Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 02 de abril de 1997 Páx. 2.947

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 5 de febreiro de 1997 pola que se convoca o VIII Certame de Música Folk de Galicia Xuventude 97.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas ós sectores da xuventude, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

Neste marco competencial, o ámbito cultural e artístico no que respecta á xuventude é compartido conxuntamente polas consellerías de Familia, Muller e Xuventude, que a través da Dirección Xeral de Xuventude desenvolve o programa Fomento da Actividade Xuvenil, que ten entre os seus obxectivos básicos promociona-la actividade cultural e artística entre a nosa xuventude, e a Consellería de Cultura e Comunicación Social, a través da súa Dirección Xeral de Promoción Cultural, que ten, entre outras funcións, a de colaborar no desenvolvemento do teatro, a danza, as artes líricas e a imaxe, así como a promoción das artes plásticas e populares, de acordo co Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, e o Decreto 256/1996, do 20 de xuño, polos que, respectivamente, se establece a estructura orgánica de cada unha das ditas consellerías.

Polo exposto, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade e inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, e contando coa colaboración da Consellería de Cultura e Comunicación Social, dada a natureza das actividades que se van realizar, convoca unha serie de certames, concursos e mostras que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e artesanal e que constitúen o programa Certames e Mostras Xuventude 97.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude convoca o VIII Certame de Música Folk de Galicia Xuventude 97, segundo as bases que se establecen

no anexo I desta orde, onde se regulan os aspectos relativos á participación, condicións xerais que van rexer na respectiva convocatoria, inscricións, desenvolvemento, premios e xurado.

Artigo 2º

O certame obxecto da presente convocatoria desenvolverase a través das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude coa colaboración das delegacións provinciais da Consellería de Cultura e Comunicación Social.

Artigo 3º

As actividades que leven consigo o desenvolvemento deste certame serán custeadas con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.355B.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Disposicións derradeiras

Primera.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 1997.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

ANEXO I

VIII Certame de Música Folk de Galicia Xuventude 97

I. Participantes.

Tódolos grupos musicais formados por xoves galegos ou residentes en Galicia.

II. Condicións xerais.

1. Os compoñentes do grupo terán entre 15 e 30 anos cumpridos no ano 1997. Soamente poderán superar estas idades o 10% dos compoñentes totais do grupo.

2. Non poderán intervir neste certame grupos profesionais.

3. Presentarase unha cinta casete con tres temas elixidos para o certame, indicando os títulos, dentro dun sobre pechado. No exterior deberá figura-lo lema do grupo e os títulos dos temas.

4. Noutro sobre pechado presentarase o boletín de inscrición que se indica no anexo III, xunto cunha fotocopia do DNI por ámbalas dúas caras ou da folla correspondente do libro de familia de cada un dos integrantes do grupo. No exterior deberá figura-lo lema do grupo.

5. A Dirección Xeral de Xuventude reserva para si o dereito de editar ou difundi-las obras musicais que sexan seleccionadas para a fase final.

III. Inscricións.

As solicitudes deberán formularse no impreso de solicitude que se indica no anexo II, e dirixiranse ó director xeral de Xuventude.

Os grupos participantes deberán presenta-las solicitudes xunto cos sobres pechados citados anteriormente no Servicio de Xuventude da delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude da provincia onde residan habitualmente, que poderá ser en:

R/ Ronda de Fingoi, s/n - 27002 Lugo,

Avda. da Habana, 81-baixo 32004 Ourense,

R/ Durán Loriga, 9-1º 15003 A Coruña,

R/ Mª Berdiales 20-entreplanta, 36203 Vigo e

R/ Benito Corbal, 47-2º, 36001 Pontevedra

ata o día 30 de maio de 1997.

IV. Organización.

A Delegación Provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude de Pontevedra supervisará o certame.

V. Desenvolvemento.

O xurado seleccionará seis maquetas para a fase final que terá lugar no mes xullo de 1997 na praza do Teucro de Pontevedra.

Contarase coa presencia dun técnico de son a disposición do certame como único responsable deste, para a fase final.

VI. Premios.

1º. 100.000 ptas. e gravación de seis temas nun compac-disc.

2º. 75.000 ptas. e gravación de catro temas nun compac-disc.

3º. 50.000 ptas. e gravación de dous temas nun compac-disc.

Enténdese que se gravará un compac-disc cos doce temas seleccionados.

Ós grupos finalistas entregaránselles 50.000,- ptas. en concepto de axudas por gastos de desprazamentos, así como un diploma que acredite a súa participación neste Certame de Música Folk de Galicia.

A organización convidará a unha cea de convivencia ós seis grupos finalistas o día da fase final.

VII. Xurado.

Será nomeado polo director xeral de Xuventude e polo director xeral de Promoción Cultural, e estará composto por persoas cualificadas no campo da música folk, recaendo a secretaría nun funcionario da Delegación Provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude de Pontevedra.

A decisión do xurado será irrecorrible.

2223