Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Mércores, 02 de abril de 1997 Páx. 2.917

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 63/1997, do 14 de marzo, polo que se regula o exercicio de determinadas funcións en relación coa tramitación dos aproveitamentos hidroeléctricos con potencia nominal non superior a 5.000 quilowatios nas concas de Galicia costa.

O R.D. 916/1985 do 25 de maio, modificado polo R.D. 249/1988 de 18 de marzo, regula a tramitación de concesións e autorizacións administrativas para a instalación, ampliación e adaptación de aproveitamentos hidroeléctricos con potencia non superior a 5.000 quilowatios. Estas disposicións prevén a posibilidade de que os interesados na posta en funcionamento desta instalación presenten no mesmo acto e perante o mesmo órgano, a documentación correspondente a todo o proceso de autorización, independentemente do órgano competente da súa resolución. Neste sentido, á parte do proxecto que conteña as obras e instalacións do aproveitamento, tamén presentarán o proxecto relativo ás instalacións electromecánicas e a solicitude da utilidade pública, cando fose necesario, para efectos de expropiación forzosa.

Nesta Comunidade Autónoma, no proceso de concesións e autorizacións dos aproveitamentos hidroeléctricos inferiores a 5.000 quilowatios, ten un tratamento independente a declaración de impacto ambiental e de efectos ambientais, competencia da Comisión Galega de Medio Ambiente e reguladas por Decreto 442/1990, do 13 de setembro e Decreto 327/91, do 4 de outubro, respectivamente.

Ante o conxunto de expedientes relativos a esta materia, no momento actual, o presente decreto pretende, por un lado, que exista un interlocutor único, encargado da recepción e da parte da tramitación da concesión e autorización solicitadas, sen prexuízo da competencia dos órganos en cada materia e, polo outro, que algúns trámites poidan realizarse no mesmo acto independentemente da materia á que se refiran, especialmente á publicación nos boletíns oficiais e ás informacións públicas, co cal se simplificará e se axilizará a tramitación dos expedientes de aproveitamentos hidroeléctricos desta clase.

Esta Comunidade Autónoma é competente, de conformidade co artigo 27.12º do Estatuto de autonomía de Galicia, para a regulación dos aproveitamentos hidráulicos cando as augas discorran integramente dentro do seu territorio.

En consecuencia, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa xuntanza do día catorce de marzo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Autorízase ó organismo autónomo Augas de Galicia a realiza-las funcións de tramitación encomendadas

á Secretaría Xeral da Comisión Galega de Medio Ambiente así como as atribuídas ó órgano ambiental galego en relación ós expedientes de estudios de impacto ambiental e de efectos ambientais ós que se refiren o apartado 1 do artigo 5 e os apartados 1, 3 e 4 do artigo 2 dos decretos 442/1990 e 327/1991, respectivamente, no que respecta ós procedementos administrativos de outorgamento de novas concesións e autorizacións para a instalación de aproveitamentos hidroeléctricos con potencia non superior a 5.000 quilowatios nas concas de Galicia costa.

Artigo 2º

Facúltase a Augas de Galicia para a cualificación dos proxectos co fin de clasificalos como de impacto ambiental ou de efectos ambientais conforme o disposto nos artigos 1 do Decreto 442/1992 e 1 do Decreto 327/1991, respectivamente.

Artigo 3º

Augas de Galicia requirirá ó promotor de calquera proxecto deste tipo de aproveitamentos hidroélectrico que precise ser sometido a declaración ambiental, a presentación, unha vez realizada a cualificación previa mencionada no artigo anterior perante este organismo, dun número mínimo de sete exemplares do estudio de avaliación medioambiental e un máis por cada concello que poida resultar afectado pola execución das obras e actividades que se pretendan.

Artigo 4º

Ó mesmo tempo que se fai a publicación no diario oficial da provincia e se somete a información pública o expediente de concesión e autorización do aproveitamento hidroeléctrico, procederase polo organismo autónomo Augas de Galicia, na mesma información pública ó trámite correspondente referido ós aspectos ambientais das obras e instalacións.

Igualmente e para os efectos de facilitarlles, ós cidadáns o exercicio do dereito de información pública, remitirase un exemplar do estudio de efectos ambientais á Comisión Provincial de Medio Ambiente respectiva e a cada un dos concellos que poidan resultar afectados conforme os proxectos de execución das obras e das instalacións que se pretende.

Artigo 5º

Previamente á publicación e á exposición pública sinaladas no artigo anterior, remitiráselle á Secretaría Xeral de Proteccion Civil e Medio Ambiente, un exemplar do proxecto e outro do estudio ambiental, así como unha copia do texto do anuncio de información pública. De non recibirse ningunha contestación no prazo de cinco días, entenderase a conformidade da secretaría xeral co contido do anuncio.

Artigo 6º

Rematado o prazo de información pública e unha vez recibidos os informes e as alegacións relativas á materia medioambiental, o organismo autónomo Augas de Galicia remitirallos á secretaría xeral do órgano administrativo ambiental, para a emisión da declaración ambiental correspondente pola Comisión Galega de Medio Ambiente.

Artigo 7º

Unha vez recibido e analizado o expediente e antes da emisión da declaración ambiental, a Comisión Galega de Medio Ambiente, se o considera conveniente, comunicaralle ó organismo autónomo Augas de Galicia os aspectos nos que o estudio debe ser completado.

Este derradeiro órgano solicitará do promotor do proxecto a remisión da documentación necesaria, que deberá achegala no prazo de vinte días hábiles.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.

1. Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

2. Sen prexuízo do anterior, manterán a súa efectividade tódolos actos administrativos dictados por Augas de Galicia en relación co regulado nesta norma ata a súa data de publicación.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

97-2220