Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 02 de abril de 1997 Páx. 2.918

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 8 de marzo de 1997 pola que se regulan os ingresos en garderías infantís dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, atribúelle a esta Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe no artigo 5.3b como unha das súas áreas de actuación a familia, infancia e mocidade, correspondéndolle as competencias en materia de primeira infancia, segundo o Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, á Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

Polo tanto, de acordo co exposto, en virtude das competencias que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-lo procedemento de adxudicación de prazas nas garderías infantís, dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, tanto no relativo ás solicitudes de novo ingreso como ás de renovación de prazas

e cobertura de vacantes que poidan producirse ó longo de cada curso.

Artigo 2º.-Idades de ingreso e permanencia.

2.1. A idade mínima de ingreso queda establecida nos 3 meses naqueles centros que posúan aulas axeitadas para a atención de nenos e nenas desta idade.

2.2. Aqueles centros que non posúan unidades do segundo ciclo acollerán, prioritariamente, os nenos e nenas que non teñan cumpridos os 3 anos antes do 31 de decembro.

2.3. Naqueles centros nos que se imparta o segundo ciclo de educación infantil, poderanse acolle-los nenos e nenas que non teñan cumpridos os 6 anos antes do 31 de decembro.

Artigo 3º.-Integración de nenos e nenas con minusvalidez física, psíquica ou sensorial.

3.1. Poderán integrarse nenos e nenas con minusvalidez física, psíquica ou sensorial. O ingreso destes estará supeditado á existencia de condicións infraestructurais idóneas e de persoal axeitado e suficiente no cadro de persoal do centro. En ningún caso poderá haber máis dun neno ou nena de integración por aula. Para efectos de ratio, estas prazas contabilizaranse como dúas.

3.2. Os delegados provinciais, mediante resolución motivada, poderán eximir dos límites de idade de ingreso e permanencia no centro ós nenos e nenas de integración.

3.3. Os equipos de valoración e orientación das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, serán os responsables do diagnóstico, de acordo coas súas propias normas de actuación. Así mesmo, poderán colaborar co persoal das garderías no referente ó seguimento e atención do menor durante a súa estadía na gardería.

Artigo 4º.-Reserva de praza.

4.1. As familias con nenos ou nenas xa matriculados nas garderías infantís dependentes desta consellería que desexen renovar praza nos mesmos centros, deberán cubri-la folla de reserva de praza (anexo I), na que se xustificarán, entre outros, os ingresos económicos actualizados, e presentala na gardería infantil que corresponda, entre o 1 e o 15 de marzo.

Transcorrido este prazo, a dirección da gardería infantil remitirá á delegación provincial correspondente a lista nominal por grupos de idade de nenos e nenas que renoven praza.

Non poderá renovar praza quen no momento de formaliza-la súa solicitude manteña algunha mensualidade impagada de calquera curso.

4.2. Reservarase un 5% das prazas de cada gardería infantil para supostos de máxima urxencia, entendendo por tales os ingresos de menores tutelados pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude e aqueloutros nos que concorran circunstancias

socioeconómicas e familiares que requiran unha intervención inmediata. O ingreso nestes supostos será acordado pola Dirección Xeral de Familia.

Artigo 5º.-Solicitudes de novo ingreso.

5.1. O prazo para a presentación das solicitudes de novo ingreso -segundo o modelo oficial (anexo II)-será do 1 ó 20 de abril de cada ano.

As devanditas solicitudes presentaranse nas garderías infantís nas que se solicite praza ou nas delegacións provinciais desta consellería, todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.2. Poderase solicitar, no mesmo impreso, praza para dous centros, detallándoos por orde de preferencia.

Artigo 6º.-Documentación que se presentará coa solicitude.

6.1. Os pais ou representantes legais do neno ou nena presentarán a solicitude para o seu ingreso, achegándose con ela os seguintes documentos:

a) Fotocopia do libro de familia completa.

b) Xustificación de haberes (última nómina, declaración do I.R.P.F. de tódolos membros da unidade familiar).

c) Certificado de convivencia expedido polo concello no que teña a residencia habitual a unidade familiar.

d) Outros documentos, se procede, nos que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables no baremo:

-Cargas familiares.

-Invalidez, minusvalidez ou enfermidades crónicas dos pais, titores e/ou outros membros da unidade familiar.

-Situacións de demanda de emprego ou de paro dos pais ou titores.

-Outras situacións a ter en conta pola comisión de baremación.

6.2. De carecer dalgún dos documentos sinalados nos puntos a), b) e c) do apartado anterior, será necesario presentar calquera outro documento que acredite oficialmente a situación familiar, económica ou social, segundo proceda.

Así mesmo e de carecer de acreditación documental dalgunha das incidencias alegadas, poderase presentar informe dos servicios sociais do concello correspondente.

6.3. No caso de que a solicitude non reúna os requisitos esixidos, a delegación requirirá ó interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou xunte os documentos necesarios, con indicación de que, se así non se fixer, se terá por desistida a súa petición, arquivándose sen máis trámite.

Artigo 7º.-Documentación complementaria.

7.1. Os interesados terán que presentar, dentro dos 15 días seguintes á notificación da admisión, a seguinte documentación complementaria:

-Certificado médico do neno ou nena.

Se non se presentase a devandita documentación no prazo sinalado, terase por decaída a solicitude da praza.

7.2. As direccións das garderías infantís deberán presentar na delegación correspondente, antes do 31 de xullo, relación de prazas confirmadas e das solicitudes decaídas, se é o caso, co fin de que a delegación poida preve-la cobertura destas últimas coas solicitudes da lista de espera antes do inicio do curso.

Artigo 8º.-Baremo de admisión.

A selección das solicitudes efectuarase en función da puntuación acadada segundo o baremo establecido no anexo III, mediante o que se avaliarán os factores socioeconómicos, familiares e laborais da unidade familiar.

Entenderase por unidade familiar o conxunto de tódalas persoas que, por parentesco de consanguinidade ou afinidade, conviven no domicilio familiar.

Artigo 9º.-Comisión de baremación.

9.1. Aplicaráselles a tódalas solicitudes recibidas un procedemento de valoración. Con tal fin constituirase, en cada unha das delegacións, unha comisión provincial de baremación e selección coa seguinte composición:

Presidente: o xefe de Servicio de Familia, Infancia e Menores.

Vocais: o director da gardería e un representante dos pais da gardería da que se estean a barema-las solicitudes.

Secretario: un funcionario da delegación provincial designado polo delegado provincial.

Os acordos tomaranse por maioría simple, e resolverá, en caso de empate, o presidente.

9.2. A dirección de cada gardería convocará os pais a unha reunión, que se celebrará anualmente antes do 15 de maio, co fin de proceder á elección, mediante votación e por maioría simple, do seu representante na comisión de baremación e selección.

Artigo 10º.-Relación provisional de admitidos.

A comisión será competente para efectua-la proposta inicial de baremación e selección, así como para a fixación da contía que se deberá aboar ou exención que se aplicará en cada caso, sempre de acordo coas tarifas en vigor, segundo o disposto no artigo 14.1º da presente orde, e fará pública a relación provisional, coa puntuación obtida, de admitidos e excluídos, correspondéndolle a resolución ó delegado provincial. Esta relación expoñerase nas

delegacións provinciais da consellería e nas respectivas garderías infantís do 16 ó 20 de xuño.

Artigo 11º.-Reclamacións.

Os solicitantes que o desexen poderán efectua-las reclamacións, debidamente documentadas, que coiden oportunas no prazo de dez días contados desde a data de publicación da relación provisional.

Artigo 12º.-Relación definitiva de admitidos e lista de espera.

12.1. Unha vez estudiadas pola comisión tódalas reclamacións presentadas, e resoltas polo delegado provincial, procederase á publicación, entre o 1 e o 10 de xullo, da relación definitiva de admitidos e da lista de espera coa puntuación obtida en cada caso.

12.2. As resolucións recaídas deberánselles notificar ós solicitantes. Os admitidos, disporán dun prazo de quince días para confirmaren a súa praza e achegaren a documentación complementaria, segundo o disposto no artigo 7.1º.

Artigo 13º.-Solicitudes fóra de prazo.

13.1. As solicitudes presentadas fóra de prazo de convocatoria, por circunstancias sobrevidas a este, serán tramitadas e baremadas para a súa inclusión na lista de espera, segundo a puntuación obtida.

13.2. As vacantes que se vaian producindo ó longo do curso serán cubertas por rigorosa orde de puntuación entre os solicitantes en lista de espera.

Artigo 14º.-Tarifas.

14.1. Para a determinación das tarifas aplicables terase en conta o establecido no Decreto 179/1992, do 26 de xuño, e demais normativa vixente en materia de prezos da Comunidade Autónoma de Galicia. Para tales efectos entenderase por renda per cápita mensual a suma dos ingresos totais netos dos membros da unidade familiar dividida polo número destes.

14.2. O pagamento de tarifas será mensual e deberanas aboa-los interesados nos dez primeiros días de cada mes.

14.3. Non se aboará a tarifa que corresponda ó mes en que o centro permaneza pechado por razóns de vacacións de verán. Se por calquera motivo, o centro permanecese pechado durante un número superior a quince días consecutivos, non se aboará a tarifa que corresponda a este período.

14.4. A inasistencia do usuario durante un período determinado non supón reducción ningunha nin exención da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente.

Artigo 15º.-Revisión da tarifa.

Ó longo do curso poderase proceder á revisión da tarifa fixada inicialmente, sempre que se pro

duzan e xustifiquen variacións nas circunstancias económicas ou familiares. Neste sentido, o beneficiario queda obrigado a comunicar calquera variación que se produza ó respecto.

Artigo 16º.-Baixas.

Causarase baixa nas garderías infantís por algunha das circunstancias seguintes:

1. Por cumprimento da idade máxima regulamentaria de permanencia na gardería.

2. Por solicitude dos pais ou representantes legais.

3. Polo non pagamento da cota establecida durante dous meses consecutivos ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar ó que se refire a débeda.

4. Por comprobación de falsidade nos documentos ou datos achegados.

5. Por incompatibilidade ou inadaptación absoluta para permanecer no centro.

6. Por falta de asistencia continuada durante un mes sen causa xustificada.

As baixas por incompatibilidade ou inadaptación serán resoltas pola Dirección Xeral da Familia por proposta do delegado provincial, unha vez oídos a dirección da gardería e mailo interesado. Nos demais supostos, será competencia do delegado provincial correspondente acordala.

As baixas producidas ó longo do curso escolar, por calquera dos motivos anteriormente expostos cubriranse coas solicitudes que quedasen en lista de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación.

Artigo 17º.-Participación dos pais.

As direccións das garderías infantís fomentarán a colaboración dos pais co centro e as relacións co persoal deste, así como a súa participación nos órganos colexiados que puideran crearse.

Disposición derrogatoria

Quedan sen efecto tódalas disposicións anteriores de igual ou inferior rango que se opoñan ó disposto na presente orde, especialmente a Orde do 26 de febreiro de 1996.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Familia para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 1997.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

2392