Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Venres, 21 de marzo de 1997 Páx. 2.560

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 24 de febreiro de 1997 pola que se establece o programa de fomento de emprendedores de iniciativas empresariais. Programa Lanza.

A mellora da competitividade da Comunidade Autónoma de Galicia depende en gran medida do grao de desenvolvemento económico que esta poida alcanzar polos seus propios medios. Neste sentido, as políticas de promoción económica deben incidir no apoio á creación de empresas como un dos piares básicos do desenvolvemento endóxeno que Galicia necesita.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), no seu artigo 5 autoriza a este ente público para realizar toda clase de actividades económicas e financeiras co fin de apoiar e promover calquera accións que favorezan o desenvolvemento económico de Galicia. Así mesmo, o artigo 4 da citada lei, establece como funcións do Igape, entre outras:

-Promover actividades creadoras de emprego e as que utilicen máis racionalmente recursos internos.

-Promove-la creación de empresas nos distintos sectores da actividade económica que teñan maior impacto e vantaxes comparativas para o desenvolvemento da economía galega.

-Promover, fomentar e potenciar actividades económicas que favorezan o desenvolvemento equilibrado e integrado tanto en termos sectoriais como territoriais.

-En xeral, apoiar e promover calquera tipo de actividades que contribúan á mellora do sistema productivo de Galicia, especialmente as de maior importancia estratéxica.

Por outra parte, o Plan de Emprego Xuvenil, aprobado por acordo do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 21 de abril de 1994, propón axudar con especial atención ós mozos, estimulándoos a crear empresas propias como alternativa á falta de oportunidades de contratación laboral.

Por todo iso, o Igape, en colaboración con aqueles organismos, institucións e entidades que en Galicia teñen por obxecto o apoio á promoción económica e o fomento empresarial, pretende:

-Estimula-las vocacións empresariais da nosa rexión, especialmente as dos mozos.

-Apoiar a aqueles emprendedores para que desenvolvan as súas iniciativas empresariais de forma rigorosa.

-Animar a todo o potencial humano que poida contribuír á creación de empresas e, por tanto, ó desenvolvemento da nosa rexión.

-En definitiva, consolidar un maior número de empresarios en Galicia.

Por todo iso, en virtude das facultades que teño conferidas

DISPOÑO

Capítulo I

Do obxecto e os beneficiarios

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o establecemento de accións que o Instituto Galego de Promoción Económica poida promover para favorece-la creación de empresas innovadoras ou que teñan un importante impacto no desenvolvemento socioeconómico da zona na que se instalen, en especial, aquelas que sexan promovidas por mozos menores de 40 anos.

Artigo 2º.-Xestión e instrumentación das axudas.

A concesión e xestión destas axudas será realizada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), con cargo ós conceptos de gasto 0499 71301 2260202 99; 0499 71301 2270601 99 e 0499 71301 2270606 99 do seu orzamento para 1997. A concesión das axudas en exercicios posteriores estará supeditada á existencia de créditos orzamentarios suficientes e adecuados.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán participar no programa Lanza todas aquelas persoas físicas residentes en Galicia que pretendan individual ou colectivamente poñer en marcha unha iniciativa que leve consigo a creación dunha empresa de carácter innovador ou que teña un importante interese para o desenvolvemento socioeconómico do seu contorno, a que deberá te-lo seu

enderezo social e fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.

O emprendedor ou emprendedores que queiran participar no programa non deberán estar desenvolvendo unha actividade empresarial similar á que se propón.

Artigo 4º.-Accións.

O Igape poñerá a disposición dos beneficiarios seleccionados unha serie de accións estructuradas en función das diferentes fases do proceso de creación dunha empresa e que se concretan en:

a) Formación. A través dun curso de formación empresarial dirixido a.

-Dota-los emprendedores de coñecementos e habilidades de xestión necesarias para levar a cabo con éxito o seu proxecto de empresa.

-Achega-la metodoloxía necesaria para a realización dun plan de empresa e a formulación da estratexia futura do proxecto.

b) Titorías para a elaboración do plan de empresa. O promotor ou promotores do proxecto terán a súa disposición un titor profesional que os axudará a:

-Asimilar e aplica-las habilidades e coñecementos adquiridos na fase de formación.

-Resolver dúbidas e guialos na elaboración do seu plan de empresa.

c) Titorías para a implantación do plan de empresa. O promotor ou promotores do proxecto terán á súa disposición un titor profesional que os axudará a:

-Da-los primeiros pasos na posta en marcha da empresa, especialmente os orientados á xestión e organización dos recursos necesarios para o inicio da actividade.

-Xestiona-las axudas financeiras ou doutro tipo que, se é o caso, poida merece-lo proxecto.

Artigo 5º.-Contía máxima.

O importe equivalente ás axudas que se concedan con cargo á presente orde non superarán o límite establecido pola Comisión da Unión Europea na súa comunicación 96/C 68/06, ou o que, se é o caso, o substitúa.

Capítulo II

Do proceso de selección

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As solicitudes para participar no programa Lanza deberán presentarse por triplicado exemplar no Instituto Galego de Promoción Económica en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, debéndose presentar en instancia dirixida ó director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), segundo formato establecido no anexo I.

2. Cando nalgunha solicitude figuren varios interesados, as actuacións que dean lugar efectuaranse co representante que expresamente designen e, no seu defecto, co que figure no primeiro termo na solicitude

3. A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria do proxecto, na que se desenvolvan como mínimo os seguintes contidos:

-Descrición detallada do producto/s e/ou servicio/s nos que baseará a súa actividade, destacando os aspectos innovadores e as necesidades de mercado que cobren.

-Descrición do público obxectivo para os seus productos ou servicios (tipoloxía dos clientes e ámbito xeográfico do seu mercado potencial) e das canles de comercialización.

-Cálculo do investimento mínimo que se vai realizar para inicia-lo proxecto, indicando cal é a dispoñibilidade de recursos dos promotores para investir nel.

b) Fotocopia do DNI do solicitante ou solicitantes que promovan o proxecto.

c) Currículum vitae do solicitante ou solicitantes que promovan o proxecto, destacando neles aqueles aspectos máis relevantes en relación co proxecto presentado. Previamente á resolución de selección, o Igape requirirá os candidatos seleccionados a acreditación das circunstancias descritas no currículum vitae.

Artigo 7º.-Confidencialidade.

Os emprendedores terán garantida a confidencialidade de toda a información que comuniquen ó instituto sobre o seu proxecto excepto aquela que sexa indispensable para realiza-las actividades de formación, titoría e seguimento de proxectos, así como para a elaboración de estudios e para a investigación, de acordo coa Lei 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento dos datos de carácter confidencial.

Artigo 8º.-Prazo de presentación.

Poderán presentarse solicitudes para acollerse ás axudas previstas na presente orde a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9º.-Emenda e mellora de solicitudes.

Na fase de instrucción do procedemento examinaranse as solicitudes e documentos anexos presentados, requirindo o interesado ou interesados para que, se é o caso, emende a falta, acompañe ou mellore os documentos preceptivos no prazo máximo de dez días, con indicación de que se así non o fixera, teráselle por desistido da súa petición, arquivándose sen máis trámite de acordo co disposto no artigo

71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e cos efectos previstos no artigo 42.1º da citada lei.

En calquera estado do procedemento, o Igape poderá requiri-la documentación ou realiza-las actuacións que considere oportunas para os efectos de comprobar ou amplia-la información presentada polo solicitante.

O Igape notificaralle, por escrito, estes requirimentos ó interesado, e fixará un prazo de 15 días laborables para presenta-la documentación solicitada. A non contestación ou contestación parcial a estes requirimentos poderá supoñe-la perda do dereito a participar no programa Lanza.

Artigo 10º.-Criterios de avaliación.

Unha vez completa e examinada a solicitude, o Igape citará os promotores dos proxectos a unha entrevista na que un comité de selección designado polo instituto e formado por un mínimo de tres membros e un máximo de seis, avaliará a idoneidade do proxecto en relación co programa Lanza.

Na selección dos proxectos de empresa avaliaranse os seguintes factores:

a) O carácter innovador do proxecto nas vertentes técnica, comercial ou de organización.

b) O posible impacto do proxecto no desenvolvemento socioeconómico da zona na que se instale.

c) A idade dos promotores, tendo preferencia os menores de 40 anos.

d) O número do posto de traballo que xera e a súa comparación coa media do sector e territorio na que se localice.

e) Os coñecementos achegados polo promotor ou promotores en relación coa actividade proposta.

f) Antecedentes empresariais dos promotores.

g) A complexidade da xestión da futura empresa.

h) A capacidade dos promotores para financia-lo proxecto.

Artigo 11º.-Resolución.

Rematado o estudio de cada solicitude e acreditadas as circunstancias descritas no/s currículum vitae, o comité de selección emitirá proposta de resolución, elevándoa ó órgano competente do Igape para a súa aceptación.

A resolución de concesión incluirá a designación do titor do proxecto, o lugar e data de inicio do curso, se procede, e establecerá as obrigas económicas, que se detallan no artigo 19º da presente orde, de observancia obrigatoria para a participación no programa Lanza.

A resolución de concesión deberá ser expresamente aceptada polo beneficiario quen deberá comunicar de maneira que faga fe a dita aceptación no prazo de quince días hábiles desde a notificación, entendéndose a súa renuncia no caso contrario.

O prazo máximo para resolve-la solicitude de apoio do programa Lanza será de tres meses; en caso de non terse dictado resolución no dito prazo, as solicitudes poderán entenderse desestimadas.

A resolución non poñerá fin á vía administrativa, podendo interpoñerse recurso ordinario ante o conselleiro de Economía e Facenda.

Capítulo III

Do proceso de formación e titoría

Artigo 12º.-Titor.

O titor será unha entidade ou un profesional do mundo da empresa estreitamente vinculados ó sector productivo da economía galega e que terá como misión apoia-los emprendedores na elaboración do plan de empresa e informa-lo Igape sobre a súa evolución.

Artigo 13º.-O plan de empresa.

O plan de empresa é un documento subscrito polos emprendedores que reflicte cun alto grao de desenvolvemento o deseño e formulación do proxecto de empresa. Este documento estructurarase en:

-Un plan estratéxico que cobre un horizonte de 3 a 5 anos e serve para orienta-lo futuro da empresa.

-Un plan operativo que cobre un horizonte de 12 meses e constitúe un instrumento de xestión e control das operacións que se van desenvolver na futura empresa.

O plan de empresa deberá definir como mínimo:

-A estratexia da empresa, indicando os productos ou servicios que lles ofrecerá ós seus clientes, os mercados nos que actuará a empresa, así como a tecnoloxía que se vai utilizar.

-A estructura da empresa, reflectindo os investimentos necesarios tanto en fixo como en circulante, o persoal que se vai contratar e a súa organización, así como os recursos financeiros necesarios e formas de obtelos.

-Os obxectivos de negocio (vendas, custos, resultados), de investimentos, de recursos humanos e o equilibrio financeiro da empresa.

-Os plans operativos de investimento/financiamento, mercadotecnia, loxística e producción e administración e finanzas.

Para que o plan de empresa, unha vez elaborado, teña validez ante o Igape, deberá contar co informe favorable do titor asignado ó proxecto.

Artigo 14º.-Titoria de acollida.

Unha vez recibisen a resolución de selección, o promotor ou promotores do proxecto concertarán a primeira reunión ou titoría de plan de empresa co seu titor. Esta reunión denomínase titoria de acollida e ten por obxecto:

-Avalia-lo estado de maduración do proxecto por parte do titor.

-Determina-lo plan de traballo conxuntamente cos promotores.

Artigo 15º.-Formación.

Os beneficiarios seleccionados para a fase de formación asistirán a un curso de formación empresarial estructurado nos seguintes contidos:

-Deseño da empresa.

-Elaboración dos programas operativos (comercial, financeiro e recursos técnicos e humanos).

-Administración e control do proxecto empresarial.

-Simulación empresarial.

Se o proxecto presentado está promovido por máis dunha persoa, o Igape decidirá que promotores poderán asistir á fase de formación, cun máximo de dúas persoas por proxecto.

O curso realizarase, preferentemente, as fins de semana, co obxecto de facilita-la asistencia dos interesados. Estes deberán asistir como mínimo ó 70 por cento da duración do curso, pois, en caso contrario, perderán o dereito a continuar no programa Lanza e a fianza prevista no artigo 19º da presente orde.

Ante a imposibilidade de asistir con regularidade ás sesións do programa de formación e co obxecto de non incorrer nas penalizacións indicadas no parágrafo anterior, o beneficiario ou beneficiarios deberán comunicar por escrito ó Igape a renuncia a participaren no curso, indicando os motivos que xustifiquen tal decisión.

Artigo 16º.-Titorías do plan de empresa.

Os beneficiarios seleccionados para a fase de titoría de plan de empresa contarán coa asistencia dun titor que os axudará a desenvolve-lo plan de empresa do seu proxecto.

As titorías consistirán en reunións co titor co obxecto de:

-Facilita-la asimilación de habilidades e coñecementos adquiridos polos promotores dos proxectos na fase de formación.

-Axuda-los emprendedores a aplicar nos seus proxectos as habilidades e coñecementos en temas

de empresa, pasasen ou non pola fase de formación e,

-En xeral, resolver dúbidas e guia-los emprendedores na elaboración do seu plan de empresa.

Artigo 17º.-Prazos para a execución dos plans de empresa.

Os beneficiarios deberán entregar 3 copias do plan de empresa no Igape realizado conforme as directrices marcadas polo titor do proxecto e co informe favorable deste, nun prazo non superior a.

-3 meses a partir do día de finalización do curso de formación empresarial, no caso de que algún dos emprendedores do proxecto participase no mencionado curso.

-4 meses a partir da primeira reunión co titor do plan de empresa ou titoria de acollida, no caso de que ningún dos emprendedores do proxecto participase no curso de formación empresarial.

-Os promotores do proxecto, co visto e prace dos seus titores, poderán solicitar unha prórroga no prazo de entrega do plan de empresa, para o que deberán dirixir un escrito ó director xeral do Igape motivando as causas obxectivas que xustifican o adiamento.

Artigo 18º.-Titorías de implantación do plan de empresa.

Unha vez presentadas no Igape as tres copias do plan de empresa validadas polo titor, o Igape poñerá a disposición dos beneficiarios un titor que os asistirá en:

-Da-los primeiros pasos na posta en marcha da empresa, especialmente os orientados á xestión e organización dos recursos necesarios para o inicio da actividade.

-A xestión das axudas financeiras ou doutro tipo que, se é o caso, poida merece-lo proxecto.

Capítulo IV

Da fianza e obrigas dos beneficiarios

Artigo 19º.-Fianza.

Xunto coa aceptación da resolución de concesión, os beneficiarios deberán presenta-lo resgardo de ter constituído na caixa xeral de depósitos da Consellería de Economía e Facenda unha fianza por importe de 30.000 pesetas para garanti-lo cumprimento das súas obrigas.

A fianza será devolta contra a entrega no rexistro do Igape, dentro dos prazos previstos no artigo 17 da presente orde, de 3 exemplares do plan de empresa co informe favorable do titor asignado a este e o visto e prace do director da área de innovación, formación e información do Igape.

Artigo 20º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Asistir a máis do 70 por cento da duración da acción formativa, sempre e cando fosen seleccionados para participar nela.

b) Entregar tres copias do plan de empresa, co informe favorable do titor asignado ó proxecto, nos prazos previstos na presente orde.

c) Contesta-los requirimentos que o Igape realice co obxecto de comprobar ou amplia-la información presentada polos solicitantes.

O incumprimento destas obrigas implicará a incautación da fianza, así como a perda dos beneficios do programa.

Se o incumprimento deriva da inobservancia dalgunha outra condición ou suposto distinto, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida, sempre e cando quede salvagardado o proxecto que se presentase.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta delas.

Capítulo V

Da condición do proxecto Lanza

Artigo 21º.-Certificación de proxecto Lanza.

Unha vez que os beneficiarios entregasen o plan de empresa conforme os artigos 13 e 17 da presente orde, o director xeral do Igape expedirá unha certificación comprensiva da condición de Lanza, tanto do proxecto como dos seus promotores, para efectos dos beneficios que para este tipo de proxectos poida establece-lo Igape nas súas convocatorias de axudas e subvencións.

Disposición transitoria

Aqueles participantes en accións relativas ó programa Lanza en convocatorias anteriores disporán dun prazo de seis meses desde a entrada en vigor da presente orde para solicitarlle ó Igape a expedición da certificación á que se refire o artigo 21º da presente orde, debendo xuntar á solicitude tres copias do plan de empresa co informe favorable do seu titor.

Disposición adicional

Correspóndelle ó Igape a facultade de dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación das accións recollidas na presente orde.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

2076