Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 02 de abril de 1997 Páx. 2.925

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 64/1997, do 14 de marzo, de cooperación coas entidades locais para a mellora das facendas municipais.

A situación económico-financeira das facendas municipais de Galicia aconsella establecer un programa piloto de colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais galegas co obxecto de posibilita-la cooperación interadministrativa para a posible reducción dos desequilibrios financeiros existentes.

Os resultados deste programa durante 1997 orientarán a futura cooperación de ámbalas dúas administracións, neste campo.

A Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997 inclúe a cantidade de 1.000.000.000 de pesetas con destino a este programa.

Por unha banda convén fixar un criterio de distribución territorial do crédito e, por outra, o procedemento que estableza medidas de xestión áxiles e eficaces que permitan a tramitación dos ditos fondos públicos, dentro do marco legal establecido. Respecto á distribución territorial pártese do acordo adoptado polo Parlamento de Galicia, na súa Comisión 3ª de Economía e Facenda, na data 27 de febreiro de 1997.

En relación coas medidas de xestión, o presente decreto adopta e parte das normas específicas, inspiradas na experiencia, para a tramitación dos Fondos de Cooperación Local.

Dado o carácter de experiencia piloto deste programa parece conveniente que sexan as corporacións locais, adoptando decisións de corresponsabilidade e autonomía municipal, as que de acordo coa súa situación económico-financeira poidan establece-los criterios de utilización dos importes que lles corresponden, ben no cofinanciamento de plans de investimento das administracións ben na reducción de carga financeira.

Na súa virtude, oída a Comisión Galega de Cooperación Local, na súa reunión do once de marzo de mil novecentos noventa e sete, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de marzo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade.

O presente decreto ten como finalidade regular, na anualidade 1997, un programa piloto de mellora da situación económico-financeira das corporacións locais.

Artigo 2º.-Obxectivos.

As accións previstas neste decreto teñen como obxectivos, por unha banda, o de facilita-lo cofinanciamento de plans de investimentos previstos polas administracións e, por outra, o de reduci-la propia carga financeira das corporacións locais.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Serán beneficiarios os municipios menores de 50.000 habitantes, cos importes que se relacionan na distribución que figura como anexo ó presente decreto.

Artigo 4º.-Financiamento.

As accións previstas neste decreto instrumentaranse financeiramente a través do crédito de 1.000.000.000 de ptas. aprobado na aplicación orzamentaria 05.06.811B.761.0 da Lei de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

Artigo 5º.-Comisión Galega de Cooperación Local.

A Comisión Galega de Cooperación Local establecida no Decreto 425/1996, do 21 de novembro, será o órgano permanente de cooperación e coordinación das distintas administracións públicas, para tódolos efectos deste decreto.

Artigo 6º.-Delegación de competencias.

Os órganos da Comisión Galega de Cooperación Local poderán delegar na Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios as competencias establecidas no artigo 10 do citado Decreto 425/1996.

Artigo 7º.-Actuacións subvencionables.

As corporacións locais, en consideración á súa situación económico-financeira, poderán utiliza-los créditos que lle corresponden, tanto en proxectos de investimento para o cofinanciamento de plans establecidos polas administracións como na reducción dos seus desequilibrios financeiros.

Artigo 8º.-Solicitudes e prazos.

As corporacións locais presentarán na Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios da Consellería de Economía e Facenda dentro do prazo dun mes, contado desde a entrada en vigor deste decreto, as solicitudes integradas polos seguintes documentos:

a) Instancia solicitude con denominación das accións que se pretenden levar a cabo e importes.

b) Memoria descritiva das accións.

As solicitudes confeccionaranse tendo en conta o importe asignado a cada concello e recollido no anexo deste decreto.

A Comisión Galega de Cooperación Local ou por delegación, se é o caso, a Dirección Xeral de Planificación Económica e Fondos Comunitarios, notificará a resolución de aprobación.

Artigo 9º.-Prazo de tramitación das accións.

De acordo coa finalidade e os obxectivos previstos neste decreto o prazo de execución e xustificación das accións rematará o 1 de decembro de 1997.

Con carácter excepcional e no suposto de participación de plans cofinanciados polas administracións, o prazo poderá prorrogarse no tempo necesario para a xustificación da anualidade 1997 do dito plan.

Artigo 10º.-Procedemento de aboamentos.

1. Os aboamentos relacionados con este programa efectuaranse de acordo coas previsións que ó respecto establece a Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 1997, co regulado no presente decreto e normas que o deselvolvan.

2. Os aboamentos realizaranse contra certificación ou xustificante do investimento, emitida polo órgano competente das corporacións locais, expresiva dos importes investidos ou executados na acción subvencionada.

3. Os aboamentos libraranse mediante transferencia bancaria á entidade financeira e á conta designada pola coorporación local.

Artigo 11º.-Seguimento e control.

1. A Consellería de Economía e Facenda queda obrigada a dar conta do seguimento e control deste programa á Comisión Galega de Cooperación Local.

2. Con independencia da obriga de xustifica-lo emprego do financiamento recibido e dos sistemas de control esixidos pola normativa, a Consellería de Economía e Facenda e a Intervención Xeral poderán realizar controis de calquera tipo ou solicita-los documentos que xulguen oportunos para o seguimento dos créditos distribuídos.

Artigo 12º.-Incumprimento.

O incumprimento de calquera dos requisitos esixidos na presente norma poderá orixinar un expediente de incumprimento que motivará a perda da subvención ou, se é o caso, o reintegro total ou parcial das cantidades recibidas polo concello, xunto cos xuros correspondentes segundo o previsto na Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e disposicións regulamentarias que se dicten para o efecto.

Disposición derradeira

Queda facultado o conselleiro de Economía e Facenda para dicta-las disposicións pertinentes no desenvolvemento do presente decreto.

A entrada en vigor deste decreto será o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

608