Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Martes, 25 de marzo de 1997 Páx. 2.677

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 18 de marzo de 1997 pola que se dictan normas para a inscrición nos rexistros de embotelladores e envasadores de viños e bebidas alcólicas e de productos enolóxicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Rexistro de envasadores e embotelladores de viños e bebidas alcólicas vén previsto na Lei 25/1970, do 2 de decembro, do Estatuto da viña, do viño e dos alcois, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 835/1972, do 23 de marzo, establecéndose normas para a inscrición das diferentes plantas embotelladoras e envasadoras no dito rexistro.

Pola súa banda, o Rexistro de productos enolóxicos tamén vén recollido na Lei 25/1970, así como no seu referido regulamento.

O Decreto 393/1994, do 29 de decembro, sobre asunción de servicios transferidos a esta Comunidade Autónoma, asígnalle á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes as funcións en materia de defensa contra fraudes e calidade agroalimentaria, transferidas polo Real decreto 2165/1994, do 4 de novembro, funcións entre as que particularmente se encontra o rexistro dos productos enolóxicos e o rexistro de embotelladores e envasadores de viños e bebidas alcólicas previsto na Lei 25/1970.

A presente disposición concreta as normas e condicións que se deben cumprir para que teña lugar a inscrición nos ditos rexistros para a súa inspección e control.

Na súa virtude, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía para Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establecer, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, as normas reguladoras da inscrición no rexistro de embotelladores e envasadores de viños e bebidas alcólicas e no rexistro de productos enolóxicos.

Artigo 2º.-Rexistro de envasadores e embotelladores de viños e bebidas alcólicas. Inscrición.

1. No rexistro de embotelladores e envasadores de viños e bebidas alcólicas deberán inscribirse tódalas industrias situadas en Galicia que se adiquen ó embotellado e/ou envasado de viños e bebidas alcólicas.

2. Para proceder á inscrición das diferentes plantas embotelladoras e/ou envasadoras será necesaria:

a) A previa inscrición no rexistro de industrias agrarias.

b) A presentación dunha solicitude, conforme o modelo normalizado recollido no anexo I, dirixida ó delegado provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, na que se fará constar unha relación dos productos que se van embotellar e/ou envasar, as marcas e as etiquetas que se vaian empregar.

Artigo 3º.-Número de rexistro.

Unha vez aprobada a solicitude, a cada industria embotelladora ou envasadora asignaráselle un número de rexistro. No caso de que a industria posúa varias plantas embotelladoras e/ou envasadoras, ó número asignado engadiráselle un díxito que identifique cada unha delas.

O dito número figurará nas etiquetas dos productos embotellados e/ou envasados, de acordo co disposto no artigo 112 da Lei 25/1970.

Artigo 4º.-Embotellado ou envasado para terceiros.

No caso de que se vaian embotellar ou envasar productos para outras adegas, industrias ou marquistas, deberá comunicarse con carácter previo á delegación provincial correspondente, acompañando autorización do propietario da marca de que se trate.

Artigo 5º.-Rexistro de productos enolóxicos. Inscrición.

1. No rexistro de productos enolóxicos inscribiranse todos aqueles que se fabriquen, se poñan á venda, se distribúan ou se anuncien para o seu emprego nas prácticas permitidas pola Lei 25/1970, disposicións complementarias e normativa comunitaria de aplicación.

2. Para a inscrición de cada producto no rexistro de productos enolóxicos requirirase:

a) A previa autorización do seu emprego outorgada polo Ministerio de Sanidade e Consumo.

b) A presentación dunha solicitude, conforme o modelo normalizado recollido no anexo II, dirixida ó delegado provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, na que se fará consta-lo nome e o domicilio do fabricante, o nome do producto que se vai comercializar, composición cualitativa e modo de emprego.

Artigo 6º.-Número de rexistro.

Unha vez rexistrado o producto, asignaráselle un número de rexistro que deberá figurar nas etiquetas

de acordo co que determina o artigo 70.1 do Decreto 835/1972.

Artigo 7º.-Obrigatoriedade de comunicación oficial da modificación dos datos inscritos.

Calquera modificación dos datos contidos nas inscricións dos rexistros a que se refire a presente orde e, en particular, os relativos a cambio de titularidade, traslado, cesamento na actividade e variacións en canto a productos, marcas e etiquetas, deberá comunicarse no prazo máximo dun mes á delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para a súa autorización.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para efectos da presente orde enténdese por embotellado de viños e bebidas alcólicas, a circulación ou venda deles en envases de capacidade inferior a cinco litros e con dispositivo de peche conforme o Regulamento CEE 2238/1993.

En canto a envasado, enténdese todos aqueles viños e bebidas alcólicas que circulen ou se vendan en envases con capacidade desde cinco litros e ata sesenta litros.

Segunda.-Os servicios provinciais de industrialización e calidade agroalimentaria da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes serán os competentes para a marcha, control e inspección dos rexistros.

Terceira.-Os ditos servicios remitirán á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias unha copia das altas, baixas ou modificacións no rexistro correspondente, para os efectos da súa posterior comunicación ó Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Cuarta.-Non poderán inscribirse nos rexistros a que se refire a presente orde as industrias ou productos con denominación equivalente ou similar a outras previamente inscritas que non estean canceladas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las normas necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

2311