Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 14 de abril de 1997 Páx. 3.461

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de febreiro de 1997 pola que se establecen subvencións para escolas de música públicas de poboacións de menos de 50.000 habitantes e se regula o procedemento para a súa concesión.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo establece no seu artigo 39.5º que os estudios de música poderán cursarse, sen límite de idade en escolas específicas. Estes estudios en ningún caso poderán conducir á obtención de títulos con validez académica e profesional.

A orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do 11 de marzo de 1993, regula a creación e funcionamento das escolas de música da Comunidade Autónoma de Galicia, resaltando a especial responsabilidade das corporacións locais nesta materia.

As escolas de música cumpren un dobre obxectivo, por unha banda contribúen á formación e desenvolvemento das aptitudes musicais dos afeccionados, por outra poden achega-la preparación necesaria para a superación das probas de acceso ós estudios que conducen á titulación profesional ou superior das persoas que teñen vocación e aptitudes para esta disciplina.

Co fin de potencia-lo funcionamento destas escolas de música, moi especialmente as de titularidade das corporacións locais, e en virtude das atribucións que ten asignadas a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-Convócanse axudas para subvenciona-las actividades desenvolvidas ou que se van desenvolver durante o ano 1997 polas escolas de música de titularidade municipal da Comunidade Autónoma de Galicia, así como dos gastos de persoal e funcionamento destas.

Segundo.-Poderán optar a estas subvenciósn as escolas de música sinaladas no punto anterior que estean inscritas no Rexistro de Escolas de Música da Comunidade Autónoma de localidades de menos de 50.000 habitantes na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Terceiro.-O importe total das axudas que se concederán efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.03.322E.460.0/ da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa. A contía máxima da subvención por beneficiario será de 800.000 ptas. (oitocentas mil pesetas).

Cuarto.-As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo modelo que figura como anexo a esta orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano, s/n, Santiago de Compostela, ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte o da súa publicación no DOG e irán acompañadas da seguinte documentación, segundo proceda:

a) Memoria e orzamento das actividades realizadas ou que se van realizar durante o ano 1997.

b) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

c) Certificación bancaria a nome do solicitante na que conste a conta corrente na que desexe que se lle ingrese o importe da subvención, se é o caso.

d) Certificacións orixinais de estar ó día das súas obrigas tributarias e sociais.

e) Breve descrición de instalación e material.

f) Declaración de ter ou non solicitado doutros entes públicos ou privados subvención para a mesma finalidade.

Quinto.-Na valoración de solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

A) Valoración económica do orzamento.

B) Número de alumnos.

C) Zona de influencia.

D) Especialidades instrumentais.

Sexto.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementa-lo expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos solicitantes.

Sétimo.-Baixo a presidencia do director xeral de Centros e Inspección Educativa ou persoa en quen delegue, constituirase unha comisión encargada de valora-las solicitudes presentadas e que estará integrada por:

-Subdirector xeral de Centros.

-Xefe de Servicio de Centros.

-Un inspector de Educación.

-Xefe do Servicio de Xestión de Programas Educativos.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir axudas de custo por asistencias e axudas para gastos e locomoción por concorrer ás sesións conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

Oitavo.-A comisión de selección procederá a elaborar proposta de resolución provisional e, se é o caso, a dar vista do expediente ós solicitantes para que poidan alega-lo que estimen procedente no seu dereito.

Unha vez valoradas as alegacións presentadas, formulará proposta de concesión ou denegación ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Noveno.-A resolución do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria que será definitiva, publicarase no DOG. No caso de ser denegatoria, deberá ser motivada e notificaráselles ós interesados. A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso ante a xurisdicción do contencioso administrativo.

Transcorridos tres meses desde a data de presentación de solicitudes sen que se dictase resolución favorable, deberá entenderse derrogada, sen prexuízo dunha resolución posterior.

Décimo.-As subvencións concedidas, que, en todo caso, estarán condicionadas ós orzamentos dispoñibles, irán destinadas a sufraga-los gastos de persoal, funcionamento e actividades, e serán aboadas

de conformidade co que dispón o artigo 40- A) da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para

de conformidade co que dispón o artigo 40- A) da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, mediante un pagamento parcial a conta da liquidación por un importe máximo do 70% da subvención concedida, sempre que o beneficiario xustifique os gastos realizados, segundo proxecto aprobado, con anterioridade ó 15 de abril de 1997.

O libramento restante aboarase unha vez que o beneficiario presente, antes do 15 de maio de 1997, a completa xustificación.

Décimo primeiro.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, a través dos servicios provinciais de inspección, realizará un seguimento do funcionamento das escolas subvencionadas.

Décimo segundo.-Nas convocatorias públicas, publicidade e propaganda das escolas de música subvencionadas deberá figurar que estas están subvencionadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación

e Ordenación Universitaria, co seu anagrama ou logotipo.

Décimo terceiro.-Procederá o reintegro da subvención e xuros de demora, de conformidade co artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, cando exista incumprimento da obriga de xustificación e por incumprimento da finalidade para a que foi concedida.

Décimo cuarto.-Facúltase á Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Décimo quinto.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

2550