Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Venres, 21 de marzo de 1997 Páx. 2.566

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 7 de marzo de 1997 pola que se convoca un programa de visitas didácticas pola ría de Arousa para alumnos de ensino primario e secundario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Maila a importancia que o mar ten en Galicia, existe un gran descoñecemento na sociedade galega do que realmente representa o sector marítimo-pesqueiro para a nosa Comunidade Autónoma, sendo este distanciamento moito maior no interior e nas zonas rurais. É de interese, co fin de lograr unha maior conciencia da poboación sobre o que o mar significa para Galicia, programar actividades destinadas a dar a coñecer esta realidade tan importante e próxima a nós, sobre todo os mozos en idade escolar. En consecuencia, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar un programa de visitas didácticas para escolares de ensinanzas primaria e secundaria, que se rexirá pola presente orde.

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicita-la súa participación no programa os centros escolares públicos de ensinanzas primaria e secundaria, de toda a Comunidade Autónoma galega.

O número máximo de centros participantes fíxase en 80.

Na visita poderán participar un máximo de 50 alumnos por centro, acompañados dun mínimo de 3 e un máximo de 5 profesores e/ou titores.

Para os centros de ensino primario os alumnos deberán ser de sexto curso.

Artigo 3º.-Finalidade.

O programa consistirá nunha visita en embarcación á Ría de Arousa, con saída e finalización desde o porto que oportunamente se comunique.

Os desprazamentos desde a orixe ó punto de saída, visitas adicionais por terra, do punto de finalización á orixe, así como as comidas, serán por conta dos solicitantes.

Artigo 4º.-Datas de realización.

As visitas realizaranse entre os días 22 de abril e o 30 de maio de 1997, excluídos sábados, domingos e festivos.

Artigo 5º.-Solicitudes.

Presentaranse segundo modelo do anexo I, no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (edificio administrativo San Caetano,

s/n. Santiago de Compostela) antes do vixésimo día hábil seguinte á publicación desta orde, á que se xuntará acta do acordo de aprobación polo consello escolar do centro da realización da actividade e autorización escrita dos pais dos alumnos, cando estes sexan menores de idade.

As solicitudes acompañaranse dunha memoria sucinta dos motivos polos que se solicita a viaxe, así como a relación con actividades ou programas educativos que se estean realizando ou vaian realizarse no centro. En tal caso poderase xunta-la información documental que se considere de interese.

Artigo 6º.-Selección.

A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación seleccionará os centros participantes entre as solicitudes presentadas, tendo en conta a adecuación da visita ás actividades pedagóxicas realizadas no centro, o contorno social no que se sitúa e se o centro ten realizado esta visita en anos anteriores.

A concesión ou denegación desta seralles comunicada por escrito ós centros solicitantes.

Disposición derradeira

Facúltase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, para dictar cantas normas sexan precisas para o cumprimento da presente orde.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 1997.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

Sra. Directora xeral de Formación Pesqueira e Investigación

97-1148