Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 10 de abril de 1997 Páx. 3.357

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 7 de abril de 1997 pola que se establece o procedemento de solicitude e tramitación de axudas nacionais excepcionais ós productores de vacún de leite da campaña 1996.

A orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 31 de marzo de 1997 establece axudas nacionais a productores de vacún de leite, no marco do disposto polo Regulamento (CE) 1357/96 do Consello, coa finalidade de contribuír a compensa-las perdas de renda sufridas durante 1996 debido á reacción dos consumidores respecto á Encefalopatía Esponxiforme Bovina (EEB).

A presente orde determina o procedemento de solicitude e tramitación das axudas establecidas na devandita orde do MAPA, que se transcribe parcialmente para a súa mellor comprensión.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confiren a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e o seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e o Decreto 205/1990, do 15 de marzo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modelo de solicitude.

Os productores de vacún de leite que mantiveran na súa explotación un rabaño de vacas de aptitude láctea durante o ano 1996 e que dispuxeran ó 31 de marzo do devandito ano dunha cantidade de referencia para producción de leite poderán solicita-la axuda establecida na orde do MAPA do 31 de marzo de 1997, utilizando o modelo de solicitude do anexo.

Artigo 2º.-Axuda.

A axuda fíxase, para cada explotación en 5.000 pesetas polo número de animais resultante do cociente entre a cantidade de referencia individual do productor e o rendemento medio nacional de 4.790 Kg. Se o cociente non é un número enteiro, redondearase por exceso ó número enteiro a cifra decimal cando esta sexa igual ou superior a cinco e por defecto cando sexa inferior. Nembargantes, no caso de que o cociente antes citado dera como resultado un número inferior á unidade, a axuda outorgarase por un animal.

Artigo 3º.-Lugar de presentación.

Os productores de leite que teñan a súa explotación na Comunidade Autónoma de Galicia cursarán as súas solicitudes a través de entidades bancarias colaboradoras conveniadas e que as presentarán, posteriormente, nos servicios provinciais do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia.

Non obstante tamén poderán presentalas en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Documentación.

A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI/NIF do solicitante.

b) Certificado da entidade bancaria indicando o código conta-cliente (20 díxitos) da que é titular o solicitante. Este certificado pode substituírse pola indicación deste dato na solicitude referendado polo selo da entidade.

c) Fotocopia da folla de saneamento gandeiro da campaña 1996.

d) No caso de falecemento do titular, copia do documento de transferencia da cota a nome do novo titular da explotación.

Artigo 5º.-Tramitación.

A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias e o ILGG realizarán os trámites necesarios para a remisión ó MAPA dos datos das solicitudes resoltas favorablemente e dos animais con dereito a axuda antes do 1 de xuño de 1997.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias e o director do ILGG no ámbito das súas competencias, para dicta-las disposicións complementarias necesarias para un mellor cumprimento do disposto na presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de abril de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

2590