Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 08 de abril de 1997 Páx. 3.236

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 1997, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de Empresa Pereira, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo para Empresa Pereira, S.L., que tivo entrada nesta delegación provincial o 30-1-1997, subscrito en representación da parte económica, por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, con data 27-1-1997. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 14 de febreiro de 1997.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de Empresa Pereira, S.L.

Artigo 1º.-Ámbito territorial e persoal.

Este convenio colectivo de traballo é de aplicación obrigatoria á totalidade dos traballadores de Empresa Pereira, S.L. con domicilio social en Vilagarcía de Arousa, r/ Santa Eulalia, 17 comprendendo tanto o de carácter fixo como o que se encontra baixo contratación temporal, que estea prestando servicios na actualidade, así como o que ingrese durante a vixencia do presente convenio.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

Este entrará en vigor o día seguinte ó da súa sinatura, se ben as condicións económicas deste producirán efectos o día 1 de xaneiro de 1997. A duración do presente convenio colectivo será de dous anos, desde o 1 de xaneiro de 1997 ó 31 de decembro de 1998.

Artigo 3º.-Denuncia.

A denuncia do presente convenio debe realizarse de forma expresa por calquera das partes asinantes do convenio. A dita renuncia deberá realizarse durante os dous últimos meses previos á súa finalización. De non existir denuncia, observarase o disposto no artigo 86 do ET.

Artigo 4º.-Soldos e salarios.

Os soldos e salarios que lle corresponden ó persoal afectado polo presente convenio son os que figuran na táboa anexa, máis antigüidade, se é o caso.

Para o ano 1998 tódolos conceptos salariais experimentarán un incremento igual ó IPC real do ano 1997.

Artigo 5º.-Antigüidade.

Mantense o establecido na ordenanza laboral e no ET, así como máis disposicións legais para as empresas de transporte de viaxeiros por estrada, é dicir, dous bienios ó cinco por cento e cinco quinquenios ó dez por cento todo isto do salario base deste convenio, segundo a táboa anexa.

Artigo 6º.-Gratificacións extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias do ano aboaranse na contía de trinta días e serán calculadas sobre a táboa salarial que corresponda, máis antigüidade, se é o caso. Denominaranse 25 de xullo, Nadal e beneficios e faranse efectivas antes do 31 de xullo, 22 de decembro e 31 de marzo, respectivamente.

Artigo 7º.-Vacacións.

O período anual de vacacións será de 30 días naturais que se desfrutarán nun período ou dous. No caso de fraccionamento serán dun día máis.

Un dos períodos desfrutarase preferentemente nos meses de verán.

As datas de desfrute acordaranse entre traballadores e empresa.

No caso de que non exista acordo seguirase un sistema rotativo de acordo co seguinte procedemento:

1. A empresa establecerá grupos de traballadores, en función da súa categoría profesional, centro de traballo e necesidades desta, sinalando o número de quendas e o número de traballadores de cada grupo que poden desfrutalas en cada quenda.

2. Para o ano 1997 sortearase dentro de cada grupo a orde de preferencia en escoller quenda, e establecerase de acordo con esta o calendario de vacacións.

3. Para o ano 1998 e posibles sucesivos, os situados nos primeiros lugares da lista de 1997 ata o número igual ó de traballadores máximo por quenda pasarán ó final da lista para escolle-las vacacións de 1998 e posibles sucesivos.

4. Calquera traballador que se incorpore á empresa neste período de tempo incluirase o primeiro ano ó final da lista e a partir dese momento incluirase na quenda rotativa.

Artigo 8º.-Conductor perceptor.

O conductor perceptor cando desenvolve as funcións de conductor e cobrador percibirá, ademais da remuneración correspondente á súa categoría, un complemento salarial igual ó 20% do seu salario base por cada día en que realice ámbalas funcións. Para ter dereito a esta percepción deberá realizar ámbalas funcións un mínimo de dúas horas por xornada de traballo.

Artigo 9º.-Plus de quebranto de moeda.

O conductor receptor, o día que realice un mínimo de dúas horas da súa xornada laboral as funcións de conductor e cobrador, percibirá un plus de 103 ptas. en concepto de quebranto de moeda.

Artigo 10º.-Plus de transporte ou asistencia.

Como compensación dos gastos que o persoal da empresa ten que efectuar para se trasladar ó centro de traballo, establécese un plus de transporte ou asistencia para tódalas categorías profesionais de 155 ptas. por cada día efectivo traballado.

Artigo 11º.-Xornada de traballo.

A xornada semanal ordinaria de traballo será de 40 horas efectivas para todo o persoal, de acordo co Estatuto dos traballadores.

A xornada anual ordinaria será de 1.826 horas de traballo efectivo.

Cando a súa distribución a nivel de empresa supoña a superación das 40 horas semanais, o control e cómputo da xornada verificarase anualmente, respectando, en todo caso, o tempo máximo de xornada ordinaria anual mencionada anteriormente.

Para efectos de xornada, aplicarase o disposto no Real decreto 1561/1955, do 8 de novembro, e demais disposicións específicas para o sector de transportes.

Artigo 12º.-Traballo en domingos e festivos.

Os domingos e festivos, que por necesidades do servicio sexan traballados e o descanso se produza outro día da semana, aboaráselle a cantidade de 1.800 ptas. a cada traballador, independentemente da súa antigüidade e categoría profesional.

No caso de que excepcionalmente non se puidese desfrutar este descanso, en cómputo mensual, cobrarase co incremento do 140%.

Artigo 13º.-Horas extraordinarias.

Enténdese por horas extraordinarias as que excedan das 40 horas semanais, é dicir, que superen a xornada, sen prexuízo do establecido no parágrafo 3ª do artigo 10º.

Dadas as peculiares características dos servicios efectuados pola empresa, o persoal desta comprométese a realiza-las horas extraordinarias necesarias para a realización do servicio. O seu importe será o sinalado na táboa anexa.

Artigo 14º.-Axudas de custo.

Ó persoal que por mor do servicio se lle provoquen gastos de comida, cea ou por durmir fóra, terá dereito a recibir unha indemnización que recibirá o nome de axuda de custos, en compensación dos gastos que se lle orixinen, sempre que se produzan conxuntamente estas condicións:

a) Que o servicio o obrigue a se ausentar do lugar ou centro habitual de traballo.

b) Que se vexa obrigado a comer, cear ou durmir fóra do seu domicilio e lugar ou centro habitual de traballo.

A axuda de custo percibirase sempre que remate o servicio despois das 23.30 horas.

O traballador disporá dunha hora para realiza-lo xantar no período comprendido entre as 12.30 e as 16.30 horas. Se tivese que realizalo fóra desta hora recibirá unha axuda de custos de 1.200 ptas.

Como compensación deste condicionado, non se establece contía de axuda de custo pois a empresa é consciente do sentido da responsabilidade do seu persoal e, polo tanto, satisfará o importe total das axudas de custo ocasionadas polo traballador, logo da presentación da factura correspondente para efectos fiscais.

Non obstante, a empresa terá a facultade de asumi-lo pagamento do aloxamento e manutención do traballador en substitución da axuda de custo.

Artigo 15º.-Limpeza e conservación do vehículo.

O conductor asignado a cada vehículo da empresa realizará os traballos precisos para que o vehículo se encontre nun estado de limpeza e conservación acorde co servicio que se vai realizar, sempre que estea na xornada laboral, ou pagarase como hora.

Artigo 16º.-Seguro de vida, accidente laboral e enfermidade.

A empresa contratará, totalmente ó seu cargo, un seguro colectivo a prol dos seus traballadores, de 3.000.000 de ptas. por cada un, de xeito que, no caso de falecemento por accidente laboral ó servicio da empresa, a cantidade citada sexa cobrada polos seus herdeiros legais.

Este seguro non constitúe unha substitución das obrigas da empresa en materia de Seguridade Social senón un complemento desta.

Durante a situación de incapacidade laboral transitoria de accidente de traballo, a empresa completará ata o importe do salario do convenio e, por un máximo de seis meses contados desde a data da baixa, a prestación económica aboada pola aseguradora.

Por outra banda, na situación de incapacidade laboral transitoria derivada de enfermidade común que motive hospitalización, a empresa completará durante a hospitalización, e ata un máximo de seis meses, a prestación da Seguridade Social ata o importe íntegro do salario do convenio.

Artigo 17º.-Cómputo de horas.

Os tempos de espera entre dous servicios computaranse como horas normais de traballo se o conductor está suxeito á disciplina do vehículo realizando tarefas de conservación, mantemento ou limpeza e como medias horas se está ó dispor da empresa pero non realiza ningunha tarefa, nin está suxeito á vixilancia do vehículo.

Artigo 18º.-Axuda escolar.

Como reflexo da preocupación da empresa en colaborar cos seus traballadores nos estudios dos seus fillos, establécese unha axuda para a compra de libros dos fillos dos traballadores consistente no pagamento por parte da empresa, a cada traballador e na nómina do mes de setembro de cada ano, de:

a) 3.000 ptas. por cada fillo que estea a realizar estudios de EXB.

b) 4.000 ptas. por cada fillo que estea a realizar estudios de BUP, COU ou FP.

c) 5.000 ptas. por cada fillo que estea a realizar estudios universitarios ou de escolas técnicas.

É imprescindible que os estudios se realicen en centros de ensino oficial, calquera que sexa o seu nivel, quedando exceptuados os estudios non oficiais, tales como academias, idiomas, por correspondencia, etc.

Para cobrar esta axuda deberá xustifica-lo feito de ter realizada a matrícula dos estudios que vai realizar, así como as cualificacións obtidas o curso anterior.

Artigo 19º.-Xantar.

Dada a especial peculiaridade dos servicios que efectúa a empresa, o tempo para xantar poderá ser reducido a unha hora. O horario será entre as 12.30 e as 16.30 horas. Se tivese que se realizar fóra desta hora, recibirá unha axuda de custos de 1.200 ptas.

Pola súa banda, a empresa procurará ter en conta a proximidade do domicilio do traballador ó centro de traballo, na distribución dos servicios no relativo ó xantar.

Artigo 20º.-Toma e deixe de servicio.

Por toma e deixe de servicio enténdese o tempo necesario para realiza-las operacións precisas para a toma ou nas faenas complementarias para o deixe, computándose este tempo como de traballo efectivo, e pola duración real deste.

Artigo 21º.-Retirada do carné de conducir.

No caso de que, por resolución administrativa ou sentencia xudicial, se produza a retirada do carné de conducir a un conductor por un período non superior a un ano, durante a vixencia do convenio e conducindo un vehículo da empresa para a que preste os seus servicios, esta comprométese a facilitarlle ó productor afectado o posto de traballo máis idóneo, dentro das posibilidades do momento, pero quedará desvencellada de calquera obriga no caso de non aceptación do traballo ofrecido, por parte do conductor.

Igualmente, considérase incluída neste artigo a conducción do vehículo particular de cada traballador cando sexa no traxecto do seu domicilio ó lugar de traballo ou regreso, para tomar ou deixa-lo servicio.

Cando a un conductor lle sexa retirado o permiso de conducir, polas causas sinaladas anteriormente, farase coincidir un mes deste período co das vacacións anuais.

Artigo 22º.-Condicións non previstas.

En todo o non expresamente previsto neste convenio observarase o disposto no Estatuto dos traballadores, ordenanza laboral para as empresas de transporte por estrada e demais disposicións legais vixentes.

Artigo 23º.-Indivisibilidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, considerado na súa totalidade, de tal xeito que se por calquera circunstancia algún dos seus artigos fose declarado nulo ou ineficaz, levaría aparellada a nulidade de todo o convenio.

Artigo 24º.-Recoñecemento médico.

A empresa, voluntariamente e logo do acordo cos seus traballadores, levará a cabo un recoñecemento médico a través dos servicios correspondentes das mutuas patronais de accidentes de traballo, ou da forma que consideren máis idónea.

Artigo 25º.-Partes contratantes.

As partes asinantes do presente convenio son as seguintes:

Pola parte empresarial: José Agustín Pereira Fernández, administrador e xerente de Empresa Pereira, S.L.

Polos traballadores: Manuel Cores Santiago, delegado de persoal de UXT.

Artigo 26º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación das cláusulas deste convenio, a comisión paritaria estará formada por dous representantes da empresa e por dous representantes dos traballadores, todos eles escollidos por cada parte.

Táboa salarial (1º de xaneiro de 1997)

Xefe de persoal115.016 ptas./mes936 ptas./hora
Xefe de tráfico115.016 ptas./mes936 ptas./hora
Administrativo104.923 ptas./mes865 ptas./hora
Auxiliar administrativo92.292 ptas./mes775 ptas./hora
Inspector3.143 ptas./mes853 ptas./hora
Conductor3.115 ptas./mes814 ptas./hora
Conductor perceptor3.115 ptas./mes814 ptas./hora
Cobrador2.688 ptas./mes774 ptas./hora
Mecánico oficial 1ª3.143 ptas./mes853 ptas./hora
Mecánico oficial 2ª2.835 ptas./mes774 ptas./hora
Mozo2.700 ptas./mes774 ptas./hora
Engraxador lavacoches2.700 ptas./mes774 ptas./hora

1724