Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 08 de abril de 1997 Páx. 3.239

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 1997, de la Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial para o persoal laboral do Concello de Viana do Bolo.

Visto o texto do convenio colectivo para o persoal laboral do Concello de Viana do Bolo (código nº 3200722) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial, o día 17-2-1997, subscrito, pola parte económica, polo representante da Administración e, pola parte social, polos delegados de persoal, en xuntanza celebrada o día 28-11-1996, de conformidade co disposto no artigo 90.2º y 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás repesentacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 27 de febreiro de 1997.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Concello de Viana do Bolo

Convenio persoal laboral

Capítulo I

Ámbito do convenio

Artigo 1º.-Ámbito persoal.

1. O presente convenio colectivo establece e regula as normas polas que se rexerán as relacións de carácter xurídico-laboral entre o Concello de Viana do Bolo e o seu persoal suxeito á lexislación laboral incluído no seu cadro de persoal.

2. Así mesmo, integrarase no presente convenio persoal laboral que, con posterioridade á publicación deste, pase a depender do concello.

Artigo 2º.-Vixencia e denuncia.

A vixencia deste convenio rematará o 31 de decembro de 1998 e prorrogarase automaticamente, a non ser que se produza denuncia escrita de calquera das partes dentro dos dous últimos meses da súa vixencia. Os seus efectos económicos será revisados, se é o caso, anualmente de acordo co disposto na Lei de orzamentos do Estado.

De producirse a denuncia do convenio, este prorrogarase ata a aprobación do que o substitúa.

Capítulo II

Órgano de vixilancia

Artigo 3º.-Comisión paritaria de vixilancia.

1. Créase unha comisión paritaria de vixilancia, control e interpretación do convenio, que entenderá da súa aplicación. Esta comisión estará composta por 3 representantes do persoal e 3 representantes do concello.

A comisión constituirase no prazo máximo dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación do convenio no BOP e reunirase a pediemento dunha das partes.

Os acordos tomaranse por unanimidade entrámbalas dúas representacións e serán recollidos en acta, á que se lle dará a debida publicidade no taboleiro de anuncios do concello. Estes acordos vincularán a ámbalas dúas partes nos mesmos termos có presente convenio e achegaránselle a el como anexos.

Cando existan discrepancias referidas á interpretación xurídica das materias contidas no presente acordo, as partes poderán nomear de mutuo acordo un mediador que, unha vez aceptado o cargo, terá obriga de presentar no prazo de 8 días o seu dictame.

As partes deberán manifesta-lo seu posicionamento con respecto ó dictame anterior, por escrito e de xeito razoado, no prazo máximo de 10 días.

2. Correspóndelle á comisión :

a) A interpretación da totalidade do articulado ou cláusulas do convenio.

b) A vixilancia do pactado.

c) A facultade de conciliación previa naquelas cuestións que lle sexan sometidas de común acordo polas partes.

d) Asegura-la non discriminación da muller controlando a igualdade de trato.

Denunciado o convenio, e ata que non se inicien novas negociacións, a comisión paritaria continuará exercendo as súas funcións verbo do seu contido normativo.

Tanto os representantes do persoal coma os do concello poderán ser asistidos nas reunións por un asesor técnico, con voz e sen voto.

Capítulo III

Incompatibilidades

Artigo 4º.-Incompatibilidades.

Ó persoal laboral do Concello de Viana do Bolo aplicaráselle o réxime de incompatibilidades de acordo coas normas estatais e autonómicas sobre a materia.

A opción dunha persoa traballadora incursa en incompatibilidade que renunciase ó seu posto no concello non se verá limitada polo prazo mínimo de antigüidade que, para os efectos de excedencia, esixe o presente convenio colectivo.

Capítulo IV

Organización e dirección do traballo

Artigo 5º.-Traballos de superior e inferior categoría.

Ademais do establecido no artigo 39 do Estatuto dos traballadores, teranse en conta os seguintes principios:

1. A realización de traballos de categoría superior o inferior responderá a necesidades excepcionais e perentorias e durará o tempo mínimo imprescindible. Comunicaráselle ó traballador por escrito con 48 horas de antelación e, en todo caso, con anterioridade ó inicio do cambio de posto de traballo.

2. A ocupación dun posto de traballo en réxime de desempeño de función de categoría superior no poderá exceder de seis meses consecutivos ou dez alternos. Transcorridos os períodos citados, e persistindo as mesmas circunstancias, o desempeño das funcións realizarase por rotación semestral no suposto de existir máis dun traballador que reúna os requisitos e a capacidade necesarios da categoría que se vaia cubrir e sempre que se desenvolvan as funcións adecuadamente.

A ocupación dun posto de traballo de categoría inferior non poderá exceder de 30 días consecutivos,

sen prexuízo do establecido no apartado 2 do artigo 39 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 6º.-Organización do traballo.

Conforme a lexislación vixente, a organización do traballo é facultade do Concello de Viana do Bolo e a súa aplicación práctica correspóndelle ó titular da alcaldía, sen prexuízo dos dereitos e facultades de audiencia e información recoñecidos ó persoal nos artigos 40, 41 e 64.1º do Estatuto dos traballadores, así como ó lexislado nesta materia na Lei orgánica de liberdade sindical.

Capítulo V

Xornada, horario de traballo, descanso e vacacións

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

a) Como regra xeral, a xornada de presencia e traballo efectivo será de 37 horas e 30 minutos semanais, de luns a venres, en tódolos centros de traballo do Concello de Viana do Bolo, de forma continuada en termos xerais en quendas de mañá e tarde, agás naqueles centros en que, pola natureza das súas funcións, se faga necesaria a xornada partida.

b) A alcaldía e os traballadores poderán negociar un horario ou unha xornada distinta á expresada no apartado anterior, cando, polas súas peculiaridades específicas, así se considere necesario.

c) Tódolos/as traballadores/as con xornada continuada afectados por este convenio terá dereito a unha pausa retribuída de 30 minutos durante a xornada de traballo, ou de 15 minutos, de realizaren a xornada partida.

Artigo 8º.-Descanso e festivos.

1. Descanso semanal: os traballadores terán dereito a un descanso mínimo semanal de dous días ininterrompidos que, como regra xeral, abraguera o sábado e o domingo.

O desfrute do descanso semanal é obrigatorio e non acumulable, agás naqueles casos nos que, a pedimento do/a traballador/a e por causa xustificada, se autorice a súa acumulación.

Dadas as especiais peculiaridades dalgúns centros, respectaranse a capacidade organizadora da alcaldía para garantir, se é necesario, a presencia e a dotación de persoal que permita o normal funcionamento dos centros durante a xornada do sábado.

2. Para os servicios que haxa que prestar necesariamente en domingo e festivos establecerase un descanso adicional do 75 por 100 do tempo de prestación. Este descanso adicional será pactado de mutuo acordo entrámbalas dúas partes.

3. Todo o persoal laboral vinculado a este convenio desfrutará como descanso os días 24 e 31 de decembro. Se por necesidades do servicio non se puidesen desfrutar eses días, facilitarase un descanso equivalente no mes de xaneiro seguinte, cunha compen

sación adicional igual á que teñen os domingos e festivos.

Artigo 9º.-Vacacións.

Todo o persoal laboral acollido a este convenio cun ano mínimo de servicios terá dereito a unhas vacacións retribuídas de duración igual á do mes natural en que se desfruten. De non levar un ano de servicios, desfrutaranse as vacacións en proporción ós días traballados, a razón de dous días e medio por mes ou fracción de mes traballado.

A distribución dos períodos de vacacións farase por acordo entre a alcaldía e o traballador/a e deberá terse en conta a natureza específica dos centros e o seu correcto funcionamento.

O calendario de vacacións ultimarase antes do 30 de maio de cada ano, debéndose efectua-las solicitudes antes do derradeiro día do mes de abril, con previa articulación das preferencias do seu desfrute.

Cando por necesidades do servicio o persoal teña que desfrutar obrigatoriamente as súas vacacións fóra do período establecido, estas serán de 30 días laborables.

As vacacións anuais desfrutaranse preferentemente no período abranguido entre o 1 de xullo e o 30 de setembro. Os traballadores poderán solicita-lo fraccionamento das vacacións en dous períodos, comezando sempre nos días 1 ou 16 de cada mes, como norma xeral. Cando a conveniencia do servicio aconselle o peche do centro, o desfrute das vacacións axustarase a este período.

En tódalas situacións de incapacidade laboral transitoria ou baixa maternal que coincidan coas datas nas que deberán desfrutarse as vacacións, este desfrute pospoñerase ás datas posteriores á situación de alta, agás que o período de baixa se iniciase con posterioridade ó principio do desfrute das vacacións e que este non se estenda máis alá do 31 de decembro do ano en curso.

Capítulo VI

Licencias e excedencias

Artigo 10º.-Licencias e permisos con soldo.

Todo o persoal laboral vinculado por este convenio, logo do aviso e posterior xustificación, agás os asuntos propios, poderá desfrutar das seguintes licencias:

a) Por casamento, o persoal laboral terá dereito a unha licencia retribuída de 15 días naturais ininterrompidos.

b) Polo nacemento ou adopción dun/ha fillo/a e pola morte, enfermidade grave ou intervención cirúrxica do cónxuxe ou persoa que se atope ligada de forma permanente por análoga relación de afectividade co beneficiario ou dun familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, dous días

cando o suceso se produza no municipio e catro cando sexa fóra del.

c) Poderá dispoñerse de nove días ó ano, como máximo, de permiso para asuntos persoais sen xustificación, atendendo sempre á necesidade do servicio que deberá ser expresamente xustificada. Se os servicios prestados son inferiores ó ano natural, os días que se desfruten serán en proporción ó tempo efectivamente traballado. Este permiso poderá desfrutarse ata o 15 de xaneiro do seguinte ano natural, non podéndose acumular ós correspondentes dese ano.

d) Por traslado de domicilio sen cambio de residencia, un día.

e) Para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais, durante os días da súa celebración.

f) Poderá concederse permiso polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal.

g) Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou de representación do persoal, nos termos legalmente establecidos.

Artigo 11º.-Licencias con saldo parcial e sen soldo.

1. Licencias con saldo parcial: quen, por razón de garda legal, teña ó seu coidado directo algún menor de 6 anos, a un ancián ou a un diminuído físico ou psíquico que non desempeñen ningunha outra actividade retribuída ou no perciban ingresos superiores ó salario mínimo interprofesional, terá dereito a unha reducción da xornada total ordinaria dun máximo de tres horas, sufrindo como mingua salarial o importe proporcional ó tempo da devandita reducción. A solicitude deste permiso efectuarase cun mes de antelación ó seu desfrute.

2. Licencias sen soldo: os traballadores fixos que leven como mínimo un ano de servicio poderán pedir licencias sen soldo, por un prazo non inferior a 15 días e non superior ós seis meses, nun intervalo de tempo de dous anos. O traballador solicitará al licencia con, polo menos, un mes de antelación á data do inicio do seu desfrute. O concello contestará dentro deste prazo e, de non facelo, entenderase concedido o permiso.

Artigo 12º.-Licencias especiais de maternidade e paternidade.

A traballadora embarazada terá dereito a escolle-la data das súas vacacións regulamentarias.

O traballador/a cun fillo menor de nove meses terá dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo. Este período de tempo poderá dividirse en días fraccións ou substituílo pro unha reducción da xornada de igual tempo.

No non previsto neste artigo rexerá o regulado na Lei de maternidade, adopción e paternidade.

Artigo 13º.-Suspensión durante o servicio militar.

Durante o tempo no que un traballador fixo estea prestando o servicio militar obrigatorio ou voluntario, ou o servicio social substitutorio, o contrato quedará suspendido, con reserva do posto de traballo. O traballador deberá reincorporarse nun prazo máximo de 30 días naturais a partir do cesamento do servicio.

O traballador en servicio militar ou servicio social substitutorio, e mentres dure este, percibirá o 50% do seu salario base se ten algún familiar ó seu cargo. Se non se dá esta circunstancia, percibirá soamente as pagas extraordinarias na contía regulada no artigo 16. Estas percepcións serán incompatibles co cobro dalgunha retribución salarial de índole castrense. Este concepto non abrangue os chamados haberes do soldado.

O tempo prestado no servicio militar obrigatorio ou prestación social substitutoria será computado para os efectos de antigüidade.

Artigo 14º.-Excedencias.

1. Para o coidado de fillos menores de tres anos.

Tódolos traballadores fixos terán dereito a unha excedencia por tempo non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo, contados desde a data do seu nacemento. Os fillos sucesivos darán lugar a un novo período de excedencia que, se é o caso, poñerá fin ó que se viñese desfrutando.

Non será preciso que o traballador esgote o tempo de excedencia para incorporarse cando, por motivos persoais acreditados, así o solicite.

Concederáselle este mesmo dereito ó traballador verbo dos fillos adoptivos.

Durante o desfrute da excedencia para o coidado de fillos naturais e durante o primeiro ano para os adoptados, reservaráselle ó traballador o posto de traballo que viña desempeñando con carácter definitivo.

Ó persoal que se atope nesta situación computaráselle, para os efectos de antigüidade, o primeiro ano de desfrute de excedencia para os fillos adoptivos e a totalidade da súa duración, para os naturais.

2. Voluntaria.

Os traballadores fixos, cunha antigüidade mínima de dous anos no concello, poderán solicitar, cunha antelación mínima de 50 días excedencia voluntaria por un período de tempo non inferior a un ano nin superior a dez.

Unha vez solicitada, resolverase o procedemento e notificaráselle ó interesado con 15 días de antelación á data do inicio proposto pola persoa interesada.

O traballador que solicite o seu reingreso terá dereito a ocupa-la primeira vacante que se produza no seu grupo e categoría. Se a vacante fose de inferior categoría á que tiña antes, poderá optar a ela na espera de que xurda a que lle corresponda.

Se o interesado non solicita o reingreso ou un novo período de excedencia, que non supere en total dez anos, polo menos 15 días antes de finaliza-lo prazo sinalado para a excedencia que desfruta, perderá o seu dereito ó posto de traballo. En todo caso, non se poderá solicitar nova excedencia voluntaria antes de transcorrido un ano.

3. Forzosa.

A excedencia forzosa ó persoal laboral fixo, que dará dereito a conserva-lo posto de traballo e a que se lle compute a antigüidade durante a súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo.

O reingreso deberá efectuarse no prazo máximo de 30 días naturais a partir do cesamento no cargo. Para estes efectos, entenderase por cargo público a elección para deputado ou senador no Parlamento español, deputado de asembleas autonómicas, concelleiro dun concello ou o nomeamento para un cargo de carácter político dentro da Administración pública. Se non solicitan o reingreso no prazo citado serán declarados, de oficio, en excedencia voluntaria por interese particular.

A reincorporación producirase na mesma categoría profesional que tiña o traballador ó se inicia-la devandita excedencia, computándoselle o tempo transcorrido para os efectos de antigüidade. Este reingreso terá carácter inmediato desde o momento no que se solicite e, en todo caso, un mes despois do cesamento no cargo.

Capítulo VII

Condicións económicas

Artigo 15º.-Estructura do salario.

As retribucións do persoal acollido ó presente convenio son as refectidas no seu anexo, estando constituídas polo salario base e os complementos salariais que se definen de seguido:

a) Salario base: é a parte de retribución do traballador/a fixada para a xornada ordinaria de traballo, en función do grupo ó que pertence.

b) Complementos salariais.

1. Antigüidade: este complemento, que será de igual contía cá establecida para os funcionarios de carreira segundo os grupos nos que figuran integrados, será para tódolos traballadores que perfeccionen trienios a partir da entrada en vigor do presente convenio. O trienio cumprido terá efectos económicos desde o primeiro día do mes seguinte a aquel no que se perfeccione, excepto se se cumpre

na primeira quincena do mes xa que neste caso os seus efectos serían desde o primeiro día do mes do seu cumprimento.

A remuneración por trienios dos traballadores a tempo parcial será proporcional á establecida para os traballadores con xornada completa. O cómputo de tempo para a consolidación dos trienios determinarase como se fose contratado a tempo completo.

2. Plus de convenio ó posto de traballo: é o complemento salarial que, na contía que para cada posto de traballo, se é o caso, figura na correspondente relación de postos de traballo in dependentemente da súa porcentaxe de dedicación laboral, retribúe as especiais dificultades materiais e técnicas que esixa o seu desempeño e, entre outras, a especial dedicación, responsabilidade, dirección e/ou conducción de vehículos.

3. Plus de perigosidade: este complemento salarial, de natureza funcional e ocasional, só se derivará das características especiais dun determinado posto de traballo, independientemente da súa porcentaxe de dedicación laboral.

Artigo 16º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal incluído no ámbito de aplicación deste convenio terá dereito a percibir dúas pagas extraordinarias que se lle aboarán co salario mensual de xuño e decembro.

A contía de cada unha destas pagas será igual a unha mensualidade do salario base máis a respectiva antigüidade.

Artigo 17º.-Horas extraordinarias.

1. As horas extraordinarias son aquelas que excedan da xornada normal de traballo e teñan un carácter excepcional.

2. Tenderase a reducir ó mínimo imprescindible as horas extraordinarias que non se deban a imprevistos e teñan un carácter excepcional.

Como norma xeral a realización de horas extraordinarias terá sempre un carácter voluntario e o seu límite será de 80 en cómputo anual.

3. Sempre que a organización do traballo o permita, as horas extraordinarias compensaranse por tempo de descanso. Para esta compensación, as devanditas horas extraordinarias computaranse, cada unha delas, por 1.45 horas de descanso en días laborables, e 2.15 horas, en domingos e festivos.

Poderanse acumular estes tempos de descanso ata constituíren xornadas completas, que nunca se poderán sumar ós períodos de vacacións e permisos ordinarios pactados no calendario laboral.

Para os efectos economicos, o valor da hora extraordinaria será o resultante de incrementar nun 75%

o valor da hora ordinaria. O seu cálculo farase coa seguinte fórmula:

S. bruto anual x 1,75

Hora extra=

1665 (nº de horas anuais)

Para as horas extraordinarias que se fagan en domingos ou festivos, o coeficiente multipolicar será de 2,25.

Artigo 18º.-Axudas de custo e desprazamento.

Entenderase por axuda de custos e desprazamentos a indemnización económica diaria que se lle deba pagar a un traballador como compensación dos gastos de mantenza, aloxamento e desprazamento que deba realizar motivados por orde da alcaldía.

A contía destas axudas de custo e desprazamento será a especificada para os funcionarios segundo os seus respectivo grupos.

Capítulo VIII

Beneficios sociais

Artigo 19º.-Política de axuda a diminuídos físicos e psíquicos.

Todo traballador que teña baixo a súa dependencia directa e legal e vivindo ás súas expensas, consorte, fillos e ascendentes de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade que sexan diminuídos físicos, psíquicos ou sensorais recoñecidos como tales polos órganos competentes na materia, e sempre que os ingresos do diminuído non superen o salario mínimo interprofesional en cómputo anual, percibirán unha axuda de 15.000 pesetas mensuais.

Artigo 20º.-Roupa de traballo.

O concello facilitaralle roupa e calzado de traballo a todo o persoal ó seu servicio cando as condicións e a natureza do traballo o requiran, logo dunha memoria xustificativa destes extremos.

Artigo 21º.-Indemnizacións.

Ámbalas dúas partes acordan que se xestione un seguro que ampare a invalidez ou morte do traballador, por accidente de traballo ou enfermidade profesional e a responsabilidade civil, percibindo os seus beneficiarios unha cantidade non inferior a catro millóns de pesetas.

Capítulo IX

Dereitos sindicais

Artigo 22º.-Recoñecemento dos dereitos sindicais.

O Concello de Viana do Bolo comprométese a desenvolve-las condicións que permitan o pleno exercicio da liberdade sindical nos eidos das competencias, funcións e dereitos en xeral recoñecidos ós traballadores polas disposicións legais.

Capítulo X

Réxime disciplinario

Artigo 23º.-Procedemento sancionador.

A imposición de sancións por faltas graves e moi graves, agás as derivadas da falta de asistencia e puntualidade, requirirá a instrucción dun expediente disciplinario de conformidade co seguinte procedemento:

a) Cando o concello coñeza da comisión de feitos presuntamente constitutivos de falta grave ou moi grave, a alcaldía acordará a incoación de expediente disciplinario. Este acto, que se lle deberá comunicar por escrito ó interesado, interromperá os prazos legais da prescrición de faltas e infraccións.

b) No propio acto de iniciación do expediente acordara o nomeamento e designación de instructor do procedemento, que ordenará a práctica de cantas dilixencias sexan adecuadas para a determinación e comprobación dos feitos e, en particular, de cantas probas poidan conducir ó seu esclarecemento e á determinación das responsabilidades susceptibles de sanción.

O instructor, con primeira actuación, procederá a recibir declaración do presunto inculpado e a tramitar cantas dilixencias se deduzan da comunicación ou denuncia que motivou a instrucción do expediente e do que aquel alegou na súa declaración.

c) Nún prazo non superior a un mes desde o inicio do expediente o instructor proporalle ó órgano competente o arquivo das actuacións ou elaborará un prego de cargos que lle será notificado ó inculpado, e concederáselle un prazo de dez días para que poida contestalo coas alegacións que considere convenientes para a súa defensa, xuntando cantos documentos considere de interese. Neste trámite deberá solicitar, se o considera axeitado, a práctica das probas que para a súa defensa crea necesarias.

O prego de cargos incluirá os feitos imputados con expresión, de se-lo caso, da falta presuntamente cometida e das sancións que poidan ser de aplicación.

O instructor poderá, por causas xustificadas, solicita-la ampliación do prazo referido.

d) Contestado o prego ou transcorrido o prazo sen facelo, o instructor poderá acorda-la práctica das probas solicitadas que xulgue oportunas, así como a de todas aquelas que considere pertinentes. Para a práctica destas probas disporase do prazo dun mes.

O instructor poderá denegar motivadamente a admisión e a práctica das probas para investigar cuestións que considere innecesarias, sen que contra esta resolución caiba recurso do inculpado.

Os feitos relevantes para a resolución do procedemento poderán acreditarse por calquera medio de proba admisible en dereito.

e) Cumpridas as dilixencias previstas neste artigo, daráselle vista do expediente ó inculpado con carácter inmediato para que, no prazo de 10 días, alegue o que vexa pertinente para a súa defensa e achegue cantos documentos considere de interese.

f) O instructor formulará dentro dos 10 días seguintes a proposta de resolución, da que se lle dará traslado ó interesado, que fixará con precisión os feitos probados, motivando, de se-lo caso, a denegación das probas propostas polo inculpado e fará a valoración xurídica dos feitos con determinación, se procede, da falta cometida, a responsabilidade do traballador e a sanción que xulgue procedente impoñer.

Pola súa banda, o inculpado, no prazo de dez días, poderá alegar todo canto considere pertinente para a súa defensa.

Oído o inculpado ou transcorrido o prazo anterior, remitiráselle o expediente ó órgano competente para sancionar, para que resolva en consecuencia.

g) A omisión do procedemento aquí descrito determinará a nulidade do expediente cando produza indefensión do interesado.

Artigo 24º.-Clases de faltas.

As infracción ou faltas cometidas polos traballadores, derivadas de incumprimentos contractuais, poderán ser leves, graves ou moi graves.

a) Faltas leves:

-A incorrección cos superiores xerárquicos, cos compañeiros e co público en xeral.

-A neglixencia e o descoido no cumprimento do traballo.

-A presentación extemporánea de partes de baixa ou de confirmación en tempo superior a dous días desde a data da súa expedición regular, a non ser que por causa de forza maior se probe a imposibilidade de facelo.

-De tres a cinco faltas de puntualidade ó mes. Estas faltas poderán supoñe-la deducción proporcoinal de retribucións.

-A neglixencia no coidado e na conservación dos materiais e utensilios de traballo, do mobiliario e dos locais onde se presten os servicios.

-A faltas de asistencia inxustificada durante un día ó mes, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

-O incumprimento dos deberes e obrigas do traballador, sempre que non deban ser cualificados como falta moi grave ou grave.

b) Faltas graves:

-A indisciplina ou a desobediencia relacionada co seu traballo, e o incumprimento dos deberes pre

vistos nos apartados a), b) e c) do artigo 5º do Estatuto dos traballadores.

-A desconsideración co público, compañeiros e subordinados no desempeño das tarefas encomendadas, sempre que non sexa falta leve, así como a grave falta de consideración cos administrados ou o abuso de autoridade no exercicio do cargo.

-A falta de asistencia ó traballo sen causa xustificada durante dous ou tres días ó mes, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

-O abandono do traballo sen causa xustificada por tempo superior a dous días nun mes.

-A simulación de enfermidade ou accidente que supoñan a incapacidade laboral transitoria por tempo inferior a tres días. Entenderase, en todo caso, que existe falta cando o traballador declarado de baixa por un dos motivos indicados realice traballos de calquera clase por conta propia ou allea. Asi mesmo, entenderase incluída neste apartado toda acción ou omisión do traballador realizada para prolonga-la baixa por enfermidade ou accidente.

-A colaboración ou o encubrimento de faltas doutros traballadores, en relación cos seus deberes de puntualidade e asistencia.

-Máis de cinco faltas de puntualidade nun mes.

-A reiteración na comisión de faltas leves, agás as de puntualidade inferiores a cinco faltas leves, nun prazo de seis meses, aínda que sexan de distinta natureza, todo isto dentro dun mesmo trimestre e aínda que fosen sancionadas.

-A diminución continuada e voluntaria no rendemento de traballo normal ou pactado.

-As conductas constitutivas de delicto doloso relacionadas co servicio ou que lles causen dano a Administración ou ós administrados.

-Causar danos graves nos locais, no material ou nos documentos dos servicios.

-O incumprimento dos prazos ou outras disposicións de procedementos en materia de incompatibilidades, cando non supoñan mantemento dalgunha situación de incompatibilidade.

-A grave perturbación do servicio.

-Actos que atenten contra a dignidade dos traballadores ou da Administración.

-As accións ou omisións dirixidas a evadi-los sistemas de control de horarios ou a impedir que sexan detectados os incumprimentos inxustificados das xornadas de traballo.

c) Faltas moi graves.

-O incumprimento do deber de fidelidade á Constitución e ás demais leis no exercicio da función pública.

-Toda actuación que supoña discriminación por razón de raza, sexo, relixión, lingua, opinión, lugar de nacemento, veciñanza, ou calquera outra condición ou circunstancias persoal ou social.

-O abandono de servicio.

-Adopción de acordos manifestamente ilegais que lles causen un prexuízo grave á Administración ou ós cidadáns.

-A publicación ou utilización indebida de segredos oficiais así declarados por lei ou clasificados como tales.

-A obstaculización do exercicio das liberdades públicas e dereitos sindicais.

-A participación en folgas ilegais.

-Os incumprimentos das obrigas de atende-los servicios esenciais en caso de folga.

-Os actos limitativos da libre expresión de pensamento, ideas e opinións.

-Ter sido sancionado pola comisión de tres faltas graves nun período dun ano.

-A fraude, e deslealdade e o abuso de confianza nas xestións e no desempeño das funcións encomendadas.

-Máis de tres faltas ó mes de asistencia non xustificadas, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo por causa de forza maior.

-A indisciplina e a desobediencia de carácter grave.

-Os malos tratos de palabra ou obra cos traballadores/as de superior e inferior categoría, compañeiros/as e público.

-O acoso sexual, máxime cando se acompañe de abuso de autoridade ó ser efectuado por un/ha superior/a contra un/ha subordinado/a.

-O incumprimento ou abandono das normas e medidas de seguridade e hixiene no traballo, cando deles se deriven graves riscos ou danos para o propio traballador/a e/ou para terceiros.

-A simulación de enfermidade ou accidente que supoñan unha incapacidade ou baixa por un tempo de tres ou máis días. Entenderase, en todo caso, que existe falta moi grave cando o traballador/a declarado en baixa por un dos motivos indicados realice traballos de calquera clase por conta propia ou allea. Así mesmo, entenderase incluída neste apartado toda acción ou omisión do traballador realizada para prolonga-la baixa por enfermidade ou accidente.

-A reiteración na comisión de faltas graves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun mesmo trimestre, agás as de puntualidade.

-O exercicio de actividades privadas ou públicas sen solicitar e obter autorización de compatibilidade do órgano competente para iso.

Artigo 25º.-Sancións.

As sancións que poderán impoñerse en función da cualificación das faltas serán as seguintes:

a) Por faltas leves:

-Amoestación verbal ou por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo ata por dous días.

b) Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de dous a quince días.

c) Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de dezaseis días a seis meses.

-Despedimento.

Artigo 26º.-Órganos para imposición das sancións.

a) O Pleno do Concello, para impoñe-lo despedimento.

b) A comisión de goberno, para impoñe-las sancións por faltas graves e moi graves.

c) A alcaldía, para a imposición de sancións por faltas leves.

Artigo 27º.-Prescrición das faltas.

As faltas leves prescribirán ós dez días; as graves, ós vinte e as moi graves, ós sesenta días a partir da falta da que a Administración tivese coñecemento da súa comisión, e, en todo caso, ós seis meses de cometérense. Os devanditos prazos quedarán interrompidos por calquera acto propio do expediente disciplinario que puidese instruirse.

A cancelación do expediente de faltas e sancións producirase ós tres meses para as faltas leves, ó ano, para as graves e ós dous anos, para as moi graves.

Disposicións adidicionais

Primeira.-O disposto no presente convenio poderá alterarse ou modificarse pola aplicación de pactos que poidan subscribirse entre o concello e os traballadores.

Segunda.-Como dereito supletorio, e para o non previsto neste convenio, aplicarase o disposto no Estatuto dos traballadores e nas demais disposicións de xeral aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a alcaldía para que adapte á estructura salarial prevista neste convenio os distintos conceptos retributivos e mailas súas contías vixentes ata a entrada en vigor daquel, de tal xeito

que se respecten a dotación do salario base e as contías dos pluses de convenio e de perigosidade establecidos no anexo e recoñecidos na correspondente relación de postos de traballo. As cantidades non integradas nestes conceptos pasarán a formar parte do complemento salarial de antigüidade.

Segunda.-Este convenio entrará en vigor o día 1 de decembro de 1996.

ANEXO

Táboa salarial

A) Salario base:

A súa contía será igual á do soldo que, para cada grupo, se estableza para os funcionarios de carreira do concello.

b) Pluses mensuales:

-De convenio: 10.000 ptas.

-De perigosidade: 10.000 ptas.

Neftalí Prieto Barrios

Representante da Administración

Mª Elena Fernández Fernández

Delegada de persoal

F. José Estévez G.

Delegado de persoal

2227