Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 09 de abril de 1997 Páx. 3.275

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 25 de marzo de 1997 pola que se convocan bolsas de estudios para titulados e estudiantes de técnicas de empresas e actividades turísticas.

Debido á grande importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía, requírese que por parte das administracións públicas se dedi

quen recursos para xerar iniciativas con tendencia a mellorar cada día o sector, para así mante-la demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

A Xunta de Galicia, a través da súa Secretaría Xeral para o Turismo, está a adoptar unha serie de iniciativas para acada-los fins sinalados. Entre estas medidas está a de favorece-lo acceso a prácticas de información turística ós estudiantes e titulados na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas, para así procurar para o sector turístico uns profesionais o máis preparados posible, xa que unha das demandas actuais do sector é a de que cada día exista unha maior profesionalización.

Por todo isto convócanse unha serie de axudas para a realización de prácticas de información turística das que se poden beneficia-los estudiantes e titulados na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas.

Todo isto de conformidade coas seguintes bases:

Primeira.-Beneficiarios.

Os estudiantes e titulados como técnicos de empresas e actividades turísticas poderán ser beneficiarios de bolsas de estudio, consonte o sinalado na presente orde, para realizar prácticas de:

A. Información turística nas oficinas que a Xunta de Galicia ten dedicadas a tal actividade nas localidades da Coruña, Ferrol, Ribeira, Santiago de Compostela, Lugo, Ribadeo, Ourense, O Carballiño, A Gudiña, Pontevedra, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa e de

B. Promoción turística na Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, S.A. (en adiante Turgalicia).

Segunda.-Determinacións orzamentarias.

A Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia concederá estas bolsas de estudio con cargo á aplicación 04.05.651A.480.0 dos seus créditos orzamentarios para 1997. As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

Terceira.-Condicións.

1. A Secretaría Xeral para o Turismo adxudicarálle-las bolsas de estudios:

A) Ós estudiantes na materia de técnicos de empresas e actividades turísticas ou ós titulados nela con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1995 para realización de prácticas nas oficinas de información turística da Xunta de Galicia.

B) Ós titulados como técnicos de empresas e actividades turísticas para a realización de prácticas relacionadas coa promoción turística en Turgalicia.

2. Os beneficiarios das bolsas de estudios, en virtude da presente orde, non desfrutarán, en ningún caso, de ningún tipo de relación de carácter laboral nin contractual coa Xunta de Galicia nin con Turgalicia.

Cuarta.-Dotación das bolsas de estudios.

1. As bolsas de estudios para prácticas nas oficinas de información turística da Xunta de Galicia estarán dotadas con 225.000 (duascentas vintecinco mil) pesetas cada unha se o adxudicatario reside no municipio no que vaia face-las prácticas ou nun limítrofe, e con 330.000 (trescentas trinta mil) pesetas cada unha cando resida en calquera outro da Comunidade Autónoma.

2. As bolsas de estudios para prácticas en Turgalicia estarán dotadas con 400.000(catrocentas mil) pesetas cada unha.

3. Os beneficiarios de bolsas de estudios desfrutarán dun seguro individual de accidentes durante o período que comprendan as prácticas.

Quinta.-Obrigas dos beneficiarios das bolsas de estudios.

Os beneficiarios das bolsas de estudio comprométense:

A) A realizar, no caso de seren adxudicatarios de bolsas de estudios para realización de prácticas nas oficinas de información turística da Xunta de Galicia, a tarefa de facilitarlles ós turistas e viaxeiros que o soliciten información en materia de aloxamento, transporte, espectáculos, gastronomía, bibliotecas, arquivos, museos, feiras, festas, romarías, exposicións e servicios en xeral, así como calquera outra manifestación que polas súas características ofreza atractivos turísticos.

B) A realizar, no caso de seren adxudicatarios de bolsas de estudios para prácticas relacionadas coa promoción turística en Turgalicia, actividades de apoio ás accións de promoción que se estean a realizar.

C) Á realización das prácticas nos períodos seguintes:

-Para os beneficiarios das bolsas de estudios nas oficinas de información turística da Xunta de Galicia, do 1 de xullo ó 15 de setembro, ambos inclusive.

-Para os beneficiarios de bolsas para prácticas relacionadas coa promoción turística en Turgalicia, nos meses de xullo, agosto e setembro.

D) Á plena dispoñibilidade horaria, calquera día da semana, laboral ou festivo, para a realización das actividades obxecto da bolsa concedida, de acordo co horario que se lle sinale polo correspondente Servicio Provincial de Turismo.

Sexta.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes serán remitidas ós Servicios Provinciais de Turismo, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cubríndose do seguinte xeito:

-Solicitude segundo o anexo.

-Fotocopia cotexada, por ámbalas caras, do DNI.

-Certificado de residencia, emitido polo concello.

-Certificación bancaria da conta onde deberá aboarse a bolsa de estudios, se é o caso.

-Os estudiantes, certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións do curso 1995-96.

Os titulados, fotocopia do título ou do recibo do depósito do título compulsadas e certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela.

-Certificacións ou fotocopias compulsadas das notas en idiomas obtidas no último ano cursado en cada idioma, en centros nacionais ou estranxeiros recoñecidos.

-Certificacións ou fotocopias compulsadas, da realización de prácticas en axencias de viaxes, hoteis, cámpings, congresos, museos ou calquera outra actividade relacionada co turismo.

-Certificacións ou fotocopias compulsadas da realización de prácticas de información turística.

-Fotocopias compulsadas de diplomas acreditati- vos de asistencia a cursos especializados en idiomas.

2. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Secretaría Xeral para o Turismo. Todo iso de conformidade co establecido no Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título II da Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 112, do 12 de xuño) e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se regulamenta a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servicios administrativos de compulsa.

3. Os interesados só poderán realizar unha solicitude.

Sétima.-Selección das solicitudes e resolución.

1. Para a valoración das solicitudes de bolsas de estudios presentadas para prácticas nas oficinas de información turística da Xunta de Galicia e de Turgalicia, terase en conta o seguinte baremo:

-Nota media das cualificacións, engadíndolle 0,5 puntos por curso superado e 1 punto máis ós titulados.

-0,25 puntos por curso de idiomas superado, e 0,10 puntos por asistencia a cursos especializados en idiomas.

-0,15 puntos por cada mes completo de prácticas no que se desenvolvesen actividades relacionadas co turismo.

-0,35 puntos por cada mes completo de prácticas de información turística realizadas.

2.1. No caso de que dous ou máis aspirantes a bolsas de estudios acaden a mesma puntuación no concurso para unha mesma oficina de información

turística ou para Turgalicia, a selección establecerase a prol do peticionario de máis idade.

2.2. No caso de que, unha vez adxudicadas as bolsas de estudios, xurdisen renuncias, adxudicaráselle a axuda ó seguinte aspirante en puntuación, procedéndose do mesmo xeito en renuncias consecutivas.

3. O secretario xeral para o Turismo resolverá a concesión de axudas de conformidade co establecido na presente orde antes do 22 de xuño de 1997, agás as consideradas no punto 2.2 anterior, que as resolverá segundo as circunstancias.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo indicado no punto 3 da presente base.

Oitava.-Aboamento das axudas.

A Secretaría Xeral para o Turismo aboaralles mensualmente, na contía que corresponda, as bolsas de estudios ós estudiantes e titulados adxudicatarios unha vez remitidos polos Servicios Provinciais de Turismo e Turgalicia, segundo corresponda, informe sobre a asistencia regular ás prácticas e aproveitamento dos beneficiarios.

Novena.-Incumprimento das obrigas.

A Secretaría Xeral para o Turismo, logo do trámite de audiencia, poderá anula-la axuda por incumprimento das obrigas contraídas polos adxudicatarios.

Disposición adicional

Terá a consideración de estudiante, para os efectos desta orde, e polo tanto poderá acceder ás axudas nesta convocadas, todo aquel que, tendo rematado os tres anos de técnicos de empresas e actividades turísticas con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1995, se atope matriculado para a reválida dos sinalados estudios e o xustifique fidedignamente, xunto coa solicitude destas bolsas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non recollido na presente orde observarase o disposto, para esta materia, na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Segunda.-Facúltase o secretario xeral para o Turismo para dictar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

2619