Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 11 de abril de 1997 Páx. 3.418

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 6 de marzo de 1997 pola que se publica o calendario das feiras do debuxo e o gravado e das feiras da música gravada a celebrar pola Consellería de Cultura e Comunicación Social no ano 1997.

As feiras culturais de Galicia, reguladas polo Decreto 40/1995, do 27 de xaneiro, son acontecementos nalgúns casos de enraizada aceptación popular, como as seccións de feiras do libro, con décadas tras de si de presencia nas nosas cidades e vilas e noutros de aínda nova e cada ano máis forte impulso, como as de debuxo e gravado e as de música gravada, de aínda curta traxectoria pero de cada vez maior demanda e éxito. Para o ano 1997 a Consellería de Cultura e Comunicación Social ten a intención de mante-la presencia destes eventos nas nosas prazas e rúas, e achegar así novos aspectos da cultura ó cidadán galego, en diferentes xornadas, o calendario das cales, xunto co modelo de inscrición, procede publicar para coñecemento público e para facilitar o acceso a elas a tódolos posibles interesados. Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As feiras de debuxo e gravado e as feiras da música gravada obxecto desta orde constitúense como seccións das feiras culturais de Galicia organizadas pola Consellería de Cultura e Comunicación Social da Xunta de Galicia, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural.

Artigo 2º

A Consellería de Cultura e Comunicación Social da Xunta de Galicia realizará, neste ano de 1997, feiras do debuxo e o gravado e feiras da música gravada nos seguintes lugares e datas:

LocalidadeData

Santiago de Compostela18 ó 21 de abril

Ourense13 ó 15 de xuño

Lugo4 ó 6 de xullo

Vigo11 ó 14 de xullo

A Coruña13 ó 17 de agosto

Pontevedra28 ó 31 de agosto

Estas datas poderán variarse en función das solicitudes presentadas ou de calquera circunstancia imprevista que puidese obrigar á anulación da feira ou ó cambio de data ou localización. Nese caso informarase do cambio ou anulación a tódolos los participantes nela.

Artigo 3º

As solicitudes para participar nestas feiras deberán facerse segundo modelo de instancia que acompaña a presente orde (anexo I). Os solicitantes de participación nas feiras de debuxo e gravado deberán igualmente xuntar currículum para o caso de excede-las solicitudes o número de prazas dispoñibles. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 4º

Poderán participar nas feiras de debuxo e gravado tódolos artistas que o soliciten. En caso de existir maior número de solicitudes que de prazas dispoñibles farase unha selección dos participantes que terá en conta de forma prioritaria o currículum artístico dos solicitantes, en especial nos campos obxecto da feira. Poderanse ter en conta tamén outros aspectos, como a participación noutras feiras de debuxo e gravado organizadas pola Consellería de Cultura e Comunicación Social. O comité de selección poderá tamén realizar invitacións a artistas que considere sirvan para mellora-la calidade e o interese da feira. Estas invitacións non poderán exceder en ningún caso o 10% das prazas existentes.

O comité de selección estará presidido polo director xeral de Promoción Cultural ou persoa na que este delegue, os xefes de servicio do Libro e Bibliotecas, e de Promoción Cultural e o coordinador das feiras.

Artigo 5º

Os materiais permitidos nas feiras de debuxo de gravado son exclusivamente os realizados sobre papel ou materiais análogos. Estando expresamente prohibidos outros tipos de obras artísticas, como óleo ou pintura sobre lenzo, escultura ou cerámica, traballos sobre camisetas ou pezas de vestir e en xeral calquera que non se axuste á citada normativa. En caso de dúbida o comité de selección poderá decidir acerca da inclusión ou non do material.

Artigo 6º

As feiras da música gravada están abertas tanto ós sectores de producción e distribución como ós de venda ó público, sempre que respecten a normativa e lexislación existente para o sector e a que a Consellería de Cultura e Comunicación Social estableza para estes eventos. Nese sentido haberá dous tipos de casetas: as de venda, reservadas para establecementos de Galicia con tenda de discos aberta ó público, e que serán as únicas que poderán realizar venda ó público do material exposto, e as casetas de exposición, reservadas para editoras e/ou distribuidoras de Galicia, entre as que terán prioridade as productoras de música de autor galego ou realizada por intérpretes galegos. A dirección da feira poderá incluír no primeiro grupo outro tipo de establecementos de venda se así o considera oportuno, logo de estudio das circunstancias e características deles, e nas condicións que para eles se establezan. En calquera caso, e para tódolos participantes sen venda, a dirección da feira

procurará facilita-la distribución dos seus materiais nas casetas que si a teñan.

Artigo 7º

Está expresamente prohibido, nas casetas da feira da música gravada, o alugueiro de discos.

Artigo 8º

As feiras da música gravada terán como un dos seus fins primordiais a promoción da música galega e da realizada por intérpretes galegos. Nese sentido

favorecerase a presencia desta música, e en tódolos actos ou actividades paralelas que se realicen terán preferencia estes autores e intérpretes.

Artigo 9º

Tanto os participantes nas feiras de debuxo e gravado como nas de música gravada comprométense a ter aberta a caseta da feira no horario sinalado para a feira. O non cumprimento desta norma pode ser considerado como motivo de exclusión en posteriores feiras.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 1997.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

2548