Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 07 de abril de 1997 Páx. 3.174

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 14 de marzo de 1997 pola que se aproba a reordenación dos polígonos de bateas denominados «A», «B», «C», «D», «E», «F», «G», «H» e «I», do distrito marítimo de Vilagarcía na provincia de Pontevedra.

Os polígonos de bateas denominados «A», «B», «C», «D», «E», «F», «G», «H» e «I», situados no distrito marítimo de Vilagarcía, foron creados por orde do Ministerio de Comercio de 14 de febreiro de 1974 (BOE do 28 de marzo).

O Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, transfírelle á Xunta de Galicia as competencias en materia de marisqueo e acuicultura con carácter de exclusivas, de acordo co artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e o 148.1º 11. da Constitución. No exercicio destas competencias e no cumprimento do disposto no artigo 1 do Decreto 197/1986, do 12 de xuño, e o 3 do Regulamento para explotación de bateas situadas en zona marítima, aprobado polo Decreto 2559/1961, do 30 de novembro, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura en virtude das ordes de 5-11-1986 (DOG nº 262) e de 23-1-1987 (DOG nº 25), declarada de interese

marisqueiro e urxente execución a revisión e reordenación dos polígonos «A», «B», «C», «D», «E», «F», «G», «H» e «I» do distrito marítimo de Vilagarcía.

En consecuencia, unha vez redactado o proxecto e o acordo de reordenación, tramitados conforme o procedemento establecido no Decreto 423/1993, do 17 de decembro (DOG nº 13 do 20 de xaneiro de 1994), e declarado firme o acordo de reordenación por resolución da Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura do 28 de febreiro de 1997, por proposta da Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Quedan constituídos e delimitados os novos polígonos, «A» e «B» do distrito martímo de Vilagarcía, que substitúen os antigos «A», «B», «C», «D», «E», «F», «G», «H» e «I» coa capacidade, situación e circusntancias que se indican no anexo desta orde.

Segundo.-As concesións administrativas de bateas existentes nos polígonos obxecto de reordenación e pertencentes ós concesionarios recoñecidos nas bases de revisión mantéñense nas mesmas condicións das respectivas ordes de outorgamento, excepto no que se refire á cuadrícula ou punto de fondeo, que quedan anuladas pola presente orde e substituídas polas cuadrículas asignadas no acordo de reordenación.

Quedarán igualmente rectificadas as concesións no referente ás dimensións do artefacto, número de cordas e cultivo autorizado, que terán que axustarse ás determinacións do Decreto 406/1996, do 7 de novembro (DOG nº 228), e o prazo da concesión, que se limita a 30 anos, conforme a Lei 6/1993, do 11 de maio.

Terceiro.-Os concesionarios de bateas deberán traslada-los artefactos no prazo máximo de 3 meses, facendo efectiva a toma de posesión das novas cuadrículas. Transcorrido este prazo, a consellería incoará o correspondente expediente de caducidade por aplicación do Decreto 423/1993, do 17 de decembro, ás concesións das bateas que non estean no punto asignado no acordo de reordenación.

Cuarto.-Os artefactos fondeados nos polígonos pertencentes a propietarios que non fosen recoñecidos como concesionarios nas bases de revisión e os de propietario descoñecido serán considerados clandestinos, procedendo á súa retirada, en aplicación dos artigos 42 e 44 do Decreto 423/1993, do 17 de decembro.

Quinto.-As peticións de concesión administrativa de bateas referentes a cuadrículas antes existentes nos polígonos obxecto de reordenación e que estean en tramitación no momento de entrar en vigor esta orde, quedan desestimadas en aplicación do artigo 5 do Decreto 406/1996, do 7 de novembro (DOG nº 228).

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan ó disposto na presente orde, no ámbito da Comunidad Autónoma de Galicia, especialmente a Orde de 14 de febreiro de 1974, no relativo ós polígonos «A», «B», «C», «D», «E», «F», «G», «H» e «I» do distrito marítimo de Vilagarcía.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 1997.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO

Polígono «A».

Situación xeográfica dos vértices, segundo as coordenadas obtidas da carta nº 9263 da ría de Arousa, publicada polo Instituto Hidrográfico da Mariña.

LatitudeLonxitude

Vértice A42º 36' 52'' N08º 49' 46'' W

Vértice B42º 37' 01'' N08º 48' 42'' W

Vértice C42º 36' 10'' N08º 48' 25'' W

Vértice D42º 35' 58'' N08º 49' 50'' W

Consta de 214 puntos de fondeo ou cuadrículas, das que se ocupan 199 con bateas procedentes do antigos polígonos «A», «B», «C», «D», «E», «F» e «H».

Polígono «B».

Situación xeográfica dos vértices, segundo as coordenadas obtidas da carta nº 9263 da ría de Arousa, publicada polo Instituto Hidrográfico da Mariña.

LatitudeLonxitude

Vértice A42º 35' 07'' N08º 50' 47'' W

Vértice B42º 35' 33'' N08º 48' 30'' W

Vértice C42º 35' 08'' N08º 48' 13'' W

Vértice D42º 35' 04'' N08º 48' 16'' W

Vértice E42º 34' 49'' N08º 48' 56'' W

Vértice F42º 34' 59'' N08º 49' 26'' W

Vértice G42º 34' 52'' N08º 49' 49'' W

Vértice H42º 33' 53'' N08º 54' 24'' W

Vértice I42º 33' 56'' N08º 50' 45'' W

Consta de 348 puntos de fondeo ou cuadrículas, das que se ocupan 268 con bateas procedentes dos antigos polígonos «F», «G», «H» e «I».

15 bateas procedentes dos antigos polígonos «C», «D», «E» de Vilagarcía trasládanse ás vacantes dos polígonos «B», «D» e «E» de Caramiñal.

5 bateas procedentes dos antigos «C» e «E» de Vilagarcía trasládanse ás vacantes dos polígonos «B» e «C» de Ribeira.

2293