Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 11 de abril de 1997 Páx. 3.411

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 1 de abril de 1997 pola que se establece unha prima pola comercialización temperá de xatos.

A aparición da EEB no Reino Unido durante o ano 1996 iniciou, no sector da carne de vacún, unha profunda crise que se traduciu nunha baixa xeneralizada nos prezos percibidos polos gandeiros de toda a Unión.

Isto deu lugar á posta en marcha de medidas excepcionais de apoio ó sector. Desta medidas, o Regulamento (CE) 2222/1996, do Concello, do 18 de novembro (DOCE L296, do 21-11-1996), que modificou o Regulamento (CEE) 805/1968, do Consello, do 27 de xuño (DOCE L148 do 28-6-1968), polo que se establece a organizacio en común de mercados no sector da carne de vacún, determina, entre outros aspectos, que os estados membros poderán poñer en marcha, ata o 30-11-1998 unha prima para a comercialización temperá de xatos, que ten por obxectivo fundamental retirar anticipadamente dos circuítos de comercialización animais novos.

Posteriormente, o Regulamento (CE) 2311/1996, da Comisión, do 2 de decembro (DOCE L313, do 3-12-1996), e o Regulamento (CE) 18/1997, da Comisión, do 8 de xaneiro (DOCE L5 do 9-1-997), modifican o Regulamento (CEE) 3886/1992, da Comisión, do 23 de decembro de 1992, que establece as disposicións de aplicación relativas ós réximes de primas previstos no sector da carne de vacún.

Por outra banda, a orde do MAPA, do 28 de xaneiro de 1997 (BOE do 5-2-1997), establece para España a prima de comercialización temperá de xatos.

A presente orde establece os mecanismos para a solicitude da prima de comercialización temperá de xatos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicai, sen prexuízo da aplicabilidade directa dos regulamentos comunitarios e normas nacionais, que se transcriben parcialmente para unha mellor comprensión polos interesados.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.1º 3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e o Decreto 205/1990, do 15 de marzo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

Concederase unha prima por sacrificio temperán de bovinos, tanto machos como femias, establecida no Regulamento (CEE) 805/1968 do Consello, do 27 de xullo, pola modificación introducida polo Regulamento (CE) 2222/1996 do Consello, do 18 de novembro, a aquelas persoas físicas ou xurídicas

con actividade no sector da carne de vacún, que os presentes para o sacrificio en matadoiros homologados para o tráfico intracomunitario sitos na Comunidade Autónoma de Galicia e que o soliciten e cumpran o establecido na presente orde e na regulamentación nacional e comunitaria.

Artigo 2º.-Condicións das solicitudes.

1. Presentarase unha solicitude, de acordo co modelo que figura no anexo I, por cada animal ou animais obxecto de prima sacrificados na mesma data.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente nos servicios provinciais do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

3. A solicitude estará asinada polo interesado ou persoa debidamente autorizada por el no seu nome, e xuntarase a seguinte documentación:

1. Fotocopia do DNI ou NIF do solicitante. Se o DNI leva incorporada a letra de control, non será necesaria a presentación do NIF.

2. Certificación da entidade financeira na que deban realizarse os pagamentos da conta (formato código conta cliente, 20 díxitos) da que é titular o solicitante.

3. Certificado do matadoiro onde se sacrificarán os animais, segundo modelo que figura no anexo II desta orde.

4. Un dos documentos seguintes:

-Fotocopia da Guía de Orixe e Sanidade Pecuaria que amparou o traslado de cada un dos animais obxecto de solicitude ó matadoiro, cando estes procedan doutra Comunidade Autónoma ou ben cando, procedendo da Comunidade Autónoma de Galicia, non dispoñe dos documentos que se citan no parágrafo seguinte, en aplicación do Decreto 355/1994, do 4 de decembro (DOG nº 240, do 15-12-1994).

-Fotocopia do documento de acreditación sanitaria oficial da explotación gandeira (folla de saneamento na que figure o animal obxecto de traslado, ou ben fotocopia do documento anterior e documento administrativo de intercambios (DAI), se o animal obxecto de traslado non figura na folla de saneamento por ter nacido con posterioridade á revisión da citada explotación.

-Certificado internacional sanitario, segundo se describe na orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 23 de agosto de 1995 (DOG nº 169, do 4-9-1995), que desenvolve o mencionado Decreto 355/1994, no caso de animais procedentes doutros países da Unión Europea.

5. Fotocopia das seguintes follas do libro, previsto no artigo 4 do Real decreto 205/1996, do 9 de febreiro, da explotación na que permanecesen os animais

durante o período de retención establecido no artigo 4 c) desta orde:

a) Folla que conteña os datos identificativos da explotación.

b) Folla ou follas nas que figuren as altas e as baixas, na dita explotación, dos animais obxecto da solicitude.

6. No caso de persoas xurídicas, CIF desta e NIF do seu representante, así como acreditación do poder de representación.

Artigo 3º.-Prazo de presentación.

As solicitudes serán presentadas no prazo máximo de 21 días naturais seguintes ó da data de sacrificio do animal obxecto de prima, sen prexuízo do disposto na disposición transitoria primeira.

Artigo 4º.-Animais obxecto da prima.

A prima concederase a aqueles animais da especie bovina, tanto machos como femias, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que sexan sacrificados en matadoiros homologados para o tráfico intracomunitario de carne, sitos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicai, que fosen autorizados previamente para aplicación deste réxime de prima de acordo co disposto no artigo 6º desta orde.

b) Que sexan presentados de acordo coas especificacións de presentación e faenado da canal que figuran no anexo III, e que o seu peso en canal, de acordo con estas especificacións, sexa igual ou inferior a 124 kg.

c) Que permanecesen ininterrompidamente nunha explotación no territorio do Estado español durante os 90 días anteriores ó da data do sacrificio. Se o animal se sacrifica antes dos 90 días de idade, esta obriga aplicarase a toda a súa vida.

d) Que sexan orixinarios da Unión Europea.

e) Que as canais cumpran cos requisitos previstos na Directiva 64/433/CEE, aplicadas en España polo Real decreto 147/1993, do 29 de xaneiro, modificado polo Real decreto 315/1996, do 23 de febreiro.

f) Que estean debidamente indentificados segundo o Real decreto 205/1996, do 9 de febreiro.

g) Que non se sacrificasen en aplicación de medidas de urxencia.

h) Que non fosen obxecto desta prima con anterioridade.

Artigo 5º.-Importe da prima.

O importe da prima será de acordo co establecido no artigo 50 do Regulamento (CEE) 3886/1993, de:

-60 ECU por animal sacrificado entre o 1 de febreiro de 1997 e o 30 de novembro de 1998.

Non obstante o anterior, estes importes serán incrementados no caso de:

a) Animais sacrificados entre o 20-1-1997 e o 30-6-1997.

-En 10 ECU por canal para as canais que pesen un máximo de 110 kg.

-En 5 ECU por canal para ás canais que pesen máis de 110 kg e non máis de 120 kg.

b) No caso de animais sacrificados entre o 1-7-1997 e o 31-12-1197.

-En 5 ECU por canal, para canais que pesen un máximo de 110 kg.

-En 2,5 ECU por canal, para as canais que pesen máis de 110 kg, pero non máis de 120 kg.

O tipo de conversión aplicable ós importes mencionados será o vixente o primeiro día laborable do mes inmediatamente anterior a aquel no que o animal sexa sacrificado.

Non se aboarán primas por animais sacrificados despois do 30 de novembro de 1998.

Artigo 6º.-Autorización dos matadoiros.

1. Os matadoiros nos que se produza o sacrificio dos animais obxecto de solicitude de prima deberán estar homologados para o tráfico intracomunitario, así como terlle comunicado ó director xeral de Produccion Agropecuaria e II.AA. e do Ilgga a súa participación no réxime de primas.

2. O matadoiro deberá comunciar-la súa participacion, segundo o modelo que figura no anexo IV, e comprometese a levar un rexistro específico dos animais sacrificados que poidan ser obxecto de prima.

3. A participación poderá ser revogada no caso de incumprimento de calquera dos compromisos que constan na solicitude de autorización, asumidos polo matadoiros.

Artigo 7º.-Controis.

1. Os servicios provinciais do Ilgga realizarán os controis administrativos e as inspeccións sobre o terreo, de modo que se asegure o cumprimento das condicións de concesion da prima.

2. Os controis administrativos realizaranse sobre a totalidade das solicitudes recibidas.

3. As inspeccións sobre o terreo levaranse a cabo sen aviso previo e consistirán en controis da documentación e constrois físicos nos matadoiros, así como controis de documentación nas explotacións en que permaneceron os xatos.

a) Os controis de documentacón dos matadoiros implicados polas solicitudes de prima afectarán polo menos ó 50% dos animais polos que se presenta unha solicitude de prima e que foron sacrificados en cada establecemento.

b) Os constrois físicos nos matadoiros verificarán que as canais se presenten para ser pesados de acordo co especificado no anexo III da presente orde.

c) Os controis sobre o terreo das explotacións en que permaneceron os animais durante o período de retención realizaranse examinado os correspondentes libros de explotación e deberán realizarse nun mínimo do 10% dos animais polos que se solicitasen primas.

4. Das inspeccións sobre o terreo levantaranse as correspondentes actas de control que conterán, polo menos, os números de identificacion dos animais obxecto de control, as observacións correspondentes en relación coa súa elección e a data do control.

Artigo 8º.-Sancións.

Se como consecuencia dun control se comproba que o número de animais declarados é superior ó daqueles que cumpren os requisitos para a obtención da prima, esta concederase para o número de animais resultante da diferencia entre os animais que cumpran os requisitos para a obtención da prima menos o número daqueles que non os cumprían. Se a resultante desta diferencia é un número negativo, non se aboará ningunha prima.

Artigo 9º.-Pagamento e devolucións das primas.

O pagamento das primas efecturase no prazo máximo de 5 meses a partir do día de presentación da solcitude de prima.

Cando os solicitantes deban devolver importes percibidos indebidamente, deberá efectua-lo seu reembolso xunto cos xuros correspondentes ó tempo transcorrido entre o pagamento e o dito reembolso. Os xuros calcularanse de acordo co tipo de xuro de demora establecido na Lei de orzamentos xerais do Estado vixente.

Cando o pagamento indebido fose realizado por un erro da Administración competente, non se aplicará xuro ningún.

Artigo 10º.-Financiamento das axudas.

O financiamento das axudas consideradas na presente orde realizarase, no exercicio 1997, con cargo ó concepto orzamentario 09.03.614-A779.O, «Axudas Comunitarias a Productores, derivadas da nova PAC», do orzamento da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para 1997, dotado con 50.000.000 de pesetas para este programa.

Artigo 11º.-Xestión dos pagamentos.

A execución dos pagamentos de axudas ós beneficiarios de 1997 levarase a cabo de acordo co establecido no convenio de prefinanciamento asinado entre a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentacion, o 15 de outubro de 1996.

Disposición adicional

O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) actuará, dentro das súas competencias, como organismo xestor das axudas previstas na presente orde.

Disposición transitoria

No caso de animais xa sacrificados poderán ser obxecto de prima, sempre que a solicitude se presente dentro dos 21 días naturais seguintes ó da data de sacrificio.

Disposicións derradeiras

Primera.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias e do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia, no ámbito das súas competencias, a dicta-las normas precisas para un mellor cumprimento do disposto na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

2549