relación coa duración do convenio sinalada no artigo 2º do presente convenio sinálase que para efectos do incremento salarial, as partes reuniranse a primeiros de setembro co obxecto de aplica-lo IPC correspondente ó ano anterior e fixa-las táboas salariais dese ano, tendo en conta que para efectos de incremento salarial a duración do convenio será de tres anos, é dicir, ata o 31 de agosto de 1998 e nos termos que sinala a disposición adicional primeira do convenio estatal da madeira, data a partir da cal, en caso de ser denunciado o convenio, se reunirán as partes para a negociación do incremento salarial.

Segunda.-Os efectos económicos do presente convenio entrarán en vigor o 1 de xaneiro de 1997, polo que a pesar da duración do presente convenio e a súa vixencia desde o 1 de setembro de 1996 ata o 31 de agosto de 1997, non se devengarán atrasos de ningún tipo ata a dita data (1-1-1997). Igualmente, os atrasos derivados da negociación do presente convenio e producidos desde o 1-1-1997 serán aboados no prazo máximo de dous meses desde a publicación del no BOP.

Terceira.-A pesar de que a partir do presente ano 1997 e de acordo co sinalado no acordo xeral da madeira a paga de marzo ratearase mensualmente, os traballadores terán en 1997 dereito á paga de marzo devengada ó longo de 1995 e 1996, a cal se cobrará íntegra.

Cláusula de submisión ó AGA

Ante a importancia que poida te-la resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración dun acordo interporfesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo AGA, asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as centrais sindicais UGT, CC.OO. e CIG, as partes asinantes deste convenio durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos nos que están formulados.

ANEXO I

Peón 70.390 ptas.

Axudante 70.390 ptas.

Oficial 2ª 70.390 ptas.

Oficial 1ª 70.390 ptas.

Encargado 70.390 ptas.

Conductor 70.390 ptas.

Auxiliar administrativo 70.390 ptas.

2752