Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 08 de abril de 1997 Páx. 3.233

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 17 de marzo de 1997 pola que se regula a concesión de axudas para a creación no litoral de infraestructuras para actividades de tipo turístico, cultural e de lecer vinculadas ó mar.

A crecente reducción dos recursos pesqueiros e a preocupación pola deterioración dos ecosistemas mariños, provoca políticas proteccionistas que levan consigo reducción das flotas e da actividade pesqueira, con grande incidencia naquelas comunidades onde a pesca e a única fonte de ingresos económicos. Esta reducción non só afecta polo que ten de diminución da actividade económica, senón polo que supón de abandono dunha cultura e un saber facer que se acumulou ó longo de anos de experiencia. Evitar esta perda ou, alomenos, minimizala, precisa que se xeren novas actividades vinculadas ó mar que axuden a soster estas comunidades e, polo tanto, a manter unha masa crítica suficiente de poboación portadora da cultura mariñeira. Estas deben, ademais, xerarse fóra da pesca extractiva e ligarse á diversificación das actividades económicas na comunidade, desenvolvendo recursos endóxenos.

Dentro destas premisas, as actividades dirixidas ó lecer e ó turismo parecen aquelas con maiores posibilidades de desenvolvemento, tendo en conta as características do noso litoral, onde se encontran moi pouco desenvolvidas, máis aínda se temos en conta o amplo pulo que nos últimos anos tivo o turismo rural.

A Iniciativa Comunitaria Pesca recolle entre as súas propostas o apoio ás iniciativas que teñan como fin o uso do mar como soporte de actividades turísticas para o que inclúe entre as súas medidas as accións dirixidas á creación de infraestructuras para o turismo no mar.

No programa presentado pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura á dita iniciativa, inclúese unha liña de apoio ás empresas para a creación no litoral de infraestructuras para actividades de tipo turístico cultural e de lecer vinculadas ó mar.

Parece, logo, conveniente incentivar estas actividades mediante o apoio á creación, nos portos e no litoral, das infraestructuras permanentes que faciliten o seu desenvolvemento. Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar axudas para a creación de infraestructuras permanentes no litoral para o desenvolvemento de actividades de tipo turístico, cultural e de lecer, vinculadas ó mar, conforme as normas contidas na presente orde, garantindo os preceptos legais de igualdade, concorrencia e publicidade.

As axudas concederanse con cargo á partida orzamentaria 12.04.770.0 do programa 342.A. do orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997 por un importe máximo de 16.000.000 de ptas.

Artigo 2º.-Fins.

As actuacións que poderán acollerse a estas axudas serán aquelas que teñan por finalidade:

1º. A creación de novas instalacións fixas e permanentes, tanto en terra como a flote, para a realización de actividades de tipo turístico, cultural ou de lecer ligadas ó mar.

2º. O equipamento destas instalacións para o cumprimento das súas funcións.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas:

1º. As persoas físicas ou xurídicas legalmente constituídas que teñan como fin o desenvolvemento de actividades que cumpran os requisitos da presente orde.

2º. As entidades sen fin de lucro que teñan como obxecto social a protección do patrimonio cultural de Galicia ou en xeral o fomento e difusión cultural.

Tódolos beneficiarios relacionados anteriormente deberán te-lo seu enderezo social, no caso das entidades, ou particular, no caso de persoas físicas, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia ou, alomenos, delegacións abertas que realicen actividades con continuidade.

Artigo 4º.-Contía e límites de axuda.

As axudas concederanse nas contías que permitan as dispoñibilidades orzamentarias e co límite máxi

mo do 60% do importe financiable, segundo o proxecto presentado para a solicitude da axuda.

Artigo 5º.-Compatibilidade da axuda.

A percepción desta axuda poderá ser compatible con calquera outra que concedan as diversas administracións públicas para a mesma finalidade, sempre que o conxunto delas non supere a limitación establecida na disposición cuarta desta orde. No caso de que foran superadas estas limitacións, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura minorará o importe da axuda concedida ata alcanza-lo máximo porcentual permitido.

Artigo 6º.-Presentación das solicitudes.

As solicitudes axustaranse ó modelo do anexo que se poderá recoller nos servicios centrais ou nas delegacións territoriais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, debendo ser presentadas nas delegacións territoriais correspondentes, ou ben a través do mecanismo establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes rematará ós 45 días naturais contados a partir do seguinte ó da súa publicación.

Artigo 8º.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

1. Fotocopia compulsada do DNI do solicitante.

2. Fotocopia compulsada dos estatutos da sociedade e certificacion do órgano competente na que se especifique o acordo polo que se concede autorización para face-la solicitude ó asinante desta. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia e xuntando unha certificación do órgano competente na que se acredite o desempeño actual do cargo.

3. Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal, ou NIF, segundo se trate de persoas xurídicas ou físicas.

4. Certificación bancaria onde conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal, así como o enderezo desta, para efectos do pagamento da axuda.

5. Memoria descritiva do obxecto do investimento, onde conste a súa localización e características principais e a xustificación desta; relación das actividades que xa realiza ou proxecte realiza-la empresa, da función que dentro delas vai realiza-la nova infraestructura, relación con outras actividades propias ou da zona, impacto económico e social que representa, postos de traballo fixos e temporais que crea e outras que se considere de interese.

6. Proxecto técnico (se é necesario) de realización da infraestructura ou equipamento, indicado características físicas e xeométricas das distintas instalacións, planos e orzamento de execución, asinado por técnico competente segundo corresponda.

7. Memoria económica que inclúa os seguintes aspectos: 1) Plan económico e estudio de viabilidade indicando a parte que corresponde a recursos propios da entidade solicitante e cal a axudas percibidas ou solicitadas para o mesmo fin procedentes de calquera administración estatal, autonómica, local ou institucional, resultados esperados, amortización do investimento, etc., 2) Calendario de investimentos e plan de financiamento por anos, 3) Declaración de calquera tipo de axuda xa solicitada ou concedida ou que se pretenda solicitar a calquera Administración pública, destinada a subvencionar en todo ou en parte o proxecto presentado para acollerse a esta orde.

8. Declaración xurada de estar ó día nas obrigas fiscais e tributarias e de non ter débedas coa Xunta de Galicia.

9. Acreditación de que o solicitante está en posesión das autorizacións e permisos necesarios para a realización da actividade e o investimento. En calquera caso será necesaria a súa presentación para o pagamento da axuda.

10. Certificado de situación de realización do investimento para o que se solicita a axuda no momento da solicitude.

11. Acreditación dos datos rexistrais da empresa ou entidade (escrituras, poderes e imposto de actividades económicas ou equivalentes), se é o caso.

Artigo 9º.-Tramitación e resolución.

Á vista das solicitudes e documentación presentadas, o Servicio de Extensión Pesqueira da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, solicitará a ampliación de datos ou os informes que considere necesarios, e efectuará as comprobacións pertinentes; seguidamente formulará a proposta de resolución favorable ou denegatoria de cada solicitude á directora xeral de Formación Pesqueira e Investigación, na contía que se considere oportuna en función das dispoñibilidades do crédito existente.

A directora xeral dictará resolución de concesión ou denegación da axuda solicitada, tendo en conta as prioridades e limitacións establecidas nesta disposición, no prazo máximo de tres meses desde o remate do prazo de presentación de solicitudes. No caso de non recaer resolución expresa de concesión, a solicitude quedará desestimada.

Artigo 10º.-Criterios obxectivos de prioridade.

1. Para establece-las prioridades teranse en conta os seguintes criterios:

a) Terán preferencia as solicitudes presentadas para infraestructruras destinadas ó uso turístico

sobre as demais e as presentadas por empresas de economía social sobre o resto de peticionarios.

b) Terán preferencia as solicitudes que xeren máis empregos por investimento realizado.

En caso de igualdade, terase en conta a actividade inducida polo investimento.

No caso de igualdade de condicións, valorarase a innovación da actividade obxecto da axuda e o interese para a zona onde se vaia realizar.

Artigo 11º.-Prazo de realización.

O prazo no que debe ser realizada a actividade axudada será fixado na resolución de concesión de axuda, sen que en ningún caso poida exceder do 31 de decembro do ano 1997.

Cando o beneficiario considere que non pode remata-lo proxecto dentro do prazo sinalado, antes de rematar este poderá solicitar unha prórroga, expoñendo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo, e presentando unha pequena memoria onde se especifique o grao de realización da actividade axudada.

A directora xeral dictará resolución pola que se aprobe ou denegue a prórroga solicitada; no caso de que sexa aprobada, non poderá exceder de dous meses a partir do remate do prazo establecido na resolución de concesión da axuda. O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 12º.-Control das actividades obxecto das axudas.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, a través das súas delegacións territoriais, reserva para si a facultade de realiza-las comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, verificando o cumprimento da finalidade da axuda. Para tal fin, o beneficiario deberá comunicar por escrito o inicio do investimento obxecto de axuda con prazo suficiente para poder efectua-las comprobacións que se consideren oportunas.

Os beneficiarios das axudas quedarán suxeitos, tanto ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, como ás de control financeiro que lle correspondan a Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

No suposto de que, unha vez notificada a resolución de concesión, houbese algunha variación no calendario, nos prazos de execución do investimento sinalado na memoria de solicitude, ou en calquera outro aspecto, será comunicada á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación coa antelación suficiente para que poida realiza-las comprobacións que considere necesarias, para os efectos de aprobar ou denega-la devandita modificación.

A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación establecerá as medidas necesarias, para efectos de face-la comprobación efectiva da realización das finalidades obxecto da axuda.

Artigo 13º.-Pagamento das axudas.

Finalizada a execución do proxecto no prazo sinalado, ou no que resultase como consecuencia da prórroga concedida, a entidade beneficiaria deberá presentar ó Servicio de Extensión Pesqueira, dentro do prazo dun mes, a seguinte documentación:

a) Facturas orixinais dos gastos realizados, xunto cunha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria de solicitude.

b) Declaración xurada na que se expresen as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para o mesmo fin por calquera organismo estatal, autónomo, local ou institucional.

c) Memoria sinxela de realización do investimento onde se indiquen as incidencias habidas na súa execución.

d) Certificación de estar ó día nas obrigas fiscais e tributarias expedidas pola Axencia Tributaria e a Tesourería da Seguridade Social segundo corresponda.

e) Certificación de non ter débedas coa Xunta de Galicia expedido pola Consellería de Economía e Facenda.

A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación certificará a execución completa do investimento obxecto da axuda despois de realiza-las comprobacións oportunas.

Artigo 14º.-Pagamentos con carácter de anticipo.

Os beneficiarios poderán solicitar pagamentos parciais, ata un máximo do 80% da axuda concedida. O seu aboamento farase logo de solicitude polo beneficiario e xustificación dos gastos realizados segundo ó estipulado no artigo 13 e constitución dun aval bancario a favor da Xunta de Galicia, segundo o determinado na Lei de contratos das administracións públicas, pola cantidade que se vaia aboar e ata o remate do investimento obxecto da axuda e a súa xustificación.

O resto da axuda librarase unha vez rematado o investimento, segundo o disposto no artigo anterior.

Artigo 15º.-Outras condicións.

En toda a documentación pública relacionada co investimento obxecto da axuda, farase constar que estas se realizaran cunha axuda da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e con financiamento da Unión Europea a traves da Iniciativa Comunitaria Pesca.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 1997.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

1357