Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 14 de abril de 1997 Páx. 3.466

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 3 de marzo de 1997 pola que se regulan, dentro das feiras culturais, as seccións de feiras do libro en Galicia para celebrar no ano 1997.

As feiras culturais en Galicia, reguladas polo Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, establecen un concepto xenérico que define un novo tipo de acontecementos culturais, e que recolle, xunto a experiencias establecidas como a feira do libro, a posibilidade de novas actividades feirais. A Consellería de Cultura e Comunicación Social pretende con iso crear novas vías de achegamento cultural ós galegos, creando amplos escaparates, abertos a diferentes actividades susceptibles de comunicación a través da súa venda ou exposición pública.

Estas feiras culturais, abertas a diferentes posibilidades, precisan dunha normativa concreta que defina esencialmente as condicións concretas de acceso a elas, o número de feiras que se poden realizar cada ano por localidade e as vías para o acceso á organización ou participación nelas, tal como determinan os artigos 3º e 4º do citado decreto.

Dentro do amplo abano de posibilidades abertas polas feiras culturais, as datas dedicadas ó libro representan a actividade de maior tradición e asentamento, e así mesmo as que pola súa amplitude, demanda e entidade, estean máis necesitadas dunha ordenación que permita unha constante mellora e unha maior cordinación entre as institucións ou organismos participantes nelas. A experiencia destes últimos anos e a vontade de mellora constante nestes eventos de tanta importancia para a promoción do libro e da lectura aconsellan a introducción de novos elementos na organización das feiras. Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As seccións das feiras do libro supoñen unha actividade de promoción da lectura, mediante achegamento do libro ó seu potencial lector, na que se desenvolve tamén unha actividade comercial, froito da venda dos libros. Esta venda, efectuada por persoas físicas ou xurídicas legalmente autorizadas, poderá realizarse cos descontos máximos permitidos sobre o prezo fixo do libro.

Artigo 2º

1. As seccións das feiras do libro poderán ser feiras do libro en catálogo, ou feiras do libro antigo e/ou de ocasión.

2. Feiras de libro en catálogo son aquelas nas que se exhiben e comercializan libros incluídos nos catálogos editoriais. Entenderase por catálogo a relación entregada polo editor ó distribuidor ou libreiro na que figuren os títulos, autores e prezo de venda dos libros que compoñen o seu fondo editorial, con mención expresa da data de vixencia da información que se facilita. As feiras de libro en catálogo poderán tamén ser feiras de carácter monográfico, dedicadas a un tipo específico de libros ou de materiais bibliográficos.

3. Feiras do libro antigo e/ou de ocasión son aquelas nas que se exhiben ou comercializan libros antigos e/ou libros descatalogados polo editor e que, xa que logo, non figuren no seu último catálogo.

Artigo 3º

As feiras do libro en catálogo que se celebren en Galicia terán como un dos seus obxectivos primordiais a exhibición, difusión e comercialización do libro galego, fundamentalmente do publicado nos últimos anos.

Artigo 4º

No ano 1997, a Consellería de Cultura e Comunicación Social organizará, coa Federación de Libreiros de Galicia e coa colaboración da Asociación Galega de Editores as feiras do libro relacionadas no calendario que deberá publicarse dentro do primeiro trimestre do ano, segundo o artigo 4 do Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, que regula as feiras culturais en Galicia.

Poderán así mesmo organizar feiras do libro en Galicia todas aquelas persoas físicas ou xurídicas que sexan autorizadas para este fin pola Consellería de Cultura e Comunicación Social, de acordo co establecido na presente orde, e sen mingua das competencias que en materia de licencia municipal corresponden ós concellos. Terán prioridade para a autorización de feiras do libro as solicitudes presentadas pola Federación de Libreiros de Galicia.

Artigo 5º

As seccións de feiras do libro organizadas pola Consellería de Cultura e Comunicación Social e a Federación de Libreiros de Galicia, coa colaboración da Asociación Galega de Editores, contarán cunha comisión técnica para o conxunto de feiras e dunha comisión organizadora para cada unha delas.

Artigo 6º

1. A comisión técnica estará presidida polo director xeral de Promoción Cultural ou persoa na que el delegue, e formarán parte dela as seguintes persoas:

Dous representantes da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Dous representantes da Federación de Libreiros de Galicia.

Un representante da Asociación Galega de Editores.

O coordinador de feiras da Federación de Libreiros de Galicia.

2. As funcións desta comisión técnica serían as seguintes:

-Estudiar e propoñer ó conselleiro de Cultura e Comunicación Social o calendario de feiras do libro para celebrar no ano.

-Elaborar un regulamento de feiras para o seu funcionamento interno, para o que se terá en conta o Regulamento de Feiras da Federación de Libreiros de Galicia.

-Estudia-las propostas da Secretaría de Feiras e das comisións organizadoras locais respecto ós programas e actividades nas feiras, ademais de aporta-las súas propias iniciativas a eles.

-Determinar, segundo as características de cada feira as porcentaxes que se deben aplicar nas asignacións de cotas ós participantes.

-Propoñe-la posibilidade de convidación, en función do interese das feiras, de casetas que leven temas monográficos ou de carácter de especial interese para a feira, así como de casetas que participen sistematicamente en tódalas feiras do libro que se organicen ó abeiro da presente orde.

-Estudiar e facer proposta de resolución das demandas e recursos que se presenten ó longo de tódalas feiras do libro que se celebren, conforme o disposto na presente orde e no regulamento que a comisión redacte.

Artigo 7º

1. A comisión organizadora de cada unha das feiras estará formada polas seguintes persoas:

1 representante da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

1 representante da secretaría de feiras.

1 representante da Agrupación Local de Libreiros.

1 representante da Asociación Galega de Editores.

O coordinador da feira.

Se procede, un representante das institucións locais.

2. As funcións desta comisión organizadora local serán as seguintes:

-Elaboración do programa de actos, de acordo coa comisión técnica.

-Proposta de preferencias de participación, para a determinación de cotas.

-Sorteo da orde das casetas.

-Vixilancia do cumprimento do programa e do regulamento da feira.

-Proposta ó comité técnico dos expositores que se consideren de especial interese para a feira, para a súa convidación.

Artigo 8º

Unha das seccións de feiras do libro en catálogo poderá denominarse Feira do Libro de Galicia e procurarase que teña carácter rotatorio.

Artigo 9º

1. Cada ano poderá ser realizada para cada localidade de Galicia unha feira do libro en catálogo non monográfica e unha feira do libro antigo e/ou de ocasión. Nas localidades onde a Consellería de Comunicación Social celebre seccións de feiras do libro esa será a única no seu tipo autorizada.

2. Para que unha feira do libro en catálogo poida ser autorizada requirirase que alomenos a metade dos seus participantes sexan libreiros radicados en Galicia. Nas feiras de libro antigo e de ocasión alomenos a metade dos postos de venda deben ser ofertados ós libreiros radicados en Galicia.

3. Os participantes deberán reuni-los requisitos legais necesarios para o exercicio de actividades mercantís. No caso dos libreiros, deberán estar inscritos no Rexistro de Librerías da Consellería de Cultura e Comunicación Social, e no caso dos edi

tores con caseta individual deberán ter no seu catálogo un mínimo de 50 títulos.

Artigo 10º

1. As solicitudes de autorización para as feiras a celebrar no ano 1997 serán presentadas nun prazo de trinta días naturais, a partir do seguinte á publicación desta orde, segundo o modelo publicado como anexo I da presente orde, no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Comunicación Social ou nas súas delegacións provinciais sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A solicitude estará acompañada da seguinte documentación:

a) Documento acreditativo da representatividade da persoa que asina a solicitude.

b) Estatutos ou regulamentos polos que se rexe a feira, que en ningún caso serán contrarios ó disposto nesta orde e nos que deben consta-las condicións para a inscrición dos participantes.

c) Carácter da feira, lugar e datas de celebración e horario de funcionamento.

d) Características da situación da feira, accesos e servicios (luz, auga, comunicacións, teléfono, limpeza e outros...)

e) Características das casetas expositoras e o seu número.

f) Actividades culturais previstas durante a feira.

g) Compromiso dos organizadores de que poñerán en coñecemento por escrito de tódolos libreiros da localidade a celebración da feira, dándolle-la posibilidade a todos eles de se inscribiren.

h) Seguros de persoas e bens (responsabilidade civil).

i) Declaración de que a metade, polo menos, dos participantes son libreiros, editores ou distribuidores radicados en Galicia no caso de feiras de libro en catálogo, ou de que a metade dos postos de venda foron ofertados a libreiros galegos no caso de feiras de libro antigo e de ocasión.

j) Memoria económica do custo desagregado en gastos materiais e actividades culturais. Faranse constar na memoria as subvencións recibidas ou solicitadas de calquera entidade pública ou privada para a celebración da feira.

Artigo 11º

Unha vez recibida a solicitude e a documentación sinalada no artigo 7, será estudiada por parte dos servicios competentes da Dirección Xeral de Promoción Cultural. O director xeral de Promoción Cultural propoñerá ó conselleiro de Cultura e Comunicación Social a resolución que proceda.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 1997.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

2623