Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 02 de abril de 1997 Páx. 2.951

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 5 de febreiro de 1997 pola que se convoca o VIII Certame Galego da Canción Xuventude 97.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude é compartido conxuntamente polas consellerías de Familia, Muller e Xuventude, que a través da Dirección Xeral de Xuventude desenvolve o programa Fomento da Actividade Xuvenil, que ten entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Cultura e Comunicación Social, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, que ten, entre outras funcións, a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, as artes líricas e a imaxe, así como a promoción das artes plásticas e populares, de acordo co Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, e o Decreto 256/1996, do 20 de xuño, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.

Polo exposto, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura e Comunicación Social, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 97.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude convoca o VIII Certame Galego da Canción Xuventude 97, segundo as bases que se establecen no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º

O certame obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Artígo 3º

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo á partida orzamentaria 14.03.355B.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Disposicións derradeiras

Primera.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 1997.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

ANEXO I

VIII Certame Galego da Canción Xuventude 97

I. Participantes.

Poderán participar neste certame tódolos mozos galegos ou residentes en Galicia. Establécense as seguintes modalidades:

1. Solistas: xoves de ata 30 anos de idade.

2. Grupos: xoves de ata 30 anos de idade (podendo neste caso suepera-la idade, un de cada catro compoñentes).

Enténdense estas idades cumpridas no ano 1997.

II. Condicións xerais.

1. No caso de grupos, o número máximo de compoñentes sera de oito.

2. En ningún caso poderán intervir neste certame solistas ou grupos profesionais.

3. Cada solista ou grupo poderá presentar un máximo de 3 obras, cunha duración máxima de 4 minutos cada unha. Deberanse gravar por separado en cintas de casete, e é obrigatorio polo menos que unha delas sexa en galego.

4. A temática é libre.

5. Os solistas ou grupos poderán emprega-los instrumentos musicais que precisen, achegándoos eles mesmos, a excepción da batería que a achega a organización.

6. As cintas casete presentaranse cada unha nun sobre pechado, figurando no exterior o lema elixido polo grupo ou solista. Presentarase ademais outro sobre pechado, no exterior do cal figurará o lema, e no interior o boletín de inscrición que se indica

no anexo III, xunto cunha fotocopia do DNI por ámbolos dous lados ou da folla correspondente do libro de familia do/s participante/s, e unha declaración xurada conforme a persoa ou grupo participante non está desenvolvendo actividades profesionais ou remuneradas no campo da música.

7. A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si o dereito de editar ou difundi-las obras musicais que sexan seleccionadas para a fase final.

III. Inscricións.

1. Os participantes deberán envia-lo impreso de solicitude que se indica no anexo II xunto cos sobres pechados referidos anteriormente ó Servicio de Xuventude da Delegación Provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude da provincia na que residan habitualmente que pode ser :

r/ Ronda de Fingoi, s/n - 27002 Lugo

Avda. de La Habana, 81-baixo 32004 Ourense

r/ Durán Loriga, 9-1º 15003 A Coruña

r/ Mª Berdiales 20-entresollado 36203 Vigo e

r/ Benito Corbal 47-2º - 36001 Pontevedra

antes do 6 de xuño de 1997.

IV. Desenvolvemento.

O xurado seleccionará os autores e as obras que considere de máis calidade para actuar na fase final.

A fase final terá lugar na praza da Igrexa en Lalín (Pontevedra), no mes de xuño de 1997.

Pechará o certame un grupo invitado para a ocasión.

V. Premios.

Establécense os premios seguintes:

Modalidade solistas:

1º. premio: 50.000 ptas. e gravación, edición de compact-disc-single de 20 minutos de duración e mantemento durante os días da gravación.

2º. premio: 25.000 ptas.

Modalidade grupos:

1º. premio: 100.000 ptas. e gravación, edición de compact-disc-single de 20 minutos de duración e mantemento durante os días de gravación.

2º. premio: 75.000 ptas.

Accésits: existirán como máximo 3 por cada unha das modalidades, de:

Solistas: 20.000 ptas. cada un.

Grupos: 50.000 ptas. cada un.

Celebrarase un Festival de Música Xove (en lugar e data por determinar), no que se procederá á presentación dos compact-disc e no que actuarán os primeiros clasificados. Para o dito acto establécense as seguintes axudas:

Solistas: 25.000 ptas.

Grupos: 50.000 ptas.

A organización farase cargo dos gastos do equipo de son e luces, así como da cea convivencial do dito día.

Así mesmo, farase entrega a cada un dos participantes seleccionados para a final nas distintas modalidades dun diploma que acredite a súa participación neste Certame Galego da Canción.

VI. Xurado.

O xurado será nomeado polo director xeral de Xuventude e polo director xeral de Promoción Cultural, por proposta da Delegación Provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude de Pontevedra, e estará composto por persoas cualificadas no campo da canción e da expresión musical. A secretaría recaerá nun funcionario da Delegación Provincial de Familia, Muller e Xuventude de Pontevedra.

O xurado estará facultado para a interpretación destas bases nas eventualidades non previstas, e poderá deixar deserto algún premio se así o considera oportuno.

A sua decisión será inapelable.

97-2435